Un tema e un tema #15: Cartografía e “A miña aldea”, de Ana Kiro

ana belter.jpg

Hoxe fixo un día espléndido e subín camiñando dende a Raxería de San Marcos ata a Radio Galega para falar con Xiana. Polo camiño cruceime cuns cantos peregrinos que facían o camiño ao revés ca min (é dicir, ao dereito) e vin unhas cabras moi bonito pacendo no que penso que normalmente é un camping. Paseino moi ben logo facendo o ‘Un tema e un tema’, desta volta falando de cancións galegas que usan topónimos (recuperando algunha idea que escribira doutra maneira na Revista Porno). Por un problema de espazo non pinchei nada de Siniestro Total (quería poñer ‘Rock en Samil’, por exemplo) e sobre todo quedoume rabia de non poñer nada de Cuchillo de Fuego (que dan para unha cartografía ben bonita só deles), pero penso que o solucionarei a seguinte vez que suba alí.

Podedes escoitar o programa aquí: inclúe uns cantos descubrimentos de rock progresivo galego, asturiano e cántabro, e tamén un recital moi bonito de Serxio Abalo. O texto vai máis abaixo, coma sempre.

Gustoume moito poder pinchar a Ana Kiro (dúas veces desta volta), porque hoxe en día xa non me queda ningún tipo de prexuízo ou distancia irónica que me impida disfrutala (igual hai cinco anos tíñaos) e transmíteme unha alegría de vivir na voz e unha verdade que me marabillan. Puxen de foto a portada deste single porque parece que ten a mesma alegría de vivir que eu escoito.

Empecei cunha das miñas favoritas do Xabarín Club, que me parecía que tiña que aparecer porque foi, aparte da realidade e dos mapas, un dos principais sitios dos que empecei a aprender topónimos galegos.

Hoxe a miña idea era facer unha especie de cartografía, e ir paseando por sitios de Galicia escoitando cancións que falen deles, igual que facía o Xabarín no vídeo deste “Socio busca un socio” de O Vello Almorth, que andará preto de bater o record de topónimos mencionados. Sempre me gusta cando alguén é quen de ubicar os temas nun espazo concreto, e ao falar de cidades, ou de barrios, ou de vilas ou de parroquias as músicas collen moitas veces unha realidade que a min me axuda a identificarme máis, ou a entender o universo dende o que fala alguén.

O universo de Ana Kiro está claro que é Galicia, que aparece mencionada nunha chea das súas cancións (algunhas favoritas: “Galicia Terra Meiga“, “Recordando a Galicia“, “Non é certo“), pero ás veces iso vira máis ao concreto, como cando cantou este himno de amor á Coruña. O que pasa é que o mesmo lugar sempre dá para visións ben diferentes.

Isto que sona é “Buitres”, de Perpetuo Socorro. E gústame porque non é unha canción sobre A Coruña, que cante as súas alabanzas, senón máis ben unha canción que, simplemente, sucede alí. Na primeira estrofa falan dunha festa privada moi selecta que non lles gusta, e na segunda din que non queren saír por alí porque fai moito frío, e logo vense rodeadas deses “buitres de noche”. Faime pensar na angustia dunha Coruña popular que pouco a pouco vai desaparecendo afogada pola modernidade e Inditex. E paréceme curioso que eses paxaros aparecesen tamén noutro tema coruñés.

Aquí fíxenme trampas a min mesmo, porque Lenny Leonard non mencionan Coruña polo nome, pero si que se respira o seu ambiente nesta canción na que falan da choiva, na que falan de pombas que son voitres e repiten esa frase que tamén cantaban Big Black: “nesta cidade non hai nada que facer”. A angustia de vivir en cidades pequenas, nas que non hai nada que facer e a xente diferente é estigmatizada, é un tema que se repite no pop. E para min quen mellor o tratou foron Lou Reed e John Cale, que dicían que “as cidades pequenas só teñen unha cousa boa / que sabes que queres marchar”.

Con todo, esta canción fala de Andy Warhol e lévanos a Pittsburgh e a Nova York e eu non quería ir tan lonxe. O interesante é como amosa a maneira na que o lugar de onde somos pode definirnos, sexa por amor ou por odio. E precisamente hai outro grupo coruñés que leva a súa procedencia con orgullo xa no nome, e que ten esta canción con nome de barrio periférico: “Palavea”.

Nesta canción dos Diplomáticos de Monte Alto xa aparece unha Coruña máis próxima a Culleredo que ás grandes cidades. Xurxo Souto canta sobre unha moza que tiña en Palavea e coa que ía quedando na Flor de Montouto, recollendo unha especie de memoria do espertar sexual que para tanta xente ten que ver coas salas de festas e as verbenas. É bonito que haxa un relato desas experiencias que son importantes para moitas persoas e que normalmente quedan fóra da historia, e tamén que se conte cos nomes deses lugares. Os Diplomáticos tamén lle cantaron a Guitiriz, e hai outra canción que fala daquela parte de Lugo, e que fala tamén outra vez do frío que fai, que debe ser unha obsesión galega.

O que me gusta moito desta canción é que a forza do tema é a forza do propio topónimo da Terra Chá. Son dúas palabras que son puramente descritivas, e a palabra “chá” é moi musical, como se fose unha percusión vocal. Ao repetila e repetila, a canción pasa para min de falar de algo concreto a converterse nalgo estraño e misterioso. Emilio José tamén ten unha canción repetindo o topónimo de Lugo, pero aquí quería falar de como nos ubica no seu entorno.

E ese entorno é Ourense, que aparece unha chea de veces, pero sobre todo Quins, no concello de Melón. As cancións de Emilio José chegan a un nivel de detalle tremendo, e en parte esa é unha das explicacións para que a sensación de escoitalo sexa tan íntima. Teño tres colegas que chegaron a viaxar a Quins para buscar o Casal e outros lugares dos que falaba nas cancións, e con sorte poder entender experiencias das que fala, como os chapuzóns nas pozas de Melón imaxinando onde van os coches que pasan pola autovía. E seguramente vaian de Ourense a Vigo, así que quería ir aló tamén.

Nesta canción Os Vacalouras, que son de Teis, falan de Coia. Non sei moi ben cal é a relación entre os dous barrios (aínda que bueno, a canción empeza dicindo que está dedicada “á toda a peña chunga de Coia”), pero como entrada a ese universo este tema, no que adaptan “Holiday in Cambodia” dos Dead Kennedys, paréceme moi boa polo que ten de costumismo. Diche que autobús coller para ir aló e as cousas máis destacadas do barrio, retratando unha realidade que servirá para saber de aquí en cen anos que aló había un Alcampo ou un barco nunha rotonda. E está ben porque logo hai lugares nos que non queda nada.

É o caso do Ferrol Vello do que falan Quant nesta canción tan bonita. Unha cidade en ruínas por culpa “dun tipo con gravata e maletín”, e a rabia de ver destrozado o que, como di a letra, foi un día o barrio da súa nai. É outro exemplo de como algúns lugares xogan un papel importante no que nós somos, e precisamente quería acabar hoxe pinchando un tema que para min representa esa conexión entre a identidade e o espazo. É unha canción de Ana Kiro que se chama “A miña aldea” e fala da Castañeda, unha parroquia de Arzúa. A min gústame a maneira na que estas cancións poden ancorarse no local para falar de sensacións e experiencias universais, e gústame como os topónimos me activan a memoria (se falan de sitios que visitei) ou a imaxinación (se non os coñezo). Neste caso, nunca estiven na Castañeda, pero Ana descríbea con detalle, dende o seu aspecto ata a súa ubicación, e faino da maneira na que recreamos na cabeza o noso fogar cando estamos lonxe. E a sensación universal da que fala é a propia existencia dun fogar e o amor por el. Por iso se permite ir máis aló do topónimo: non só di “ser da Castañeda”, senón “ser de AQUÍ da Castañeda”. Ese matiz paréceme brillante, igual que unha das miñas frases favoritas do pop: “chorei por primeira vez”, que me pon a pel de galiña. A ver se vos gusta tanto como a min.

Advertisements

Cartografía

captura cartografía

Isto é unha especie de memoria no que non poño as datas pero poño cancións e asócioas con lugares e momentos concretos. A foto de arriba é unha captura de Maps de Perillo que busquei mentres editaba isto. Saíu na Revista Porno no seu momento.

O sonido da cidade. Coruña sona un pouco a Perpetuo Socorro e outro pouco a Lenny Leonard. A xente ten que facer as cousas así, sempre me dixeron que a xente chunga vivía na Sagrada. Unha vez quixeron atracar ao meu colega Javi Metal e el díxolle ao tipo que lle ía dar o pao se coñecía a Fran de Labañou. O quinqui díxolle “¿qué pasa, lo conoces?” e Javi díxolle “Claro, tío, de pequeños éramos mazo amigos. Ahora no nos vemos mucho pero…”. Javi safou, e safou porque foi quen de inventarse que coñecía a un referente da delincuencia da zona. Safou porque foi quen de introducir unha narrativa na súa excusa. Non dixo simplemente que o coñecía, senon que nesa frase conseguiu plantear un lote de conflitos. Esa relación de amizade que agora xa non o é, probablemente porque tomaron camiños distintos. Javi foise a estudar teleco a Madrid, é fillo de dentistas… a min tamén me ten pasado, penso ás veces nos que antes eran case os meus irmáns e agora non e ponme triste non ter a mesma conexión. A Coruña pode ser unha cidade tan horrible como calquera.

Vietnam: “No se puede ver el sol, los problemas crecen en las esquinas y todas las ciudades son iguales.”

E un día falaba con Rubén e dicíame que lle interesaba como Lou Reed falaba de ir a Lexington a pillar porque era a súa realidade. Da referencia concreta a algo local facíase ver unha sensación universal.

 

lenny leonard
Lenny Leonard, probablemente no Faluya

 

Lenny Leonard: “Llevamos cuatro meses, no para de llover, en esta ciudad no hay nada que hacer. Solo mirar palomas, que son buitres”.

Perpetuo Socorro: “Hoy da miedo salir en Coruña, hace mucho frío. ¡Maldito infierno! Allí bailando en nuestra locura nos vimos rodeados de buitres de noche”.

É curioso que apareza o mesmo símbolo, pero é porque é a mesma sensación. As dúas cancións din o mesmo, pero a diferencia na maneira de dicilo leva a sitios distintos. É unha sensación de alienación que non dá o rural. Unha sensación de impotencia que nas grandes cidades se volve aínda máis intensa por culpa da invisibilidade e o non participar en nada. A idea de falar do entorno para chegar a temas universais. A miña amiga Nuria tivo un problema de fobia aos paxaros e foi ao instituto con Carlos Coppel de Lenny Leonard. A miña amiga Nuria vive agora en Barcelona, eu vivín alí un ano e non podería ter escrito de ningunha maneira unha canción como calquera destas dúas. Non teño ganas de dicir iso porque non sinto o peso da cidade, o peso do tedio que expresan dicindo “en esta ciudad no hay nada que hacer”, que segundo me dixo Coppel, roubaron a Big Black. Cando escribo, xa non é que sexa incapaz de dicir “Coruña”, “Perillo”, “Montealto” ou “San Pedro”, é que moitas veces me dou conta de que uso nomes e verbos pero non adxectivos. Iso preocupábame e por iso acabei forzando nalgún caso a situación.

20141217_013114

Monstruo: “Teño unha caixa de ferramentas branca. Non sei abrila, non sei usala.”

Escribín iso antes de conseguir a beca, cando estaba empezando coa tese sen saber se tería cartos para poñerme tres anos a estudar. Non é un drama, pero ata entón sempre fora tendo as cousas claras e alí tiña as miñas dúbidas sobre si realmente quería facer iso. Tiña medo a que a xente descubrira a realidade de que son un inútil, e de que a única cousa que se me deu realmente ben ata o de agora foi estudar. Asumámolo: un investigador máis en Comunicación Audiovisual non é algo que o mundo necesite. Entón non sei que facer coa caixa de ferramentas, pero se lle poño un adxectivo pasa a ser unha caixa concreta, e non unha calquera. Tiña medo á sensación de baleiro, e arredor de min vía bastante desesperación, pero unha desesperación cotiá. Como Terremoto Sí buscando un sobre para folios grandes no chino do Cantón. Vía amigos meus emigrados co seu primeiro traballo cobrando decentemente pero adicando a el todo o seu tempo e tampouco sabía se iso era o que eu quería facer. En Barcelona era invisible, e ao chegar aquí Porno estaba comezando, Monstruo volvimos e tiven ganas de cantar porque tiña cousas que dicir, aínda que me dera vergonza. Cantar fíxome ser consciente de ter unha voz, e cando viñeron os Nastys e escoitaron a Lenny Leonard borrachos cantando aquela frase sorprendéronse. “Están hablando de algo”. O que dicía Julián Hernández, o rock and roll é atractivo por trascendente e por intrascendente. Podemos engadir que o rock and roll pode ser horrible por trascendente e por intrascendente.

Deluxe: “Qué voy a esperar de una ciudad donde el invierno es como un convento y los jóvenes mueren antes de tiempo.”

Nunha entrevista que lle lin na Mondo cando tiña quince anos Xoel López dixo isto: “A Coruña es una ciudad gris, triste. Y la canción está dedicada a mucha gente que conozco que se ha suicidado o que ha tenido tentativas de hacerlo. Recuerdo que a los catorce, quince o dieciséis años muchos chavales coqueteábamos con la idea del suicidio; yo lo veía como algo generacional, normal. Pero cuando llegué a Madrid y surgió el tema en alguna conversación, me di cuenta que ese sentimiento no es extrapolable geográficamente, y al final he llegado a la conclusión que se trata de algo relacionado con la gente que somos del norte, en mi caso de A Coruña y que debe tener algo que ver con el clima, o quizás con la propia tristeza asociada a la ciudad, que invita a la depresión”.

 

xoel lopez
Xoel López, melancólico en Riazor

 

Naquel momento pareceume unha gilipollez, pero ás veces esquéceseme que eu son de Perillo, do outro lado da ría. Son bastante vitalista e o de que o clima nos fai tristes e depresivos paréceme un tópico bastante inadecuado. Aínda que tendo a pensar que os tópicos teñen algo de real, cóstame empatizar con isto cando non coñezo a ninguén que se suicidara ou que me falara desa idea. Tampouco sei se é algo que se fale. Á miña avoa fállalle a memoria pero cando veu á festa da miña outra avoa viu a horta e pasouse media hora camiñando por ela marabillada como se a vira por primeira vez. Onte falei con ela e estaba deprimida porque non se acorda das cousas. Está ben físicamente pero é consciente de que non rexe ben. Alegrouse de verme e despois, cando lle preguntei que tal, díxome que non ten dor pero que a cabeciña… e caéronlle unhas bágoas e díxome que quería morrer. Trinta segundos despois estaba mellor e despois estaba rindo e contenta. E logo volvía dicir o mesmo, mentres facía calceta. E pasar por todas esas sensacións con esa discontinuidade debe ser moi duro. A ela, de todas formas, quédalle a memoria vella, pode lembrar cousas da súa infancia con detalle. E quédalle certa memoria dos espazos. Eu levaba un mes sen ir á casa e agora hai un parque infantil diante da miña ventá, chavales que paran alí a fumar porros e o bar ao que ía todos os findes cando era pequeno agora é unha pizzería. Quizais tenta cubrir un oco: o Piccolo Mondo, a mellor pizzería do mundo, está en venda na rúa paralela.

Na miña cociña hai un oco porque se levaron o lavalouzas e aínda non o trouxeron. É outro tópico: “antes todo isto eran leiras”. Non lembro como eran as leiras que había antes de que levantaran o meu edificio, e vinas case todos os días mentres ía ao instituto. Non lembro completamente como era a casa na que vivín dezaoito anos. A imaxe nova bórrame a imaxe vella, pero espero non ter que lembrarme de como era o lavalouza no seu sitio, porque ese oco queda fatal. Se vexo estas cousas pero non me avisaron antes non teño a narración. A impresión é máis forte, é un shock. Iso provócame unha melancolía que ao mellor se parece á de Xoel López, pero A Coruña non é unha cidade que cambie demasiado nin demasiado rápido. O cambio máis importante probablemente sexa que pechou o Rus logo de sesenta anos aberto e non queda un lugar que resuma tan ben o que é a Coruña.

 

cuchillo pontevedra
Poño este cartel de Cuchillo porque resume moi ben o seu universo

 

Cuchillo de Fuego: “Llueve, hace un poco de frío, hace viento. No se está nada guay. Todas las cafeterías son una mierda. Yo mismo soy un poco una mierda.”

Cuchillo de Fuego falan de Pontevedra. De Pasarón, de cafeterías que non coñezo, de comercios que non sei cales son. E falan de si mesmos, de Berto Fojo bien e de Álex Gayoso muy bien. E aínda así creo que entendo o que din. A propia brillantez das frases ás veces lévame a tomar distancia. A ironía lévame a tomar distancia e a perder a implicación emocional e pasar a unha experiencia máis intelectual, pensando cousas. Imaxinarme a Xoel López cantar “Bouquet (Fuego y Mierda)” paréceme gracioso. Xoel López di que é tráxico nas entrevistas, e nunca che dirá que el mesmo é un pouco unha merda. As corbatas de cores de Ataque Escampe lévanme a tomar distancia, si, pero paréceme excesivo. Parécenme un pouco ridículas, pero é porque non me gusta o rollo brechtiano para o rock and roll, que me parece que vai precisamente do contrario, da inconsciencia. Pero cando consegues chegar á emoción a pesar das corbatas é bonito, e onte emocioneime véndoos imitar unha onda vital en “Street fighter” mentres miña nai, que me acompañara, estaba sentada mirando e sorrindo e logo dixeron que o pasaran moi ben saíndo por Coruña a última vez que viñeran. Esa vez saíran con nós. Cadráramos con eles na Mardi Gras Gaudi (Graduado en Belas Artes), Edgar (Técnico en Calor e Frío) e eu. Acabamos indo ao Caimán por primeira vez na nosa vida. Déronnos unha carta de poker e unha ficha metálica para entrar e logo Roi Vidal díxonos que eramos de Podemos Ourense. Dixeron que Compostela era unha merda no concerto. Fíxome ilusión que o pasaran ben porque as primeiras veces que falei con Ataque Escampe creo que só lles din o coñazo estando bébedo, cousa que fago normalmente cos grupos. O habitual é que lles diga “¿Por que cantades en inglés?” (a Furguson, Psychotic Acid Freek, Thee Boas, Rollercoaster Kills, Puma Pumku… non me acordo de todos porque estaba peneque). A Ataque Escampe seguramente lles dixen que non me gustaba que tocaran con baterías programadas.

 

roi vidal vista alegre
Roi Vidal en Vista Alegre. O Bar Antonio queda un pouco máis abaixo.

 

Ataque Escampe: “Cando vaia morrer enterrádeme aquí en Vista Alegre. Cunha cunca na man e na boca un bigote de prebe.”

Ramiro Ledo fixera un videoclip precioso para “Serafín” de Ataque Escampe e creo que empezaba cuns vídeos duns señores maiores cantando. Serían señores de todos aqueles bares fantásticos de Vista Alegre, que están pola rúa das Salvadas pero máis arriba que a SGAE. O Mesón do Pulpo, o Bar Antonio, o Tío Raúl e o dos Cinco Complementos que é un bocata, non un bar, pero agora non me lembro do nome. Despois dunhas xornadas de normalización lingüística na facultade, Marta foi cos do Cineclube de Compostela a tomar algo alí e díxonos de ir. Fun con Teo e Xacobe, e descubrimos o marabilloso que era o Bar Antonio con esa tapa de callos. Logo subimos ensaiar.

Ese día tocaban Pony Bravo pero non fomos porque ensaiabamos. Eles ían porque lles chamara a atención o cartel coa cara de Ángeles González Sinde como nun rollo destes de cando che detén a policía. O photocall da roda de recoñecemento. Logo baixamos un día de ensaiar e tivemos que aparcar por aló, no campus norte, que é onde aparca Xacobe sempre para non rallarse buscando e é ridículo porque está a tomar polo cú. Esa vez buscamos noutros sitios e non apareceu nada (eran as festas da Ascensión nas que viramos o ano anterior a Emir Kusturica, que en vez de ser o líder da súa banda era o guitarrista mendigo) e volvemos alí, tendo que darlle a razón por pura casualidade, ironicamente derrotados. Fomos ao Bar Antonio e había unha cea de clase. O camareiro estaba peneque perdido e púxolles a Xacobe e Teo cuncas en cuncas das de almorzar os cereais e cobroulles unha ridiculez. A min botoume alcol no vaso ata rebosar. Ía seguindo o rollo de unha pra ti unha pra min. “Ceastes?”, díxonos. Nós mirámonos como dicindo “en serio?” e balbuceamos “bah, pouca cousa”. Eran as dúas da mañá e apareceu cunha fonte de carne asada e uns palillos.

barcelona

 

Telephones Rouges: “Subín a unha pedra nú para poderme tirar. Vivín na cidade branca da que é difícil escapar. O tempo foi agonizar, o tempo foi agonizar. Precipitarse foi divertido máis non era un gran final.”

Logo en Barcelona María e mais eu coñecemos a Ramiro entrevistándoo pola súa película Vida Extra. O groso da película é unha conversa entre varios amigos nunha casa e falan de como poden participar en política e das manifestacións, das folgas e da impotencia, das limitacións da democracia, das contradicións ás que leva o sistema de consumo a calquera. Dito así parece horrible pero é unha experiencia moi bonita. Gravárona o día que a gravaron porque ao día seguinte un dos que sae na película marchaba de Barcelona a outro lugar. Daquela convencemos a Hugo, o noso amigo e compañeiro de piso, logo de moito tempo para que lle gustara Ataque Escampe e un día nun bar díxolle a un tipo de Bilbao que non coñecía: “Sabes que? O mundo comeza a dar medo, pero na Galiza non hai cámara de gas”. Hai cancións que falan de cousas e de lugares e logo se che meten no corazón a través de recordos. Aquel ano escoitaba aos Telephones Rouges todos os días e sabía que estaban falando do que eu sentía, poñíanme os pelos de punta e fun aos dous concertos nos que viñeron a Barcelona e berrei aquelas letras como se as tivera feito eu, como se foran miñas, porque así as sentía. Falaba con Xacobe durante horas e comentabamos as nosas interpretacións das cancións. “Vran” para min era unha canción de amor, e Xacobe díxome (non sei se completamente en serio) que a vía como unha canción sobre deixar as drogas. Logo Mar e Rubén fixeron o videoclip de “Arder” de Ataque Escampe cando xa estaban aquí en Santiago, fixémonos amigos e mandáronlle a canción a María, que estaba facendo o seu TFM sobre o grupo. Ela escoitouna por primeira vez e chorou. Recórdoa chorando mirando a pantalla, só eran un par de bágoas e poñíanlle os ollos brillantes. Era unha letra preciosa e un tema perfecto, sen ningún exceso e sen lugar ao distanciamento. María tamén sae no videoclip e cando o vexo tamén teño que sentir que esa canción é miña, e iso non o podo sentir con moitas outras cousas.

 

emilio jose mapa sonoro
Emilio José en Mapa Sonoro

 

Fluzo: “Imos enchernos de churrasco antes que os porcos non teñan cabeza, con viño do país, da casa dos nosos pais.”

Emilio José: “Nacín en Quins, concello de Melón, árbores, árbores, e cero botellón, xa sabes, só nas festas: orquestas, o CTK en racha, whiskey, ron e reggaetón. Non me gustaba o meu pobo, odiaba as rúas e todo, e todo o que había era pouco, rapazas: cero, cine: cero, fútbol: cero.”

Los Televisores: “Quiero ir de vacaciones, olvidar esta ciudad. Voy a comprar un billete pa no verte nunca más”.

Paula pasárame unhas cancións de Emilio José o ano que quedabamos para ver Física o Química ela, Laura e eu na súa casa da Rúa do Olvido. Gravárame un cd cos seus músicos españois favoritos, un cd de datos. Julio de la Rosa, Aroah, Nacho Vegas, La Costa Brava, El Niño Gusano, Christina Rosenvinge… e polo medio Emilio. Ao principio non entendín nada. O tema é que eu lle dixera seguramente algo de que non atopaba moitos músicos españois que me gustaran aparte dos Enemigos. Probablemente díxeno con frases das que escribimos ás veces na Revista Porno cando pensamos que algo é unha merda. Os cds que lles gravo aos meus amigos case sempre teñen a maioría dos temas en inglés, e agora estou facendo isto e no que sinto non aparece ningunha canción inglesa. María pasoume “Astroturfing”, que dicía “De Xinzo non coñeces nada. Do Berbés, nada de nada.” e que versionaron Ataque Escampe nunha festa do Cineclube. Cando por fin fun quen de entender a Emilio José, escoitei Chorando apréndese enteiro, do tirón, e ademais de conter toda a creatividade e imaxinación fixen un amigo. Ata lle comentaba cousas en twitter antes de que desaparecera de alí. O guai dese disco é que che conta todos os seus sentimentos e opinións, é como pasar un mes con el discutindo, indo de bares. Non tiña esa sensación de proximidade e de verdade dende Jonathan Richman. E son todo topónimos, persoas, referencias: contexto. Teño ganas de que alguén me fale da súa realidade, e os grupos que non o fan e aínda así me gustan dánme a rabia das oportunidades perdidas. Emilio José é de Quins, non da cidade. Mar e Rubén foron buscalo alí e atoparon o Casal do que falaba en “Wifi no Casal”, pero non a el, e acabaron entrevistando a Monstruo e tentando fotografiarnos e facendo un vínculo con nós de por vida. Había un episodio de Friends no que Joey pasaba a noite cunha actriz e en vez de follar falaban e falaban ata que era de día. É duro asumilo, pero Friends é un espello que me funciona de referente para a vida, e aquelo tamén me pasou a min e foi bonito. Eu vía Friends en Canal+ despois de comer e antes de ir a atletismo, cos meus pais e a miña irmá. Agora ela ten carné de coche e metinlle “Mundo Verde” nun cd para que escoitara ao conducir. Con Fluzo sempre me dá a sensación de estar escoitando verdades profundas e nesa frase está dalgunha maneira todo o que sinto sobre as miñas orixes, como galego, como descendente das miñas familias. Hai unha idea vaga de choque xeracional aí. O Mundo Verde está aí, preto, pero eu non pertenzo a el. Xacobe levoume á matanza da súa familia e comín moi moi ben. Outro ano fora alí con Teo tamén, pero de resaca, e á ida vimos un can cagando e conseguimos gravar uns segundos co móbil. Hai anos que non se fai a matanza na miña casa. Cando fomos Porno a dar unha charla ao FiCH houbo un incidente no que nos acusaron de vexetarianos. Alí vimos un concerto precioso dos Televisores no que diante deles bailaban un montón de nenos que acababan de fabricarse instrumentos de cartón. Eles son de Chantada, pero cando cantan que queren “olvidar esta ciudad” e falan de Nepal, Tel Aviv, Estambul, Caracas ou o que queira ser non sona impostado. Poden falar de cholitas. Dalgunha maneira é a súa realidade. É fácil calificala de evasiva. Que eu non teña ganas de evadirme a Caracas e olvidar Compostela ou Coruña non significa que non poida entender esa idea. Claro que Television cantaban “entendo todos os impulsos destructivos” e nunha entrevista Jon Savage explicaba que logo os Sex Pistols directamente os practicaban. Así que tal vez non é cuestión de entender esa idea, senon de poder sentila aínda que non esteas dacordo, porque as mellores obras de arte significan infinitas cousas.

 

terra cha
En Lanzós coa miña avoa e a miña prima

 

Radio Océano: “Eu son un labrego da Terra Chá, que usa calcetíns de lá. Por culpa da friaxe e da humedá, que usa calcetíns de lá.”

Radio Océano presentaban “Terra Chá” na TVG como unha canción étnica recollida no norte da provincia de Lugo, e a idea de usar a gaita dalgunha maneira faime entender a canción como o seu propio folk, como aquelo que dicían os Stooges, brancos e de cidade, de facer o teu blues. Non sei se a Miles Davis lle terían gustado os Televisores ou Radio Océano. Lenny Leonard entrevistaron a Xosé Manuel Pereiro para o Donato Fanzine, e os dous falan do clima. Meu pai é de Lanzós (Vilalba) e gravei durante o último ano un documental con Xacobe e Toni nunha parroquia de Guitiriz porque de alí é a moza de meu pai e nolo encargou. Alí unha rapaza díxonos que non lle gustaba a cidade porque había que mirar arriba para ver o ceo e porque vivías porta con porta con xente e non sabías nada deles nin lles falabas. Antes tiña unha familia, agora teño varias. Un ano espertei a mañá de reis na casa de Xacobe antes de coller o tren a Barcelona e foron darlle o seu libro de Eric Clapton. Por que estaba alí e non na miña casa? O tempo e as ganas de facer cousas lévanme dun sitio a outro e iso convértese en lugares e sensacións e recordos que son persoais, igual que todas estas cancións son tan miñas como de quen as fixo porque tiveron algo que dicir.

Un tema e un tema #6: Idade e “Fort Bravo” de Grampoder

grampoder

Non o comentei nas outras entradas, pero inconscientemente a idea desta sección está inspirada en “Theme Time Radio Hour”, o programa de radio que facía Bob Dylan e que é marabilloso, pura sabiduría musical e da vida. O que pasa é que eu falo da miña vida e el fala máis do universo en xeral. Están todos os episodios online aquí. Cando o escoito dáme unha envexa tremenda ver como é capaz de crear o ambiente ideal de radio só con abrir a boca, mentres eu son terriblemente torpe vocalizando e entonando.

Pinchei “Quen nos representa“, do Bloque Nacionalista Galego, “Vai chegar En Marea“, de En Marea, “SPLA/M” de Emilio José, un cacho deste vídeo de Radio Océano nun concerto en solidariedade cos traballadores de ASTANO en 1985, “Repunante” de Lamprea Explosiva e, completa ao final, “Fort Bravo” de Grampoder.

O outro domingo fun votar. Encántanme as xornadas electorais porque volvo á casa e vexo aos veciños, tomo o vermú cos amigos e ás veces ata sae un resultado que me gusta. Pero o habitual é que non, porque na miña casa sempre se votou ao Bloque que, por certo sacou un EP o venres. Estas cancións de partido teñen algo de salto de fé, describen unha realidade que nunca chega a suceder. Un tempo novo, un país xusto. A canción do PP non describe nada e por iso acerta sempre.

As cancións de partido danme medo porque non inspiran, e fan sentir o baleiro. Fan pensar en se a fé aguantará para sempre, e teño medo a que despois da fé só haxa cinismo. O último que quero é ser un cínico, un cínico dos que din que simplemente son realistas. O problema está se cadra en conectar a fé en política exclusivamente cos partidos.

Na xornada de reflexión fun coa miña nai a ver a Radio Océano. Viñamos falando sobre a idade. Ela ten cincuenta e cinco pero non lle gusta a actitude da xente da súa idade. Vimos a uns señores de preto de sesenta tocar as cancións de hai trinta e algo. Eran corpos moi distintos producindo sonidos moi parecidos, tanto que nalgún momento todos chegamos a crer no que escoitabamos. As cancións sobreviven. Pero no contexto non había medo, non había violencia nin rabia.

Hai catro anos acabei a carreira e pensaba que a idea de madurar era triste, que era renunciar a cambiar as cousas e deixar de aprender. E volvín e fixen cousas, e agora déixanme saír pola radio dicindo o que penso. Pero de canto vale expoñer unha idea se ao saír do traballo vou para a casa? Estou máis canso que hai catro anos e son máis ou menos igual de cobarde. Dentro de catro anos terei trinta. Dentro de trinta, como será o meu corpo? No concerto de Radio Océano non había violencia, había un ambiente bonito e interxeracional. Tocaron tamén Sr. Anido, que parecía máis xoven que cando o coñecín, e Lamprea Explosiva, que me fixeron sentir vello.

Fainos falta todo iso, o medo, a violencia, matar aos pais? Cada ano que pasa teño as cousas menos claras, pero tamén teño medo ao que pasará se deixo de dubidar e un día me convirto nunha desas persoas coas cousas clarísimas. Supoño que o importante non son os corpos novos, senón as maneiras novas de enfrontarse a sensacións parecidas. Dentro diso, como non sei exactamente como quero sentirme, vou pinchar “Fort Bravo” de Grampoder, que é un grupo que fixo cancións preciosas sobre estar canso e derrotado. Esta ten algo de dúbidas e algo de .