Listas


As listas son como moitos chistes: divírteste pero tampouco teñen que ter ningún tipo de valor á hora de reflectir a realidade (seguramente aí esta a graza). Ao final de 2022 fixen dúas que me pediron: unha para VINTE de cousas destacadas (en xeral) e a habitual para A Cuarta Parede de cousas vistas que tamén pode converterse no que ti queiras (esta inclúe que non se fixeron en 2022 pero que a min me afectaron nese ano). Pódense ler nos vínculos.

Nas semanas seguintes a que saísen as listas arrepentinme de ter incluído algunhas entradas ou ter omitido outras, pero logo esquecinme de subilas aquí e xa non me lembro do que era, así que polo menos a nivel autobiográfico pode que as listas teñan máis sentido do que parece.

[Na foto sae Rosario Bléfari, a quen lin, escoitei e vin con moita emoción en 2022 e de quen falei brevemente no meu texto n’A Cuarta Parede]

Tres listas

Imaxe

As listas de cousas gústanme bastante, aínda que xa me gustaron máis do que me gustan, porque me gustaban moito. Cando tiña máis ou menos entre 15 e 20 anos era moi fan de Alta fidelidad e lembro facer listas en Fotolog, e ter moita ansia porque alguén me preguntara a miña lista de algo. É bastante divertido xerarquizar a arte, aínda que é claramente problemático: é bastante arbitrario por moito que tentemos camuflalo argumentando, e ao final mestúranse as paixóns co facerse o interesante e, nalgúns casos, cos intereses económicos ou sociais. O resultado é que me segue facendo ilusión se alguén me pide que faga unha lista de algo e que o paso á vez moi ben e moi mal: é divertidísimo facelas pero logo tamén me ralla non telas feito ben, ter esquecido cousas, ter tratado inxustamente algo que só escoitei por riba… sobre iso máis ou menos acabei falando o ano pasado ao falar da lista de Vinte de cancións en galego dos últimos vinte anos ou de escoller unha peli equivocada como número 1 na miña lista. Este ano fixen (ou participei en) tres listas, así que conto por aquí un pouco como foron e déixovos os enlaces para que as vexades.

Discos galegos de 2021 – A que, cheira, papá?

Falaba do problemático que é xerarquizar a música e en A que cheira, papá? convidáronme a un directo de Twitch para facer unha tier list de discos galegos de 2021 con Darío MJ e Guillermo Rodicio que levou iso de xerarquizar bastante ao extremo. O resultado podedes velo na imaxe do principio do artigo ou no vídeo; en “O mellor do mellor” quedaron estas cousas (sen orde):

Malandrómeda – No inferno das ideas
Caamaño&Ameixeiras – Aire!
Los Rastreadores – Los Rastreadores
Grande Amore – Grande Amore
Grande Amore e Mundo Prestigio – Nunomanía EP
Verto – Embora
Trilitrate – Está de grelo
savvna – UN FILME DE JUAN GARRIDO

Houbo defensas encarnizadas de outros discos que acabaron máis abaixo na categoría “Fantástico rollo” (no caso de Darío o de BFlecha, no meu Peña ou Bratzantifa) e tamén cousas valoradas ás présas porque tiñamos que rematar o directo. As categorías están sacadas máis ou menos dunha clasificación de personaxes dun anime que atopei por aí e tedes a opción de facer a vosa propia tier list. Non sei como será o proceso na redacción dunha revista para facer unha lista en común, pero esta divertiume moito por como oscilaba entre algo de rigor e a conversa de bar en función de canto escoitaramos os discos dos que falabamos. Polo medio creo que tamén se trataron cousas interesantes (como valorar a artistas que non sacan discos pero si un listado equivalente de temas, como inflúe se os coñeces, se os viches en directo…) sen dar moita chapa, e no proceso acabei escoitando unha chea de cousas que me pasaran desapercibidas ao longo do ano (porque Darío está ao tanto de todo). En fin, que quedei encantado.

O mellor de 2021 – A Cuarta Parede

Rocío, contar la verdad para seguir viva': programa 7 en plató (28/04/21):  Incluye episodio 8

Desde o ano pasado, n’A Cuarta Parede non piden unha lista coas mellores pelis de 2021, senón “un repaso libre, onde cinema e vida forman parte do mesmo: porque non entendemos a vida sen cinema, e porque hai máis vida alén do cinema. Onde unha viaxe, un libro, un filme ou unha canción ocupan o mesmo lugar”. Pódense ler aquí os de 18 persoas que colaboran na revista. Por non acabar escribindo un testamento, centreime no audiovisual e este ano creo que valorei especialmente as cousas das que falar, das que compartir visionados, conversas e demais. Nese sentido, a palma (a miña, digo) levouna Rocío, contar la verdad para seguir viva e se cadra tamén The Beatles: Get Back, que curiosamente si que son cousas deste ano, pero en xeral paréceme moi ben ser flexibles co criterio temporal: entre o que máis me gustou este ano tamén están As leis de Celavella, ou os ciclos de Kaurismäki e Wellman en NUMAX, así que creo que ten moito máis sentido primar o autobiográfico que a novidade: unha cousa do século XIV ou dos anos 60 pode ser o máis novo para alguén. Se cadra por iso, cando unha persoa soa saca un listado con cifras enormes de discos favoritos dun ano (50 ou 100) a verdade é que me parece sospeitoso. Cantos discos se pode escoitar con atención nun ano? E cantos van ser do propio ano? Se hai cincuenta que che gustan, cantos hai que non che gustasen? Das de películas si que me fiaría algo, porque aínda que normalmente duren máis, paréceme que se pode saber moito máis de canto che gusta unha película cun só visionado (e de por que) que dun disco ou dunha canción cunha soa escoita.

Cousas de 2021 das que non falara – Diario Cultural Zeta

Fluzo - Antenas - YouTube

No Zeta pásoo algo mal ás veces seguindo dúas regras non escritas: unha é a de entrevistar sempre a alguén en vez de falar só eu con Lucía Junquera (o primeiro é máis interesante pero leva máis traballo) e a outra a de falar sempre con xente máis nova. Isto tamén é interesante e entendo que está ben forzarse, porque xa me sinto un pouco vello para falar da xeración zeta e así esfórzome máis por estar ao tanto do que están facendo as persoas máis mozas, que normalmente tamén teñen máis problemas para que lles fagan caso nun medio convencional como é a Radio Galega. O caso é que tamén me daba rabia manter sempre ese criterio porque tamén pode alimentar unha separación xeracional que non debería darse e hai xente que é moi nova de espírito ou moi moderna no que fai e que probablemente nunca será pureta, así que o saltei e falei de cinco proxectos que sacaron cousas novas este ano e me parecían relevantes: Magia Bruta, Fluzo, Menina Arroutada, Ocre e Mounqup (dos tres últimos en realidade tamén falamos algo no directo de A que cheira, papá?). Pódese escoitar aquí.

A lista de Vinte de cancións en galego

Se metes fotos cun fondo máis ou menos neutro no Paint 3D e pulsas “Selección mágica” pasan cousas así. Estes eran os Homens, que quedaron segundos.

Hai unhas semanas María Yáñez pediume unha lista de vinte cancións en galego de entre 2001 e 2020 para a lista que acaban de sacar en VINTE mesturando as escollas de vinte mulleres e vinte homes. Eu estou moi contento de que me chamase, paseino moi ben facendo a lista e quería explicar un pouco o proceso de facela, tamén porque non podemos quedar con normalidade para comentala, rajar do que non nos gusta, celebrar o que si e esas historias.

  1. Primeiro fixen unha lista en bruto con todo o que se me ocorría que me gustaba moito, ás veces con cancións concretas e outras con artistas ou bandas sen escoller tema. É dicir, é moi difícil escoller só unha canción de Emilio José ou de Malandrómeda. Tamén había grupos que cousas que escoito algo menos pero que me gustan igualmente, por non descartar cousas antes de tempo. Era máis ou menos isto:

2. Logo fíxenme unha lista para escoitar en bucle e ver que cousas me apetecía máis escoitar e cales menos. Fun tamén vendo que temas escoller dos que estaba entre varios. De Malandrómeda quedei con “Encontro con !@#$%!!” porque se cadra é a que máis veces oín decidíndoo eu. De Emilio José escollín “” porque me gusta tanto que xa só se me ocorreu o criterio de ir ao peso e coller o tema máis longo de Agricultura livre, que é o meu disco galego favorito (bueno, e tamén porque me gusta que a noción de canción de Emilio José é diferente á habitual e nese tema queda moi claro). De Ataque Escampe descarteinas todas porque me daba un pouco de pudor votar por un grupo no que toco, aínda que fose polas que fixeron antes de estar eu no grupo e que me fixeron ser fan. Estaba entre “A vitoria“, “Orde e progreso“, “Mondariz-Balneario” e tamén pensei en “O amor en technicolor” e “O amor en Fujifilm“. Dos Telephones Rouges costoume un anaco e deixei “Eine kugel” porque a escoitamos moito ultimamente na casa, dándonos conta de que é destas un pouco premonitorias cando canta “boto de menos a xente / e non a quero ver”.

3. Logo xa fun descartando esas cousas que igual tería posto se tentase buscar un criterio “obxectivo” de “importancia” ou “calidade”. Penso por exemplo en Mercedes Peón, que me parece que é moi sabia e moi talentosa pero logo na casa non me soe apetecer escoitar, e polo tanto non é a día de hoxe música importante para min.

4. Despois descartei cancións e proxectos que si que son importantes para min, e aí tiven varios criterios distintos. Descartei as cancións de Fluzo ou Non Residentz porque xa puxera unha de Malandrómeda e así non enchía todo de proxectos do Hevi. Tamén descartei “Ana de Palacio” de Metralletas Lecheras e “Catro anos máis” de Travesti Afgano porque xa puxera “Negro teenager” de Señor Anido e Señora Álvarez, e “Mundo Nuno” de Mundo Prestigio e Grande Amore porque xa puxera “todos.xuntos.unidos.sempre” de Oh Ayatollah. Descartei “Pánico (merda de dj)” de Fanny + Alexander porque ao final era unha versión dos Smiths e tíñame un pouco menos de mérito, igual que “Son un piñeiral” de O’Leo de Matamá (aínda que estiven escoitando moito este nadal o seu disco sé [mente de vencer] e igual agora tiña metido algún outro tema). E logo xa me quedaron polos pelos por meter “Lausanne (on my mind)” de Familia Caamagno, “Minueto de Monfero” de Ki e “Sabichón do carallo”, un mash up de Ultramarinho que mestura a Farruco con Fatboy Slim e que sempre me flipou.

5. Entón a lista que me quedou é esta, por orde cronolóxica inversa:

Lamprea Explosiva – Flores (2020)
Sleepy Spice – Abur (2019)
Oh! Ayatollah – todos.xuntos.unidos.sempre (2019)
Baiuca feat Aliboria – Olvídame (2019)
Faia – Doncos (2019)
Pantis – Mar (2018)
Chicharrón – Que máis dará? (2018)
Contenedor de Mierda – Ponte de pijo (2018)
Peña – Ensíname (2017)
Dois – Xardíns (2017)
Zurraspa – Caracoíño (2016)
Sr. Anido & Sra. Álvarez – Negro teenager (2016)
Malandrómeda – Encontro con !@#$%!! (2016)
Emilio José – ♥ (2015)
Das Kapital – Grecia (2013)
Telephones Rouges – Eine kugel (2012)
Samesugas – Tóxico injecta (2011)
Peret – Apaga o candil (2009)
The Homens – Calamar (2009)
Pescando em Copacabana – Deixa pra lá (2007)

Metín todos os temas nunha playlist de YouTube menos “Caracoíño” e “Negro teenager“, que podedes escoitar en Bandcamp.

Logo estiven pensando un pouco sobre o que eu mesmo escollín e sobre o que saíu en xeral. Nas cancións que puxen hai algo máis de homes que de mulleres, aínda que as que teñen só homes son case todas das máis antigas, así que se cadra a cousa vai a mellor. As cancións de Emilio José e Pescando em Copacabana tiven dúbida sobre se ían considerarse galego ou ourensiano ou portugués (pero non se abriu tampouco o debate lilngüístico). A única canción que puxen dun grupo galego que cante moi maioritariamente en castelán é a de Dois, e non foi tampouco unha cousa meditada. Simplemente deume a sensación de que normalmente os temas en galego de grupos que me gustan pero só o usan de vez en cando (como “Liska” de Vietnam, “Non sei” de Srasrsra, ou os de Triángulo de Amor Bizarro) son bastante menores dentro do seu repertorio. Si que puxen unha das cancións en galego de Peret, a súa versión de “Apaga o candil”, que me parece que entra dentro doutra liña, que é a de xente que non naceu en Galicia (que tampouco é que sexa tan importante a cuestión, pero ten a súa relevancia) e se achega á lingua ou á tradición e fai con ela un pouco o que lle peta (non sei, salvando as distancias tamén me viñan á cabeza Rodrigo Cuevas ou MounQup). E bueno, quero moito a Peret, a súa música é das que máis alegría me dan na vida e gústame tamén pensar que aprendeu este tema no Luar.

Tamén me pareceu importante pensar noutra cousa: a Peret quéroo moito pola súa música, pero non o coñezo de nada. Pero logo na lista puxen xente á que quero moito na vida real, que son amigas e amigos meus. Evidentemente, quero crer que non fixen a lista por amiguismo, e xa expliquei que pasei moito tempo pensando nas cancións que me eran máis importantes. Pero onte falabamos polos grupos de whatsapp de Ataque Escampe e de Esposa e saían algunhas cuestións importantes arredor disto. Escoitamos máis á xente que nos cae mellor? Unha canción pode volverse máis importante se a fai alguén que queremos? Creo que si, e nese sentido podo entender que alguén puxese na lista algunha canción dos seus propios grupos (a min, xa digo, dáme pudor). Non sei, a escena galega é pequena, así que tamén hai a opción de admirar a alguén desde unha relativa distancia e logo descubrir que é imbécil: neses casos recoñezo que a min normalmente me apetece menos escoitalos. É parecido a cando ves a algún famoso facer declaracións ridículas e “che cae o mito”, só que aquí non te enteras pola prensa senón por terceiras persoas.

Esa falta de distancia tamén me fai pensar en que, sen que a música sexa a miña profesión, participei na edición do disco de Señor Anido e Señora Álvarez (PORNO foi un dos selos que puxo cartos e fixen a nota de prensa) e o tema de Oh! Ayatollah foi parte do proxecto Cinegalicia que coordinaramos Brais Romero e máis eu (e puxen os dous na lista). Así que eu que sei, igual isto quita credibilidade ao que escolla. O feito de que a música en Galicia estea bastante vinculada á precariedade ou ao traballo voluntario vai facer que haxa casos nos que quen escribe sobre música tamén toque, tamén organice concertos, edite discos, se dedique á comunicación… e entón se cadra temos interese en promover determinadas cousas, aínda que sexa inconscientemente. Que por outra parte se escolles editar un disco será porque che gusta e é normal que despois o poñas nunha lista… e bueno, igual en contextos máis profesionais é peor por haber máis cartos polo medio. Non sei.

Estes eran Oh! Ayatollah.

A lista xeral é unha cousa bastante rara, porque ten no número 1 a Das Kapital, que me parece o que podía cadrar máis cunha votación moi “da crítica” (un grupo cun discurso estético e político moi traballado e coherente, pero sen un percorrido longo no tempo nin en directo) e logo cousas moito máis populares (no musical e nas cifras) ás que seguramente prestaron máis atención nos medios xeralistas e menos na prensa especializada. Tamén os mundos do pop e o indie cos máis achegados ao tradicional, cousas xeracionalmente bastante diferentes e probablemente tamén diferentes no ideolóxico (entre o máis nacionalista e o menos nacionalista). E creo que por iso é unha lista que pode ser relevante e que ten mérito como María Yáñez xuntou perfís moi diferentes. Probablemente case todo o mundo vexa na lista algo que lle encanta, algo que lle dá igual e mesmo algo que odia, así que iso pode facer que sexa representativa e axudar a que non entendamos a música en galego en termos de militancia: faise moita e de moitas maneiras así que temos dabondo para reaccionar como queiramos.

De todas formas logo entrando no excel coas votacións vese que a cousa tamén é que hai quen repartiu moito o voto entre unha chea de cancións: Emilio José ten 14 distintas, Chicharrón teñen 10, Malandrómeda 9, etc. E en xeral para min o máis importante é que serve para pensar e aprender outras cousas, e como hai 426 temas diferentes estou facéndome a lista con todas aquelas cousas que non coñezo ou que quero volver escoitar por se agora me gustan máis que doutra vez.

Unha lista do 2020

Cannes 2019 (II) | Críticas: Bacurau, Sorry we missed you, Atlantique,  Canción sin nombre
Imaxe de Bacurau, se cadra a miña peli favorita do ano

Facer listas tenme ás veces un punto feo por xerarquizar as cousas e poñelas a competir, pero tampouco todo nos importa o mesmo, así que ao final sempre me presta moito cando teño que pensar que mandarlles para as que fan desde A Cuarta Parede, porque me serve para repensar un pouco o que vin durante o ano. Logo pasan un par de semanas ata que saen e xa me arrepinto do que escribín (o ano pasado fixen un texto especificamente sobre iso). Desta volta gustoume moito que non quixesen facela só sobre cine nin só sobre cousas estreadas en 2020, porque realmente ao final de cada ano a película que máis me importou case nunca é recente, así que mandei un textiño cuns apuntamentos sobre o que se me acordou no momento como máis importante. Na parte do arrepentimento, aínda non o teño. Si que me dá un pouco de reparo falar de Radio Braña, que é un podcast que só puido escoitar a xente que os seus autores decidiron ter como público, pero foi para min a cousa cultural máis importante do ano, así que non puiden evitar poñelo.

As listas están aquí e teñen tamén bastantes fíos dos que tirar para o ano que vén que xa me fun apuntando.

Listas

el-pampero.png

Como nos últimos anos, mandei para as votacións de A Cuarta Parede unha lista coas pelis que máis me gustaron do ano. Ao final o de facer listas é unha tradición como outra calquera, e o de queixarse delas (por se son previsibles, ou por se tentan ser imprevisibles) e mesmo o de tentar saír pola tanxente e facer “algo diferente” entra dentro da mesma tradición. O que pasa é que, unha vez participas do proceso, faise moito máis evidente o fallo principal destas listas: sae un consenso que en realidade é unha suma dos gustos de cada quen (porque vemos o que decidimos ver, case sempre), das circunstancias de cada quen (por exemplo, conseguín ver La Flor pero é unha película de 900 minutos da que tería que pasar se estivese traballando ese mes) e probablemente tamén dunha vontade militante ou de postureo que nos fai dar máis peso a unhas películas que outras. Tamén por saír pola tanxente e facer algo diferente.

Entón que veño dicir? Tres cousas.

A primeira é que votei por estas películas e que me gustan moito todas:

1. La flor (Mariano Llinás, 2018)

2. 江湖儿女 (Ash is Purest White, Jia Zhangke, 2018)

3. High Life (Claire Denis, 2018)

4. Wonderstruck (Todd Haynes, 2017)

5. Phantom Thread (Paul Thomas Anderson, 2017)

6. Apuntes para una película de atracos (Elías León Siminiani, 2018)

7. The Florida Project (Sean Baker, 2017)

8. Non-fiction (Olivier Assayas, 2018)

9. Three Billboards Outside Ebbing, Missouri (Martin McDonagh, 2017)

10. Last Flag Flying (Richard Linklater, 2017)

A segunda é que me dá a sensación de que podían terme gustado tanto ou máis que estas, polo que me contaron, Lazzaro felice ou as que estreou Koreeda, pero non puiden velas (e si que están na lista de A Cuarta Parede).

E a terceira é que a única maneira de que unha lista do mellor do ano sexa honesta é que sexa autobiográfica. Non dicir que algo é o mellor do que saíu ao mercado ese ano, senón que é o mellor do que a cada un de nós nos deu por ver. Así que quería compartir a lista de todas as películas que me gustaron moito este ano (que eu recorde logo de mirar en Filmaffinity). Se fose falando de discos ou cancións non me daría lembrado e se fose de libros non tería moito interese porque lin demasiado pouco este ano.

the-dead-movie-john-huston-four.jpg

The Dead (John Huston, 1987)

Ainhoa: yo no soy esa (Carolina Astudillo Muñoz, 2018)

Os mutantes (Teresa Villaverde, 1998)

Le trou (Jacques Becker, 1960)

La flor (Mariano Llinás, 2018)

江湖儿女 (Ash is Purest White, Jia Zhangke, 2018)

Non-fiction (Olivier Assayas, 2018)

High Life (Claire Denis, 2018)

Apuntes para una película de atracos (Elías León Siminiani, 2018)

Somebody Up There Likes Me (Robert Wise, 1956)

Luz obscura (Susana de Sousa Dias, 2017)

Y… tenemos sabor (Sara Gómez, 1967)

The Wigan Casino (Tony Palmer, 1977)

Man’s Favorite Sport? (Howard Hawks, 1964)

Petra (Jaime Rosales, 2018)

Fedora (Billy Wilder, 1978)

BlacKKKlansman (Spike Lee, 2018)

Mutantes (Álvaro Larriba, 2017)

Vive le Tour (Louis Malle, 1962)

Die große Ekstase des Bildschnitzers Steiner (Werner Herzog, 1974)

Surviving Desire (Hal Hartley, 1991)

Eles nâo usam Black Tie (Leon Hirszman, 1981)

O som ao redor (Kleber Mendonça Filho, 2012)

Onde jaz o teu sorriso? (Pedro Costa, Thierry Lounas, 2001)

My Darling Clementine (John Ford, 1946)

Die Keller (Ulrich Seidl, 2012)

Picnic at Hanging Rock (Peter Weir, 1975)

Ferris Bueller’s Day Off (John Hughes, 1986)

Pickpocket (Robert Bresson, 1959)

Paddington 2 (Paul King, 2017)

Logan Lucky (Steven Soderbergh, 2017)

Split (M. Night Shyamalan, 2016)

Mudar de vida (Paulo Rocha, 1966)

Le Vent d’Est (Grupo Dziga Vertov, 1970)

Isle of Dogs (Wes Anderson, 2018)

Last Flag Flying (Richard Linklater, 2017)

Three Billboards Outside Ebbing, Missouri (Martin McDonagh, 2017)

The Meyerowitz Stories (Noah Baumbach, 2017)

Vogliamo anche le rose (Alina Marazzi, 2007)

JFK (Oliver Stone, 1991)

Baby Driver (Edgar Wright, 2017)

Phantom Thread (Paul Thomas Anderson, 2017)

The War (James Benning, 2012)

Lady Bird (Greta Gerwig, 2017)

Baise-moi (Virginie Despentes, Coralie Trinh Thi, 2000)

The Florida Project (Sean Baker, 2017)

Mahanagar (Satyajit Ray, 1963)

Certain Women (Kelly Reichardt, 2016)

Maioria absoluta (Leon Hirszman, 1964)

Hatari! (Howard Hawks, 1962)

The Hunger (Tony Scott, 1983)

Wonderstruck (Todd Haynes, 2017)

The Lost City of Z (James Gray, 2016)

La idea de un lago, de Milagros Mumenthaler

Na revista A Cuarta Parede están repasando as mellores pelis de 2017 segundo a votación da xente que escribe alí. Eu fixen un texto sobre La idea de un lagoa peli de Milagros Mumenthaler que votei como favorita na miña lista. Falei de como se relaciona o filme coa memoria (coa miña e coa idea de memoria en xeral) e dunhas cantas imaxes que non se me ían na cabeza e que están case todas no seu trailer:

A lista completa das miñas votacións foi esta:

  1. La idea de un lago (Milagros Mumenthaler, Arxentina / Suíza / Holanda / Qatar, 2016)
  2. La vendedora de fósforos (Alejo Moguillansky, Arxentina, 2017)
  3. Estiu 1993 (Carla Simón, España, 2017)
  4. Colossal (Nacho Vigalondo, Canadá / EUA / España / Corea do Sur, 2016)
  5. Le parc (Damien Manivel, Francia, 2016)
  6. Visages villages (Agnès Varda, JR, Francia, 2017)
  7. El sacrificio de un ciervo sagrado (The Killing of a Sacred Deer, Yorgos Lanthimos, Reino Unido / Irlanda / EUA, 2017)
  8. La caméra de Claire (Hong Sang-soo, Corea do Sur / Francia, 2017)
  9. El otro lado de la esperanza (Toivon tuolla puolen, Aki Kaurismäki, Finlandia / Alemaña, 2017)
  10. Déjame salir (Get Out, Jordan Peele, EUA / Xapón, 2017)

 

O teu e ti, de Hong Sang-Soo

Encántanme todas as pelis que vin ata agora de Hong Sang-Soo, que se parecen bastante entre sí na maneira en que a realidade se volve confusa e os personaxes se equivocan cando se deixan levar polos seus impulsos románticos e pola bebida. Fixen este texto sobre O teu e ti (en inglés, Yourself and Yours, en coreano 당신자신과 당신의 것) para A Cuarta Parede dentro do seu especial sobre as mellores pelis de 2016. Sufrín bastante porque había tempo que vira a peli e non conseguín baixala para revisala antes de escribir o artigo, pero ao final creo que conseguín explicarme.

Cóstame máis escribir sobre cine que sobre música. Se cadra por ter estudado o primeiro: dáme a sensación de que a crítica cinematográfica esixe ser máis sesudo, máis analítico e basearse menos nas sensacións. Iso ten se cadra a vantaxe de que deixa menos espazo para caer nos lugares comúns que conforman a maioría da crítica musical, pero tamén menos espazo para falar da relación entre a túa vida e o efecto que as películas causan en ti. Hong Sang-Soo gústame porque é moi serio sen que iso lle impida ser moi gracioso e admiro moito o equilibrio entre as dúas cousas, que está moito máis presente na vida que na arte. E porque nas súas películas tes que dubidar da túa percepción das cousas e da lóxica interna dos personaxes. Parecen pelis improvisadas pero consegue retratar a complexidade do mundo e das persoas nesa lixeireza.

Estas son as pelis que votei como mellores de 2016 para o especial da revista:

1. Personal Shopper (Olivier Assayas, Francia, 2016)

2. La propera pell (Isaki Lacuesta e Isa Campo, España / Suiza, 2016)

3. O Ornitólogo (João Pedro Rodrigues, Portugal / Francia / Brasil, 2016)

4. 당신 자신과 당신의 것 (Yourself and Yours, Hong Sang-Soo, Francia, 2016)

5. 아가씨 (The Handmaiden, Park Chan Wook, Corea do Sur, 2016)

6. Carol (Todd Haynes, Reino Unido / EUA / Australia, 2015)

7. Little Men (Ira Sachs, EUA / Grecia, 2016)

8. Everybody Wants Some!!! (Richard Linklater, EUA, 2016)

9. Love and Friendship (Whit Stillman, Irlanda, 2016)

10. Chi-Raq (Spike Lee, EUA, 2015)