Esta foto de David Tombilla no último concerto de Unicornibot, na que sae Gael Carballo gravando, está ilustrando o evento de Cancións, caras e lugares,unha sesión de vídeos de concertos dunha escena galega que programei para o Cinema no Xardín do Liceo Mutante, este venres 26, e cóntovos un pouco por se queredes vir.
De que escena galega falamos? Falar de escena underground galega, por exemplo, como se só houbese unha, sería faltar un pouco á verdade, porque case todas as escenas que haxa por aquí van ser underground e hai realidades nos mesmos lugares que apenas se tocan (iso pode ser triste, pero xa é outra cuestión). Para ter un punto de conexión, escollín vídeos nos que saen bandas que tocaron algunha vez no propio Liceo, co cal penso que se recolle unha especie de vínculo que está preto da autoxestión e dunha relación pouco xerárquica entre quen está no escenario e quen non: as persoas que tocan poden aparecer outro día bailando en primeira fila, ou facendo o son, ou a cea, ou gravando vídeos.
Tampouco quero rallar moito dándolle voltas a isto dos vídeos de concertos, porque xa falei deles nun texto que escribín hai un par de anos que se chama Equilibrios precarios. Pero si que quero repetir que me parece que estes rexistros son importantes e abren unha maneira de representar a realidade da música diferente á habitual no documental musical, nos medios especializados, nos videoclips e noutras formas que recollen concertos, en parte porque é un rexistro ao alcance de calquera:
Igual que a escena, é menos xerárquica: as bandas deixan de ser o elemento central e aparecen outras experiencias e persoas, ademais de que estes vídeos están gravados por artistas, profesionais e amateurs a partes iguais.
É bastante libre esteticamente: hai dende experimentos moi guais coa montaxe a vídeos de móbil completamente improvisados.
Parécese ao cinema doméstico: son imaxes moi importantes ou incomprensibles en función da relación que teñas con elas. Se non tes un coñecemento previo sobre o que (e a quen) estás vendo e escoitando é probable que te sintas como se vises o vídeo do cumpreanos dun neno austríaco. Se o tes, pode ser como ver a túa familia.
Ten un valor documental e etnográfico: recolle persoas, actividades e cancións que doutra maneira nunca serían recollidas e que ás veces nunca son gravadas.
Na sesión hai vídeos de Flaco Fláquez, David Tombilla, Teo e Sonia, Mar Catarina, Rubén Domínguez, Anxos Fazáns, Borja Vilas, Yasmin El Hachimi, Gael Carballo, Carlos M. Peñalver, Darío Real, Quete McFly e María Yáñez.
Saen Unicornibot, Mullet, Emilio José, Lamprea Explosiva, Meus, Zara, Telephones Rouges, Travesti Afgano, Glitchgirl, Fantasmage, Malandrómeda, Contenedor de Mierda, Terremoto Sí,Cuchillo de Fuego e Srasrsra.
Desta volta quixen falar de cancións que usan nomes propios de persoa. Bob Dylan fixera un programa moi chulo sobre os nomes de muller, pero era outra historia. Pinchei a Dolly Parton, Simon e Garfunkel, Telephones Rouges, Heredeiros da Crus, Emilio José, os Minutemen, Travesti Afgano, Ataque Escampe e Malandrómeda.
Aquí podedes escoitar o programa completo, que inclúe unha crónica do Encontro de Punkis de Aldea de Sarria, ao que me gustaría moito ter ido. Aparece tamén unha versión moi guai de “Dirty Old Town” dos Pogues que fai o Leo.
O corte da sección aínda non o subiron pero cando estea xa o engado.
Debaixo tedes o texto para ler. Antes de falar de nada, pinchei un dos grandes clásicos disto dos nomes propios en cancións.
A historia do pop está chea de cancións con nomes de persoas. Isto é bonito porque introducir un detalle concreto nunha canción (sexa un lugar, un tempo ou un nome), se se fai ben, dálle algo de realidade e emoción. E tamén activa a imaxinación, ata tal punto que logo a xente ponlle nome aos seus fillos e fillas por esas cancións, ou incluso ponse nome a si mesma. É algo que fixo Alaska, que se chama así por un tema de Lou Reed, e que tamén fixo Cecilia, que realmente se chamaba Evangelina Sobredo pero rebautizouse en honra a un tema de Simon e Garfunkel.
Hai case unha canción para cada nome, e vou citar unhas cantas moi famosas, moi boas ou as dúas cousas. Lady Gaga ten “Alejandro”, ABBA teñen “Fernando”, Blondie teñen “Maria”, os Beatles teñen “Michelle”, os Ramones teñen “Ramona”, os Rolling Stones teñen “Angie”, Broadcast teñen “Michael A Grammar”, Caetano Veloso ten “Irene”, Nick Cave e os Bad Seeds teñen “Deanna”, Van Morrison e Umberto Tozzi teñen cada un a súa “Gloria”, Víctor Jara ten “Te recuerdo Amanda”, e de por aquí a miña favorita é a dos Telephones Rouges, que teñen “Desiderio”.
Isto ten lado bo e lado malo, as dúas cousas por como a canción pode mesturarse coa túa identidade, como se o teu nome puidese levar xa de por si unha melodía. Eu aínda non atopei unha que fale dun Cibrán, pero unha Sara contoume que lle facía ilusión saber que Fleetwood Mac tiñan unha canción que se chamaba como ela. Polo outro lado, unha María díxome que acabou farta de que lle cantasen isto dos Heredeiros.
Aínda así, se falamos de como se mestura unha canción coa túa identidade, o que me parece aínda máis interesante son as cancións que ademais do nome teñen e apelidos, e que falan dunha persoa real que podemos identificar. Dentro disto hai uns cantos mestres sen irnos moi lonxe, como Emilio José e a cantidade de veces que fala de figuras públicas ou políticas*: Jean Claude Juncker, Íñigo Errejón, Barreiro Rivas, Baltar, Rocío Mosquera, Pablo Iglesias, Beiras… nesta saen Bill Gates, Steve Jobs e Feijoo.
Sempre me deu a sensación de que escoitar un disco de Emilio José é como facer un amigo, porque é como se che contase a súa visión do mundo case enteira. É como ter unha conversa moi longa, e nas conversas moi longas é normal que alguén acabe falando dalgún político, e citarao polo nome, que tamén é diferente a falar da clase política en abstracto. Pero no asunto dos nomes nas cancións hai xente que vai a un lugar máis íntimo. Por exemplo, á autobiografía: as cancións de grupos que falan de si mesmos teñen exemplos como o clásico dos Minutemen, “History Lesson Part II”, que empeza dicindo “A nosa banda podería ser a túa vida, os nomes reais serán a proba”.
Nela os nomes das súas influencias (Bob Dylan, Richard Hell) mestúranse cos seus propios, coa experiencia de D. Boon e Mike Watt montando un grupo. De máis preto, nesta liña sei que hai un inédito de Ataque Escampe que se chama “Roi Vidal”, como o seu propio cantante e batería, e está o “Golden Apples” de Travesti Afgano, no que o guitarrista Luismi describe a cada membro da banda dunha maneira que me transmite moita tenrura.
Todo isto ten sentido por esa impresión de realidade que os nomes e apelidos outorgan, que fai sentir unha proximidade e unha transparencia moi fortes. Robert Forster dos Go-Betweens dixo nunha entrevista que “os nomes reais e as situacións reais son máis interesantes que a ficción”, e creo que normalmente é certo**. Pero claro, tampouco sabemos que opina a xente que acaba aparecendo na canción doutra persoa. Sabemos que a Taylor Swift lle molestou cando Kanye West a cita (e a insulta) en “Famous”, pero non sabemos que opinaron todas as persoas que aparecen na obra de Nueva Vulcano, nin que lle parece a Pablo Callejo que un tema de Oh Ayatollah leve o seu nome. Ou que opinou Carlos Figueiras de saír en “A granxa de Alexandre” de Ataque Escampe.
O que pasa é que hai un paradoxo en todo isto, que é que a min foi Xiana quen me puxo sobre a pista deste Carlos Figueiras, de quen podía sospeitar que era unha persoa real, pero non sabelo porque non o coñezo de nada. E iso fíxome pensar en que o que importa, case sempre, é a impresión de realidade e non a realidade en si. E esa impresión dámoslla nós ás cancións, ao escoitalas ou, máis tristemente, ao buscalas en google. Lembreime de dúas cancións, para ir rematando, que nunca tiven claro de todo se falaban de xente real ou eran invencións de quen fixo a letra. Sendo moi diferentes, teñen moito que ver, porque falan de grupos fantásticos que nunca chegaron a ser coñecidos (e aí está o truco para xerar unha impresión de realidade que non podes confirmar con seguridade). Unha é “The Late Greats”, de Wilco, e a outra, que chega moito máis lonxe no nivel de detalle na construción dos personaxes (ou no retrato, non sei), é “Aquel grupo”, de Malandrómeda. Hoxe quería acabar pinchándoa, escoitando a historia de Lucas MC e Palanquetti e quedando coa dúbida.
* É curioso que, ao tempo que cita polo nome a toda esta xente, cando as cancións viran ao íntimo, como en “♥” cante “O teu nome / não se escreve em inglês / o teu nome / não se escreve em persa / o teu nome / não se escreve em chinês / teu nome não se escreve”.
** Era demasiado longo de explicar para a radio, pero gustaríame ter pinchado tamén “Darlinghurst Nights”, que é a canción á que se refire Robert Forster na entrevista de Kiko Amat, e é un exemplo perfecto de como o detalle dos nomes evoca moito máis intensamente un espazo ou unha emoción.
Ademais daquela entrevista a Contenedor de Mierda que vos contei por aquí hai un par de entradas, fixen outra máis para o blog do Galician Bizarre. Foi a Travesti Afgano, e houbo varias cousas coas que quedei especialmente contento. Unha é a introdución, que creo que di cousas bonitas deles sen ter que esaxerar nada para facer apoloxía, e outra son varias das súas respostas, que creo que resumen unha maneira moi necesaria de entender a galeguidade.
Rafa: Eu sintome galego, pero dos de antes das invasións romanas, e dos que viviron no tempo dos suevos no primeiro reino de Europa, considérome atlántico.
Camilo: [O sitio de onde somos] Inflúe en todo e en maior medida que calquera outro factor. De feito é o factor. Imaxínate a Siniestro Total sendo de Valladolid, meu Deus, serían patéticos, lamentables, esa xente non ten puta gracia, está amargada. Existen grupos en Valladolid? Había uns mods que me molaban, pero era un grupo de exercicio de estilo, poderían ser de Valladolid ou de Sidney e o resultado iba ser o mesmo – impersonal-.
Podedes lela aquí.Inclúe tamén respostas moi interesantes sobre o costumismo, os seus recopilatorios favoritos ou o goberno Feijóo.
Xa que ides polo blog do Galician Bizarre non perdades o artigo que fixo Nuno Pico sobre o seu descubrimento das bandas que estaban no volume 2.
A maneira na que o feito de ser fan de alguén pode ser unha fonte de inspiración e un motor creativo é unha cousa sobre a que traballo na tese que estou rematando e que quixen reflexar aquí, inspirado a partes iguais por Jonathan Richman e Luismi. El é unha das persoas nas que penso se teño que explicarme o que é un fan, e ten dous artigos moi interesantes arredor do tema: un para a Revista Porno no que falaba de Selvática e un para Karate Press no que fala de The Fall. Bueno, no primeiro tamén fala de The Fall. E nesta foto leva unha gorra de The Fall. A min tamén me pasa con Jonathan, que necesito facer referencias a el para explicar case calquera cousa porque serve un pouco de marco para a miña visión das cousas e de exemplo da actitude que quero ter, na arte e na vida.
Unha vez soñei que coñecía a Jonathan Richman, que é o meu ídolo. Atopábao na Casa dos Peixes da Coruña, na sala que imita ao Nautilus. Tentaba falar con el pero era moi maleducado e interrompíame para pedirme lume. Decepcionoume moitísimo que fumara e, en xeral, que non fora como eu pensaba. Despois diso pensei que para ser fan de alguén fai falta unha distancia… Jonathan é tan importante para min, a través das cancións, porque non sei nada del con certeza. Gracias a iso podo sentir o que necesite sentir, e pensalo como o amigo máis fiel ou como un confidente, sen deixar que a realidade o arruine.
Pero tampouco me gusta pensar nos artistas como algo alleo e intanxible, como se eles fosen divinos e nós mundanos e banais. Gústame pensar que os artistas tamén son fans, e que á forza de tentar converterte nos teus ídolos acabas descubríndote polo camiño, como cando Jonathan cantou sobre a Velvet e chantou un cacho de “Sister Ray” no medio.
Parécese á Velvet, pero non é a Velvet. Está ao mesmo tempo moi lonxe e moi preto deles. Cando pasas anos baixo a influencia dunha música á que volves constantemente, acaba definindo a túa identidade case como o sitio onde naciches. E necesitas anuncialo ao mundo. Iso implica, no caso máis estéril, poñelo no Facebook ou que o diga na túa camiseta. Pero, no mellor dos casos, implica que fagas unha canción de fan e axustes contas con quen máis admiras. A finais dos setenta, Bibiano xa escribira un “Adagio para Janis Joplin”, onde falaba con ela arrincando cun glorioso saúdo pero constatando que se despedía.
É un bo exemplo desa cercanía lonxana: falar cunha morta. Esa relación que temos cos ídolos é unha cousa tan absurda que ten que inspirar aos fans por forza. Xoel López fixera unha canción na que dicía que quería ser Caetano Veloso, pero nunca me convenceu demasiado porque sonaba un pouco a exercicio de estilo. Sonaba agradable e correcta onde estas cousas deberían sonar apaixoadas e rotundas ata o exceso, como Bibiano. Penso que, postos a fantasear, prefiro o caso extremo: en vez de explicar un desexo, Fiera clamaban poseídos ser Mark E. Smith, de The Fall. Claro que era algo que xa fixera o propio Smith, que dicía ser Damo Suzuki, de Can. Ata Morrissey dixo ser Pasolini!
O que quería dicir eu é que é ben bonito reclamar outra identidade, como no entroido ou no karaoke, sempre que non esquezas a túa nese proceso. Converterse nun imitador é triste, salvo que sexas El Vez. O que quería dicir que ser fan pode ser unha maneira de quedar ben con xente presumindo de gusto, pero se se tenta tamén chega a ser o motor principal dunha expresión persoal. E para demostralo quería pinchar a resposta retranqueira de Travesti Afgano a toda esa tendencia, que cantan “Yo no soy Mark E. Smith” e dan esa impresión de que o asunto é atopar a túa propia maneira de facer as cousas.
Molestárame bastante esta reseña de Pol Rodellar en Vice que falaba de Rafa Anido, pero como me parecera horrible fixen a nota de prensa relaxado, sabendo que non ía ser a peor cousa que se escribise sobre Travesti Afgano e tentando que se entendera que son tan graciosos como serios.
Ser os Jefes de Julais significa destacar entre o lixo, dirixir un exército de descerebrados, surfear nun mar de merda. Travesti Afgano saíron á superficie para retratar a nosa realidade, dende o detalle pequeno do costumismo (o chulo de praia de “Ciclado”, a clienta pesada de “Argentina”) ata os grandes problemas colectivos da época (“Era Nuclear”, “Puto Internet”, a guerra de sexos en “Sexo Débil”). Como uns líderes militares, fano avanzando firmes e con nervio, sobre ritmos que camiñan coa enerxía mongoloide dun mono con platillos, balanceándose de lado a lado, acumulando riffs e voces (e ata unha trompeta) uns por riba doutros ata construír un sonido máis elaborado do que parece a primeira vista. Un pilar sólido para chantar enriba o dobre discurso co que nos dirixen aos julais.
En que consiste ese dobre discurso? Ás veces exercen de portavoces e expresan a frustración que os julais poidamos ter, porque as cancións transpiran tensión e mala ostia contra a xente que quere foderte a diario; contra os que non che deixan saír do burato. Pero outras veces son eses auténticos xefes e superan calquera problema atopando solucións a través do humor, os berros, as melodías pop ou as observacións visionarias: “Basta xa de mediocridade / Basta xa de velocidade” é a consigna perfecta para berrarlle a un mundo cargante, banal e difícil de seguir, que recibe o tiro de gracia no peche do disco con “Berlusconi”, un logro da canción protesta que nos arma contra os poderosos reafirmando a xustiza poética da natureza humana e a nosa autonomía dentro da cabeza (“Nunca teredes ningún poder mental”) ata animarnos a queimar centros comerciais. Curiosamente, o atractivo de Travesti lembra ao de Marineda City: escoitalos pode ser tanto un rato disfrutable e cheo de estímulos como unha experiencia abrumadora e densa da que non das atopado a saída. É unha conclusión curiosa e ao mesmo tempo lóxica para un grupo que reflicta o aquí e agora.