Martín González é Legítimo Polvo

[versión máis curta en audio no Diario Cultural Zeta aquí]

Empezo avisando de que Martín González é Legítimo Polvo porque dá un aire como de créditos dalgunha serie vella e porque ata agora foi moitas outras cousas. Ao longo dos anos eu vino tocar como Mack “Barracuda” Paramo ou como Supercherruy, e como guitarrista de grupos como Psychotic Acid Freek, Thee Boas, Los Thyssen, World Rally Boys ou Hömi (onde tamén tocaba eu). Esa traxectoria de máis de dez proxectos, que repasamos nun recadro ao final do artigo, estivo especialmente vinculada ao garaxe e ao protopunk e, como Telephones Rouges e outras figuras do Grobe, tamén próxima ao Galician Bizarre. Que hai de novo en Legítimo Polvo? Moita cousa e ao mesmo tempo non tanta.

A maioría de proxectos de Martín González tiveron as guitarras como elemento central e aquí ceden bastante protagonismo ás caixas de ritmos e, sobre todo, aos sintetizadores. Os ritmos son máis bailables e mecánicos, ás veces tirando máis á música disco e ás veces ao krautrock, pero mantense certa escuridade e as guitarras non quedan completamente aparcadas. Dáme a sensación de que, ás veces, cando alguén vén de tocar en grupos de rock e pasa a algo máis electrónico hai unha ruptura máis marcada co anterior, case un borrón e conta nova, pero no caso de Legítimo Polvo hai unha adaptación, unha mestura do vello (que pode ser a guitarra) e do novo (que poden ser os trebellos electrónicos). E podemos complicalo aínda máis, porque o vello non é tan vello (estas guitarras soan doutra maneira e cumpren outras funcións) e o novo non é tan novo, porque ao final Martín leva gravando e mesturando os seus temas e fedellando no Fruity Loops e outros programas unha chea de anos. Con todo, tendo en conta que como Mack “Barracuda” Paramo Fuzzy Blues chegou a facer de home orquestra e tocar guitarra, harmónica e bombo á vez, quixen preguntarlle pola súa relación con cada instrumento.

Martín: A relación que teño coa guitarra sobre todo é estar tirado no sofá e collela e poñerme a vajear. E eso claro, e despois compoñer cancións e tal, pero é un instrumento que non quero que sexa o principal. De feito vou intentar cada vez quitala menos e meter máis electrónica. Que pasa tamén? Que me sigue encantando tocala. A harmónica por exemplo fai anos que non a toco, e a percusión cos pés non sei como carallo fixen eso porque son nulo. Eu solo sei tocar cordas e o sinte máis ou menos apáñome pero realmente non sei tocalo, solo sei dar as notas aí un pouco. Que iso tamén mola moito porque é como volver un pouco ás orixes. Recordo ás veces cando empezaba a tocar a guitarra, que non tiña nin puta idea, daba aí dous acordes e dicía “buah, isto é a hostia, vaia temazo” e despois, co tempo, canto máis sabes tocar como que máis te rallas coa movida. “Non, quero facer aí un solaso, quero meterlle un arreglo da hostia”. Gústame moito co sinte que sexa eso, coa guitarra xa son incapaz de collela con esa inocencia de dicir “vou facer a primeira merda que me salga sen acabar rallándome”, o sinte simplemente o toco para diante, iso mólame moito.

Psychotic Acid Freek: Motocross e Mack

Gústame pensar que esa inocencia ou pureza propia do punk pode seguir atopándose ao enfrontarse a un instrumento ou un estilo novo sen o complexo de non saber. Cando se volve difícil tocar con máis persoas e unha ten que asumir as tarefas que antes eran compartidas, probablemente vai haber certa frescura que veña de aí. Pero tampouco se pode obviar que a miúdo os solistas existen porque os grupos non poden existir. “Encántame tocar con máis xente. É unha marabilla, pásomo xenial, pero canto máis vello te fas, máis difícil é compaxinar a túa vida con ter unha banda. Entón, moitas veces, a non ser que sexa un rollo de “estamos aí a topísimo con esto” porque estamos todos no paro ou gañando unha pasta, é imposible. Non podes ter un curro normal de 8 horas diarias e ao mesmo tempo ter unha banda e poñerte en serio, porque vas ter que rexeitar moitísimos bolos, non vas poder ensaiar case nunca… é un cristo. Entón sendo ti solo, ensaias cando che dea a gana”. Xa que logo, a tendencia á desaparición dos grupos é unha cuestión cultural e tamén unha cuestión económica. Penso que a xente segue querendo colaborar á hora de facer música, pero igual as estruturas de colaboración máis habituais agora son menos permanentes (pensadas para un tema ou uns cantos) ou máis abertas (pensando en colectivos máis que en grupos).

Nese sentido, a última cousa que saíu de Legítimo Polvo é tamén interesante porque supón unha estrutura de colaboración que é tamén vella (un split) e novidosa ao mesmo tempo: WRB Split sacouno Ferror Records e chámase así por World Rally Boys, que é o nome doutro dos proxectos previos nos que participou Martín. Este dúo que tiña con Pablo Sáenz foi esvaecendo, pero seguían querendo colaborar e o resultado, en lugar de ter aos dous participando en cada canción, é ter a cada un ocupando unha cara dunha cinta compartida, cos seus proxectos en solitario Legítimo Polvo e Nüca.

Martín:World Rally Boys xa é máis un concepto que outra cousa. Ao final fai anos que non ensaiamos, que nin tocamos nin hostias… e cada un vivimos nunha cidade, queríamos colaborar en algo e o rollo foi “cal é a opción máis viable?”. “Pois mira, sacamos un split, cada un unha cara e veña, e namais”. Despois en canto á colaboración, pois un pouco “eh, escoita este tema, que tal vai o kick, mólache? Non, mételle aí un pouco máis de pegada, un compresor, tes que ecualizar máis, tal, non sei que”, e tumba e dálle. Esa foi a colaboración, porque realmente cada un fixo os seus temas, el con Nüca, eu con Legítimo Polvo, pero cada un ao seu rollo.

Dentro do son de Legítimo Polvo as voces están mesturadas bastante baixas e con moito efecto, o que as fai suxerentes pero tamén leva a que non se entendan moito as letras. Pregunteille por isto a Martín e díxome que “o das voces é ás veces un pouco por necesidade, porque teño un equipo de merda para gravar e sona a puta lata, así que ao final o máis sinxelo é meterlle mazo reverb e enterrala un pouco para que sone decente. Pero si que lle dou moita importancia ás letras, e de feito a maioría das veces paso máis tempo escribindo que compoñendo os temas, que ao final son moi sinxelos en canto a estrutura e todo”. De que falan entón esas letras? Entre poñerlles un pouco de atención e escoitar a explicación do seu autor vese que o enfoque é bastante orixinal:

“As cancións de Legítimo Polvo tratan sobre todo de ir de festa, de ter resaca, de amoríos… Normalmente escribo sobre gichos que coñezo por aí pola noite e digo “bah, este pavo dá pa un tema, joder, é un meme con patas, de aquí seguro que se saca algo interesante”. Ás veces tamén escribo sobre películas, pero non te vou escribir unha canción sobre unha peli de Jodorowsky ou de Lynch ou así, eu collo unha de Steven Seagal ou de Jean-Claude Van Damme, e digo: estes dous minutos de película son a hostia, de aquí pódese sacar perfectamente un tema describindo o que está pasando porque hai moito máis detrás do que parece a simple vista [risas]. E iso é sobre todo sobre o que escribo. Ás veces tamén tento darlle vida a cousas inanimadas. Collo unha silla e digo “que sinte está silla? Se esta silla tivera sentimentos, se esta silla fora un ser racional, que pensaría, que é o que estaría pensando agora mismo de que teña o cu todo o puto día enriba dela?”. Aínda que iso é sobre todo cando xa non teño moitas ideas e acabo vajeando de máis. Pero aínda así sácanse cousas interesantes e que emocionan, e que a maioría da xente non vai entender á primeira, vai pensar que estou falando doutra cousa, cando realmente estou contando unha chorrada enorme que non vén a conto máis que a min, e iso realmente si que me gusta”.

Jean-Claude Van Damme e Mickey Rourke en Double Team, inspiración de “Matar a Stavros”

O tipo de canción sobre un tipo dos que se coñece pola noite pode ser “Cierra el pico“, o de contar unha película vese en “Quero matar a Stavros” e o da silla é unha canción que existe pero non é pública. En proxectos previos de Martín estes enfoques non se apreciaban, se cadra polo feito de que dominaba o inglés nas súas letras. En Legítimo Polvo utiliza o galego e o castelán máis ou menos indistintamente. “Escribo en galego ou castelán segundo como salga, porque ás veces te pos a cantar un tema, a tocar, sáeche en galego e ás veces en castelán. Non me preocupo moito por eso. Estou máis cómodo cantando en galego porque son galegofalante, pero hai veces que che saen unhas cancións en castelán que molan, e tampouco vas traducilas, xa está así e punto. E despois en inglés, pois antes cantaba en inglés moitas veces pero facía unhas letras super cutres, eu inglés case non sei falar, estaba aí “I Love My Baby” e pouco máis. Agora en galego podo tratar temas máis profundos, como querer tirarme pola ventana ou… [risas] cousas polo estilo. Ou, como dixen antes, unha peli de Steven Seagal, ou a peli dos Power Rangers… podo contar a peli dos Power Rangers en galego perfectamente, en inglés non o podería facer“. Se cadra, un motivo como este permite ver en Legítimo Polvo o proxecto máis redondo de Martín, onde hai un equilibrio entre o seu talento e gusto como músico para compoñer dentro de diferentes estilos e unha personalidade e sensibilidade orixinal. Pero podedes xulgar vós mirando máis abaixo o repaso que facemos con el á súa carreira.

UN REPASO Á TRAXECTORIA DE MARTÍN GONZÁLEZ

Entre grupos e seudónimos para sacar música en solitario, Martín leva publicado cancións baixo unha chea de proxectos. Pareceume bonito pedirlle que fixese un repaso deles, nos que foi pasando por diferentes estilos (do punk inicial ao blues ou aos elementos electrónicos que xa vistes en Legítimo Polvo), diferentes intencións, diferentes ferramentas, diferentes linguas, diferentes compañeiros e momentos vitais. Cada un deles leva unha canción destacada para que vos fagades unha idea, excepto cando fala de Mack “Barracuda” Paramo, porque se refire á etapa máis blues pero hai un tema seu que me encanta e non ten moito que ver coa descrición, así que aí puxen dous.

Punks and Company (2007-2008)
“Punks and Company existiron porque un día André [Sánchez, coñecido por levar o Twist and Shout no Grobe] díxome Dead Kennedys e eu levaba unha camiseta deles e xa pa diante, acabou gravándonos e tocando a batería Rubén [Domínguez, de Telephones Rouges ou Pantis]”.



Zoofilia-a-a (2008-2011)
“Despois Raúl máis fixemos Zoofilia-a-a de vajeo e molaba moito o rollo batera guitarra a lo White Stripes pero sen saber tocar, sacamos o tema de “Bisolvon” que o gravou Matías (de momento tódolos achegados son Telephones Rouges nótase que somos do Ghrobe ou) sobre o tema este moi loco o que poñen en tik tok”.



The Beer and Pot Container Experience (2012)
“The Beer and Pot Container Experience surxiu cando pillei unha pericardite e estaba guai pero non podía saír da casa e debería estar repousando polo que decía o médico, entón gravín uns temas e saíu iso”.



Thee Macksons (2012)
“Thee Macksons eran todo temas de Zoofilia pero eu só co Fruity Loops e veña, o massimo”.



Los Thyssen (2011-2014)
“Los Thyssen equipaso do ghrobe coméndonos o rabo uns aos outros en plan que ben tocas pero no”.



Psychotic Acid Freek (2013-2015)
“Psychotic acid freek eramos Zoofilia-a-a despois de escoitar moito Spacemen 3 e sabendo tocar”.



Mack “Barracuda” Paramo, Mack “Barracuda” Paramo Fuzzy Blues, Mack Barracuda (2012-2017)
“Mack Barracuda Páramo e sucedáneos era eu só facendo blues, experimentando co que sabía tocar e mentendolle unha armónica de paso”.





Thee Boas (2012-actualidade, nos últimos anos sen Martín no grupo)
“Con Thee Boas aprendín todo, mola moito coñecer xente cos teus mismos gustos e coa que colaborar. Aprendín moito con eles e ademais e un pracer que Júlio sexa do Ghrobe, o final sempre o Massimo aí.”



Hömi (2014-2015)
“Hömi molou moito porque iamos a Conxo a ensayar e xa non era un rollo de ser mellores amigos se non máis ben que fluía a cousa entre nós e faciamos temas sen rayarnos, do, re, mi. A cousa foise a pique cando empezamos a compoñer enserio xd. O de Hömi que? Ti tamén estabas”.

Por alusións: eu estou bastante dacordo con Martín, Hömi demos varios concertos improvisados e admiro bastante esa valentía de tocar 40 minutos sen que haxa cancións. Ás veces molaba moito o resultado, outras non tanto e tampouco demos levado a cousa a outro lado.



Supercherruy (2015-2016)
“Supercherruy ten moi bos temas pero fanekas moi mal plantexado o proxecto”.




World Rally Boys (2018-2019)
“Con World Rally Boys pasino moi ben, e creo que foi o grupo co que máis crecin como músico. Xa polo rollo de mezclar electrónica con guitarras e ir coñecendo cousas máis ala do rock and roll valeu moito a pena”.



Por último pregunteille a Martín tamén por nomes como Nuru Massage ou Prawracuda, baixo o que sacou un dos meus temas favoritos entre os seus cun vídeo moi guai.