España fatal

Fixen unhas ilustracións co Paint 3D para España fatal, o fanzine máis recente do Cosmonauta Tropical, o meu colectivo creativo favorito. Eles repasaron a actualidade e eu funlles mandando cousas en relación ao que ían comentando sobre El jefe infiltrado, a Familia Real, Madrid, a listeriosis… Máis cousas deles AQUÍ.

jefe infiltraola mechá 2madridmemes 2victoria federica

No es ninguna puta broma

Este artigo foi bastante ambicioso. Foi un intento de resolver os meus conflitos internos á hora de introducir o humor en contidos que queremos que a xente tome en serio, falando tanto con Teo (que comparte o conflito) como con Cuchillo de Fuego e Ataque Escampe, referentes para min na maneira de integrar o humor no que fan sen que sexa lido necesariamente como humorístico. Creo que se explica por si mesmo, pero recalco: en Monstruo non consideramos que o humor e a profunidadade ou a paixón sexan incompatibles. Simplemente nos preocupamos porque non queremos que nos tomen a coña, non somos cousa de risa, el hazmerreír, algo do que pitorrearse. A única cousa engadida a maiores son unhas notas ao pé que daban moitos problemas na maqueta e incluen unha reflexión moi intelixente de Xose sobre a posibilidade de que a música sexa divertida.

ataque-escampe

1. As gravatas

Teño na casa dúas gravatas vermellas dos chinos que me deu Lois, o baixista de Ataque Escampe. Hai agora case un ano vinos tocar no Grobe e levábanas postas. Despois bebín e díxenlles que non me gustara nada iso, e probablemente fixen o mesmo o resto de veces que os vin en directo ata hoxe, en maior ou menor medida. A min encántanme as súas cancións e admíroos por conseguir integrar nelas o humor e as referencias sen que perdan a súa capacidade emocional. Por conseguir que o que fan sexa divertido e tamén poida ser trascendente. Pero nos concertos, vendo esas gravatas horribles, brillantes, ridículas, había momentos nos que non era capaz de ver máis aló delas. Eran como kriptonita para un artista, obrigándome a min como público a facer un esforzo extra para poder entrar na música e chegar a esas emocións. Lois retoume a levar as gravatas nun concerto que tivemos Monstruo a semana seguinte. Non as levamos.

Por que Monstruo están dispostos a perder unha aposta con tal de non levar unhas gravatas dos chinos? Lembrei que hai tres ou catro anos tivemos unha etapa glam que debeu durar dous ou tres concertos. Chegamos a gastar nos chinos 30 euros ou así en comprar material para a primeira vez que fomos tocar a Madrid. Toni tocaba o baixo cunhas bolas de discoteca nas orellas, Xacobe lucía unhas mallas de camuflaxe e unha falda tiki e Teo e mais eu bonitos vestidos, o meu cun estampado e o seu de seda rosa, como de nena morta. Maquillámonos uns a outros no escenario, e logo dimos un concerto diante do que o público non parecia emitir ningunha reacción. Non teño moi claro que queríamos facer. Outras veces funcionaba aparentemente mellor e a xente pasábao ben co que facíamos. Unha vez despois dun concerto dixéronnos: “Que bien me lo pasé con vuestro concierto. ¡Cómo me reí!”. Iso foi bastante traumático porque non era a nosa intención (esa vez non iamos disfrazados) e o último que querería sería repetir unha situación como esa, porque o que facemos é ridículamente trascendente para nós. As gravatas quitarían o trascendente, pensei ao plantearme cumprir a aposta. E nese momento pola miña cabeza pasaron centos de ideas e persoas, como nun flash: a idea da honestidade na arte, a relación que esta poida ter coa verdade, David Bowie, “sé tu mismo”, o humor banal e o humor trascendente, Louis C.K., os nosos escasos recursos para traballar a posta en escena, Johnny Rotten e Jello Biafra, o que son capaz de facer cando subo a tocar e que nunca faría en calquera outro contexto, as cancións “graciosas” “Desconéctame” e “Macroeconomía” que Monstruo deixamos de tocar, Cuchillo de Fuego en motos de auga, Jonathan Richman, Ian MacKaye, a relación entre as gravacións e o directo, ter expectativas sobre como reaccionará o público, Obama, ser un grupo político.

Antes deste artigo, a única maneira que tiña de enfrontarme a todas as contradicións que había entre estes conceptos e as miñas propias experiencias eran regras de comportamento que simplificaban as cousas. Por exemplo, cando escribo unha canción, son incapaz de utilizar o humor porque teño medo. A que non se ría ninguén e tamén a que a xente solamente se ría. Pero odio ter medo ás cousas e a enfrontarme a contradiccións. Por iso decidín trasladar as miñas inquietudes a Cuchillo de Fuego (que para min son referencia en canto ao uso do humor nas cancións), os propios Ataque Escampe (que o fan cuns recursos diferentes) e Teo (cantante de Monstruo, que é quen peor parecía pasalo cando a xente nos tomaba a coña). Todos deron opinións articuladas e intelixentes que irei fiando as coas miñas dúbidas, probablemente malinterpretándoos nalgún momento e acabando con máis preguntas que respostas. Polo menos serán preguntas novas.

Decidín empezar polas gravatas. Ataque Escampe: “No pasado non sempre fomos o grupo máis profesional do mundo e, aínda que hai tempo que si que cremos ser solventes, arrastramos aínda un pouco esa imaxe de “rock de serie b” e de deixados, e queremos acabar con ela en todas as frontes posíbeis. Por iso é importante pensar o vestiario en escena, entender que é algo fundamental porque se ve, e claro, deixar claro que o que pasa no escenario é un espectáculo e, como tal, ficción. Ademais as gravatas eran vermellas e dos chinos, e o noso último LP é vermello e saen chinos nel. De todos modos xa non as usamos: eran moi fráxiles e daban un aspecto raro, non chegaban a ser un disfrace pero tampouco eran serias.” Nesta resposta xa hai máis preguntas. Por unha parte, como xestionar a imaxe que o público (por reducido que sexa) ten de ti e como cambiar iso se non se corresponde co que eres (ou co que queres que pensen que eres). Pola outra, que implica iso de que o que sucede nun escenario é “un espectáculo e, polo tanto, ficción”. Vou empezar pola primeira.

monstruo.jpg
Non atopei fotos da etapa glam

2. As pretensións do artista

Sempre me pregunto que queren facer exactamente os artistas co que fan, e que papel xoga niso o público. Sae en bastantes entrevistas desta publicación. Eu tendo a pensar en que sacar unha obra fóra, expoñela a que outra xente a reciba e reaccione diante dela, implica unhas pretensións. Non tanto unha idea elaborada de como debe ser esa reacción (risas no minuto 1, pogo no minuto 6, pensamento introspectivo no minuto 24) senón a intención de que se entenda certa mensaxe que se está a trasladar. Ultimamente penso niso, ademais, con respecto á idea dunha arte política e todos os distintos graos nos que ese aspecto político (que para min ten que ver cunha intención de cambiar algo socialmente ou provocar pensamento crítico) pode ser explícito. Juanes (voz de Cuchillo de Fuego): “Eu, como letrista, como mínimo quero que se me entenda (que moitas veces non é posible), comunicarme e que a peña pense un algo nos asuntos. Non creo que sexa a nosa unha mensaxe política exactamente constructiva. Eu diría que as letras teñen bastante de patetismo, de ridículo, de grotesco e cousas así. Pouco camiño a seguir e denuncia directa. Pero sonche ben políticas, na miña opinión, desde o momento en que tendo un micrófono te decides a expoñer estas miserias e estas sensacións chungas pero reais no canto dunha reivindicación pola libre entrada da xente en discotecas levando zapatillas de deporte. Ou, xa directamente, algo totalmente inintelixible, que é o que fan moitas bandas. Que, bueno, dalgunha maneira a ese caos de voces e de significantes perdidos poderíaselle dar unha coartada posmoderna de crítica semiótica ao sistema e blablablabla, pero vamos, a mí que me registren.” Nalgunha época, esas coartadas posmodernas resultáronme bastante atractivas. Pero creo que son un exemplo de autoxustificación diante dun fracaso (porque valen para explicar practicamente todo), e si fracaso prefiro asumilo que autoxustificarme (ou celebralo, que a idea do éxito é responsable de arruinar moita arte). Parte do atractivo do pop é que é iso, unha linguaxe popular e facilmente comprensible, dentro da que collen todo tipo de contidos. O atractivo político eu véxollo, quizais, na posibilidade de resumir en tres minutos e dunha maneira potente conflitos complicados.

O interese que ten para min facer cancións ten que ver, na maioría dos casos, con dicir cousas que non son quen de articular noutros contextos e con facelo tanto diante de xente que coñezo como de xente que descoñezo. Quizais máis isto último, pero normalmente penso en unha, dúas ou tres persoas concretas ao escribir letras e no resto do grupo ao facer música. O problema é que a gracia está en que o público colla unha obra e saque dela o que queira, porque a recepción tamén é un acto creativo. Por iso a arte que é literal e só ten unha lectura soe ser aburrida e previsible (como o sería o que indica Juanes de cantar sobre camiños a seguir e denuncia directa). Pregunteille a Teo que sentía cando nos malinterpretaban e tomaban a risa nos concertos (hai tempo que non pasa): “Cuando ocurría me sentía contradicho, sentía que el mensaje que expulsaba durante el bolo no era comprendido. Siempre me he culpabilizado por ello, por no saber dar forma a ese mensaje. Eso no ha cambiado y ese sentimiento de culpa incluso ha crecido, puede que hasta evolucionado. La mayor parte de las veces no creo lo que digo ni tengo seguridad en lo que hago, tanto a nivel artístico como en mi rutina diaria. Es muy difícil asegurar que has dicho algo y que ese algo ha surgido de ti, de una manera espontánea. Mucho más tratándose de una construcción premeditada, de un objeto artístico, un programado mensaje subversivo…o lo que quieras. Aparte, en este caso se suele tomar como algo banal y desenfadado, sin trascendencia.” Moléstannos a banalidade e o desenfado, creo, porque son aspectos que queremos excluír do que fagamos como músicos, artistas ou activistas. Pero creo que caemos (ou caio) nun bloqueo con respecto ao humor que nos sinalou Julián Hernández nunha entrevista da Revista Porno anterior, citando a Moncho Alpuente, que á súa vez citaba a Chesterton: “O contrario do divertido non é o serio, é o aburrido.” E non creo que ese bloqueo veña do feito de que nós só nos riamos de chistes como “Me dio recuerdos para ti Escabeche” ou “¿Cuál es el único animal que es dos animales a la vez?”. Penso que o problema non é que non se poda ser gracioso e trascendente, senón que non confiamos en que a audiencia o vaia interpretar correctamente. Creo que no que di Teo vese que non é unha actitude condescendente, senón máis unha desconfianza na nosa capacidade para articular o que pensamos ou sentimos. Un profesor horrible que tiven na facultade díxonos un día que o peor erro posible para un artista era tratar ao público como se fose parvo de máis para entender algo do que está a dicirse, e ese día recordo sorprenderme por oirlle dicir algo útil.

Pero a arte é probablemente algo máis que unha mensaxe, porque é probablemente algo que non é totalmente comprensible ou explicable. Por exemplo, o compoñente revolucionario do rock and roll está máis no inconsciente que no reflexivo, no sexual, na enerxía, no romper os límites. Nik Cohn falaba de como as adolescentes se mexaban por riba cando actuaba P.J. Proby, alguén que hoxe ninguén lembra. Eses berros histéricos de nenas de 12 anos significaban unha explosión de sexualidade nun contexto no que estaba constantemente reprimida. Pero o perigo é volátil, abstracto. Escribir sobre arte é divertido porque ninguén ten razón e todo o mundo está convencido do contrario. Despois de dicir algo atoparemos sempre un argumento oposto. E nese contexto, se a arte é máis que a mensaxe, entendemos a arte como medio ou como fin? Como medio é poderoso, pero incerto, porque o interesante comeza cando se remata o evidente. Se escribimos unha canción de amor tal vez nos sirva para declararnos e logo alguén poida posteala no seu Fotolog e asumila como propia pensando unha cousa distinta. Escribir unha canción de tema político paréceme incluso máis complicado. En política paréceme moito máis difícil xestionar mensaxes abertas e pouco claras, porque é o contexto no que a dúbida está máis excluída. Teo di algo parecido: “Nos hemos cargado la magia. La ambigüedad y el encanto sensual de la poesía son peligrosos; pueden ser usados tanto por un fascista como por un libertario. Para sobrevivir a esto deberíamos llevar una vida constante, sin interrupciones.” Quizais estou dándolle demasiadas voltas a algo que, aínda que é importante, non ten solución. Non podemos facer arte voluntariamente ambiguo e queixarnos porque a xente non entenda o que queríamos dicir. E aínda así, quizais estaría mellor se o entenderan (éme imposible imaxinar esa situación, que tamén podería ser terrorífica). Ataque Escampe: “En xeral as cousas tenden a non tomarse en serio, con ou sen humor. Que a un non o tomen en serio non é agradábel, pero pode deberse a moitos motivos e non só ao ton dos textos. En xeral intentamos que o humor estea presente no que facemos dunha forma natural, como está presente na vida. Normalmente o máis fácil é posicionarse nun ton sempre grave, ou sempre humorístico, e facer diso a voz dun. Nós preferimos ir mudando en función do que cada canción ou cada circunstancia requira. Canto á significación política, todo o que se fai a ten. Pero sería importante asumir que non é só unha cuestión de mensaxes, ou de mensaxes textuais. No caso da música, é a praxe dun proxecto o que é político e non só o que digan as cancións. Con quen editas, para quen tocas, como ves os teus compañeiros, que esperas conseguir. Aí é onde se fraguan as decisións políticas, a letra das cancións é un elemento secundario.”

chesterton1

3. No entienden mis chistes

Volvendo á cita de Chesterton, estiven revisando o editorial da Revista PORNO #2 e atopei este punto: A música agora é ocio, e iso implica que vai despois de todo o importante. Mellor ó revés. A música agora é entretemento, e estamos contra o entretemento. E contra o aburrimento. A xente quere marchar dos concertos e vai a eles como se fora a facerche un favor. Os concertos antes eran maxia ritual e se tocabas mal determinadas cancións podían executarte. Ter unha guitarra é ter unha responsabilidade. PORNO tentamos actuar conforme a isto.” Paréceme bonito dicir que buscamos unha maneira de loitar contra o aburrimento sen facelo a través do entretemento. Ese editorial era relativamente gracioso, e recordo pensar que o tono podía perxudicalo por iso mesmo, imaxinar un lector pensando algo como “ai, que ocurrentes”. Unha actitude de palmada na espalda. Volvo a caer na mesma contradición entre o optimismo de dirixirte a un público que tomas por intelixente (bueno, ou tan intelixente coma ti mesmo) e o pesimismo de crer que non saberán atopar a trascendencia nalgo (un concerto, un fanzine) que ao final é un obxecto de consumo. Nunha entrevista vella a Ataque Escampe atopara que Miguel (guitarrista) dicía que os obxectivos de calquera obra de arte deberían ser tres: entreter, emocionar e enriquecer. Pregunteilles como se podían compaxinar: “Se só tes entretemento pode resultar unha experiencia como a de consumir un caramelo: sábeche no momento mais non deixa pouso. A aspiración da obra de arte debería ser a de influír na vida do espectador de maneira produtiva, no día a día e nas súas relacións humanas. O difícil é conseguilo e para iso non hai fórmulas máxicas. Terán que operar elementos como a sorpresa, a empatía, o pracer, o misterio…”.

Nalgún contexto, a idea de que a intención dunha obra sexa influír no espectador pode considerarse pretenciosa, pero xa dixen que, para min, ter expectativas de cara á audiencia paréceme inherente a calquera proceso creativo que se faga público. A sorpresa, a empatía, o pracer ou o misterio parécenme elementos que aparecen na mellor música pop e no mellor humor. A risa é fonte de empatía. Facer rir é influir no espectador, é darlle pracer e normalmente implica sorprendelo (aínda que a xente moitas veces encontre graciosas cousas previsibles como La que se avecina ou repetitivas como os running gags). Durante bastante tempo a miña película favorita foi The Meaning of Life, dos Monty Python, que acaba cunha señora (bueno, con Michael Palin vestido de señora) sacando o sentido da vida dun sobre: “Tenta ser amable co próximo, evita comer graxas, le un bo libro de vez en cando, camiña un pouco, e tenta vivir en paz e harmonía con xente de todos os credos e nacións”. A película enteira provocou en min meses de reflexións sobre a arte, e escribín sketches que pensaba que imitaban o seu estilo para prácticas de clase pero non tiñan gracia. Useina para falar nun traballo sobre a posmodernidade e o pastiche… Cando me falaron da posmodernidade en clase pensei que era algo que molaba por aquelo da ruptura das fronteiras entre alta e baixa cultura. Agora tendo a pensar na era posmoderna máis ben asociada á renuncia ás utopías e esas cousas, o descreimento e todo iso que nos convirte en xente sen demasiadas ilusións. Dentro dese esquema, teño a sensación de que facer rir se asocia máis á evasión e o entretemento (a experiencias banais) que ao contrario. Juanes non está dacordo: “A xente sabe que o humor é bo. Non mestura ben coa política, pero si con case todo o demais. O público que pense que o humor é unha cousa estrictamente banal dame peniña. Non creo que sexan moitos.” Teo parece atopar o problema da banalidade nun proceso xeral da época: “La gente asocia la risa a la experiencia banal, sin duda. Pero iría más lejos, creo que se asocia la ironía, así como la ambigüedad o el absurdo con lo banal. Es decir, esto es mucho más grave de lo que parece. La comprensión objetiva de la realidad es siempre limitada. Creo que hay rincones a los que solo se puede acceder mediante la asociación arbitraria y la penumbra. Estoy hablando del arte, de las explicaciones que puede dar el arte en contraposición a la ciencia y el pensamiento racional, de su potencia. Y hablo del arte en su concepto más amplio, así que aquí incluiría todo lo que deriva del proceso artístico humano: los símbolos, los mitos… Los hemos perdido. La poesía sin un receptor sensible es ridícula.”

En xeral esa morte dos mitos dificulta darlle trascendencia ás cousas, así que pode ser que relacionar o asunto co humor sexa como relacionalo con calquera outra cousa. Simplemente foi por onde me cadrou porque é o que me plantea dificultades. Non hai grandes ideas nas que crer e nós (Porno, ou quizais máis ben sexa cousa de Monstruo e estea identificando unha cousa coa outra) defendémolas en oposición á apatía. Probablemente faríamos o contrario no caso de vivir nunha época rexida polos grandes relatos e ideoloxías fortes. O cambio é máis divertido que a repetición aínda que queiran facernos crer o contrario. Un dos logros do posthumor é pasar a poñer a incomodidade en primeiro plano, porque polo menos a día de hoxe a incomodidade é máis excitante que a comodidade no que ao espectador se refire. Lin unha crítica de José Lemur sobre Triple España de Cuchillo de Fuego na que os chamaba “punkies del posthumor”. Non creo que sexa exactamente algo que aplicar ao que fan (incluso encadralos no punk ten moitos problemas porque o propio termo os ten, aínda que musicalmente teña certo sentido). Cando tiña a idea de escribir este artigo, pensaba en Juanes cantando “Bouquet (Fuego y Mierda)” e a bonita paradoxa de dicir “Mis amigos no me caen bien, no entienden mis chistes. Es trágico” e que o público ría. Flipo moito cando tocan e sonan tan poderosos como unha bola de demolición, por exemplo, pero creo que a clave está en como iso se suma ao humor e consegue reaccións físicas intensas. A min resultoume moi sorprendente case todas as veces que os vin. Movemento e enerxías salvaxes pero humor e intelixencia. Pensei que sería interesante preguntarlles a eles por como usan o humor e que pretenden facer con el. Juanes: “A min persoalmente paréceme que o humor é unha cousa de gran beleza e que sen humor é moi difícil non facer algo ridículo. Pode facerse, pero é máis difícil. Non pretendemos nada concreto con isto. Escapar do ridículo xeral, se cadra.” Agora penso nese ridículo que, é certo, normalmente representa a ausencia de humor. A xente que non ten sentido do humor é normalmente xente que non ten capacidade para interpretar as cousas dende máis que un punto de vista. Por iso os fascismos non teñen gracia (bueno, por iso e polos crimes contra a humanidade). Porque clasifican as cousas en categorías mutuamente excluíntes. Se non renuncio ao humor na miña vida porque sería terrible, por que é tan complicado integralo no que faga a nivel creativo? Por que ese medo a compaxinar o gracioso e o tráxico? Gústame cando se di que a algo que lle tes medo en realidade teslle respecto, e supoño que irá por aí o meu caso. Que papel xoga o humor na arte, Juanes?Polo xeral, para min o humor é o sinal definitivo de intelixencia. Non necesariamente no eido das artes. Quero dicir, non é condición esencial para que me guste unha obra ou un artista. En literatura, sobre todo nos últimos anos, si que o agradezo moito. Na música pop, o mesmo. Pouco habitual. Hai unha liña moi fina que non se debe traspasar. Perigoso, por aquelo de converterse nunha charanga. Non chamarse “No me pises que llevo chanclas”, ou algo así, axuda”. Xose (guitarra): “Coincido, eu agradézoo moito pero é unha espada sen empuñadura, fai falla ser Juanes ou Morrissey para facelo guai. Creo que no contexto da música pop os anglosaxóns lévannos moitísimos anos de vantaxe nese sentido. Grupos de alá aquí entendidos coma “serios” ou directamente non entendidos (pola barreira que o idioma e o contexto social marcan) teñen máis chistes nas cancións que a ostia.”

A liña é fina e partimos moitas veces de referentes mal entendidos. En xeral, e pensando no que sinala Xose, é bastante probable que algúns dos logros e moitos dos defectos da música pop que facemos en Galicia veña de malinterpretar as nosas influencias anglosaxonas, a nivel estético e quizais tamén ideolóxico. Malinterpretar o humor pode ter quizais un resultado dobremente gracioso. Aquí véñenseme á cabeza políticos con gracia involuntaria como Pedro Sánchez (“antes de nada, un aplauso por lo bien que ha hecho la pregunta”) ou gracia siniestra como José María Aznar (“¿y quién le ha dicho a usted que quiero que conduzca por mi?”), pero non é exactamente iso. Non é tan simple como alguén que é gracioso porque non se dá conta ou alguén que pensa que é gracioso por unha cousa e o é polo contrario. As circunstancias da época e as interpretacións canónicas de calquera acción dominan a maneira na que entendemos todo, aínda que nos rebelemos contra iso. E Teo pensa que, no contexto contemporáneo, o humor perdeuse: Solemos entender humor como gracia, coña, guasa… Entendamos humor como estado de ánimo, la acepción psicológica de la palabra humor. Los estados de ánimo pueden alterar los resultados del método científico positivista. Los estados de ánimo son peligrosos porque pueden estremecernos. Creo que, así como hemos perdido la esencia del mensaje artístico, de los mitos y los símbolos, hemos perdido también el humor. Lo hemos sustituido por cosas más sencillas y breves. En un entorno de ironía constante, cualquier mensaje con humor “real” se pierde en la inmensidad del todo, emergido por un instante de esta como patético. Lo señalamos, hacemos un breve comentario y pasamos a otra cosa.”

Un entorno de ironía constante, de cousas breves e simples como o que Internet promove. Supoño que ten sentido. O superficial é máis breve que o profundo, que necesita o tempo de cavar. Aínda que podes pasar un mes mirando o mesmo meme se queres, probablemente serías considerado un enfermo mental se o fas. Desconfiemos sempre de quen define a enfermidade, en todo caso. A pesar de que a ironía acarree certos problemas, admiro a quen consegue integrarla no seu discurso dominándoa e non sendo dominado por ela. Tanto no caso de Ataque Escampe como de Cuchillo de Fuego, paréceme marabilloso como pode asomar no medio de paixóns románticas, dramas íntimos, relatos con mala ostia ou o absurdo. É algo que os fai necesarios. Ataque Escampe: “A ironía é como unha desbrozadora, é moi útil nunha primeira fase para acabar coa seriedade cerimoniosa porque é destrutiva, pero cando chega o momento de construír xa non debería funcionar máis que como un aderezo, como o pimentón no polbo, a risco de contribuír para o cinismo. Pero a ironía e o seu curmán o sarcasmo son moi invasivos e si, ás veces dá a sensación de que é o único humor posíbel ou aceptábel. Hai textos de cancións que son como comer pimentón a culleradas.”

bruce-springsteen.jpg

4. Unha auténtica merda

Hai un tempo pasei varias semanas pensando moito en Bruce Springsteen. Vira o documental Springsteen and I, que vai sobre os seus fans, e pareceume moi bonito como integran ao seu ídolo e as súas cancións nos seus relatos vitais. A miña favorita é un tipo que ía ir coa súa moza a ver ao Boss pero ela cortou con el. Así que fixo un cartel que poñía: “Ola Bruce, acaban de deixarme”. Bruce leu o cartel dende o escenario e respondeu. “Todos sabemos o que é iso. Onde está o meu home? Que pasou, meu?” O rapaz apareceu e Springsteen pasoulle o micro para que se explicara: Pensaba que non pasaba suficiente tempo con ela.” Todo o mundo se descojona e o seu ídolo dille entre risas: “Probablemente tiña razón! Como? Que se podo darche un abrazo? Claro, sube aquí!”. O homiño sube e abrázase a Bruce cunha ilusión que non é normal. “Todo vai ir ben. Non te preocupes de nada. A min deixáronme moreas de veces… e agora arrepíntense! Así que xa se arrepentirá. Marcharon demasiado pronto! Perdéronse os cartos do adianto da discográfica, marcharon demasiado pronto!”. É verdade o que conta Springsteen ou faino só como parte do espectáculo? Unha cousa non quita a outra. Pero creo que para todos os fans que saen na película non existe a posibilidade de que o seu personaxe sexa un recurso, unha mentira, unha ficción. É unha persoa porque se Springsteen interpreta a alguén interprétase a si mesmo (non é como Bowie). Eu mesmo enfróntome a algúns dos meus ídolos (tampouco teño moitos) en base a esa idea da autenticidade. Hai unha canción de Jonathan Richman cunhas estrofas que me encantan e que me serven de moito: “I was waiting for affection / but I was looking in the wrong direction / What I needed was not so much to be loved / As to love”. A lección, a idea, é a mesma se ma di Millán Salcedo ou Íñigo Errejón, pero necesito crer nesa verdade, necesito identificarme co que se me está contando e non pasaría con calquera. Depende do discurso xeral do artista, claro, e aquí estou falando de dous que veñen de épocas anteriores á ironía continuada da que falaba Teo. En 2012, Springsteen deu un discurso brillante no South By Southwest no que dicía que vivimos nun mundo post-auténtico e que hoxe a autenticidade é unha casa de espellos. Pero de todas formas penso que que no pop domine a primeira persoa pode ter algo que ver co que digo. Cando a xente canta as cancións nos concertos ou as utiliza para poñer de estado no Facebook hai algo dese sentir que algo che pertence, de apropiarse dunhas emocións que saíron fóra para construir as propias.

Sempre pensei na música pop como en cancións coas que teño a capacidade de identificarme. Cancións que “falan de min” ou expresan o que sinto mellor que eu mesmo. Sumado ao compoñente rebelde ou o que sexa do rock and roll creo que ten un sentido subcultural. É dicir, eu identifícome co que din… non sei, Pulp, e ti non, polo tanto ti non o entendes e quedas excluído do meu grupo. Ten algo de xeracional tamén ás veces (de aí quizais o odio a Dire Straits e o medo á música pureta). Todo isto é bastante ridículo e tamén bastante bonito ás veces, por aquelo de formar parte de algo. Volvendo ás gravatas de Ataque Escampe, a identificación cun artista, incluso cun colectivo, ten que ver con negar a ficción e non con asumila. Pensándoo dunha maneira extrema, sería como ir ao cine e pensar que os actores son persoas que morren, como a miña bisavoa que pensaba que cando Franco aparecía pola tele estaba escoitando e dicía que coidado, que ninguén falara mal del. Efectivamente, bastante ridículo e bastante bonito. Bertolt Brecht quería fuxir desa inmersión da ficción porque o pensamento crítico que procuraba co seu teatro (unha arte política) viría dun espectador consciente de que o que está a ver é un espectáculo. Iso é bastante máis interesante que os discursos que cren na autenticidade dunha forma radical, que asumen que facer arte é exclusivamente, e literalmente, falar dun mesmo e dicir a verdade. Cando arriba estou falando de precisar a autenticidade do ídolo quizais estou falando máis ben de honestidade, que era o criterio que utilizaba cando tiña 13 anos para defender que Nirvana eran mellores que David Bisbal, que non era só unha cuestión de subxectividade.

E aínda así, a idea da honestidade é demasiado simple. Facemos arte honesta? Pensamos demasiado ou demasiado pouco para construír a nosa arte? Teo: Una vez leí una frase de Artaud que me marcó bastante: “Todo debe colocarse/ en un orden casi fulminante”. He pensado mucho en eso. ¿Grito primario o construcción premeditada de ese grito? ¿Es deshonesto disfrazarse? ¿Se puede ensayar la espontaneidad? Yo lo veo como una necesidad. Puede que sea una excusa, pero para romper con esa necesidad de excusarse veo extremadamente práctico construir medios personales: para recuperar la espontaneidad, hacerla emerger. Para mí es la única posibilidad. No soy espontáneo en mi vida, y necesito curarme de eso, necesito hacerme real de alguna manera. Hablas de falsedad, teatralidad y engaño. Mi opinión es que la mente humana funciona por ilusiones, y la creación de nuevas ilusiones, engaños, como una especie de ejercicio de auto-hipnosis, es la única manera de distraerte de esas otras ilusiones que te limitan. Todo es mentira, así que todo es cierto.” Vai quizais na liña do que dicía Brian Eno nunha entrevista, de que a arte non é perigosa porque non fai ningunha diferencia, porque todas as experiencias emocionais intensas que tes coa arte son irreais, son postas aí para ti e aceptas participar nelas. Necesitamos ilusións para combatir outras ilusións, certo. Necesito crer en cousas, pero pode estar ben ter a decisión de facelo.

Preguntando a Ataque Escampe por que usan o humor atopo un esquema que pode achegarse ao de Cuchillo: “O humor serve como contrapunto dunha situación penosa. Esa tensión entre o cómico e o triste pode causar estrañamento, misterio e sobre todo, empatía no ouvinte. O humor identifica unha anomalía da lóxica e pona de manifesto, creando unha distancia co que se está contando. Ten no fondo unha intención crítica co propio discurso e procura que o ouvinte estea sempre alerta. Cómpre, iso si, saber integralo no discurso, coa voz que fala, para que non resulte gratuíto e si complementario.” Ataque Escampe teñen varios cantantes, en ocasións dentro da mesma canción, e varios letristas que aportan cousas ás veces a un único texto. Hai no seu caso unha riqueza de voces que me parece moi interesante para plantear a dúbida sobre o principio da autenticidade do rock, que é crer que quen enuncia ten que ter algo que ver co que é enunciado. A centralidade da voz na música pop ten unha consecuencia que é horrible, a nosa necesidade permanente de personalidades que analizar. Buscamos respostas ás cancións indescifrables de Bob Dylan lendo biografías ou libros de Greil Marcus, que son moi divertidos pero tan válidos como a opinión de Henrique Tello, aquel concelleiro do BNG da Coruña que renunciou a traer a Dylan porque era un maleducado que non saudaba ao público. Necesitamos sempre un líder, unha cara de referencia, alguén a quen imaxinar sentindo ou sufrindo. Por iso Pablo Iglesias e Ada Colau se convirten nos logos dos seus partidos de nova cultura política. Ataque Escampe comentan que tentan ollar o mundo a través de personaxes alleos a eles, pero que ademais todos participan de todas as decisións e dan lugar dese xeito a esa polifonía: “O directo é unha manifestación máis desta realidade. Aínda que sempre temos un frontman de referencia, os micros están abertos para todos e moitas veces o cantante non é o que máis fala. Se hai sorte, é incluso probable que o público nos sorprenda discutindo. Transparencia, chámase.” Xa que logo, é un método honesto, se iso aínda nos importa. As gravatas formaban tamén parte desa transparencia, e quizais non era xusto que eu lles pedira máis ilusionismo, xa que para eles a teatralidade é “cada vez máis, a única maneira que temos que defender a nosa música no escenario. Tocamos estilos tan diferentes e facemos unha música tan ecléctica que non hai outra maneira. É difícil ser Nick Cave e Antón Reixa no mesmo concerto. Por iso, botamos man dunha máscara diferente en cada canción. Non son máscaras físicas, senón de ambientación, de relación co público e cada unha intenta crear a atmosfera adecuada para cada canción.”

cuchillo.jpg

5. Punkis de salón

Ao falar sobre “Bouquet”, Juanes comentaba que a música da canción lle pedía á hora de facer a letra “un narrador mesquiño e pouco fiable”. Dicía antes que lin como os calificaban de “punkis del posthumor” e fíxenlles algunhas preguntas sobre o punk e o hardcore, porque en moitos sentidos me parece que o estricto de certa ética “auténtica” se converteu nun lote de limitacións á hora de facer cancións e comportarse no escenario como se houbera que ser “un mesmo”. En xeral o punk ten máis que ver coa liberdade, pero tamén coa liberdade de impoñerse limitacións. Supoño que pensaba na rixidez de Ian MacKaye, que me parece un tipo moi serio, parando concertos de Fugazi para abroncar aos violentos que queren pogos (algo que me parece ben). Na pregunta tamén mencionaba a tipos máis ou menos graciosos como Johnny Rotten ou Jello Biafra. Juanes: “A pregunta é se somos punk/hardcore de actitude? Pois non cho sei, a verdade. Supoño que dentro dos 4 individuos que somos na banda uns o son máis ca outros. Eu persoalmente non teño a ningún dos arriba mencionados como referente. Como colectivo está claro que estamos a tope co faino-ti-mesmo e que nos gusta a intensidade, a velocidade e o ruido. O son natural antes que o sobreproducido e, non sei, supoño que hai un tema aí de fisicidade. Nada machocore, pero si de dar liberdade aos impulsos e mesturar público e banda nun mesmo espazo (pero sen pisarlle os pedais a Xose).” Xose: “É que se me escarallas os pedais a ver que facemos.” Interésame moito como Cuchillo traballan con algo similar a esa tensión entre o cómico e o triste da que falan Ataque Escampe. E imaxino a Juanes nunha posición moito máis parecida á de Jarvis Cocker que a de calquera dos anteriores, certo. Dentro diso, e como el, á hora de narrar utiliza distintos tonos e personaxes, e minte aínda que fale en primeira persoa, claro: “De novo, a titulo persoal, ME LA SOPLA a corrente unificada de pensamento punk que poda considerar a “falsedade” coma un enemigo da súa pureza. Si que é certo que hai moita ironía, ambigüedade e lixeireza nalgunhas destas letras. Como na vida, vaia. Gústame pensar que o público non é un fato de mamarrachos descerebrados e procuro actuar en consecuencia. E se fose político, tentaría facer o mesmo e probablemente fracasaría solemnemente. O dos personaxes e o escenario, pois mira, eu supoño que ninguén ten unha soa personalidade, non? Polo menos eu non son o mesmo cando estamos tocando que cando estamos xogando a Futbol 7 no El Nogal ou cando estou no traballo. Pero vamos, nada premeditado.”

A verdade é que aquí forcei un pouco as cousas. Si que me preocupa que a xente se ría cando non estou facendo algo gracioso, pero o purismo punk preocúpame tan pouco como a Juanes. Ás veces atópome con actitudes que defenden que as gravacións teñen que ser fieis ao que será despois o directo (nun contexto “subterráneo”, no cavado, creo que se tende a valorar máis a un grupo polos concertos que polos discos), e paréceme que se equivocan porque son case artes distintas aínda que estean feitas polas mesmas persoas. Pero tampouco me molesta que se parezan, porque incluso en casos nos que non hai sobreprodución nin arranxos, nin tan sequera overdubs, o directo sempre aportará diferencias, caos, azar (e canto máis, máis interesante é para min aínda que poida ir a costa dun valor estrictamente musical). Preguntáballe a Juanes sobre se había diferencia entre quen eran no escenario e quen eran na “vida real” porque falando con outros músicos atópome con que é común a problemática de estar “cómodo” no escenario. É difícil ser “natural” segundo como sexa a túa personalidade ou a seguridade que teñas facendo o que fas. Non o plantearía nos termos de ter “varias personalidades”, senón en facetas distintas dunha única personalidade. Estar nun escenario é á vez máis público e máis íntimo que un contexto calquera no que trates cun grupo de xente descoñecida. Eu teño a sensación de que nun concerto expoño cousas que non lles ensino nin sequera aos meus amigos, e ao mesmo tempo a vergonza non me deixa expresarme con xeito entre canción e canción. Nese caso gustaríame ser capaz de ser teatral, pero tamén de dicir algo interesante sen ter que “actuar”. O interesante para min está en perder o control, e por iso ten certo sentido falar de autenticidade, porque é o que aparece nas situacións de descontrol, como cando lle van pegar a un colega e descubres se eres dos que se meten, dos que quedan parados ou dos que saen correndo [1]. Gústanme moito os termos nos que o plantea Teo: Monstruo somos inseguros e inocentes y damos cierta lástima. Esto todo sigue teniendo que ver con el arte, con los símbolos, con los mitos y los rituales. Aquí lo ampliaría con la idea de máscara, de disfraz. Y también tiene que ver con los recursos excepcionales que tienen los objetos artísticos para explicar la realidad: siendo otro, desgarrando las fronteras del significado, en este caso de lo que uno mismo es o cree ser, rompiendo la monotonía de la identidad, podemos llegar a lugares diferentes, ver con ojos diferentes, sentirnos desatados y alcanzar otras perspectivas que obviamos normalmente. Añadiría aquí, a lo que dije sobre las dudas y el sufrimiento de crear en la primera pregunta, el sufrimiento de no alcanzar ese ideal que busco al tocar en directo. Al actuar hay poca premeditación, al menos en mi caso. Eso es maravilloso, y en ello reside gran parte de su poder: en la inconsciencia del directo. Pero también saca a la luz todos los prejuicios que te anquilosan y te impiden ser realmente tú. Te revelas a ti mismo lo que no eres y podrías ser o, en algunos casos, lo que eres realmente. No creo que haya encontrado todavía la máscara adecuada.”

Para min a idea da autenticidade ten algo de fermoso, pero en relación a pensar na máscara como algo que sae de nós mesmos e non necesariamente algo que decidimos adoptar. Por iso non o plantearía como fan Ataque Escampe, que falan de que a diferencia entre os seus personaxes e as súas persoas é “a diferenza entre ficción e realidade. Outra cousa é que certos factores da realidade sexan aproveitábeis ou inevitábeis no espectáculo de ficción, pero hai que asumir que se trata dunha ficción e que subirse a un escenario a tocar un instrumento diante de todo o mundo é todo menos natural.” Que non sexa natural non implica que non poida ser “auténtico”. O relato da autenticidade tamén ten algo de fermoso na forza das ilusións que xenera no espectador. Como dicía Kim Gordon, nos concertos “a xente paga por ver a outros crer en si mesmos”. Algo diso hai na fisicidade de Cuchillo, aínda que probablemente vai máis lonxe e funciona tanto co discurso da ficción como co do auténtico.

Aínda así non vou enganarme. A autenticidade ten bastante máis de negativo que de positivo porque dá lugar a cousas como el auténtico rock and roll e moitos dos revivals. Ataque Escampe din que toda autenticidade é impostada e paréceme certo na maioría dos casos: “Canto máis sincero quere parecer un músico no escenario ou nun video, sobre todo as persoas que cantan, máis perigo corre de resultar ridículo. A música, os concertos, son unha arte escénica. Hai alguén que fai e unha masa que mira. Todo o que está enriba dun escenario cobra unha dimensión diferente, extracotidiana. E isto serve tanto para a música como para un mitin político ou un strip-tease. A música pop xogou coa dimensión espectacular desde sempre, desde Elvis e os Who ata Unicornibot, pasando por todo o rollo glam que levou a teatralidade ao centro da súa proposta. E iso ningún músico o debería esquecer. Os concertos son un acontecmento máis visual que auditivo. Por iso se poñen pantallas xigantes nos festivais. A xente vai a mirar que é o que fan os músicos (como se moven, que din, como se relacionan entre eles ou como visten) non a escoitar como tocan a súa música, porque para iso xa a escoitan na casa con máis calma. A autenticidade nos actos públicos non existe. Se queredes ver autenticidade tedes que deitarvos cos músicos e verlles as legañas e a uñas dos pés á mañá seguinte.” E aínda así creo que esquecen ese momento de sorprenderse a un mesmo, esa posible revelación que ocorre a través da dimensión ritual que calquera performance ten. É pouco frecuente pero é o que dá sentido a ser intérprete. O concerto é un acontecemento visual e de aí que todo o que estamos discutindo agora non teña nada que ver coa música, que dificilmente pode ser auténtica ou graciosa [2], e si con todo o demais.

Chegando ao final, non é no meu caso a música, senón todo o demais o que fai que me identifique, aínda que calquera das dúas cousas pode porme os pelos de punta. En todo caso, estou aplicando moitas veces esquemas dos ídolos do rock a xente que coñezo e así é normal que non funcionen. Para min é moitas veces máis sinxelo identificarme con xente que comparte o meu contexto que con distantes artistas que cantan en idiomas que non entendo, se ben a eles podo atribuírlles con máis facilidade a aqueles cualidades sobrenaturais (é a cousa do personalismo, si). É unha cuestión de distancia, creo, e quizais iso xire por riba de calquera dos conceptos anteriores. A distancia condiciona calquera expectativa que poidamos ter como emisores ou receptores de arte. Teo cre que todos os individuos loitan entre o seu eu “real” e o seu eu desexado e que por iso a xente ansía vehementemente alcanzar certa plenitude na súa personalidade. É preciso marcar distancias entre artista e audiencia? “Sí y no. Los recursos teatrales que usan los músicos en directo tienen para mi un aspecto ritual. Esto es, deberían estar dirigidos a un propósito concreto, un propósito en el que se incluya tanto a los músicos como al público. Olvidemos lo de músicos, son actores. Así que hay personajes, sin duda, pero en todas partes hay personajes. Y la distancia puede jugar un papel importante, ya que, de alguna manera, al músico/actor le puede facilitar las cosas situarse por encima para transmitir su mensaje, incluso puede potenciarlo. Hablas del caso de los Dioses del Rock, ahí lo tienes. En el caso de la música “underground” (cavada) yo veo algo así como, en un vacío de trascendencia, una especie de oposiciones constantes a líder espiritual.”

ataque_escampe-785x523.jpg
Con estas camisas si que me gustaban

6. Volven as gravatas

Volvo mirar as gravatas e pensar no seu enorme poder. En como me impedían ver máis aló do seu brillo. En que, sacadas por sorte da circulación no campo das artes escénicas, funcionan agora como un símbolo do pensamento crítico, un obxecto que obriga a calquera a ir máis aló para buscar explicacións. Vin esta semana o da dimisión de Guillermo Zapata, o que ía ser concelleiro de cultura en Madrid, e pensei se podería chegar algún día eu a ser concelleiro en Oleiros, por exemplo. Juanes dicía que o humor non casa ben coa política, e revelouse unha cousa horriblemente certa: é insultantemente fácil entender as cousas mal, especialmente cando non hai ningunha preocupación por entendelas. Así, redúcense debates trascendentes a linchamentos e lugares comúns. Pensei nos problemas que lle trouxo a Zapata “ser el mesmo”. Pensei en “ser eu mesmo”. Pero tampouco teño tan claro quen son e como son. A arte, o escenario, sérveme ás veces para descubrilo e para descubrirllo aos demais, cando o fago ben e cando o fago fatal. Nese sentido, as limitacións e a incomodidade son un grado. Son os lugares dos que partir para romper cos bloqueos dun mesmo. Falar dos concertos como algo místico sona a delirio hippie, si, pero como levo un rato pensando en “coñecerme a min mesmo” estou nese plan. A vida e a arte están demasiado lonxe, aínda que hai xente que vive artisticamente. Moitas veces iso sucede co humor e a teatralidade, e no mellor dos casos eses aspectos supoñen interrupcións, momentos de lucidez irrepetible na rutina do que podemos, sabemos e queremos facer. Os artistas importantes (como o son para min os deste artigo) poden axudar a converter a interrupción nalgo constante e dificilmente reducible a termos como mensaxe, emisor e receptor, expectativas, autenticidade, público ou privado. Dificilmente reducible á idea dun bo ou mal concerto ou á idea de verdadeiro ou falso, e aínda así colle todo nunha gravata dos chinos.

  1. Eu son dos que quedan parados, como comprobei unha vez que me quixo pegar unha especie de vikingo drogado e Xacobe me salvou de morrer porque é dos que se meten.
  2. Meto aquí un inciso fantástico de Xose que me quedou descolgado: “A menos que sexan os típicos sons de “instrumentos de la risa” coma o matasuegras, silbato boliviano e esas cousas, encontro moi difícil que a música sexa graciosa de por sí. Pode ter gracia no desenfado (o típico riff subnormal de dúas notas), pero levar humor incorporado o vexo complicado, non sei. RECTIFICO, a verdade é que sí que pode ter gracia aínda sen ter letra, paréceme gracioso o mítico tema de segundo e pouco de Napalm Death “You Suffer” e fanme rir en xeral os excesos coma a velocidade absurda, unha mistura de son de caixa intencionadamente desagradable e cousas así teñen gracia, a verdade. E moitas veces escoito as miñas propias gravacións e dame a risa polo entrañables e parvas que poden chegar a ser resultar.”