Proxecto Rizoma: investigando o underground galego

Descrición da foto non dispoñible
As imaxes do texto están collidas das redes do Proxecto Rizoma, e o logo é de Laura Calvo

No Diario Cultural Zeta do pasado domingo estiven falando con Antonio Méndez sobre o Proxecto Rizoma, unha iniciativa de divulgación arredor da música underground galega (en forma de páxinas en Instagram, Facebook e YouTube e centrada no punk, o metal e o rock) que promove a investigadora Estefanía Tarrío, a quen lle fixen unha serie de preguntas. Contoume máis do que nos deu tempo a tratar na radio, así que vai debaixo un texto algo máis extenso que o podcast, que pode escoitarse neste enlace.

Na última colaboración que fixen no Diario Cultural Zeta dáballe un pouco de voltas ao difícil que é falar de música ás veces. En realidade, normalmente é moito máis agradecido aproveitar a música para falar doutras cousas que suceden arredor, e este é un destes casos: ao falar dun proxecto de divulgación como o Proxecto Rizoma partimos da música para falar de investigación, de memoria, dos medios e a hexemonía, de modelos de participación na cultura… e, máis implicitamente ou menos dependendo do caso, das implicacións políticas de todas estas cousas.

Que ten de especial unha iniciativa como esta? Non é que difundir a cultura galega máis aló do maioritario sexa algo novidoso: desde o audiovisual apareceron unha chea de proxectos que me parecen moi interesantes (como Excultura ou, no seu momento, Vúmetro), na prensa propiamente underground aparecen e desaparecen fanzines, blogs, podcasts ou programas de radio que lle prestan máis ou menos atención, e mesmo os medios máis convencionais teñen algunhas persoas que de vez en cando se interesan por contar estas cousas (por exemplo, encantárame a reportaxe de Xiana Arias sobre o Bar Tolo). A particularidade do Proxecto Rizoma é, probablemente, o equilibrio entre a vontade de dar cousas a coñecer e a profundidade do aspecto máis científico (xa que o proxecto está vinculado á tese de Estefanía Tarrío, socióloga e membro do Grupo de Estudos Territoriais da UDC): nos seus contidos, o mesmo podemos atopar recomendacións de bandas a escoitar que información sobre centros sociais ou bandas desaparecidas e conceptos máis propios da academia como “subcultura” ou “pánico moral”. É accesible e é rigoroso a un tempo.

Unha vez presentado o proxecto, para entrar en materia pareceume necesario comezar por preguntarlle a Estefanía que características pensa que ten a cultura underground galega. Comentoume que, ao estar no inicio da tese e o proxecto, conta con que a interacción coa comunidade dese underground poda modificar a súa idea inicial, pero apuntou varias claves neste punto: “Como toda a cultura underground, a cultura galega tamén ten dúas características principais: unha é a idea do mantemento dos lazos de solidariedade mundial (e isto é moi importante, porque se dilúen as fronteiras e se intenta buscar lazos de afinidade máis alá), e por outra banda tamén é importante ter en conta que se intentan tirar e cortocircuitar determinadas mecánicas e ferramentas hexemónicas en canto a como se produce a cultura. Os modos de comunicar, os modos de producir… Incluso os modos de vivir e experienciar a música son diferentes na cultura underground que na cultura mainstream.” Tamén lle preguntei se vía algunha particularidade na cultura underground galega respecto a outros lugares. “Un deles é xa o propio uso do idioma (que se lle pode dar ou non), as problemáticas que se narran, as historias que nos contan determinadas bandas e comunidades, as propias redes que se crean… sempre van ser tremendamente diferentes”.

En xeral, Estefanía sinaloume como a finalidade é moitas veces similar nas diferentes culturas musicais underground (crear un fanzine, un disco…), pero a filosofía do faino ti mesmo provoca que o proceso de chegar a conseguir ese obxectivo sexa moitas veces o elemento clave: as comunidades que se crean, a maneira en que se relacionan, que normalmente non será xerárquica… Pensando nisto, creo que tamén me resulta bonito o proxecto porque leva esa filosofía xenerosa e participativa a un ambiente que normalmente é xerárquico e competitivo (como a academia). Nese sentido, supón tamén un exemplo de algo notable dentro dela: aínda que cada vez se valore máis a transferencia de coñecemento, lembro o tempo no que estudaba a carreira e non tiña moita idea de que cousas se investigaban na miña facultade. Agora que dou clase, atópome ás veces sendo parte da mesma incapacidade (ou desinterese) para achegar o que estudamos ao propio alumnado (e, máis aló, á sociedade). Nas redes do Proxecto Rizoma dise que “tódalas persoas, independentemente da súa formación ou nivel académico, teñen dereito a ser informadas sobre o que ocorre na esfera académica” e que o proxecto xorde “co fin de trazar unha ponte entre o mundo académico e a comunidade underground”.

Poderíamos pensar, se cadra, que esa ponte non é necesaria. Eu creo que pode ser interesante para facer consciente á xente da comunidade underground do valor das cousas que fan e das cousas que saben. A miúdo as experiencias de montar unha banda, ou un colectivo, ou un centro social, ou organizar un concerto, son as cousas máis intensas e valiosas que facemos na vida. O que pasa é que é complicado equilibrar a paixón que sentimos coa indiferenza coa que pode ser recibida ou as dificultades para manter esas actividades no tempo. Se cadra, a atención de alguén desde a universidade que busque aprender desas experiencias e relatalas pode ser unha forma de xustiza poética, tamén se temos en conta, por exemplo, onde deciden pousar as institucións a súa atención. “Quizais unha das dificultades que máis atopo á hora de investigar o underground é a a idea de que as propias administracións e institucións tampouco consideran a cultura underground como unha cultura lexítima para poder preservar. E isto vese moi claro cando pensamos en patrimonio cultural inmaterial: a nosa cabeza habitualmente se dirixe cara a tradición popular galega. A música tradicional, as cantigas ou os bailes tradicionais, determinados ditos ou refráns… entón como que está todo super canonizado. E iso está claro que é lexítimo e que é coñecemento que se debe preservar. Que pasa coa cultura underground? Que neste caso, dado que en cinco décadas, desde que chegou ese rock a Galicia, non se fixo unha preservación, unha catalogación e un interese por parte nin sequera das institucións de preservar ningún tipo de contido ou de información, pois obviamente se perde. E as narrativas tamén se van perdendo: esas persoas van desaparecendo, os discursos tamén se perden”.

Nalgún texto previo falei da problemática do arquivo e como a memoria vai desaparecendo (como por exemplo tratando o caso de Galiza en Música), e a raíz diso pareceume moi útil o breve relato publicado no Proxecto Rizoma do caso de MySpace, onde había unha chea de contidos underground de valor que agora probablemente estarán perdidos para sempre. Contábano a raíz doutra publicación sobre como contribuír á visibilidade do underground na rede, mesmo con proxectos xa inactivos.

Se cadra, para alguén que participe no underground, todo isto pode parecer unha parvada, ou darlle importancia ao pasado e a nostalxia en lugar de seguir avanzando e facendo cousas novas, pero unha cousa non quita a outra. Ten sentido na medida en que moitas das cousas que suceden no underground son, salvo excepcións, ignoradas ou mal relatadas polos medios convencionais. Creo que unha das cousas que máis me gustou na vida sobre cultura underground galega foi esta infografía de Roi Fernández sobre as bandas que ensaiaron na Casa Xurásica de Compostela:

Este tipo de cousas vai ser complicado que as faga alguén desde fóra, e máis tendo en conta o que sinala Estefanía sobre o tratamento que os medios foron dando ás músicas do underground (tendo en conta que a súa investigación abarca varias décadas): “No proxecto elaborei como tres publicacións que tiñan como tres etapas. A primeira sería como ese pánico moral, ese medo alarmista sobre a chegada de novos xéneros musicais, como se asimila e como se debate… e tamén como se vai normalizando e como se vai dando a culturar por parte da cultura maioritaria. Pero isto ocorre co rock, é dicir, con este xénero inicial que chegou aquí e co que comezo a miña investigación. Que pasa con outro tipo de xéneros musicais, como poden ser calquera xénero derivado do punk ou do metal? Do punk aínda bueno, pero hai determinados xéneros que, obviamente, nin sequera os tratan os medios. É dicir, son invisibles para os medios. E creo que isto é algo propio da cultura underground, que ten como unha especie de dinámica de comunicación propia, a través pois iso, da contrainformación moitas veces, e penso que axuda, ou que contribúe, a que nin sequera sexan nomeados“. Nese sentido, como non falo a miúdo de boa parte do que se fai no rock, o metal e o punk quixen pedirlle a Estefanía algunha recomendación: “Non é que as descubrira ao longo da miña investigación (algunhas bandas xa as descubrín antes) pero bueno, prefiro facer un pouco de visibilización política e poñer ás mulleres na fronte e tamén neste caso tentar reivindicar que hai identidades que difiren bastante da normatividade e que están facendo unha música incrible. Entón as catro cancións que vou dicir agora son de catro bandas incribles. Hai moitísimas máis, pero bueno, estas son as que se me ocorreron: unha é “Night Shift”, da banda ferrolana Ocean Gates, “Al Quibla”, de Cruzeiro, “Talk in Circles”, de Rheia Gorecki, e por suposto tamén da banda Barbarian Prophecies, “Remains of Existence”, que ademais é un bombazo.”

Á marxe desa evolución no que se refire ao tratamento mediático, tamén me interesaba ver a perspectiva de Estefanía Tarrío sobre a posible evolución dentro do propio underground ao longo destas décadas. “Realmente atopo como dúas dinámicas que semellan contraditorias pero que obviamente non o son. Unha delas é o choque interxeracional, como que hai idades que non se comunican entre si, pero que á súa vez reproducen as mesmas ideas e os mesmos valores. Que indica isto? Pois eu creo que é positivo porque indica destas novas xeracións que se está seguindo unha visión un pouco tradicionalista da idea da cultura, e como en toda cultura ou en todo patrimonio cultural séguense determinadas tradicións históricas. E o underground non é unha excepción. A min isto si que me chama, polo menos, a atención: séguense estas pautas e á vez non hai conexión. Oxalá que no futuro que si, pero en principio non a hai”.

Sobre esa cuestión do choque xeracional, cando hai uns anos estaba participando en PORNO teño o recordo, inicialmente, de estar vivindo un momento único e facendo cousas que nunca se fixeran (non tanto nós como o conxunto de xente iniciando grupos ou colectivos ou asociacións daquela). Dalgunha maneira, penso que este entusiasmo (ou flipadez) é interesante para que as cousas boten a andar, pero é mellor que non dure moito porque pode indicar unha falta de perspectiva que non sería nada boa. Nas escenas hai case sempre xente máis maior ca ti que sabe cousas do que pasaba dez ou quince ou vinte anos antes, e é unha mágoa non preguntarlles, porque hai moito que aprender diso. Tamén é unha mágoa se a xente que ten corenta non se interesa polo que fai a xente que ten quince ou vinte. Aínda así, é curioso que finalmente, como di Estefanía, se acaben reproducindo as mesmas ideas e valores: acaba dando a sensación de que as maneiras de traballar do underground teñen sentido nun lugar como Galicia, fóra das dinámicas que moven máis cartos e máis xente no ámbito da cultura.

Pensando nisto, lembrei unha entrevista con Prenom nunha Mondosonoro de hai tempo na que (falo de memoria) dicían que, a diferenza da influencia do hardcore estadounidense que podía verse noutros proxectos (creo que para PORNO era bastante importante, ou lembro ler Nuestra banda podría ser tu vida daquela e pensalo), no seu caso fixábanse máis no tropicalismo e as comunidades de montes. E ten todo o sentido que a referencia sexa, por un lado, xente que equilibrou fantasticamente a súa identidade e a súa fascinación polas cousas da industria cultural estadounidense, e pola outra, un modelo próximo no que se cadra tamén pode haber (non sei se hoxe en día) un funcionamento non xerárquico e non mercantil. Nese punto o que penso é onde están os límites do underground en Galicia. Na reportaxe de Mariña Estévez en Mazarelos que mencionaba xa no artigo de Tulip, Grande Amore comentaba que en Galicia non hai moita marxe para unha cultura que non sexa do it yourself. Dándolle unha volta, as comisións de festas conseguen ás veces levar orquestras do mainstream, e ao final son un exemplo ben bonito de facelo ti mesmo. Pero o underground ten máis trazos que iso:

Estefanía Tarrío estuda, concretamente, o punk, o rock e o metal, e quixen preguntarlle se eses trazos do underground en Galicia ían máis aló deses xéneros. “Como científica debería dicir que non o sei, síntoo [risas]. Código deontolóxico, aquí. Pero como persoa que ten claramente pensamento dedutivo un pouco desenvolvido diría que seguramente si, claro. É dicir, isto acotouse ao rock, o punk e o metal por cuestións obvias de tempo, que xa de por si é unha matada bastante interesante, pero eu penso que por suposto: dende o propio jazz (dende antes ata agora, que ten unha cultura de club, moi específica e moi usual, e ten unhas comunidades tamén moi delimitadas e cuns sentimentos de pertenza bastante claros) ata o propio trap hoxe en día. Por suposto que cada xénero musical vai ter unha vertente mainstream e outra máis underground, e penso que si que se poden compartir determinados trazos”. Unha das dificultades que pode ter pensar o underground en Galicia é que non hai un mainstream local moi potente ao que contrapoñerse, e entón as fronteiras poden ser pouco claras. Se cadra podemos ir máis aló do faino ti mesmo (que ás veces existe por vontade e ás veces porque non hai outra) e pensar na liña que apunta Estefanía: na solidariedade, o pensamento crítico, as redes de comunicación e colaboración máis autónomas… Se vos interesa colaborar coa súa investigación, ela cóntavos como: “A xente vai poder colaborar de diferentes modos. A través dunha enquisa, que espero sacar pronto, de mapeo de bandas (as persoas cubrirán unha enquisa para tentar cartografiar a cultura underground galega), entrevistas (que irei facendo a persoas clave, axentes clave que tiveron relación coa cultura underground dun ou doutro modo) e, por suposto, poñéndose en contacto comigo, tanto ás redes sociais como ao correo do proxecto, que é proxectorizoma@gmail.com, e aí que me documente ou que me narre a información que ten, sexa unha persoa que vivenciou, que viviu no espazo, que formou parte dunha banda ou dunha comunidade, que tivo un fanzine… calquera destas cuestións van ser tidas en conta e son fundamentais no meu traballo”.

Galiza en Música: buceando no arquivo

Hoxe estiven na Radio Galega, falando con Antonio Méndez e dando un paseo polo arquivo Galiza en Música, que visito moi a miúdo desde que me serviu para atopar os discos de Ana Kiro que non localizaba (e que usei no podcast que fixen arredor dela para VINTE). O paseo fíxoseme curto, así que aquí vou incluír cousas que alí non puiden pinchar e que subín a YouTube para que estean accesibles en streaming (e así enmendar o feito de que se nos botase o tempo enriba e quedasen cancións sen entrar). Contei tamén coa axuda de Olaia Tubío e Rubén Domínguez. Podedes escoitar o podcast neste enlace.

No vídeo de enriba podedes escoitar “Bla, bla, bla”, de Lascivos. Cando tiña quince ou dezaseis anos foron, se cadra, o primeiro grupo local que me entusiasmou sen chegar a eles a través de meus pais ou do Xabarín Club. Daquela escoitaba moito punk e garaxe e flipárame ver na Coruña un grupo que podía recordar a aquelo pero non soaba exactamente a ninguén (se cadra un aire ao caos e o toque perigoso dos Stooges pero máis rápido) e non cantaba en inglés. O que pasa é que as súas cancións non están en Spotify nin nas plataformas en xeral (a miña favorita, “Casi muerto casi vivo”, está en YouTube pero nun vídeo que grava o vinilo reproducíndose), e acabei dando con isto no arquivo Galiza en Música.

Tentei contactar por correo electrónico coa xente que leva o arquivo pero non tiven resposta, así que vos conto o que sei: nesa páxina hai un catálogo discográfico que, segundo as miñas contas, ten subidos 4.340 discos de música galega, de entre 1950 e 2010. Ás veces son cousas gravadas directamente en dixital, e noutros casos dixitalizacións de cinta ou vinilo. En moitos casos sérvennos para atopar cousas que non están en ningún outro punto da rede e, nalgún caso, tampouco no catálogo do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, que debe ser o arquivo máis completo para o que nos ocupa. O que quixen foi facer un paseo por algunhas destas cousas, que é tamén un paseo polo tempo e pola xeografía galega.

A primeira parada é Cangas. O tema de enriba é “Salve Cangas”, unha canción que cantan As Incansables de Cangas e que foi a cara B do single “Rockin’ Chair” dos Resentidos. Estiven buscando información sobre elas e atopei varios datos que creo que son verdade. Un é que As Incansables eran unha comparsa formada por catorce mulleres coas que tamén colaboraba o poeta Cecilio Rial. Outro, que esta denominación tamén tiña que ver coas mulleres canguesas que participaron nas protestas que a finais dos 80 mantiveron un ano pechada a casa do concello logo de que o alcalde Lois Pena subise o IBI un 500%. Isto é do que se fala na canción, que ten claramente ese espírito de comparsa (o alcalde é ao que chaman “bochechón”). E outro dato é que participaban como unha sorte de coro no programa Sitio Distinto da Televisión de Galicia, e lembro telas visto nalgún dos vídeos do programa que hai en YouTube, cantando unha especie de grito de guerra que dicía “a tuti churrasco!” (este vídeo e o do Cuco de Velle vinos unha chea de veces, mágoa que non se atope o programa completo na rede).

As Incansables en 1992. Foto tirada do blog da asociación A Cepa.

A cousa é que para saber disto ata tiven que ler as actas dun simposio sobre antropoloxía mariñeira, así que imaxinade como está o panorama. Temos aquí un exemplo da música galega facendo crónica da súa realidade inmediata*, dun grupo galego feminino publicando cun selo prestixioso como GASA, e un vínculo co que para min é o máis fascinante que se fixo na TVG. E podemos seguir ese rastro grazas á iniciativa de alguén que anonimamente se preocupa porque a xente galega teña acceso ao seu patrimonio musical.

A seguinte parada é un pouco máis ao norte, en Ogrobe: Peinados Rebeldes son un grupo do que souben porque os Telephones Rouges, un dos meus grupos favoritos, son da mesma vila e teñen unha canción con ese título. Pregunteille por eles a Rubén Domínguez, que foi membro dos Telephones e hoxe fai música como Pantis, e díxome que “este era o grupo dos amigos de meu irmán, empezárono Fugas, Ze e Pulga, e despois engadiuse Champi e Xan e ocasionalmente meu irmán -canta nun tema- e outros. Cando tiña 15 anos fun a un ensaio deles e con 17 ao único concerto que deron en Cambados. Foi un dos motivos que me impulsou a montar algo na música“. Tamén me dixo que a súa favorita deles era esta “Mi novia es una punk”. O audio non é que teña unha calidade exquisita, pero ás veces escoitar este tipo de gravacións de grupos locais é un pouco como ver vídeos caseiros da voda doutra familia. Se non estabas alí nin coñeces a esas persoas, ao mellor non entendes a emoción que supoñen, pero intúela dalgunha maneira. Para moita xente poden ser cruciais, porque as influencias clave se cadra non son as que chegan de Estados Unidos ou Madrid (que desas hai moitas), senón as que chegan da túa parroquia.

Logo de aquí non sabía moi ben onde iamos no paseo. Penso que a América Latina, porque esta é unha canción de Sebastián Cacabelos Soutullo que se chama “Caracas mía”. Deste home, no arquivo Galiza en Música hai un LP que se chama Sebastian and his Yamaha organ with synthesizer, e o único que atopei na rede foi que o premiaron nun concurso internacional da marca Yamaha en 1972 (o International Electone Festival). O disco pareceume moi bonito: ten un toque sofisticado porque é bastante relaxado, pero tamén soa futurista pola instrumentación e ten ritmos latinos que o fan alegre á súa maneira. Fixen un pouco de detective e busquei os apelidos nunha aplicación do Instituto da Lingua Galega: o concello onde hai máis Cacabelos é Cambados, e o concello onde hai máis Soutullos é O Grove. Conteille isto a Rubén e botoume unha man, así que deixou unha pregunta no grupo de Facebook “Crónicas Mecas”, a ver se alguén era capaz de dicirnos se este home é do Salnés.

Felizmente, un día despois houbo resposta: Luis Xecas dixo que Sebastián Cacabelos Soutullo debe ter raíces en Sanxenxo, e que seguramente era da familia dos Gondariños. Na súa resposta di que as sobriñas do dono do cine de Sanxenxo (que tamén era un Cacabelos e ten tamén unha historia de vida ben interesante) lle comentaron que tiñan un tío en Venezuela que gravara un disco de órgano. En momentos como este non podo evitar pensar que internet é marabilloso.

Neste punto xa me custou decidir onde ir, porque no momento en que te pos a bucear podes atopar centos de cousas. Así que o que fixen foi pedir axuda a outra persoa, para aparecer noutro punto do arquivo. Falei con Olaia Tubío, que ten traballado tamén coa memoria da música galega en cousas como o documental Dorothé na vila (do que é guionista) ou o proxecto online Punto e Volta, onde se poden ver unha chea de entrevistas e vídeos que recolleron a transmisión da música e o baile tradicionais no presente. Pedinlle que bucease ela e fixese tamén algunha recomendación.

Olaia: A verdá é que me metín a navegar en Galiza en música e non teño moi claro con que quedarme. Creo que vou escoller a Aurita Moscoso, que no disco da Galega xeitosiña, na primeira canción, “O himno desparpaxado”, fai algo predecesor do bravú e cun toque así feminista moi guai. Pero bueno, teño outras que me gustan moito, como Manolo Mirás y su conjunto, que ten aí “Mi tormentito” cun rollo calipso bastante guai, e no Nuevos Románticos, de Sombras de frac, que teñen a canción que se chama tamén “Nuevos Románticos”, que sona moi actual. Nada, quédome con Aurita pero recomendo moito bucear en Galiza en música, porque hai moitísimos descubrimentos.

Nun primeiro momento non tiña moi claro onde nos levaba falar de Aurita Moscoso, pero grazas ao Galituiter descubrín que a galega xeitosiña era do Valadouro.

No musical, a descrición de Olaia é moi acertada: é unha canción de 1985 que ten ese punto de recoller o humor popular e o espírito de verbena, como facía Ana Kiro (a produción tamén ten un aire aos seus discos desa época, como De vacacións ou Recordo a Pucho Boedo), pero tamén ten un toque máis agresivo e xuvenil como o que tería logo o bravú. Pero as outras cousas que identifica levaríannos a novos puntos do espazo-tempo: con Manolo Mirás iríamos á Compostela de 1961 (e a ese punto no que se mestura o rock and roll que ía entrando con ese calipso e outras cousas latinas); con Sombras de Frac á Coruña dos 80 (menos estudada que a movida viguesa). En paralelo á música tradicional (que está ás veces recollida en cancioneiros ou no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego), a xente galega foi facendo música de moitos tipos. O pop é á vez iso que transmite a gran industria cultural por todos os medios que ten e iso que fan catro persoas con cacharros nun garaxe ou un galpón, ou unha nunha casa cun ordenador. É a música máis cara e unha das máis espontáneas, a máis profesional e a máis libre segundo lle cadra. E estas gravacións non sempre son accesibles pero son parte da nosa memoria colectiva e da nosa cultura.

Chegado a este punto emocioneime un pouco e seguín de paseo por Galiza en Música.

Lembreime de buscar a ver se atopaba algo de O Fillo Pausado, de quen só lembraba as cousas que nos contara Rafa Anido nunha entrevista que lle fixeramos o Cosmonauta Tropical e máis eu para a Revista Porno:

Rafa: (…) á hora de esforzarte por sacar ti o teu, o nivel de frustración que podes chegar a ter pode fundirte. Eu estou pensando, por exemplo, neste rapaz de Vigo que tiña un proxecto que se chamaba O Fillo Pausado. Claro, non o coñece ninguén, é increíble. É increíble tamén que ese pavo gravaba os seus discos a finais dos 90, no estudio, pagaba as copias, a edición e todo, e non se sabe nada del. Eu vino pola rúa. Por un lado quixen ir falar con el, pero non sei, non o vin así moi… Pensei, “como estará este tío agora?”. Antes movíase por Vigo, agora creo que nin eso… Tiña un nivel de creatividade brutal. Realmente apostou moi forte co seu primeiro disco, fixo 500 vinilos e non sei se vendería 80. Se vós o escoitades, seguro que ides ver algo aí. E como estará hoxe? Víase que no seu momento apostaba forte e non tiña a repercusión mínima para ir tocar a algún lado ou facer algo. Chamábame a min para ir tocar e eu dicíalle “neno, eu que che vou ofrecer?”. Eu ás veces intentaba, pero non sei se chegara a facerlle algún concerto fóra de Vigo. Nunca fun capaz, que eu nesa época non tiña aínda contactos ou o que fose para poder facer algo. E iso, estame vindo á mente porque o vin por alí pola rúa e hai un mes escoitei o seu disco. E dixen que eu así non quero acabar, eu quero chegar ata o final coa miña teima. Non podo frustrarme. Vexo moita peña e logo dis, claro, é que que cantidade de discos (xa non digo maquetas) se poden quitar en España a día de hoxe, en cd ou en vinilo, e non saber nós nin que existen? E poderían interesarnos! Moitísimos, centos. E que pasa con esta xente? Frústrase e desaparece, porque di “esto non é o meu, aquí non pinto nada”. Entón eu cando estamos falando das ilusións non estou disposto a frustralas.

Efectivamente, esta canción do Fillo Pausado é moi bonita e si que sorprende o nivel de descoñecemento que temos moitas veces sobre as creacións artísticas menos rececntes en Galicia. No seu texto “O cine en Galiza, un relato descontinuo” (no libro Marcas na paisaxe), Xan Gómez Viñas falaba de como o cinema galego vivía nunha especie de sucesión de tabulas rasas. Hoxe penso que coñezo bastantes cousas do cinema ou da música galega dos últimos dez anos, pero porque son os que vivín máis activamente como espectador. Para o de máis atrás xa tiven que investigar e tardei anos en poder ver (ou en coñecer) cousas como Salvamento e socorrismo ou El cine amater, e a Sombras de Frac ou Aurita Moscoso coñecinos hai tres ou catro días. Isto é triste porque pode facer que pensemos que estamos inventando a roda cando se cadra xa o fixo o avó da nosa veciña. No caso do Fillo Pausado falamos dun disco de 1998, e Lascivos ou Peinados Rebeldes son grupos de arredor de 2005, así que tampouco é que falemos de algo remoto, senón que a semidesaparición destas cousas sucede moi rápido. Ao buscar cousas sobre O Fillo Pausado din con enlaces rotos de Galicia Hoxe e da web de Sinsal, igual que pasou co enlace de Pista Oculta que falaba do Come on pelegrín, unha compilación na que saía precisamente un tema de Sr. Anido que non lembraba:

Seguindo polo fío dos recopilatorios, en Galiza en Música están cousas como o de O Son Parrulo, unha iniciativa da Sala NASA nos anos 90, ou varios volumes de Cintas guarras, onde se poden escoitar grupos míticos da escena punk de Ferrolterra, como Blood Filloas, ou da de Ourense, como Los Morta (de quen creo que escoitei falar a veteranos de alí como Bellotas de Thee Boas).

Nas cintas de punk dos 90 que hai en Galiza en música vense avisos do tipo “non pagues máis de 400 pesetas”: esta eran 350 e 100 pesetas en selos novos.

Seguindo co paseo, apeteceume ir á casa agora que estou pechado en Santiago. E vén ao caso porque esta semana descubrín que Pucho Boedo viviu en Santa Cristina coma min. Hai pouco dedicáronlle en Perillo, moi preto da miña casa, unha rúa a el e outra á Orquesta Los Satélites (porque o seu fundador Lolito era perillán), pero na placa non indica que Pucho vivise por aló. De Pucho e os Tamara está practicamente todo no arquivo (aínda que faltaban as cancións de fan de Ana Kiro e Sabela) e tamén no YouTube, pero dos Satélites faltaban nesta plataforma cousas como este temazo de cando tiñan de cantante a Sito Sedes.

Da parroquia do lado tamén están as gravacións da Coral Polifónica Lembranzas de Santa Cruz, así que imaxino que entre os máis de 4.000 discos de Galiza en Música podedes atopar algo que vos toque de preto. Eu quería aproveitar para celebrar a xente como a que mantén este arquivo, ou que ten canles de YouTube como a de kunkeiro69, un usuario de Fene que ten subida unha cantidade inxente de discos completos (aínda que YouTube llo poña complicado: chegou a ter 25.000 pero pecháronlle a conta) que tamén nos axudan a explorar a memoria da nosa música. E tamén a xente como Fernando Fernández Rego, que na web La Fonoteca e o seu libro Unha historia da música en Galicia fai posible saber cousas sobre moitos destes artistas. Pero penso que o feito de que haxa iniciativas voluntarias e piratas que achegan este patrimonio quere dicir que a Xunta non dá o financiamento necesario aos proxectos que se ocupan disto. Cousas como o Arquivo Sonoro de Galicia, o CGAI, o arquivo da propia CRTVG ou o das emisoras locais de radio e televisión, deberían ter persoal e cartos para que ademais do traballo de catalogación poidan facer o de facilitarnos o acceso de maneira sinxela a estas pezas da nosa identidade colectiva. Mentres tanto, como soe pasar, o pobo vai máis rápido que as institucións e ese patrimonio circula a través das plataformas que ofrecen os conglomerados mediáticos estadounidenses. É bonito, pero perigoso.

*Nesa liña, o single de “Estamos en guerra”, tamén dos Resentidos, ten unha cara B moi guai das Incansables que se chama “O Golfo” e fala sobre a guerra de Kuwait. Tamén descubrín no arquivo esta semana esta canción da Quenlla en Europolis’88, un disco que ten unha portada que me flipa e dá moitas voltas sobre os efectos en Galicia da entrada de España na Unión Europea. Falan da súa actualidade pero logo sempre acaba habendo cousas aproveitables no presente.

De Lomax a YouTube. Arquivando a música na era dixital

Odosa 1.JPG

Escribín para VINTE un texto sobre arquivos en liña que traballan coa música. É medio divagación persoal, medio lista de cousas que me gustaría que o mundo vise (por iso aparece Jonathan Richman), medio análise de aspectos importantes sobre como traballamos coa memoria dixital e medio crónica da conversa do mesmo título que fixemos na pasada MICE do Museo do Pobo Galego, un pouco partindo desa idea de que o traballo de alguén como Alan Lomax hoxe está repartido nun caos de xente que rexistra e divulga a música. No artigo falo sobre todo do Pasou o que pasou da CRTVG, do Prenom Arquivo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo e de A Música Portuguesa a Gostar dela Própria, pero tamén de piratas, de MySpace ou das traballadoras de Odosa, que saen na imaxe de enriba, un exemplo de como a memoria tamén esvaece cando a rexistramos. Como falo de tantas cousas, da maioría delas falo pouco.

Podedes lelo aquí.

E de propina un vídeo atopado no proceso:

Trazas: música e comunidade na MICE

“Eu xa escoitara todas as sinfonías, e toda a música de cámara, e o mellor jazz… e díxenme: “esta é a mellor música”. Había cincuenta homes negros traballando baixo o látego e a pistola e tiñan a alma para facer a canción máis marabillosa que escoitara nunca”.

Non é que unha música teña que ser necesariamente mellor que outra, pero isto que dicía Alan Lomax sobre as cancións de traballo dos presos que se ven en Afro-american Work Songs in a Texas Prison (de Toshi Seeger) paréceme importante. Hoxe en día, a nosa experiencia da música é case sempre recibila en lugar de creala. Escoitámola en todo momento, pero non nos xuntamos a miúdo para cantala, e se cadra por iso se nos esquece que unha canción que aparece na casa ou no traballo, ou na ducha, ou no karaoke, pode ser máis importante que a que sona en Radio 3, no Pazo da Ópera ou nos 40.

image-w1280.jpg

Hoxe empeza a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e participei dende o Cineclube de Compostela programando unhas películas para a sección Trazas que retratan diferentes músicas e a súa relación coas comunidades e persoas que as producen. En todo o mundo hai, e houbo, persoas que tocan e cantan e bailan porque necesitan facelo, ou que constrúen as súas identidades arredor de cancións e persoas que conectan co seu interior. E, por sorte, tamén hai quen se preocupa de rexistrar iso, moitas veces con esa noción revirada do que é importante, e que ao cabo dun tempo é de agradecer porque abre a posibilidade de pensar o que somos sen ter un relato único.

Nesta playlist pódense escoitar as diferentes músicas da sección. Nela, claro, hai exemplos das tradicións máis antigas, como o dos cantos de traballo dos que falaba Lomax. Pero están tamén algunhas maneiras de facer a música importante que inventamos dende aquela: cando vexo aos Telephones Rouges dando o seu primeiro concerto nun piso a miña primeira sensación é que, aínda que a música veña de influencias anglosaxonas, hai unha urxencia por facela e compartila coa xente máis achegada que a convirte nalgo moito máis preto da tradición folk do que pensaríamos nun comezo. Cando vexo a Peret cantando “Borriquito como tú” aos seus netos faime moita gracia a frase “soy el preferido de la juventud” porque debía ser un avó fantástico, pero á parte diso é máxico atopar un tema de éxito gañando outro sentido nun contexto íntimo e familiar. E cando vexo os bailes e o coleccionismo do northern soul en The Wigan Casino paréceme fascinante como unha comunidade foi capaz de crear unha escena na que o centro xa non estaba en quen interpreta a música, senón no que outra xente é quen de facer con ela. 

Fíxome moita ilusión xuntar estas pelis porque dan unha idea bastante ecléctica do que pode ser a etnografía e, en conxunto, paréceme que reflicten como de variadas e bonitas son as formas nas que conseguimos que a música sexa unha das cousas máis humanas que hai, incluso cando é a industria cultural e o comercio o que a filtra. Sempre nos amañamos para identificarnos con algún ritmo ou algunha melodía e sentirnos preto doutra xente no proceso.

Á parte disto, tamén vou moderar nunha conversa-vermú o domingo que se chama De Lomax a YouTube e que vai tratar precisamente sobre estas prácticas sociais comunitarias das que falo e diferentes arquivos online abertos que as rexistran e comparten. Paréceme bonito tratar a cuestión do arquivo no momento en que todos rexistramos e arquivamos momentos constantemente, normalmente a través de plataformas que pertencen a grandes corporacións e sen unha noción moi clara do efémero dos soportes dixitais. Ábrense outras posibilidades de elaborar o noso propio relato da identidade, pero tampouco teño moi claro ata que punto as exploramos.

Para falar de todo isto estarán María Jesús López do Arquivo da CRTVG, Concha Losada do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do propio Museo do PoboMar Catarina do Prenom Arquivo Patricia Costa de A Música Portuguesa a Gostar Dela Própria. Dous arquivos institucionais e dous que parten da propia comunidade, ás veces recollendo música onde sucede e ás veces poñéndoa en escena para a cámara ou a gravadora.

Todas as actividades e proxeccións da MICE son gratuítas. Vai haber cousas moi guais, incluíndo unha sección de cinema doméstico hoxe que me apetece moito. O folleto coa programación e os horarios está aquí.