
E como son Os Vacalouras? Desde a miña perspectiva, son un grupo que me crea certo sentimento de familiaridade pero que ao mesmo tempo ten tantos trazos particulares que sería difícil reducilos a un único estereotipo, sexa o dun proxecto que traballa co enfoque do bravú desde o presente, ou o dunha banda cómica máis ou menos surrealista, ou o de artistas que explican o mundo desde un punto de vista hiperlocal como pode ser o de Teis, Vigo. Hai algo de todo iso, e tamén do humor negro punk de Siniestro Total ou Dead Kennedys, do surf e o rock and roll elegantes dos sesenta… mesturado de forma que encaixa, e non se sabe moi ben como. O resultado é, para min, carismático e entrañable, como supoño que non pode ser doutra forma nunha banda de instituto que en lugar de separarse continúa e continúa, acumulando referentes e experiencias vitais pero mantendo a frescura do que eu penso que son as primeiras aproximacións a ter un grupo: unha cousa moi seria pero tamén moi divertida e aberta ás ideas de bombeiro. No disco que sacaron hai uns meses, Xuventude prexubilada, hai bastantes pero unha especialmente notable, a colaboración de Quim Barreiros en “O Samil é Portugal”. Falei de todas estas cousas con Pepe Vacaloura, Gabi Vacaloura, Víctor Vacaloura e Adrián Navarro dentro dunha furgoneta, antes do seu concerto na Sala Moon de Santiago hai un par de semanas. Podes escoitar neste vínculo a versión sonora para o Diario Cultural Zeta (con Lucía Junquera) ou ler debaixo a entrevista en texto.
Isto é para o Diario Cultural Zeta, que é para a xuventude, e vós chamásteslle ao voso disco Xuventude prexubilada, así que quería que comezásedes por explicarlle á xente nova que é ese concepto.
Gabi: Eu penso que o concepto de xuventude prexubilada saíu un pouco de casualidade porque estabamos pensando que nome poñerlle ao disco. O disco xa levabamos tempo gravando e chegou un momento no que dixemos, como lle chamamos? E non tiñamos moita idea. E empezamos a suxerir nomes un tras doutro, moitos nos facían moita gracia… Pero xuventude prexubilada tivo algo, non sei que é o que tivo que nos chamou máis. Ao final paras a pensalo e ten temas que falan de que xa vamos vellos, da morte… entón bueno, venlle ben. E ademais dámonos conta de que non somos os mesmos de antes. Somos bastante xuventude prexubilada.
Pepe: Fixemos un excel… [o resto rin] …no cal poñíamos os nomes e votábamos. Entón había unha casilla que era un catro, un tres, un dous e un un. Cantos nomes había?
Víctor: Había igual trinta nomes ou corenta nomes.
Pepe: Entón cada un chegaba á casa e votaba. E ao final…
Víctor: Gañou ese.
Cal quedou segundo?
Navarro: Creo que o de Son Salvador de Teis.
Gabi: San Salvador de Teis é o patrón de Teis. Entón queríamos chamarlle “o son salvador de Teis”. “San Destrutor de Teis” tamén me molaba. [risas]
O de Xuventude prexubilada ten que ver tamén co que se ve en temas como “Xente maior facendo botellón” ou “Fedes a faiado”, e antes comentastes tamén que se fala da morte, e paréceme curioso porque hai moita retranca nos temas pero tamén cousas escuras e máis duras nesas cancións como “Hai que ir morrendo” ou “Tírate da ponte de Rande”. Como equilibrades as cousas?
Víctor: Non sei, foi curioso. O tema instrumental, por exemplo, ía ter letra. Pero como xa había moitos temas deprimentes e tentei facerlle letras e letras pero as que me saían eran moi deprimentes, para que a balanza non se desequilibrara dixen “mira, mellor que vaia instrumental, porque senón o disco vai ser demasiado hardcore”.
Navarro: Esa ía ter unha letra de xente que se drogaba…
Víctor: Si, chámase “Afora na rúa” e ía do que teño eu na porta da miña casa, e claro, era un pouco cristo. Non sei, foi aleatorio total.
Pepe: Non tivemos unha idea tampouco ao facer as letras de tentar equilibrar nada, saíu.
Navarro: Hai temas que son graciosos todos como o do Rapante, que é de gracia, non ten ningunha maldade nin fala de nada turbio nin malvado, pero por exemplo o de morrer é relacionado cunha persoa da familia de Gabi…
Gabi: Si bueno, a ver, é moi gracioso [risas]. O de morrer é porque un familiar meu tivera un accidente de tráfico, era moi maior xa, tivera un accidente e acabara bastante grave no hospital, pero recuperouse. Pero el pensaba que estaba morto. E viviu durante moitos anos, despois, e seguía pensando que estaba morto, e a súa maior reivindicación era que quería ver a súa esquela no periódico, que por algo pagara. Eu penso que é porque o humor negro mola, xa non temos o mesmo humor que noutros discos e o humor negro ten algo especial. Pero tampouco é algo que digamos que hai que equilibrar, é algo que nos sae.
Víctor: Son temas que ademais teñen bastante tempo. É bastante curioso que son todo cousas que estaban feitas xa desde antes da pandemia, e que en todo este contexto de agora é como que collen un peso moi distinto a cando foron creados.
Pepe: Fomos proféticos entón [risas].
Víctor: Si, pode ser, que horror.
Claro, ao de equilibrar tamén me refiro porque cando fas un disco non é como facer unha canción soa. Non sei se é unha recompilación de cancións que tiñades ou hai unha idea de ir poñendo cousas como fas no repertorio dun concerto, tipo unha máis animada, outra máis lenta, outra de tal estilo, outra máis de coña…
Víctor: Saíu así. Como moito iso, a decisión esta de que o tema fose instrumental…
Navarro: Iso foi quizais o único.
Víctor: A min pedíamo o corpo, porque se lle metía unha letra do que me pedía o corpo falar íase a algo demasiado escuro para o que son Os Vacalouras.
E que idea tedes do que son Os Vacalouras? Que pretendedes que perciba o público do que facedes?
Pepe: Eu creo que somos a banda que a min me gustaría escoitar en directo de música galega. Non sei, é unha cousa que si que hai moitos grupos galegos que me molan e me safan, pero é que me molaría verme a min mesmo… [todos rin]
Gabi: Narcisista!
Pepe: …pode ser ou non. Pode ser a cousa que diría “buah, guapísimo esto”. Esto é o que me gustaría escoitar no panorama.
Entón iso é o que che gustaría que a xente pense: “buah, guapísimo, esta é a banda que me gustaría escoitar”?
Pepe: Si [risas].
Víctor: Estaría guai que o pense a peña.
Gabi: Eu penso que tampouco temos así ningún camiño fixado. De feito nótase: escoitas o primeiro disco dos Vacalouras e é moito máis parvo, tiñamos un humor un pouco máis básico… e fomos madurando.
Víctor: Claro, tamén tiñamos 15 anos e agora temos 30.
Gabi: Claro, eu penso que isto vai cambiando cos tempos. Que son Os Vacalouras agora? A min o que me mola para que se quede con iso a xente é que somos os catro parvos de sempre. Si que é certo que sempre tiramos de humor porque nos encanta facer humor coa música, pero bueno, non quere dicir que teñamos un camiño marcadísimo a nivel de temática.
Víctor: O que pasa é que a ver, criámonos coa TVG de fondo….
Gabi: O Xabarín… fai muito.
Navarro: Siniestro Total… se mezclas todo xunto sáeche isto.
Víctor: Atilano…
Gabi: Referentes.
Víctor: Joder, eu non digo que Atilano sexa un referente, pero hostiá, cando ía á miña aldea a casa da avoa, eu ía durmir e a miña avoa tiña a tele ao 100, e que escoitaba eu mentres durmía? O Supermartes. Entón iso queda aí e así saen os discos.
E algunhas desas referencias quedan explícitas; por exemplo “O Samil é Portugal” de primeiras lembroume moito á canción dos Gaiteiros de Lisboa, “Chula gaiteira”.
Gabi: Si, de feito “O Samil é Portugal” ten un montón de referencias á música portuguesa e usa o ritmo de malhão.
Tedes outras influencias que van noutras liñas, pero a min escoitando o que me pareceu máis dominante é un rollo de rock and roll bastante achegado ao surf, aos anos sesenta…
Víctor: Hai de todo.
Pepe: Surf si que hai.
Víctor: Eu teño ese punto pero Navarro escoita moito heavy e as baterías…
Si, tamén teñen dobre bombo…
Navarro: Cada un pon un pouco do que lle gusta. A banda é así porque somos nós. Vamos cambiando e vai cambiando tamén a banda e a música.
Gabi: É gracioso porque ao mellor levo un tema e digo “teño esta idea de tema” e cada un lle dá o seu toque, e cámbiano, e é unha mezcolanza de estilos no mesmo tema, cada un co seu punto de vista… Eu por exemplo escoito moita música tradicional, pero Víctor ten ese toque máis progresivo e igual lle mete unha progresión de acordes un pouco máis rara…
Aí tamén me pareceu curioso como está usada a gaita, que é un son que se asocia co tradicional pero aquí non está utilizada da maneira máis típica. Como traballades a unión de estilos e xéneros, ou a cuestión máis concreta de meter a gaita nun contexto rock?
Gabi: Si, a ver, son xa varias as bandas galegas que incorporaron a gaita, tanto de punk como de rock: Rastreros, Ruxe Ruxe… Non facemos nada novo ao meter a gaita. O que si é certo é que tentamos fuxir de movernos no que se move sempre a gaita, esas pasaxes ou progresións de notas máis comúns na tradición galega. Podemos metelas nalgún momento pero si que é certo que coa gaita facemos virguerías. A min rómpenme a cabeza coa gaita, eh! [risas] Non me deixan facer o que eu quero.
Víctor: A movida é que claro, Gabi chega cunha idea pero a Pepe e a min é como buf… Ese rollo tan tradi… vamos cambiarlle os acordes. E Gabi: “Pero eso soa fatal! Como vou tocar esa nota??”
Pepe: E despois dun tempo está todo contento.
Gabi: O outro día estábaos escoitando e dinme conta de que a nosa forma de meter a gaita lembra moitísimo nalgún tema aos Resentidos. Os Resentidos, aínda que se nota que é tradi, tamén metían a gaita saltándose un pouco esas estruturas. Lembroume un pouco a iso, pero bueno, si, facemos virguerías.
A min ao mellor un tema como “Fedes a faiado” tamén me leva algo a iso dos Resentidos, a un contexto no que o que fai a gaita poderías escoitarllo a outro instrumento pero aquí o timbre dálle un rollo…
Navarro: Ata hai un solo de gaita ao final de “Xente maior facendo botellón” que é unha tolemia absoluta.
Gabi: Cun tapping feroz!
Pepe: Estivemos alí gravando non sei canto tempo, só intentando que saíra ese solo…
Navarro: Tapping coa gaita… bueno, faise, faise.
Víctor: Tamén como temos o estudio na casa podemos permitirnos estar días e días probando ideas, dándolle voltas aos temas… De feito foi un disco no que estivemos bastante tempo traballando porque levábamos tocando eses temas en directo tempo, pero gravábamolos e escoitábamos o tema e dicíamos “aquí falta algo, vamos darlle unha volta”. Por exemplo iso, o solo de “Xente maior”, mil arreglos que ten o disco saíron de darlle voltas para que nos parecese que os temas estaban guai.
Á parte de todo este tempo que levou facer o disco, antes comentabades que comezastes con quince anos, así que levades quince anos co grupo. Como fixestes para durar tanto? Foi difícil? Porque a maioría dos grupos, sexa por un motivo ou outro, normalmente non teñen unha traxectoria tan longa, non quedan moitos grupos que empezasen en MySpace.
Navarro: É que ademais somos os mesmos catro de sempre desde o principio, que ás veces nos grupos cambian.
Víctor: Si, é ese rollo, éramos colegas de sempre, eu e Gabi desde preescolar, logo coñecimos a Navarro en sexto de primaria, logo a Pepe en movidas parroquiais… E fomos colegas de toda a vida, e ao ser colegas de toda a vida axuda a que se perpetúe o proxecto así indefinidamente.
Gabi: Parece que non, pero saír dos recreos do instituto a ensaiar une moito. Entón ao final penso que máis que a idea de tentar procurar que os Vacalouras teñan o son que a cada un de nós nos gustaría, creo que os catro temos claro que os Vacalouras somos nós os catro. Por iso sempre nos aturamos. Tamén borregamos entre nós, pero asumimos que temos que ser nós.
Víctor: Como toda boa familia disfuncional.
Só unha última cousa. Ultimamente ao falar de vós coa xente o que vexo en común é a mesma dúbida: como gravaron un tema con Quim Barreiros?
Víctor: Nós non o sabemos tampouco.
Navarro: Tes aquí ao culpable [sinalan a Juan, chofer do grupo e percusionista].
Juan: O tema é que antes de sacar o disco xa tiña a idea de por onde ía ir ese tema en concreto, e ocorréuseme: “hostiá, como molaba que chamárades ao Quim Barreiros para esto”.
Pepe: Pero realmente foi como unha broma.
Juan: Claro, foi como unha broma e dixen “a que vos consigo o número”. Estaban aí dubidando e conseguinllo por mediación doutra xente. E aínda tardáchedes bastante en chamalo.
Pepe: Primeiro desde a promotora enviáronlle un mail todo serio falándolle de nós, que nos faría moita ilusión… Non houbo resposta. Logo conseguimos o número e Gabi envioulle un whatsapp.
Juan: Todo foi por mediación de Augusto Canário, que é un artista bastante famoso en Portugal, e dicirlle que foi por mediación del que conseguimos o número axudou bastante.
Pepe: Aí baixou un pouco a muralla, entón Gabi envioulle o whatsapp e seguía sen responder. Gabi estaba todo rallado na miña casa: “Ai, non vai chamarnos Quim Barreiros…”. Chegou á casa e xusto o chama. E como viña da miña de facer o parvo chegou un pouco morao, e entón eu imaxínoo correndo por casa antes de coller o móbil e dicirlle “ola”. E falou con el, e logo xa quedamos, gravamos, fomos gravar o videoclip, tomamos un churrasco… todo moi de puta madre, un tipo incrible.
Gabi: Foi incrible, un momentazo moi épico. E o tema xa o tiñamos gravado só coa miña voz, pero foi o típico de “y si…”?
Víctor: É a típica broma que nunca pensamos que fose suceder.
Entón no tema el canta pero non toca o acordeón.
Gabi: Tócao outro colega, Nacho Álvarez, que tamén o fai xenial, e esa era unha das colaboracións que xa tiñamos apalabradas. E eu non pensaba que fose ser tan hit, pensei que ía ser “buah, que risas”, pero xa está.
Víctor: Sempre dicimos cousas desas. “Como molaba ir ao Luar a tocar “Xente maior facendo botellón””…
Pepe: Hai que empezar a facer as cousas que dicimos!
Víctor: “Como molaba gravar “Era o viño de Galicia” con Superpiñeiro”. Decimos sempre moitas movidas así en plan “como molaba”. E de repente un día estábamos en Samil con Quim Barreiros gravando un videoclip. Foi surrealista.
Un comentario en ““A banda é así porque somos nós””