
Estiven no Diario Cultural Zeta falando con Antonio Méndez sobre Tulip e, coma sempre, poño por aquí un enlace ao podcast e, debaixo, a versión en texto do que comentei, algo máis ampla que o que dá tempo a comentar na radio.
Un dos discos galegos que máis me gustou ultimamente é Estrelas no chan, de Tulip. Neste grupo están Óscar Raña e Marta González (que cantan e tocan a guitarra, e que me contestaron unhas preguntas) e tamén Brais Otero e Fiz García (que tamén son membros de Mundo Prestigio). Pero o máis importante, supoño, é que fan unhas cancións de pop que me parecen moi bonitas.
Escribindo o texto entrei un pouco en crise, porque me gusta realmente a música de Tulip pero tiña a sensación de non ter moito que dicir sobre ela, ou mesmo de non dar coas preguntas adecuadas para mandarlles. Eu son unha persoa con bastante verborrea, e da xente que fai crítica ou crónica musical espérase (se é que alguén espera algo a estas alturas) que usemos ben os adxectivos e describamos sensacións de maneira precisa… e neste caso resúltame complicado. Case me daba gana de dicir que as cancións son bonitas e deixalo aí. Despois decidín divagar un pouco sobre que é o que entendemos por beleza: normalmente creo que son cousas harmoniosas, agradables, ordenadas… pero con elementos que fan que non sexan completamente predicibles. Igual con isto vén máis á cabeza unha pintura ou unha paisaxe, e para min Tulip fan algo que encaixa dalgunha forma nesa noción.
Aínda así, ata certo punto entendo que vexo esa beleza tamén polo feito de que Tulip fan pop de guitarras, que ao final seguramente é a música que máis me ten gustado ao longo da vida. Non sei, sen ser o meu grupo favorito, sempre que escoito a Teenage Fanclub penso que o que fan é moi bonito e que llo parecerá case a calquera, porque non é unha beleza desas que precisan dunha sensibilidade particular para percibila (como, eu que sei, The Shaggs). A miña impresión é que Tulip levan xa moito tempo facendo ese tipo de música con proxectos previos como Wild Balbina (no caso de Marta) ou Dois (no caso de Óscar) e isto é outro paso máis nesa liña, se cadra máis estilizado. Quixen preguntarlles se no tempo que levan facendo música (que ao mellor xa suma unha década ou así) cambiara algo para eles a súa maneira de entendela.
Marta: En realidade non cambiou moito. Cos nosos outros grupos a forma na que traballamos era moi parecida, tendo tamén influencias comúns, xa que a música que actualmente nos é referente segue a ser sobre todo o pop independente dos anos 80 e 90, que son os grupos que iamos descubrindo cando comezamos a facer música. Todos estes grupos teñen formacións moi clásicas, compostas por guitarra, baixo e batería, como sucede en Tulip e nas nosas outras bandas. Tamén dalgunha forma, creo que non nos influíu moitísimo o que pasou musicalmente nos últimos anos, así que parece que estamos envellecendo con normalidade.
Xusto nun programa anterior do Diario Cultural Zeta falaramos con Ortiga sobre os cambios na instrumentación que usamos para facer música, e relacionado con iso fálase dos cambios tamén no tipo de formacións que a fan. Esta semana saíu un texto no País arredor da presenza cada vez de máis solistas e menos grupos, e hai pouco lin na revista Mazarelos unha reportaxe na que Marina González Estévez entrevistaba a Verto, Sleepy Spice e Grande Amore, e este último apuntaba unha cousa nesta liña: “Eu noto moito os cambios na escena musical. A xeración anterior a min aínda se xuntaba en grupos de guitarras e iso agora xa non é así, non nacen tantos grupos de guitarra porque require dunha afinidade musical e humana moi grande”. Moita xente que tiña grupos de guitarras hai uns anos deixou de telos, sexa por pasar a proxectos con outra instrumentación ou por traballar en solitario, e creo que parte do que me gusta de Tulip tamén está en ter seguido afondando na súa liña en lugar de cambiar seguindo as tendencias (non quero soar reaccionario: aprender cousas novas e estar ao día sempre me vai parecer ben, pero valoro moito a quen é fiel ás súas paixóns), asi que quixen preguntarlles especificamente a Tulip pola súa relación coa guitarra.
Marta: A nós parécenos bastante divertido tocar a guitarra. A medida que imos mellorando tamén en destrezas ímolo disfrutando cada vez máis. Cremos que é un instrumento no que pode diferenciarse máis facilmente unha expresividade persoal do músico, e con elas hai unha relación como máis directa coa produción do son ao tocar e a verdade é que nos gusta experimentar iso.
Antes falaba tamén da idea de que a beleza ten que ver coa orde pero tamén con que haxa cousas impredicibles, pequenas rupturas, sorpresas, detalles fóra do esperable… No caso de Tulip gústame como combinan e alternan as voces ou as linguas (usan castelán, galego e inglés), pero o máis interesante está en varios puntos nos que as letras encaixan dunha maneira particular nas melodías. Moitas veces creo que tentamos que as palabras entren na música conservando certo aire que teñen cando falamos, pero en varias cancións de Tulip aparecen cos acentos cambiados de sitio, ou estiradas, e iso dálles unha estrañeza que me parece evocadora. Ao mesmo tempo, mesturan frases que poden ser máis de uso común con outras máis poéticas, e como non as vin por escrito hai frases que non entendo moi ben pero que me parecen evocadoras nesa ambigüidade (xa me pasara coas de Dois hai uns anos preparando unha entrevista para a Revista Porno): por exemplo, non sei se en “Deixa esta dor” din “por que imaxinar lonxe de aquí as cinzas dos dous?” ou “as cifras dos dous”, pero non sei se quero sabelo ou prefiro que poda ser calquera das dúas cousas. Pregunteilles que relación buscaban entre a letra e a música.
Óscar: Esta relación redúcese basicamente a que a letra queda supeditada ás pautas que a melodía de voz che marca. E isto pois bueno, ao final condúceche a un xogo, na medida en que ti tes que intentar insertar algo suxerente ou coherente minimamente, sexa palabras, sílabas, frases… pois nos ocos que a liña melódica che indica e che permite. E bueno, pois é un proceso entretido e do que extraes ao final resultados curiosos, cando menos.
A cousa é que ata agora estiven falando máis de forma que de contido, que é do que máis falo normalmente (creo). Non estou acostumado a falar das cuestións máis puramente estéticas e busco as temáticas, ou as que teñen que ver co contexto, porque é máis fácil falar delas e se cadra teñen menos que ver coa percepción de cada quen. Pero de todas formas non quero dar a impresión de que Tulip fan exercicios de estilo ou algo semellante. Creo que o que fan é, como dicía, bonito, porque é formalmente moi estilizado, pero se non houbese nada máis que iso a min polo menos non me interesaría demasiado (de feito Dois é un dos meus grupos galegos favoritos e, dentro da elegancia da súa música, paréceme que ás veces teñen un punto caótico ou apresurado que é parte do que os fai emocionantes). Por iso comentaba algo como o desa estrañeza das letras: as cousas bonitas poden ser simplemente agradables, pero en Tulip hai unha ambigüidade que é particular. Non diría nunca que as súas son cancións alegres, pero tamén me costaría dicir que son tristes. Diría que transmiten unha sensación de intimidade que me fai sentir acompañado, pero esa intimidade tampouco implica que haxa unha mensaxe evidente detrás. Nas letras (nas que están en galego e castelán; as que están en inglés non as din pillado aínda) dáme a sensación de que hai referencias a unha frustración xeracional que nos leva a estar perdidos ou esperando algo que non chega: en “Cilantro” cantan “aínda preciso máis tempo para entender esta espera”, en “Perdida” din “solo sé que noto el tiempo” ou “estar muerto por el día no compensa”, en “Espírito” “a veces percibo que estamos en el error, viviendo como si nada, encogiendo”. Son frases que, segundo se van acumulando, a min fálanme da sensación que fun tendo cada vez máis coa pandemia de que a miña vida ou a da xente que quero está marcada polo traballo mentres o tempo pasa.

Á vez, tamén me pareceu que se repetían as referencias a non ser quen de comunicarse facilmente, que non deixan falar ou perden a voz… en “Simpático” din “cada silencio no hay que llenarlo”, en “Espírito” creo que din “el miedo filtró mi voz”, en “Un mundo” din “só che pido un momento, non deixas falar e te distraes no teu mundo”, en “Deixa esta dor” cantan (cun xogo de voces moi… si, bonito) “non son eu quen fala de min, non sei ben quen son aquí”. Outra referencia nesta liña está en “Traes la noche”, onde se di “enmudecemos juntos por lo menos sin quebrarnos hasta que cae la noche”, e tamén, despois de ter escoitado o disco enteiro varias veces tiña unha sensación de que hai nel un aquel de refuxio fronte aos mesmos problemas que formula. Non tiña moi claro por que, pero pode ter que ver co feito de que moitas destas cancións (ou do que entendo que din) introduzan un plural: “só quero tecer un tempo que nos aguante”, “ao final atoparemos o azar”, “no hacemos bien gritando así”, “lo ocurrido está aquí, nos ha vuelto a encontrar”… ao final entre iso e as voces que cantan xuntas aparece para min esa sensación de estar acompañado, de que a través dunha intimidade presentada dunha forma ambigua acaba habendo algo colectivo. Estas cousas véñenme á cabeza agora, pero no seu momento tiven a idea de preguntarlles a Tulip se buscaban que o disco transmitise algunha emoción determinada.
Óscar: Hai moitas alusións no disco que sinalan un pouco nesa dirección que dis. Creo que o malestar xeneracional que padecemos no día a día rematou por filtrarse por todos os recunchos do disco. Dito isto, penso que quizais non quixemos plantexar unha… transmitir unha emoción determinada, senón máis ben suxerir unha serie de ideas e deixar pinceladas soltas no ar que o ouvinte poda interceptar, interpretar e… bueno, construír a súa propia lectura da película.
Chegado este punto, a min xa non me queda moito que dicir pero espero que a miña lectura da película vos teña espertado a curiosidade por escoitar Estrelas no chan e sacar a vosa.