Acabei o curso moi canso e usei o verán para descansar, así que esquecín no seu momento deixar por aquí rexistro deste episodio do Fan fan, a segunda parte deste do que si falei. A primeira parte ía bastante sobre cemiterios e lugares de peregrinación trazando un pouco a relación do fandom coa relixión. Neste caso hai outro tipo de viaxes (aínda que as viaxes de fan nunca deixan de ter un certo punto místico), entre elas a de Juan Esturao a Quins seguindo o rastro de Emilio José (ilustrada por esa foto que me cedeu para a ocasión).
Ademais de Esturao, interveñen no programa Adrián Estévez e Martiño Suárez falando, respectivamente, de viaxes inspiradas por Ramón Otero Pedrayo, ou os Ramones e o punk de Washington DC. Outras cóntoas falando de cancións de Mac deMarco, Television Personalities, St. Etienne ou George Harrison, e houbo tempo tamén a que soasen os Ramones, Dag Nasty, Cuchillo de Fuego, Columna Vegana, Cecilia ou A Charanga do Cuco de Velle.
Quedoume mágoa ao facer estes dous programas de non incluír a viaxe ao lugar de nacemento de Jonas Mekas que Mar Catarina lle contara a Xiana Arias hai un tempo para o Diario Cultural, pero xa estaba recollida dunha maneira preciosa co título “A estrada de terra a Seminiskiai” así que o que fago, por se tedes gana de visitar outro sitio máis, é enlazárvola aquí.
Esta entrega do Fan fan en Onda Vital non foi un monográfico sobre a relación entre artistas concretos, senón uns apuntes sobre unha serie de cancións escritas en segunda persoa e dirixidas a ídolos, referentes, artistas admiradas ou o que queiramos.
Sonan Lorena Álvarez, Bob Dylan, David Bowie, Cecilia, Dexys Midnight Runners, Camera Obscura, Marrones Burócratas e Dinosaur Jr., en cancións que falan de Woody Guthrie, Bob Dylan, os Beatles, Geno Washington, Lloyd Cole e J Mascis. En concreto sobre J Mascis tamén fala Toño Magariños (gracias Toño por prestarte!).
Non atopei quen fixo a foto de Dylan e Bowie. A de Marrones Burócratas de máis abaixo tampouco, pero saqueina do facebook do Liceo Mutante.
Podes escoitar a sección AQUÍ, ou escoitar o programa enteiro AQUÍ: Faia Díaz fala sobre pregóns en Cuba, Biba Dupont falan sobre a súa música e Mar Catarina fala sobre Jonas Mekas. Se prefires ler, a versión en texto está aquí debaixo:
A primeira cousa que escribín sobre música penso que foi para poder escribirlles a The Homens e entrevistalos, e penso que cando admiras a alguén é habitual que esperten en ti certas ganas de dicirlle algo. Non é que todas as fans se fagan xornalistas musicais, pero imaxino que o 90% da xente que fai xornalismo musical empezou como fan, e isto sería outra proba de que as fans e os fans fan cousas. Sexan estas cousas artigos, fanzines, fundar un club, pintar debuxos, escribir poemas ou calquera tipo de fantasía, a relación que temos con ídolos e ídolas acaba sempre dando pé a esas novas creacións. Eu estiven investigando por aí e atopei unhas cantas cancións que funcionan dalgunha maneira como cartas, como mensaxes enviadas aos referentes para empezar un diálogo, e quería falar delas un pouco.
Por exemplo, a que se di que foi a primeira canción escrita por Bob Dylan foi esta “Song to Woody”, na que repite “ei, Woody Guthrie, escribinche unha canción”, e na que fala de seguir os pasos do seu ídolo viaxando por Estados Unidos. Woody Guthrie é unha das figuras máis importantes do folk americano, e Dylan estaba daquela case que obsesionado con el, visitándoo regularmente no hospital no que estaba internado pola enfermidade de Huntington. Ata a melodía deste tema está collida de “1913 Massacre”, un tema do propio Guthrie. Parece ter entón certa lóxica que Dylan recoñecese o camiño que el abriu antes de arrincar coa súa propia carreira. Como fans, sentimos ás veces iso: agradecemento. Pero non sempre:
Uns anos máis tarde, David Bowie retomou aquela apelación de Dylan chamándoo polo seu nome real. Díxolle “escoita isto, Robert Zimmermann / escribín unha canción para ti / sobre un estrano mozo chamado Dylan / cunha voz como area e pegamento”. A letra desta “Song for Bob Dylan” é ambigua, pero parece recriminarlle ao seu ídolo o ter abandonado a posición que tiña, na que era visto como unha especie de portavoz xeracional. A finais dos 60, Dylan abandonou o rock e as xiras para achegarse ao country e recluírse. Como fans, sentimos ás veces decepción. Atribuímos á música que nos acompaña, e ás veces ás persoas que a fan, unha chea de cualidades e expectativas que non sempre van cumprirse. Por iso aparecen cancións como a de Bowie ou esta de Cecilia:
Cecilia xa collera o seu nome artístico do tema de Simon e Garfunkel (un gran xesto de fan, supoño), e o seu primeiro single levaba na cara B esta canción titulada “Reuníos”, que está, como as anteriores, escrita en segunda persoa. Ela non menciona o destinatario, pero polo que sabemos o tema pedía aos Beatles que se xuntasen de novo, e nel falaba de como ataron as nosas mentes ao seu sentir. É unha frase que recolle moi ben a cuestión da influencia artística. Iso que se dá cando as creacións doutra xente parecen saídas dos nosos sentimentos anímanos dalgún xeito a expresarnos tamén, pero a influencia tamén ten, no diálogo, algo de enfrontamento. No tema de Cecilia non se aprecia, pero por exemplo Bowie declarou nunha entrevista que a súa canción para Bob Dylan era unha forma de dicir “está ben Dylan, se ti non queres facelo, fareino eu”. Ás veces entón, ao iniciar esa conversa cos ídolos hai quen se pon ao seu nivel ou mesmo por riba.
O segundo single dos Dexys Midnight Runners era esta “Geno”, na que o cantante Kevin Rowland fala de ir a un concerto de Geno Washington, unha figura do rhythm and blues dos anos sesenta. Na segunda estrofa conta como o público coreaba o seu nome (eses “Geno” que se escoitan durante todo o tema) e Rowland sentiu que os dous eran iguais. Logo agradécelle o que aprendeu del e xusto despois solta a macarrada de que agora é el quen o mira dende enriba. Non sei se a cuestión de que estas cancións de fan aparezan ao comezo das carreiras desta xente é unha casualidade, pero si que é habitual que nas relacións de admiración haxa un aquel de “matar ao pai”, como se fose unha maneira de distinguirse, de autoafirmarse como artista. Haberá quen controle máis disto e sexa fan dos beefs. Eu estou máis a favor de ser agradable, como o foron Camera Obscura respondendo a unha canción que lles gustaba de Lloyd Cole titulada “Are you ready to be heartbroken?”.
Lloyd Cole preguntaba “estás lista para ter o corazón roto” e este grupo escocés contestaba vinte anos despois cun “ei, Lloyd, estou lista para ter o corazón roto”. Tracyanne Campbell, a súa cantante, dixo que escribiu a letra dende o amor puro pola outra canción. Ao final facelo levouna a coñecer ao propio Lloyd Cole, que agora ata hai veces que sae a escena con ese tema. Así que penso que á hora de mandar mensaxes de fan en forma de canción, igual ser riquiño compensa. Pero bueno, despois de ver esta variedade e pasar por Madrid, Glasgow, Nova York e así, estiven buscando exemplos máis próximos a nós deste tipo de temas e atopei un que me gusta moito en Pontevedra.
Esta é unha canción de Marrones Burócratas incluída no álbum El Buen Perder, cantada en segunda persoa e dirixida a J Mascis, o guitarrista de Dinosaur Jr. Este disco do proxecto, que editou seis traballos entre 2009 e 2016, compuxérono e arranxárono Rubén Abad e Toño Magariños, que tocan xuntos tamén no proxecto Peña e se cadra vos sonan tamén de diola, Trilitrate ou Unicornibot. Pregunteille a Toño por que escribira este tema, e mandoume unhas cantas notas de voz respondendo as miñas preguntas:
“No caso do tema de “Oh Mascis”, a verdade é que é un tema superantigo e e eu non son nada mitómano co proceso de escritura, nin melómano no sentido de que teño [risas] ningún tipo de predilección nin lle fago moito caso ao proceso… non me lembro, sinceramente. É unha canción moi antiga. Eu así reescoitándoa hoxe, a sensación que teño é que me parece lembrar que o tema xurdiu da estrutura harmónica da canción instrumental e que a partir de aí era un pouco buscar esa especie de canto un pouco enaxenado, ilóxico, como de adoración total a unha persoa. Ese “como me mola isto que fas”, e en base a ese retrouso, como comentaba antes, compuxen o resto do tema. Creo que foi así”.
É curioso escoitar isto que conta Toño, porque por unha parte reflicte ese lado “enaxenado” e de “adoración total” que temos os fans mandando, dalgunha maneira, unha mensaxe a Mascis, pero ao mesmo tempo declara non ser nada mitómano nin melómano. Pregunteille pola súa relación con Mascis e a súa resposta é desmitificadora, pero á vez tamén é moi bonito escoitar o que di sobre el e o seu estilo, que é outra cousa que quería facer nesta sección: ao falar con xente que botou o seu tempo escoitando determinada música, case sempre teñen algo interesante que dicir.
“Non me interesa un carallo, sinceramente, nin a vida dos artistas nin o seu proceso de composición, nin teño ningún tipo de adoración. Eu creo que todos os artistas son basicamente traballadores, en maior ou menor medida, e fan ese traballo que non é tan diferente doutros traballos. Ou non é tan diferente como se nos quere vender moitas veces a excepción artística. Entón nada, con Mascis pois simplemente hai varios discos de Dinosaur Jr. que teñen unha sonoridade moi moi característica, que eu creo que non deriva unicamente do talento de Mascis, senón pois da produción, dese momento concreto da industria musical e de como encaixaba a súa forma de tocar nese conxunto da industria musical e como chegou a min… E bueno, ten unha sonoridade moi característica que é unha cousa que non se aprecia en moitos artistas, que é esa forma de solear, de facer un manto de guitarras e de destacar por riba, que é moi característica e moi primaria. E a miña relación con Mascis é basicamente apreciar que practicamente ningún artista máis, quitando o seu propio compañeiro Lou Barlow e catro máis, moi pouquiños sonan como sona el, e como sonan eses solos que se fai o tío no medio das cancións.”
Xa vemos entón que as maneiras de vivir a relación con quen fai a arte que disfrutamos son ben variadas, e que o que cantamos nas cancións non ten que corresponderse exactamente co que sentimos. E bueno, aínda que Toño non se considere mitómano, a min a verdade é que tanto a canción de Marrones Burócratas como isto que nos contou deume moitas ganas de escoitar a J Mascis e Dinosaur Jr. Eu xa estiven facéndoo estes días, pero pregunteille a el que canción lle gustaría poñer para ilustrar un pouco o que comenta do seu estilo e dixo “Almost Ready”, que era xusto a que me viña á cabeza e paréceme perfecta para pechar este “Fan fan” porque vai directa ao grano e empeza xusto cun deses solos incribles por riba do manto de guitarras.
Este domingo volvín subir á Radio Galega despois dun tempo. Falei de cancións que teñen que ver con animais, e cadroume de poñer as que ides poder ler e escoitar debaixo. Se preferides escoitarme a min dicir algo parecido ao texto e pinchar cachiños, podedes facelo neste enlace.
Que pinchei? Puxen a Algodón Egipcio, Link Wray, ForaOstias, Big Mama Thornton, Las Chicas del Can, Contenedor de Mierda, os Beatles, Aries, Joni Mitchell, Cudevaso e Zurraspa. Empecei con “Animal” de Oh Ayatollah, que ten a frase que primeiro me enganchou do seu repertorio: “Eu son un animal, son un porco e ás veces son un can”. Máis aló do sentido, pareceume unha frase moi pop e ás veces boto en falta algunhas desas frases no pop galego. Estaba pensando en letras como as da Motown, que nun tema como “Heat Wave” de Martha & the Vandellas falan do amor e logo no estribillo chega esa metáfora da vaga de calor. Pero bueno, ao tema.
Hoxe quería falar dos animais. Penso que escoitei por aí algunha vez que a cultura é o que nos convirte en seres humanos, e é verdade que nun principio ten bastante sentido: por exemplo os gatos non escriben, os salmóns non pintan cadros, e ata agora só se sabe dun mono que sacou un selfi pero en xeral os animais non son moi aficionados á fotografía nin ao cine*. O que pasa é que coa música xa é diferente, porque hai unha chea de animais dos que dicimos que cantan: as baleas, as ras, ou os paxaros. Algunha xente que fai música xa descubriu que non somos tan especiais como críamos e colleu inspiración deles.
Isto é “Cotorra del sol”, unha canción dun artista venezolano que se chama Algodón Egipcio. Leva o nome dunha ave típica de Sudamérica, e forma parte dun disco colectivo titulado “A Guide to the Birdsong of South America” (unha guía ao canto de paxaros de Sudamérica), no que unha chea de grupos fan cancións que parten de samplear eses cantos de paxaros sudamericanos en perigo de extinción. A natureza é sempre unha das principais fontes de inspiración da arte, e pareceume bonito ver aquí como se mesturan eses sons naturais cos electrónicos. Pero esa imitación tamén toma outras formas.
Esta canción de Link Wray chámase “Run Chicken Run” (“Corre galiña corre”). Link Wray é un pioneiro do rock and roll que destacaba especialmente pola imaxinación sonora que tiña coa guitarra. Penso que este tema o demostra bastante ben, e paréceme bonito tamén que unha música ruidosa como o rock and roll teña como exemplo a animais que arman escándalo. Sesenta anos despois, ocorréuselles case o mesmo a ForaOstias, un grupo de Entrimo.
De todas formas, a influencia dos animais no rock and roll non só é sonora, senón tamén temática. Xa dende o blues veu unha tendencia bastante habitual ás metáforas con animais que daría pé a clásicos como “Little Red Rooster”, “Stray Cat Blues”, “Surfin’ Bird” (e por aquí “Que jallo é” entraría nesa tradición), e mesmo a nomear xente como Howlin’ Wolf ou, se imos máis lonxe do xénero, Snoop Dog, Cat Power ou Gorillaz. A min unha das que máis me gusta é esta:
Esta canción escribírona Leiber e Stoller, dous dos compositores máis míticos do rock and roll**. Faríase logo máis coñecida coa versión de Elvis, pero eles pensárona para Big Mama Thornton, coa idea de que a súa personalidade e a súa voz eran perfectas para gruñir este tema no que bota da casa a un can sarnoso, que realmente sería un home que tenta aproveitarse dela. Pero tampouco é que estas metáforas sexan só cousa do rock and roll: na música latina, por exemplo, hai unha chea delas tamén.
Aínda que “Hound Dog” puidese verse como un exemplo de empoderamento, a maioría destas metáforas son sexuais e normalmente machistas no ámbito musical que sexa. Ás veces arredor do baile e outras un pouco máis narrativas como este tema de Las Chicas del Can (que, por outra parte, paréceme unha pasada). Pero dentro disto, máis aló de “El Tiburón” ou “El Venao” ou “I’m a King Bee” hai unha deriva menos previsible na que aparece unha sexualidade feminina máis incómoda, como a revisión que fixeron Contenedor de Mierda dos Stooges e Las Vulpes.
Con todo, quería ir por un anaco máis aló das metáforas. As persoas relacionámonos cos animais e as cancións tamén recollen isto, como case todas as facetas da vida. Hai un tema dos Beatles que me parece que demostra isto especialmente ben.
Esta canción chámase “Martha My Dear”, e é unha canción de amor. A día de hoxe segue habendo debate sobre se está inspirada na moza de Paul McCartney naquela época ou na súa cadela, que era a que efectivamente se chamaba Martha. Na letra pídelle a Martha que non se esqueza del. E resúltame tamén moi bonito, porque penso que as mellores cancións de amor son ambiguas e, desa maneira, universais. O amor tampouco ten que ser só entre persoas. Hai unha canción de Aries que fala do mesmo.
Este tema tan curtiño chámase “Chicho” e Aries describiuno como un mini poema inspirado na súa relación co seu mellor amigo canino (que entendo que é quen aparece ladrando). Se sodes fans igual recoñecedes a melodía e a letra, que apareceu no seu disco novo co título “Un gran puente”. Esta versión apareceu en Sonámbulo, un disco homenaxe ao artista Nicolás Martínez Cerezo. Nese falar da nosa relación cos animais, non sempre hai unha intimidade. Ás veces é máis unha fascinación dende a distancia.
“Coyote”, este tema de Joni Mitchell***, é unha historia de estrada que se percibe tanto na letra como na música. O ritmo ten un avanzar constante no que o baixo baila con liberdade, case coma se fose a paisaxe. E a letra parece falar dun fuxir do caos da cidade sen ter unha dirección moi clara. Coyote é un dos personaxes, pero no momento que escoitamos ela fala dun coyote real que se para e mira desafiante antes de marchar correndo entre o trigo, xogando cun falcón. Pareceume interesante como capta a impresión que causa ás veces atopar un animal que nunca vimos.
Aquí en Galicia, se seguides os informativos veredes que cada vez é máis frecuente que os xabaríns aparezan en vilas e cidades. Aínda así, iso non é dabondo para explicar por que en Galicia o xabarín é o animal que protagoniza máis cancións. Dende fóra debe resultar bastante estraño. Gracias ao Xabarín Club xa se cubriu toda a variable e converteuse ao Xabarín nunha icona. Tanto que Cudevaso puideron facer a súa propia canción sobre o Xabarín sen ter nada que ver co programa e é inevitable pensar que forma parte del.
Pensando niso, eu hoxe quería acabar cunha canción que me emociona moito e que tamén ten que ver con crear unha simboloxía a partir dun animal. É “Caracoíño”, de Zurraspa. Tanto eles como Lamprea Explosiva, con quen comparten batería, teñen cancións sobre os caracois, que para min funcionan como un exemplo a seguir: son animais pacientes, que viven fóra do estrés do capitalismo, e son independentes e libres ao levar a casa a costas. E ademais, Lamprea e toda outra serie de proxectos participan nun colectivo punk que se chama Caracol Negro, imaxino que porque o caracol tamén é un exemplo de ideoloxía faino-ti-mesmo. En “Caracoiño” hai un toque precioso de canción infantil combinado cunha certa escuridade e ameaza arredor. Encántame como Zurraspa son enérxicos e ruidosos pero tamén delicados e sensibles. A ver se a vós vos gustan tanto como a min.
* O outro día ensináronme este vídeo, que non ten demasiada relación pero pareceume unha movida.
*** Estiven escoitando moito a Joni Mitchell ultimamente, porque lin este artigo de Pitchfork no que repasan a súa carreira e flipei coñecendo as cousas que fixo máis aló da etapa máis tipo cantautora do comezo. A etapa de finais dos 70 na que se achega máis ao jazz paréceme unha pasada, por exemplo. Puxen arriba a versión de “Coyote” con The Band, pero a do disco mola se cadra un pouco máis.
A finde pasada tocamos Zara con Lamprea Explosiva e Meus no Liceo Mutante e na Kominsky de Vigo e foi moi bonito, por cousas como as que describe “Xente bonita”, que é un himno para min dende a primeira vez que lla escoitei. Non podía quitala da cabeza e púxena neste Un tema e un tema para falar de cartos, creo que porque representa para min máis ou menos o contrario.
Podedes escoitar o programa enteiro (no que tamén se falou de subtítulos de cancións como os de Paxaradas_subt) aquí.
E podedes escoitar a sección (que empezaba con “Non teño diñeiro” de Aerolíneas Federales) aquí. Pinchei tamén a Oh Ayatollah, ABBA, Estopa, Gwen Stefani, Rihanna, Barrett Strong, Malandrómeda, Emilio José e Pony Bravo.
Hoxe quero falar de cartos. Pero é un pouco raro entrar nun sitio dicindo que queres falar de cartos. É como que é incómodo, non? A ninguén lle gusta esa xente que só sabe falar de cartos, e dá a sensación de que o diñeiro pode estropear calquera cousa, normalmente cando hai moito ou cando apenas hai ningún. Os cartos teñen ese aire sucio porque non se reparten con xustiza: se alguén ten moitos é habitual que sexa a costa de explotar a outras persoas. Se non se gastan en poñer máis camas nos hospitais é porque alguén decidiu que están mellor noutro sitio. Os cartos son tamén unha cousa triste porque poñen un valor á realidade. Pero queixarse é como moi de pobres.
E aínda así queixarse tamén ten a súa gracia, e é un dos privilexios de quen non ten un can, como cantan Oh Ayatollah en “Case todo é o que parece”. Este tema ten un aquel de odio de clase (a todos eses cabronazos das corbatas e dos barcos), pero sobre todo é unha canción sobre desexos frustrados. Cando se canta dende a posición de quen non ten cartos (que é o máis habitual no pop, aínda que quen cante sexa millonario), o desexo de telos está moi presente.
Porque tamén é de pobres soñar con nadar na abundancia, piscinas cheas de billetes, coches de gran cilindrada e esas historias. Por exemplo, na súa canción sobre cartos, Agnetha e Anni Frid de ABBA cantaban sobre o triste que é traballar noite e día para pagar facturas e que non lles quede un penique para elas. A solución que propoñen é atopar un marido rico para deixar o choio e vivir por fin. O asunto é ver que tipo de vida é esa se se fai realidade.
Isto é Estopa, concretamente “Suma y sigue”, a súa canción-fantasía sobre facerse ricos nun casino. Pero é unha fantasía triste. En parte porque a propia imaxinación de quen canta faino sentir fóra de lugar no seu propio soño, decepcionado cos viños caros e o resto de símbolos do triunfador, como o de levar unha “rubia despampanante” do brazo, ou o de comer caviar. E en parte pola presenza siniestra das máquinas comecartos: as falsas promesas do diñeiro, como as que fai Carlos Sobera na tele, son as que motivan a ludopatía. É o guai de Estopa, aínda que pareza un tópico: son auténticos, falan das cousas dunha maneira que é á vez poética e directa, e o que fan sempre transmite algunha verdade. E a verdade que saco eu de aquí é que os cartos son un fetiche.
ABBA gañaban a riqueza casando cun rico, Estopa xogando e Gwen Stefani nin sequera se preocupa en “Rich Girl” de dicir de onde ía sacalos. Só segue con ese fetiche: os cartos representan a ausencia de problemas e a satisfacción dos desexos. Neste caso eses desexos son máis sofisticados que os de Estopa, e inclúen encher o armario de roupa de John Galliano e Vivienne Westwood. Pero polo medio hai dous detalles interesantes: o primeiro é que os cartos representan para ela un empoderamento na súa relación cos homes.
O empoderamento é tamén o que podemos extraer, pero dunha maneira moito máis violenta, desta canción de Rihanna, na que vén dicir que mellor que teñas os meus cartos, porque ninguén fode a Rihanna. Os cartos representan o poder, pero están rodeados de xente disposta a facer cousas malas para conseguilos. Están rodeados de competencia, de supervivencia. Aí estaba o outro detalle interesante do tema de Gwen Stefani, porque advertía de que o amor da persoa á que lle canta vale máis que o ouro.
Aí chegamos a unha contraposición que me interesa, e que se repite. Diñeiro contra amor.Barrett Strong cantaba que as mellores cousas da vida son gratis, si, pero a el que lle dean a pasta. Que o amor está moi ben pero non paga as facturas. Os Beatles cantaron este tema, pero tamén escribiron “Can’t Buy Me Love”, que é máis ou menos o contrario: nel dicían que non se preocupaban moito polos cartos, porque non poden mercar o amor. É fácil non preocuparse polo diñeiro cando nadas en libras esterlinas, pero tamén é certo que deixar de lado o fetiche de facerse rico e as ganas de satisfacer desexos que non son reais pode axudarnos a ser máis felices, ou a andar menos distraídos co asunto de consumir.
Ese fetiche desmóntase coa realidade. Dicía ao principio que á xente non lle gusta falar de cartos, como se alguén fose xulgarte polo que gañas, pero deberíamos falar máis de cifras para que iso non suceda.As persoas non valen cartos, así que saber canto cobra cada quen só pode servir para saber se o reparto está ben feito: pensade na igualdade salarial entre mulleres e homes, que só se pode dar se sabemos os soldos de todo o mundo. Por exemplo, por cada colaboración aquí na Radio Galega cobro 50 euros. Onde están os números nas cancións? Os que atopei non son cifras moi impresionantes: o Hevi ten en “Levaetrae”, de Malandrómeda, tres euros estratéxicos. En “ALOHAnet”, Emilio José ten cinco euros e fai moita cousa con eles, nunha canción que axuda a pensar no diñeiro como unha construción cultural, un sistema arbitrario que podería non existir. Como tantas cousas que dámos por fixas.
A gran pregunta é, para min, que relación ten o que somos cos cartos. Os cartos son como un espello deformante: distorsionan a nosa imaxe e as relacións que temos coa xente e coas cousas que facemos. Eu pénsoo moito ao pensar na relación entre os cartos e a arte, que é unha cousa que sempre está ben tratar nun espazo cultural. No momento en que convertemos unha película, un libro ou unha canción nun produto, estamos permitindo que sexa o mercado o que decida o seu valor. Nós podemos crear a obra que queiramos, pero se pretendemos que sexa un traballo teremos que gustarlle a un público que nos dea de comer, ou quizais buscar un patrocinador que vexa na nosa arte un interese publicitario. Ou trampear todo iso e convencer a unha institución pública de que o noso novo disco é de interese xeral. Pero todo iso case sempre ten máis que ver coa aparencia que coa realidade.
“Mi DNI”, esta canción de Pony Bravo, resume bastante ben todo iso falando da industria da música alternativa: é difícil construír unha relación xusta ou verdadeira nun contexto inundado de falsidade, intereses e competencia. Pero seguramente pase igual en todas partes, aínda que as decisións non se tomen no cuarto de baño dun pub ou nun camerino. Se imos ao dentista se cadra preguntámonos se non estará recomendándonos máis tratamentos dos necesarios para cobrar máis. En cambio, se imos ao médico, como é público, preocuparémonos por se ten tempo para mirarnos ben e atopar todo o que temos. Para min o ideal sería xerar cada vez máis espazos nos que os cartos non importen demasiado, e, aínda que sone moi jipi, penso que iso se fai co amor, coa honestidade e coa solidariedade (ou repartindo a riqueza do mundo a partes iguais). Así que quería rematar todo este pensamento caótico poñendo un tema que para min crea un deses espazos cada vez que a escoito, e que fala de como a arte pode ser ese espazo. Non necesita falar de cartos, senón de todo o que fai que ser humano valga a pena: coñecer a alguén de verdade, expresarse, querer, sentirse queridos. É “Xente bonita”, de Lamprea Explosiva.