Lamprea Explosiva teñen unha canción que se chama “Xente bonita” que di “non queremos ser un produto máis, queremos sentir, queremos expresar e coñecer xente bonita, e coñecer xente guay”. Paréceme moi importante falar de como moitas veces o mercado e as paixóns non van da man, senón que baten. Penso moito niso cando vexo como moitas amigas e amigos que fixen cando tiñamos máis tempo libre teñen que renunciar a moitas das cousas que adoran polo traballo.
Pensando niso tiña a idea de facer pezas sobre amigas e amigos meus para falar desa tensión e celebrar a amizade, que é unha maneira de resistir ás forzas que gobernan o mundo, e xogar un pouco. Hai dous anos fun ver a Hugo a Nova York, onde el estaba facendo a tese en química orgánica contratado na universidade, e entrevisteino e graveino cando me deixou, e monteino estas semanas co que penso neste momento, que tampouco é que cambiase demasiado en dous anos. Ao principio leva unha voz en off e aí xa se explica un pouco todo.
O vídeo está colgado no Prenom Arquivo, onde xa hai xuntos unha chea de rexistros de cousas da vida, e tamén despois deste parágrafo. Antes deste fixera outra peza que se chamaba “Xente bonita” na Chanfaina Lab e penso que está ben ver en que se parecen e diferencian as dúas: quedou apuntada nestaentrada do blog.
Escribín para VINTE un texto sobre arquivos en liña que traballan coa música. É medio divagación persoal, medio lista de cousas que me gustaría que o mundo vise (por iso aparece Jonathan Richman), medio análise de aspectos importantes sobre como traballamos coa memoria dixital e medio crónica da conversa do mesmo título que fixemos na pasada MICE do Museo do Pobo Galego, un pouco partindo desa idea de que o traballo de alguén como Alan Lomax hoxe está repartido nun caos de xente que rexistra e divulga a música. No artigo falo sobre todo do Pasou o que pasou da CRTVG, do Prenom Arquivo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo e de A Música Portuguesa a Gostar dela Própria, pero tamén de piratas, de MySpace ou das traballadoras de Odosa, que saen na imaxe de enriba, un exemplo de como a memoria tamén esvaece cando a rexistramos. Como falo de tantas cousas, da maioría delas falo pouco.
“Eu xa escoitara todas as sinfonías, e toda a música de cámara, e o mellor jazz… e díxenme: “esta é a mellor música”. Había cincuenta homes negros traballando baixo o látego e a pistola e tiñan a alma para facer a canción máis marabillosa que escoitara nunca”.
Non é que unha música teña que ser necesariamente mellor que outra, pero isto que dicía Alan Lomax sobre as cancións de traballo dos presos que se ven en Afro-american Work Songs in a Texas Prison (de Toshi Seeger) paréceme importante. Hoxe en día, a nosa experiencia da música é case sempre recibila en lugar de creala. Escoitámola en todo momento, pero non nos xuntamos a miúdo para cantala, e se cadra por iso se nos esquece que unha canción que aparece na casa ou no traballo, ou na ducha, ou no karaoke, pode ser máis importante que a que sona en Radio 3, no Pazo da Ópera ou nos 40.
Hoxe empeza a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e participei dende o Cineclube de Compostela programando unhas películas para a sección Trazasque retratan diferentes músicas e a súa relación coas comunidades e persoas que as producen. En todo o mundo hai, e houbo, persoas que tocan e cantan e bailan porque necesitan facelo, ou que constrúen as súas identidades arredor de cancións e persoas que conectan co seu interior. E, por sorte, tamén hai quen se preocupa de rexistrar iso, moitas veces con esa noción revirada do que é importante, e que ao cabo dun tempo é de agradecer porque abre a posibilidade de pensar o que somos sen ter un relato único.
Nesta playlistpódense escoitar as diferentes músicas da sección. Nela, claro, hai exemplos das tradicións máis antigas, como o dos cantos de traballo dos que falaba Lomax. Pero están tamén algunhas maneiras de facer a música importante que inventamos dende aquela: cando vexo aos Telephones Rouges dando o seu primeiro concerto nun piso a miña primeira sensación é que, aínda que a música veña de influencias anglosaxonas, hai unha urxencia por facela e compartila coa xente máis achegada que a convirte nalgo moito máis preto da tradición folk do que pensaríamos nun comezo. Cando vexo a Peret cantando “Borriquito como tú” aos seus netos faime moita gracia a frase “soy el preferido de la juventud” porque debía ser un avó fantástico, pero á parte diso é máxico atopar un tema de éxito gañando outro sentido nun contexto íntimo e familiar. E cando vexo os bailes e o coleccionismo do northern soulen The Wigan Casino paréceme fascinante como unha comunidade foi capaz de crear unha escena na que o centro xa non estaba en quen interpreta a música, senón no que outra xente é quen de facer con ela.
Fíxome moita ilusión xuntar estas pelis porque dan unha idea bastante ecléctica do que pode ser a etnografía e, en conxunto, paréceme que reflicten como de variadas e bonitas son as formas nas que conseguimos que a música sexa unha das cousas máis humanas que hai, incluso cando é a industria cultural e o comercio o que a filtra. Sempre nos amañamos para identificarnos con algún ritmo ou algunha melodía e sentirnos preto doutra xente no proceso.
Á parte disto, tamén vou moderar nunha conversa-vermú o domingo que se chama De Lomax a YouTubee que vai tratar precisamente sobre estas prácticas sociais comunitarias das que falo e diferentes arquivos online abertos que as rexistran e comparten. Paréceme bonito tratar a cuestión do arquivo no momento en que todos rexistramos e arquivamos momentos constantemente, normalmente a través de plataformas que pertencen a grandes corporacións e sen unha noción moi clara do efémero dos soportes dixitais. Ábrense outras posibilidades de elaborar o noso propio relato da identidade, pero tampouco teño moi claro ata que punto as exploramos.
Todas as actividades e proxeccións da MICE son gratuítas. Vai haber cousas moi guais, incluíndo unha sección de cinema doméstico hoxe que me apetece moito. O folleto coa programación e os horarios estáaquí.
Fixen outro vídeo para o arquivo de Prenom. Este foi de casualidade:
Este vídeo é así como podería ser doutra maneira ou non ser. Mar levou a cámara ao Liceo e nun momento díxome “grava aí algo a Pablo Und Destruktion”. Esa cámara é fantástica, ten un micro ben xeitoso e un zoom de moitos aumentos que pixela dunha maneira moi bonita, así que aproveitei iso e busquei cousas. Primeiro mirei a Berto Fojo, ilustre batería, mirando dende detrás da batería. Logo quixen mirar moi de preto a Pablo. A imaxe vólvese así outra cousa estraña e rítmica. É unha persoa pero tamén son liñas e cores, rastros e algún efecto estraño da falta de luz. O mesmo pasa coas baquetas. Logo atopei que a columna que tiña diante da cara non era tanto un problema como unha oportunidade para facer falsos fundidos. Tamén atopei a Mar, claro, a Jose anotando cousas e houbo algún cacho no que non atopei gran cousa. Ao acabar o concerto fun ver se gravaba a algún dos moitos amigos e amigas que hai no aniversario do Liceo Mutante pero os dous primeiros tiñan pavor á cámara e ao asustalos quedoume mal corpo e supuxen que era cousa do destino así que lle devolvín a cámara a Mar e xa non gravei máis. Logo díxome se quería montalo pero decidimos que iamos deixalo todo, igual que canta Pablo na canción. Fixo Mar un par de transicións para pegar os tres clips de vídeo que debía haber.
A maiores disto que puxen no texto de introdución hai outra cousa: non me lembraba para nada de que cancións gravara. Normalmente teño a sensación de que cando gravo a alguén tocando me fixo máis en todo, e na relación do son cos xestos e os movementos, pero desta vez pasoume ao revés. Tamén porque estaba xogando a buscar uns efectos visuais que non tiñan necesariamente relación co que escoitaba. Deberían tela? Eu tendo a pensar que é mellor que si.
Hai unhas semanas fun tocar de sustituto con Ataque Escampe ao Xebra de Burela, e fixen este vídeo para o Prenom arquivo, un proxecto que empezou Mar Catarina e que me gusta moito porque creo que ten o máis bonito que poden ter os vídeos de escenas musicais: como son parecidos a vídeos domésticos, están cheos de momentos felices e divertidos, celebracións que entendes e disfrutas máis completamente se coñeces a quen sae. Teñen naturalidade e un pouco de performance. E como a miúdo están feitos por xente con inquietudes cinematográficas (ata agora Mar, Rubén e Gael), teñen un aquel de inventiva estética na gravación e na montaxe, pero sempre cunha despreocupación que agradezo moito. E claro, son recordos bonitos que doutra maneira se perden. De pequeno nunca tivemos cámara na casa e agora boto en falta algunha cinta de momentos bonitos como este, no que puiden tocar cun grupo que me encanta, ver un concerto marabilloso de Oh Ayatollah e en xeral volver á casa feliz.
Mar díxome algunha cousa máis sobre a súa idea de facer o arquivo o outro día que lle preguntei:
“Véndese unha idea de democratización da imaxe pero quen posúe esas imaxes, ou as imaxes que crean a historia dun pobo, son as institucións. Entón claro, as institucións difúndenas, manipúlanas, utilízanas para crear un relato e unha historia que está determinando a nosa percepción, o noso imaxinario colectivo sobre unha realidade. Cando ti fas un arquivo, en certo modo estás resistindo ou creando unha subversión a ese arquivo institucional que se transmite a un pobo“.
Se a alguén que lea isto lle interesa o tema, o ano pasado escribín un texto sobre os vídeos desa escena underground galega para presentalo aos premios María Luz Morales e está publicado nos Papeis da Academia.