Un tema e un tema #6: Idade e “Fort Bravo” de Grampoder

grampoder

Non o comentei nas outras entradas, pero inconscientemente a idea desta sección está inspirada en “Theme Time Radio Hour”, o programa de radio que facía Bob Dylan e que é marabilloso, pura sabiduría musical e da vida. O que pasa é que eu falo da miña vida e el fala máis do universo en xeral. Están todos os episodios online aquí. Cando o escoito dáme unha envexa tremenda ver como é capaz de crear o ambiente ideal de radio só con abrir a boca, mentres eu son terriblemente torpe vocalizando e entonando.

Pinchei “Quen nos representa“, do Bloque Nacionalista Galego, “Vai chegar En Marea“, de En Marea, “SPLA/M” de Emilio José, un cacho deste vídeo de Radio Océano nun concerto en solidariedade cos traballadores de ASTANO en 1985, “Repunante” de Lamprea Explosiva e, completa ao final, “Fort Bravo” de Grampoder.

O outro domingo fun votar. Encántanme as xornadas electorais porque volvo á casa e vexo aos veciños, tomo o vermú cos amigos e ás veces ata sae un resultado que me gusta. Pero o habitual é que non, porque na miña casa sempre se votou ao Bloque que, por certo sacou un EP o venres. Estas cancións de partido teñen algo de salto de fé, describen unha realidade que nunca chega a suceder. Un tempo novo, un país xusto. A canción do PP non describe nada e por iso acerta sempre.

As cancións de partido danme medo porque non inspiran, e fan sentir o baleiro. Fan pensar en se a fé aguantará para sempre, e teño medo a que despois da fé só haxa cinismo. O último que quero é ser un cínico, un cínico dos que din que simplemente son realistas. O problema está se cadra en conectar a fé en política exclusivamente cos partidos.

Na xornada de reflexión fun coa miña nai a ver a Radio Océano. Viñamos falando sobre a idade. Ela ten cincuenta e cinco pero non lle gusta a actitude da xente da súa idade. Vimos a uns señores de preto de sesenta tocar as cancións de hai trinta e algo. Eran corpos moi distintos producindo sonidos moi parecidos, tanto que nalgún momento todos chegamos a crer no que escoitabamos. As cancións sobreviven. Pero no contexto non había medo, non había violencia nin rabia.

Hai catro anos acabei a carreira e pensaba que a idea de madurar era triste, que era renunciar a cambiar as cousas e deixar de aprender. E volvín e fixen cousas, e agora déixanme saír pola radio dicindo o que penso. Pero de canto vale expoñer unha idea se ao saír do traballo vou para a casa? Estou máis canso que hai catro anos e son máis ou menos igual de cobarde. Dentro de catro anos terei trinta. Dentro de trinta, como será o meu corpo? No concerto de Radio Océano non había violencia, había un ambiente bonito e interxeracional. Tocaron tamén Sr. Anido, que parecía máis xoven que cando o coñecín, e Lamprea Explosiva, que me fixeron sentir vello.

Fainos falta todo iso, o medo, a violencia, matar aos pais? Cada ano que pasa teño as cousas menos claras, pero tamén teño medo ao que pasará se deixo de dubidar e un día me convirto nunha desas persoas coas cousas clarísimas. Supoño que o importante non son os corpos novos, senón as maneiras novas de enfrontarse a sensacións parecidas. Dentro diso, como non sei exactamente como quero sentirme, vou pinchar “Fort Bravo” de Grampoder, que é un grupo que fixo cancións preciosas sobre estar canso e derrotado. Esta ten algo de dúbidas e algo de .