A finais do ano pasado estiven traballando en Ourense un mes e medio. Quedei na casa de Toni (baixista de Monstruo, camarógrafo, mecánico, electrónico e xenio) e Lucía (profesora filósofa de referencia e irmá de Toni) pero non cadrei todo o tempo que querería con eles polos traballos e horarios de cada un. Nalgún rato libre na casa quixen facer uso do seu tocadiscos, pero estaban recén mudados e só había tres discos: Tommy dos Who, un directo dos Monty Python e Homenaje a Violeta Parra de Mercedes Sosa. Os Who foron seguramente o meu primeiro grupo favorito que non era favorito de meus pais e tiven un rencontro intenso con eles unha tarde, pero non tiven ganas de poñer Tommy moito máis porque xa o escoitei un millón de veces. Para desfrutar dos Monty Python aínda necesito subtítulos, así que acabei poñendo o de Mercedes Sosa moi a miúdo e namoreime desta canción, “La carta”:
É unha canción absolutamente simple, de dous acordes. O único cambio é pasar de alternar entre os dous a usar só un, pero esa simpleza é perfecta para soster a forza da melodía e (sobre todo) da narración: chega unha carta* na que lle din a Mercedes (na orixinal a Violeta, claro) que o seu irmán foi apresado e maltratado por apoiar un paro. Ela parte da rabia persoal (sen perder a dignidade) para facer un retrato da inxustiza, a desigualdade e o abuso de poder**: “Yo que me encuentro tan lejos / esperando una noticia / me viene a decir la carta que en mi patria no hay justicia / los hambrientos piden pan, plomo les da la milicia”. Cada estrofa acaba cun “Si”, unha estraña reafirmación do que acaba de dicirse, case ameazadora. Vaise unindo a Mercedes o acompañamento e as voces de Quilapayún, unha música que me parece ao mesmo tempo sutil e poderosa, sobre todo por ese bombo que é toda a percusión do tema. Ao final, despois de animar á revolución, os versos que máis me engancharon, que acaban con un “Sí!” moito máis rotundo que os anteriores:
Por suerte tengo guitarra
y también tengo mi voz
también tengo siete hermanos
fuera del que se engrilló
Todos revolucionarios
con el favor de mi Dios
Emocióname moito a aparición da guitarra na mestura de experiencia concreta e conceptos abstractos da letra. A guitarra e a voz son ferramentas para a expresión, extensións dun sentimento íntimo. A guitarra e a voz aparecen vinculados a Mercedes ao lado dos seus sete irmáns, algo que me parece unha mostra da forza que pode ter a conexión dunha persoa cos instrumentos que toca. “Por suerte tengo guitarra” pode ser igual que dicir “por sorte non estou soa”. É algo que queda máis concreto na versión orixinal de Violeta Parra, que é máis vulnerable, un pouco menos afectada e quizais menos pulida (pero cun primitivismo rítmico que case me parece krautrock). Violeta cantaba “por suerte tengo guitarra / para llorar mi dolor”. Efectivamente, para iso serve a guitarra: unha amiga, un ombro sobre o que chorar. Pero ao non concretalo e unilo a ese ter voz, na versión de Mercedes Sosa a guitarra parece unha arma. É algo co que defenderse e algo co que atacar.
Gústame que se manteña esa ambigüidade, porque é a mesma coa que eu entendo a música: algo que (seino) serve para sentirse menos só e algo que (gustaríame crer) serve para converter as ideas nalgo máis afiado. Son dúas caras da mesma moeda, supoño, e as cancións que máis me emocionan son normalmente as que tiran cara os dous lados.
Pero, volvendo ao tema, é curioso que a guitarra sexa o instrumento con máis poder simbólico para representar o total da música. Resultaríame raro que alguén cantase “por suerte tengo piano”, a pesar de que é outro instrumento que pode darnos harmonía á vez que cantamos. Tamén que alguén cantase “por suerte tengo tambores”, a pesar de que sexan o máis asociado ás armas e de que a percusión sexa a forma de música máis primitiva. Ou tamén que alguén cantase “por suerte tengo ordenador portátil”, a pesar de que sexa hoxe en día o instrumento barato por excelencia***. Isto último paréceme o máis ridículo: aínda que pase moito máis tempo co portátil que coa guitarra, este é unha máquina sen carisma, intercambiable e fría. Quizais demasiado versátil. Pode valer para facer cousas íntimas como escribir ou falar con seres queridos, pero tamén vale para demasiadas cousas banais como para que poida collerlle cariño. A guitarra serve para menos cousas pero cousas que no meu caso me parecen máis cruciais.

E non son o único, claro: as mencións á guitarra sempre me chaman a atención cando aparecen en cancións e fanme sentir a miúdo esa dualidade. A guitarra como resistencia á soidade está en “Moverme de aquí” de Aries:
Realmente é habitual que as letras de Aries falen dunha reacción á soidade e á tristeza, e que esa reacción suceda a través da música. Ás veces é explícito, supoño, pero o máis interesante é que os seus temas teñen atmosferas que os fan absorbentes, case habitables, se esa é unha maneira válida de describir unha canción pop. O espazo que crean é íntimo e puro, e cando consigo entrar nel acabo sentindo que a beleza fai que a angustia quede anulada, apagada… (estou tentando non dicir “exorcizada”, pero é o primeiro que se me ocorreu). “Si te sientes solo no eres el único”, cantaba en “Lo que no eliges“, e a min sérveme de moito escoitalo, porque me sinto acompañado. En “Moverme de aquí” di “solo toco la guitarra” nunha situación que me parece angustiante pero na que hai unha saída no interlocutor ou interlocutora (“te siento / si eres feliz, repítemelo”). A guitarra paréceme algo ao que agarrarse nese sitio do que non pode moverse, aínda que podería estar equivocado, claro. Supoño que penso que a guitarra (a música) é a mellor compañía. A resposta ideal á pregunta de que levarías a unha illa deserta.
Ou ao sitio no que esa angustia pode facerse máis patente. Nese sentido e se cadra en calquera outro, a miña canción favorita sobre a guitarra é “Mi guitarra”, de Lidia Damunt:
A canción ten dúas estrofas tristes ás que responde o estribillo repetindo “Y mi guitarra es una máquina de matar el tiempo”. Nunha entrevista Carlos Pérez de Ziriza preguntáballe se a variación sobre o eslogan de Woody Guthrie (“This machine kills fascists”) era unha maneira “de quitar ferro a calquera posible comparación con el ou ao suposto poder transformador do rock na sociedade”, pero ela explicaba que era unha canción sobre o tempo que seu pai pasou inconsciente no hospital antes de morrer. Que estaba alí sempre coa súa guitarra, que efectivamente serve para calmar a desesperación e facer tempo. Hai unha cousa catártica en tocar a guitarra (isto si que o teñen moitos instrumentos musicais), unha liberación en poder rasgala mentras fas forza cos dedos para facer un acorde. É un instrumento que suxeitas contra o corpo e pode dar, pola vibración, a sensación de que o ruido sae de ti, e de que con ese ruido botas algún demo fóra. Ese poder explica que a frase se pareza á de Woody Guthrie pero con esa variación tan emotiva. É normal: a única diferenza é que apunta cara adentro (cara matar o tempo) e non cara a fóra (cara matar fascistas), pero supoño que non fai que deixe de ser unha arma. Para facer calquera cousa hai que ser quen de sobrevivir á tristeza.
[Cando tiña dezasete anos xuntei uns aforros e un aguinaldo da miña tía e merquei a miña guitarra, e estiven moi contento e fíxenlle unha foto e subina ao meu Fotolog. Falaba de non ser quen de bautizala a pesar de sentir que era como unha persoa. Era un pouco prosa de adolescente facéndose o interesante pero creo que había algo de verdade naquelo.]
* Outra canción sobre unha carta que escoitaría un millón de veces:
** Para min, a rabia e dignidade na denuncia da inxustiza de “La carta” resona moito cos casos da xente que está sendo detida agora por suposta apoloxía do terrorismo nas súas cancións, quizais especialmente co de La Insurgencia por algún testemuño contado dende fóra, como o da nai de Saúl:
*** É importante o barato e manexable das guitarras para que teñan esa capacidade de facer compañía. Podes comprar unha guitarra Academy por 120 pavos ou así, e podes camiñar con elas. E as que non son eléctricas podes tocalas en calquera sitio. Bueno, as eléctricas tamén aínda que só as escoites ti. E é un instrumento que sona cando o tocas, co cal non se volve moi frustrante e ofrece a mitoloxía automática de converterte en creador ou creadora de rocanrol no momento no que agarras as “guitarras guardadas en el placard“, como cantan El Mató a un Policía Motorizado. É unha satisfacción tremenda porque te encadras de súpeto dentro dunha tradición que, por falsa que sexa, sintes como rebelde, antisocial, valente e molona. Claro que iso tampouco é o rol do rock and roll agora e en todo caso este artigo non ía sobre iso.
Máis cancións que falan de guitarras e das que non falei aquí porque non se refiren ao que quería dicir: “Ó Miguel” de Pega Monstro; “Won’t Get Fooled Again” de The Who; “Con mi guitarra mataré a tu mamá” de Superuva, que atopei neste artigo que lle vin compartir a María Velo; “So You Want To Be a Rock and Roll Star” dos Byrds e outras cancións sobre o rock como “Quiero bailar rock and roll” de Cucharada ou “It Will Stand” de The Showmen. “A Voz do Violão” de Caetano Veloso si que fala diso (“eu tenho um companheiro inseparável / na voz do meu plangente violão”) pero é unha canción coa que non teño eu unha relación de intimidade porque acabo de atopala agora. “Fender Stratocaster” de Jonathan Richman resúmeo todo moi guai pero xa falei suficiente del na entrada anterior.