Cancións, caras e lugares. Rexistros dunha escena galega

fan unicornibot

Esta foto de David Tombilla no último concerto de Unicornibot, na que sae Gael Carballo gravando, está ilustrando o evento de Cancións, caras e lugares,unha sesión de vídeos de concertos dunha escena galega que programei para o Cinema no Xardín do Liceo Mutante, este venres 26, e cóntovos un pouco por se queredes vir.

De que escena galega falamos? Falar de escena underground galega, por exemplo, como se só houbese unha, sería faltar un pouco á verdade, porque case todas as escenas que haxa por aquí van ser underground e hai realidades nos mesmos lugares que apenas se tocan (iso pode ser triste, pero xa é outra cuestión). Para ter un punto de conexión, escollín vídeos nos que saen bandas que tocaron algunha vez no propio Liceo, co cal penso que se recolle unha especie de vínculo que está preto da autoxestión e dunha relación pouco xerárquica entre quen está no escenario e quen non: as persoas que tocan poden aparecer outro día bailando en primeira fila, ou facendo o son, ou a cea, ou gravando vídeos.

Tampouco quero rallar moito dándolle voltas a isto dos vídeos de concertos, porque xa falei deles nun texto que escribín hai un par de anos que se chama Equilibrios precarios. Pero si que quero repetir que me parece que estes rexistros son importantes e abren unha maneira de representar a realidade da música diferente á habitual no documental musical, nos medios especializados, nos videoclips e noutras formas que recollen concertos, en parte porque é un rexistro ao alcance de calquera:

  • Igual que a escena, é menos xerárquica: as bandas deixan de ser o elemento central e aparecen outras experiencias e persoas, ademais de que estes vídeos están gravados por artistas, profesionais e amateurs a partes iguais.
  • É bastante libre esteticamente: hai dende experimentos moi guais coa montaxe a vídeos de móbil completamente improvisados.
  • Parécese ao cinema doméstico: son imaxes moi importantes ou incomprensibles en función da relación que teñas con elas. Se non tes un coñecemento previo sobre o que (e a quen) estás vendo e escoitando é probable que te sintas como se vises o vídeo do cumpreanos dun neno austríaco. Se o tes, pode ser como ver a túa familia.
  • Ten un valor documental e etnográfico: recolle persoas, actividades e cancións que doutra maneira nunca serían recollidas e que ás veces nunca son gravadas.

Na sesión hai vídeos de Flaco Fláquez, David Tombilla, Teo e Sonia, Mar Catarina, Rubén Domínguez, Anxos Fazáns, Borja Vilas, Yasmin El Hachimi, Gael Carballo, Carlos M. Peñalver, Darío Real, Quete McFly e María Yáñez.

Saen Unicornibot, Mullet, Emilio José, Lamprea Explosiva, Meus, Zara, Telephones Rouges, Travesti Afgano, Glitchgirl, Fantasmage, Malandrómeda, Contenedor de Mierda, Terremoto Sí, Cuchillo de FuegoSrasrsra.

Álvaro Larriba: “O que quería era ensinar o que había detrás do Liceo, que son as persoas”

Mutantes Final v1.00_48_37_09.Imagen fija007.jpg

Hoxe A Cuarta Parede publica esta entrevista que lle fixen a Álvaro Larriba sobre a súa peli Mutantes, que proxectaremos á noite no Cineclube de Compostela. Como xa está alí, non vou colgala aquí, pero si avisarvos de que con ela se aprende moito sobre activismo, traballo e gravar cousas ás que estás moi achegado. E que é unha peli que ten que ver coa vontade, coa urxencia de facer por riba das circunstancias (supoño que igual que o Liceo). Un extracto do que di Álvaro que penso que exemplifica o primeiro:

“A xente máis ou menos sabe que tipo de música se toca alí, que cine, que teatro, que cousas se fan… pero a xente moitas veces non ten moito coñecemento de como se traballa alí, que é o realmente interesante. Todos temos amigos que están desconectados deste mundo, que non teñen este tipo de intereses, e moitas veces cando explico o Liceo cústalles entender que a xente traballe de balde e cousas deste tipo. É naturalizar, ensinar que é xente que é moi distinta entre si pero que se xunta e fai isto, que se establece unha relación entre xente que non ten nada que ver pero se une por un fin común. Sentía a necesidade de facer algo sobre o Liceo que fose distinto aos puntos de vista que se deran ata agora. Non contar a marabillosa vida do Liceo Mutante, senón que a xente discute nas asembleas, que temos unha rata vivindo no Liceo, que chove dentro… O Liceo é marabilloso, pero traballar alí ás veces é unha putada, chegas e atopas todo feito un cristo… Iso é realmente o Liceo. O outro tamén, pero o día a día no Liceo é así.”

E outro que penso que exemplifica o segundo:

“O Liceo para min é vital, en Galicia, en España e sobre todo en Pontevedra. Non volvería a Pontevedra por nada, se non fose porque está o Liceo alí. Eu creo que cumpre un papel moi necesario. Nós mesmos, a xente que tocou, toca ou vai tocar en bandas e que temos unha forma de pensar que non é tan asociada ao capitalismo á hora de facer o que queremos, dentro da música, do cine, do teatro, da autoedición, dos fanzines… o Liceo é simplemente un instrumento para poder compartir entre nós o que facemos. E ten que estar. Se non está buscaríamos outra forma, pero por sorte reuníronse dez persoas hai sete anos en Pontevedra e decidiron poñer pasta do seu peto, que non tiñan, e comezar a facer cousas. E iso é positivo, eu aprendín un montón. Cando empezou eu tiña vinte anos e non pensaba tanto nestas cousas, e grazas ao Liceo agora teño unha forma de pensar moi distinta. E por culpa diso posiblemente non me vai tan ben [risas] pero son feliz co que fago. Mentres queira facer películas e queira facer música ou o que sexa, grazas ao Liceo vou facelas dunha forma máis libre.”

rexistro|8| vou deixalo todo

Fixen outro vídeo para o arquivo de Prenom. Este foi de casualidade:

Este vídeo é así como podería ser doutra maneira ou non ser. Mar levou a cámara ao Liceo e nun momento díxome “grava aí algo a Pablo Und Destruktion”. Esa cámara é fantástica, ten un micro ben xeitoso e un zoom de moitos aumentos que pixela dunha maneira moi bonita, así que aproveitei iso e busquei cousas. Primeiro mirei a Berto Fojo, ilustre batería, mirando dende detrás da batería. Logo quixen mirar moi de preto a Pablo. A imaxe vólvese así outra cousa estraña e rítmica. É unha persoa pero tamén son liñas e cores, rastros e algún efecto estraño da falta de luz. O mesmo pasa coas baquetas. Logo atopei que a columna que tiña diante da cara non era tanto un problema como unha oportunidade para facer falsos fundidos. Tamén atopei a Mar, claro, a Jose anotando cousas e houbo algún cacho no que non atopei gran cousa. Ao acabar o concerto fun ver se gravaba a algún dos moitos amigos e amigas que hai no aniversario do Liceo Mutante pero os dous primeiros tiñan pavor á cámara e ao asustalos quedoume mal corpo e supuxen que era cousa do destino así que lle devolvín a cámara a Mar e xa non gravei máis. Logo díxome se quería montalo pero decidimos que iamos deixalo todo, igual que canta Pablo na canción. Fixo Mar un par de transicións para pegar os tres clips de vídeo que debía haber.

A maiores disto que puxen no texto de introdución hai outra cousa: non me lembraba para nada de que cancións gravara. Normalmente teño a sensación de que cando gravo a alguén tocando me fixo máis en todo, e na relación do son cos xestos e os movementos, pero desta vez pasoume ao revés. Tamén porque estaba xogando a buscar uns efectos visuais que non tiñan necesariamente relación co que escoitaba. Deberían tela? Eu tendo a pensar que é mellor que si.

rexistro|5| burela ela ela

 

Hai unhas semanas fun tocar de sustituto con Ataque Escampe ao Xebra de Burela, e fixen este vídeo para o Prenom arquivo, un proxecto que empezou Mar Catarina e que me gusta moito porque creo que ten o máis bonito que poden ter os vídeos de escenas musicais: como son parecidos a vídeos domésticos, están cheos de momentos felices e divertidos, celebracións que entendes e disfrutas máis completamente se coñeces a quen sae. Teñen naturalidade e un pouco de performance. E como a miúdo están feitos por xente con inquietudes cinematográficas (ata agora Mar, Rubén e Gael), teñen un aquel de inventiva estética na gravación e na montaxe, pero sempre cunha despreocupación que agradezo moito. E claro, son recordos bonitos que doutra maneira se perden. De pequeno nunca tivemos cámara na casa e agora boto en falta algunha cinta de momentos bonitos como este, no que puiden tocar cun grupo que me encanta, ver un concerto marabilloso de Oh Ayatollah e en xeral volver á casa feliz.

Mar díxome algunha cousa máis sobre a súa idea de facer o arquivo o outro día que lle preguntei:

“Véndese unha idea de democratización da imaxe pero quen posúe esas imaxes, ou as imaxes que crean a historia dun pobo, son as institucións. Entón claro, as institucións difúndenas, manipúlanas, utilízanas para crear un relato e unha historia que está determinando a nosa percepción, o noso imaxinario colectivo sobre unha realidade. Cando ti fas un arquivo, en certo modo estás resistindo ou creando unha subversión a ese arquivo institucional que se transmite a un pobo“.

Se a alguén que lea isto lle interesa o tema, o ano pasado escribín un texto sobre os vídeos desa escena underground galega para presentalo aos premios María Luz Morales e está publicado nos Papeis da Academia.