Algunha resposta concedida por Aeronave Adolescente

Foto da nai de Aeronave Adolescente, tirada de Twitter

A primeira vez que escoitei falar de Aeronave Adolescente foi a través do Twitter de Marcelo Criminal:

Ao ver o título el mirador de la ría del burgo y otros puntos de inspiración sentín, sen ter escoitado nada, unha emoción de recoñecemento. Eu son de Perillo, en Oleiros, e miña avoa de Almeiras, en Culleredo. Para ir dun lugar a outro hai que bordear a ría e en moi poucos quilómetros hai unha chea de elementos que para min son importantes e inspiradores: a estrutura que queda da fábrica da Cros onde traballou meu avó, a Nacional VI coa súa chea de concesionarios e as ruinas das casas xemelgas de Bailly cunha árbore que medra no teito… E a pesar disto, quen lle canta á ría do Burgo? Non me viñeron máis casos á cabeza así de primeiras. Unha vez escoitado o EP, seguiu o recoñecemento porque na música estaba esa especie de paixón adolescente que xunta o descubrimento de cousas novas cun aquel de estar atopando unha forma de trasladar a propia intimidade, pero sen que o introspectivo quite sitio ao puro gozo dun solo de guitarra desatado cando toca (véxase “ninguna respuesta concedida” ou “héroes, disco, perfil”) ou a deixar as estruturas de canción para xogar a cousas máis experimentais (véxase “hello?”). Moitas cousas que están no indie/rock alternativo que máis me gusta, de Dinosaur Jr a Hüsker Dü ou Yo La Tengo, mencionados directamente nunha das súas letras : “mirada al frente, corazón valiente / reciclando conceptos, imitando a yo la tengo”.

Logo disto, chegou o terceiro recoñecemento cando me din conta de que Aeronave Adolescente era o nome do proxecto de Daniel Valcárcel e que compartíamos facultade. Alí quedamos para esta entrevista, da que algúns extractos apareceron nun capítulo do Diario Cultural Zeta con Lucía Junquera, onde tamén estreamos en primicia a citada “héroes, disco, perfil”, que estará no seu próximo disco.

O podcast pódese escoitar neste vínculo e o texto tédelo a continuación.

As cousas máis vellas que tes colgadas en Bandcamp son de verán de 2020. Como e cando empezaches a facer música, foi coa pandemia?

Eu estaba daquela estudando no conservatorio de Culleredo, e antes eu estaba estudando en Coruña, na Facultade de Comunicación. Como houbo ese parón de non facer nada durante un par de meses descolocoume moito, porque estou moi acostumado a estar facendo cousas todo o rato. Entón díxenme: a min gústame moito escoitar música, todos estes grupos, Guided by Voices, Pavement… toda esa movida do lo-fi americano, Sebadoh, Dinosaur Jr e todas estas cousas… E dixen, eu quero facer unha cousa así, por probar, creo que pode estar ben para empezar. Collín o ordenador que tiña antes e non tiña nin idea de gravar, descargueime Audacity, tiña un micro de 20 euros máis ou menos porque llo pedín a meus pais, collía o micro e poñíame a gravar coa guitarra e a montar como podía. Aí empezou o xerme de Aeronave Adolescente, nesa época de pandemia na casa.

Na descrición que tes di “ruido de habitación” e supoño que isto ten que ver cunha cuestión de forma (porque entendo que está gravado nunha habitación) e cunha de contido, porque si que se percibe unha especie de carácter confesional e ensimesmado como o que hai dentro dos cuartos adolescentes. Comezando pola forma queríache preguntar como gravabas. Intuía que tiña que ver coa pandemia polas datas e porque é un momento que se prestou ás gravacións caseiras… pero logo tamén hai outros instrumentos como piano ou baterías.

Pouco a pouco fun incorporando instrumentos. Como as primeiras cancións que teño son guitarra e voz, logo para o primeiro EP que fixen, o de Cartas de ida y vuelta, falei cun amigo meu, que tiñamos contacto recente, porque tocaba no seu garaxe, e díxenlle “queres gravar as baterías para o meu EP?”. “Veña, vamos”. En dous días gravámolas aí no garaxe. E eu no conservatorio estudo piano, e quería incorporar algo do que sabía eu de tocar no conservatorio, pero basicamente foi ir tentando facer cousas máis ambiciosas, non quedarme aí… No EP do mirador da ría do Burgo si que son drum machines… Gravei a principios do segundo confinamento, estaba na casa e o meu amigo que ten batería estaba fóra, así que dixen, pois vou probar con máquinas de ritmos. Foi palpar un pouco de todo, que creo que está ben para facer crecer un pouco máis as propias composicións.

Nun tema como “Hello?” partes máis dos samples, que aparecen nalgún outro caso, diálogos de pelis… Como te relacionas cos instrumentos e ferramentas que empregas? Sorpréndeme un pouco que digas o do conservatorio porque o enfoque que tes non parece moi académico.

Eu acabei moi queimado do tema do conservatorio. Foi bastante esixente e acabei un ano sen tocar o piano porque non podía telo diante, púñame nervioso. O tema de Aeronave Adolescente permitiume ver a música doutra maneira, que non é académica: coller os instrumentos, se me vén unha melodía á cabeza sacala coa guitarra, ou sacala co piano, e tocar para adiante. Antes era máis que dicía “agora quero soar como The Microphones, agora quero soar como Stereolab, agora quero soar como Yo La Tengo”. Era un tema máis dos meus ídolos da música, de tentar imitalos. Agora co material novo leveino dunha maneira diferente, creo que quedou bastante ben, pero era máis como me sentía nese momento a un sentimento racional de abarcar a música.

Dáme a sensación de que en “ninguna respuesta concedida” e esta “héroes, disco, perfil” está a cuestión da creatividade e a influencia (que no caso de Yo La Tengo se fai explícita) que comentabas agora. Nun hai esa idea de buscar o acorde memorable, certa trascendencia, e reciclar conceptos. Neste outro fálase da folla en branco, da idea da imitación… Como te relacionas cos teus referentes? Que tentas aportar ti de novo?

Por exemplo neste tema novo, o de “Héroes, disco, perfil”, eu estou moito co tema que dicían Sonic Youth, o de “Kill your idols”. Si que podemos pillar referencias de calquera artista pero agora o que estou tentando facer é coller esas influencias e facer algo meu, algo que resoe, dicir… creo que puiden aportar algo que ten algo de min, á parte destas influencias que me rodean. É difícil dicir “vou facer algo de cero”, pero dentro de todo ese mar de influencias quero aportar a miña gota de auga un pouco.

Non sei, moitos destes grupos que che dicía, Television Personalities, Sonic Youth… as letras están cheas de referencias. A min interésame moito todo ese rollo de como o fandom, a admiración, ou mesmo unha relación de ansiedade cos ídolos, se acaba reflectindo coas cancións. É un tema moi interesante a nivel creativo.

Si, eu sempre penso moito nestas cousas. Acabas pensando o tema da influencia e é como unha espiral da que non saes: ao final estou soando como este, este… Pero ao final é como unha cápsula do momento no que estás, que creo que é bonito por exemplo de facer retrospectiva de cousas que fixen antes. Ves o estado creativo, que persoas me influenciaron moito nesa época… é como unha pequena cápsula de cultura pop que creo que está moi interesante tamén.

É curioso porque despois vexo a alguén facendo isto e ás veces sóame super forzado, pero outras conecto con como está feito, que é o que me pasa no teu caso. Paréceme que nas túas cancións hai momentos que me gustan moito cando entran os solos de guitarra nestas dúas que che comentaba, que son moi desbocados, como os de Dinosaur Jr. Hai unha canción que é algo vulnerable e ao mesmo tempo ten ruido e tira para adiante, gústame moito esa enerxía. Creo que esa sensación vai máis aló da imitación, pero non sei se che preocupa moito a cuestión da orixinalidade, se é algo que está máis nas letras…

A orixinalidade creo que en calquera peza de arte sempre vai haber un ápice dela. Iso estíveno falando con miña nai un día, que dicía “esta música non é orixinal porque o que utiliza son fragmentos de obras xa feitas” (creo que lle puxen o “Since I Left You” de The Avalanches), e eu dicíalle “non, a min o que me parece moi orixinal é coller diferentes pezas e facer algo coherente”. A min iso paréceme algo incrible, e a orixinalidade é algo tan subxectivo que eu xa digo, total, aquí todos somos orixinais polo mero feito de ter a valentía de coller e facer algo. Eu cando vou a algún concerto ou falo con xente e alguén me di “vin o que facías así na habitación e ao mellor empezo a coller a guitarra e facer algo tamén”, pois para isto está o tema da música: para poder inspirar ao resto, sexas pequeno ou sexas grande. E a orixinalidade pode coller alguén e dicir que leva morta desde os cantos gregorianos, así que basicamente eu vexo que en vez de copiar aos demais (que me parece algo super feo) é a permeabilidade entre artistas, de poder influenciarse por outros e crear algo novo a partir desta influencia. Sexa algo bo ou malo: a partir do malo sempre pode saír algo de repente excelente.

Eu estou dacordo, pero é unha cousa que está bastante presente no discurso artístico como unha cousa que se valora. É interesante o exemplo de The Avalanches porque cos mesmos elementos poden facerse moitas cousas. Nesta de “héroes, disco, perfil” e falas de que “en idiomas extranjeros te reflejas con facilidad, la verdad es que todo suena mucho mejor y nunca te entiendes”. Penso bastante niso desde aquí, porque moitas veces hai grupos que polo feito de coller uns referentes pero traballalos con letras noutra lingua, sexa castelán ou galego, hai unha conexión emocional distinta, uns fraseos distintos… E ademais un dos títulos dos teus EPs fai referencia á ría do Burgo, noutro tema aparece Zara… como inflúe o teu contexto no que fas?

Moito, moito. Eu creo que xa a arte en xeral vai estar dun modo ou outro afectada polo contexto. Eu creo que nós non podemos vivir illados do contexto no que vivimos. A min tamén me gustan moito por exemplo moitas letras autorreferenciais, se algún artista fai referencias a sitios aos que van, como na letra de “Beach Life-In-Death” de Car Seat Headrest, que é unha epopea de 13 minutos de indie rock, menciona sitios nos que vai á praia… Eu creo que para escribir, aínda que non esteas referenciando de maneira explícita, como no tema de Zara que dixeches, sempre vas estar afectado polo contexto. Eu creo que unha parte íntegra da nosa percepción como persoas e de como plasmamos é algo esencial en toda arte. Aínda que non estean facendo referencia ao momento real, como por exemplo se unha peza audiovisual ten lugar no espazo exterior, vai haber algo de contexto de aquí e é algo admirable plasmar o contexto e poder encaixalo nun tempo concreto.

No tempo e no lugar. Respecto ao tempo si que é interesante esa idea. Estamos nun tempo no que realmente nos acostumamos pero é moi tola a idea de estar nunha aldea a 10 kilómetros de aquí e se cadra estar vendo a final da Superbowl e escoitando música experimental xaponesa. Unha marca temporal de hoxe tamén é que moitos tempos e lugares se superpoñan… Pero respecto aos espazos case me parece máis meritorio: a referencia ao Burgo interesoume especialmente porque non aparece en xeral noutros sitios. Desde un contexto periférico como o noso, hai esa diferenza respecto a centros culturais como Nova York, Londres, Madrid, Barcelona… hai un “Cadillac solitario” pero non hai o equivalente en moitos sitios. Ti empezaches o proxecto en pandemia na túa casa, colgaches os temas… pero a pesar de que estudas aquí e es de ao lado da casa da miña avoa coñecinte por internet e a maioría de concertos que deches foron en Madrid, non?

Si, a maioría foron en Madrid. Teño para este verán un planeado en Coruña [xa sucedeu, en Acéfala hai uns días] e logo tamén estou falando cun compañeiro da USC para facer un en Santiago a principios de curso. Pero por agora todos foron en Madrid.

Iso chámame a atención. Moito disto terá que ver cunha tendencia dos últimos anos e tamén da pandemia, que leva a que o primeiro espazo onde se traslada a túa música sexa na rede e non en concertos locais, na túa zona. E iso leva a ter máis facilidade para tocar fóra ás veces e non aquí. Como o ves ti?

Foi un tema bastante sorprendente. Isto todo empezou máis ou menos cando Marcelo Criminal descubriu aí o tema de Aeronave. Fun velo cando veu a Baiona o ano pasado, quedei aí porque me invitaron, fun facendo contactos e un dos seus amigos díxome “oes, queres tocar en Madrid nun pequeno concerto para artistas emerxentes”? A través de internet todo cambiou bastante, e co tema da pandemia fastidioume moito non poder ir a sitios autoxestionados e todo iso. Eu cando empecei co de Aeronave, na Coruña, xusto pechou a Nave, eu comezara a ir ao empezar na universidade e xusto aí pechou. E agora hai pouco estou falando moito coa xente de Acéfala. Por iso si que che estaba comentando que un concerto en Coruña estaría ben, e que agora é cando xa vexo que está collendo outra vez carrerilla o tema de estar tocando aquí. Pero afectou moito o tema da pandemia e o de non coñecer a moita xente da zona da Coruña para facer concertos, sobre todo da música que eu fago, que eu polo que vexo hai moitos círculos máis ou menos pechados e é unha pena. Isto faleino cun amigo meu de Madrid: é unha pena que todo sexa moi pechado e Internet é como que axuda a manter contactos con diferentes creadores. Todos os creadores, dentro e fóra de Galicia, coñézoos por internet, é unha pena que non se explote a plataforma o suficiente para poder facer algo grande.

E ti sintes que pertences a algunha escena? Vin as recomendacións que tiñas no Bandcamp, de Amizar e así…

Si, é un amigo meu que á parte do de Amizar ten outros proxectos, unha especie de electrónica tipo Avalanches, experimental, tamén un proxecto de indie rock… teño falado con el para facer concertos, e o que digo aquí, tamén xente da universidade para poder montar algo o curso que vén… Pero foi un proceso lento de recuperación. Polo que vexo agora vexo que está tentándose volver ao ritmo prepandemia de organización entre artistas, concertos… véxome máis implicado neste tema e dá gusto, a ver se segue tirando para adiante. Hai moita xente que fai cousas e merece a pena velos traballar e falar. Hai talento en todas as esquinas, como se soe dicir.

Si, tamén cadrou cos problemas que están tendo no Liceo Mutante ou no Casino de Carballo por exemplo… Eu tamén botei de menos a idea da escena. Ao mellor por unha cuestión xeracional non teño tanto ese costume de escribir e falar por internet con outra xente, pero si de coincidir, ir pasar a tarde a un sitio, ter rutina de ir a concertos… Había certa facilidade para organizar estas cousas, máis posibilidades para tocar dunha maneira menos burocratizada, con menos esforzo… O rollo de tocar nun bar ou nun centro social é agora, creo, algo máis difícil ca antes. E esa idea de ir, atoparte con xente na porta, ter colegas de concertos… é importante. 

Si, foi un shock. Para a xente da miña xeración non puidemos ter esta oportunidade de ir a un centro social, estar aí… porque xusto a pandemia arrasou con todo e cando veu foi cando eu tiña 18 anos. Entón a xente da miña xeración creo que estamos un pouco descolgados polo tema de que xusto pasou isto. Pero pouco a pouco…

Ti nos concertos que levas, bases e guitarra?

A guitarra e as bases no ordenador, si.

En moitos sitios non hai un equipo moi tal pero pódese facer moito. Hai moitos sitios polo estilo que van abrindo…

O importante, eu creo, é poder empaparse de cultura. En concertos, en proxeccións de películas como facedes aquí no Cineclube, que cando podo vou… Creo que si que está habendo un rexurdimento porque eses espazos están moi ben para coñecer novas influencias, novos amigos… estar máis en contacto con todo o que hai aquí en Galicia, que a min me resulta moi importante. Saber que esta persoa está facendo tal aquí, esta alí… poder coñecer en distintos sitios de Galicia o que sucede. Eu bótoo de menos de velo, de ver cousas que non tiña idade de ir, bótoo de menos sen ter estado aí.

Quedoume pendente do principio unha cousa desa idea da habitación: a idea do contido lévame ao punto adolescente, confesional, como se… non sei como dicilo así que prefiro preguntarche: que sensacións evoca para ti a adolescencia? Pensas que están presentes en Aeronave Adolescente?

Para min a adolescencia é aprender a estar en contacto contigo mesmo. Toda a euforia do cambio, de non ter nada por sentado, de que todo o rato a balanza que temos do tema de… agora máis ou menos teño todo baixo control vaise desbocando un pouco. Esa euforia, esa catarse de non saber que está pasando pero saber que estás vivindo no presente e tentar facer algún sentido de todo o que estás vendo, que non hai nada por sentado e ao final a túa percepción e a túa verdade é ser consciente de que vas vivir así. É todo o rato o tema de preguntarte a ti mesmo, por exemplo, o de “ninguna respuesta concedida”: van pasar cinco anos máis, as pegadas seguirán aquí… Cando pase tanto tempo seguirei facendo o mesmo? Valgo para isto? Diferentes aspectos da vida, estar en contacto coa túa orixe… Como no título de El mirador de la ría del Burgo, que en realidade non é un sitio, é a miña casa, porque desde ela pode verse toda a ría. Entón a idea de Aeronave Adolescente é estar en contacto cun mesmo, co teu lugar de orixe, e sentir todo o que te rodea o máximo posible. Que te afecten as cousas e poder pensar de todo o que che pasou e evolucionar, porque a adolescencia é un paso cara a madurez, e entón é analizar todo este paso que é curioso, aprendes moito… Analizar todo este tumulto de cousas. Non facelo un pensamento racional, senón saber o que estás sentindo. E iso é o que intento transmitir.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: