Martín González é Legítimo Polvo

[versión máis curta en audio no Diario Cultural Zeta aquí]

Empezo avisando de que Martín González é Legítimo Polvo porque dá un aire como de créditos dalgunha serie vella e porque ata agora foi moitas outras cousas. Ao longo dos anos eu vino tocar como Mack “Barracuda” Paramo ou como Supercherruy, e como guitarrista de grupos como Psychotic Acid Freek, Thee Boas, Los Thyssen, World Rally Boys ou Hömi (onde tamén tocaba eu). Esa traxectoria de máis de dez proxectos, que repasamos nun recadro ao final do artigo, estivo especialmente vinculada ao garaxe e ao protopunk e, como Telephones Rouges e outras figuras do Grobe, tamén próxima ao Galician Bizarre. Que hai de novo en Legítimo Polvo? Moita cousa e ao mesmo tempo non tanta.

A maioría de proxectos de Martín González tiveron as guitarras como elemento central e aquí ceden bastante protagonismo ás caixas de ritmos e, sobre todo, aos sintetizadores. Os ritmos son máis bailables e mecánicos, ás veces tirando máis á música disco e ás veces ao krautrock, pero mantense certa escuridade e as guitarras non quedan completamente aparcadas. Dáme a sensación de que, ás veces, cando alguén vén de tocar en grupos de rock e pasa a algo máis electrónico hai unha ruptura máis marcada co anterior, case un borrón e conta nova, pero no caso de Legítimo Polvo hai unha adaptación, unha mestura do vello (que pode ser a guitarra) e do novo (que poden ser os trebellos electrónicos). E podemos complicalo aínda máis, porque o vello non é tan vello (estas guitarras soan doutra maneira e cumpren outras funcións) e o novo non é tan novo, porque ao final Martín leva gravando e mesturando os seus temas e fedellando no Fruity Loops e outros programas unha chea de anos. Con todo, tendo en conta que como Mack “Barracuda” Paramo Fuzzy Blues chegou a facer de home orquestra e tocar guitarra, harmónica e bombo á vez, quixen preguntarlle pola súa relación con cada instrumento.

Martín: A relación que teño coa guitarra sobre todo é estar tirado no sofá e collela e poñerme a vajear. E eso claro, e despois compoñer cancións e tal, pero é un instrumento que non quero que sexa o principal. De feito vou intentar cada vez quitala menos e meter máis electrónica. Que pasa tamén? Que me sigue encantando tocala. A harmónica por exemplo fai anos que non a toco, e a percusión cos pés non sei como carallo fixen eso porque son nulo. Eu solo sei tocar cordas e o sinte máis ou menos apáñome pero realmente non sei tocalo, solo sei dar as notas aí un pouco. Que iso tamén mola moito porque é como volver un pouco ás orixes. Recordo ás veces cando empezaba a tocar a guitarra, que non tiña nin puta idea, daba aí dous acordes e dicía “buah, isto é a hostia, vaia temazo” e despois, co tempo, canto máis sabes tocar como que máis te rallas coa movida. “Non, quero facer aí un solaso, quero meterlle un arreglo da hostia”. Gústame moito co sinte que sexa eso, coa guitarra xa son incapaz de collela con esa inocencia de dicir “vou facer a primeira merda que me salga sen acabar rallándome”, o sinte simplemente o toco para diante, iso mólame moito.

Psychotic Acid Freek: Motocross e Mack

Gústame pensar que esa inocencia ou pureza propia do punk pode seguir atopándose ao enfrontarse a un instrumento ou un estilo novo sen o complexo de non saber. Cando se volve difícil tocar con máis persoas e unha ten que asumir as tarefas que antes eran compartidas, probablemente vai haber certa frescura que veña de aí. Pero tampouco se pode obviar que a miúdo os solistas existen porque os grupos non poden existir. “Encántame tocar con máis xente. É unha marabilla, pásomo xenial, pero canto máis vello te fas, máis difícil é compaxinar a túa vida con ter unha banda. Entón, moitas veces, a non ser que sexa un rollo de “estamos aí a topísimo con esto” porque estamos todos no paro ou gañando unha pasta, é imposible. Non podes ter un curro normal de 8 horas diarias e ao mesmo tempo ter unha banda e poñerte en serio, porque vas ter que rexeitar moitísimos bolos, non vas poder ensaiar case nunca… é un cristo. Entón sendo ti solo, ensaias cando che dea a gana”. Xa que logo, a tendencia á desaparición dos grupos é unha cuestión cultural e tamén unha cuestión económica. Penso que a xente segue querendo colaborar á hora de facer música, pero igual as estruturas de colaboración máis habituais agora son menos permanentes (pensadas para un tema ou uns cantos) ou máis abertas (pensando en colectivos máis que en grupos).

Nese sentido, a última cousa que saíu de Legítimo Polvo é tamén interesante porque supón unha estrutura de colaboración que é tamén vella (un split) e novidosa ao mesmo tempo: WRB Split sacouno Ferror Records e chámase así por World Rally Boys, que é o nome doutro dos proxectos previos nos que participou Martín. Este dúo que tiña con Pablo Sáenz foi esvaecendo, pero seguían querendo colaborar e o resultado, en lugar de ter aos dous participando en cada canción, é ter a cada un ocupando unha cara dunha cinta compartida, cos seus proxectos en solitario Legítimo Polvo e Nüca.

Martín:World Rally Boys xa é máis un concepto que outra cousa. Ao final fai anos que non ensaiamos, que nin tocamos nin hostias… e cada un vivimos nunha cidade, queríamos colaborar en algo e o rollo foi “cal é a opción máis viable?”. “Pois mira, sacamos un split, cada un unha cara e veña, e namais”. Despois en canto á colaboración, pois un pouco “eh, escoita este tema, que tal vai o kick, mólache? Non, mételle aí un pouco máis de pegada, un compresor, tes que ecualizar máis, tal, non sei que”, e tumba e dálle. Esa foi a colaboración, porque realmente cada un fixo os seus temas, el con Nüca, eu con Legítimo Polvo, pero cada un ao seu rollo.

Dentro do son de Legítimo Polvo as voces están mesturadas bastante baixas e con moito efecto, o que as fai suxerentes pero tamén leva a que non se entendan moito as letras. Pregunteille por isto a Martín e díxome que “o das voces é ás veces un pouco por necesidade, porque teño un equipo de merda para gravar e sona a puta lata, así que ao final o máis sinxelo é meterlle mazo reverb e enterrala un pouco para que sone decente. Pero si que lle dou moita importancia ás letras, e de feito a maioría das veces paso máis tempo escribindo que compoñendo os temas, que ao final son moi sinxelos en canto a estrutura e todo”. De que falan entón esas letras? Entre poñerlles un pouco de atención e escoitar a explicación do seu autor vese que o enfoque é bastante orixinal:

“As cancións de Legítimo Polvo tratan sobre todo de ir de festa, de ter resaca, de amoríos… Normalmente escribo sobre gichos que coñezo por aí pola noite e digo “bah, este pavo dá pa un tema, joder, é un meme con patas, de aquí seguro que se saca algo interesante”. Ás veces tamén escribo sobre películas, pero non te vou escribir unha canción sobre unha peli de Jodorowsky ou de Lynch ou así, eu collo unha de Steven Seagal ou de Jean-Claude Van Damme, e digo: estes dous minutos de película son a hostia, de aquí pódese sacar perfectamente un tema describindo o que está pasando porque hai moito máis detrás do que parece a simple vista [risas]. E iso é sobre todo sobre o que escribo. Ás veces tamén tento darlle vida a cousas inanimadas. Collo unha silla e digo “que sinte está silla? Se esta silla tivera sentimentos, se esta silla fora un ser racional, que pensaría, que é o que estaría pensando agora mismo de que teña o cu todo o puto día enriba dela?”. Aínda que iso é sobre todo cando xa non teño moitas ideas e acabo vajeando de máis. Pero aínda así sácanse cousas interesantes e que emocionan, e que a maioría da xente non vai entender á primeira, vai pensar que estou falando doutra cousa, cando realmente estou contando unha chorrada enorme que non vén a conto máis que a min, e iso realmente si que me gusta”.

Jean-Claude Van Damme e Mickey Rourke en Double Team, inspiración de “Matar a Stavros”

O tipo de canción sobre un tipo dos que se coñece pola noite pode ser “Cierra el pico“, o de contar unha película vese en “Quero matar a Stavros” e o da silla é unha canción que existe pero non é pública. En proxectos previos de Martín estes enfoques non se apreciaban, se cadra polo feito de que dominaba o inglés nas súas letras. En Legítimo Polvo utiliza o galego e o castelán máis ou menos indistintamente. “Escribo en galego ou castelán segundo como salga, porque ás veces te pos a cantar un tema, a tocar, sáeche en galego e ás veces en castelán. Non me preocupo moito por eso. Estou máis cómodo cantando en galego porque son galegofalante, pero hai veces que che saen unhas cancións en castelán que molan, e tampouco vas traducilas, xa está así e punto. E despois en inglés, pois antes cantaba en inglés moitas veces pero facía unhas letras super cutres, eu inglés case non sei falar, estaba aí “I Love My Baby” e pouco máis. Agora en galego podo tratar temas máis profundos, como querer tirarme pola ventana ou… [risas] cousas polo estilo. Ou, como dixen antes, unha peli de Steven Seagal, ou a peli dos Power Rangers… podo contar a peli dos Power Rangers en galego perfectamente, en inglés non o podería facer“. Se cadra, un motivo como este permite ver en Legítimo Polvo o proxecto máis redondo de Martín, onde hai un equilibrio entre o seu talento e gusto como músico para compoñer dentro de diferentes estilos e unha personalidade e sensibilidade orixinal. Pero podedes xulgar vós mirando máis abaixo o repaso que facemos con el á súa carreira.

UN REPASO Á TRAXECTORIA DE MARTÍN GONZÁLEZ

Entre grupos e seudónimos para sacar música en solitario, Martín leva publicado cancións baixo unha chea de proxectos. Pareceume bonito pedirlle que fixese un repaso deles, nos que foi pasando por diferentes estilos (do punk inicial ao blues ou aos elementos electrónicos que xa vistes en Legítimo Polvo), diferentes intencións, diferentes ferramentas, diferentes linguas, diferentes compañeiros e momentos vitais. Cada un deles leva unha canción destacada para que vos fagades unha idea, excepto cando fala de Mack “Barracuda” Paramo, porque se refire á etapa máis blues pero hai un tema seu que me encanta e non ten moito que ver coa descrición, así que aí puxen dous.

Punks and Company (2007-2008)
“Punks and Company existiron porque un día André [Sánchez, coñecido por levar o Twist and Shout no Grobe] díxome Dead Kennedys e eu levaba unha camiseta deles e xa pa diante, acabou gravándonos e tocando a batería Rubén [Domínguez, de Telephones Rouges ou Pantis]”.



Zoofilia-a-a (2008-2011)
“Despois Raúl máis fixemos Zoofilia-a-a de vajeo e molaba moito o rollo batera guitarra a lo White Stripes pero sen saber tocar, sacamos o tema de “Bisolvon” que o gravou Matías (de momento tódolos achegados son Telephones Rouges nótase que somos do Ghrobe ou) sobre o tema este moi loco o que poñen en tik tok”.



The Beer and Pot Container Experience (2012)
“The Beer and Pot Container Experience surxiu cando pillei unha pericardite e estaba guai pero non podía saír da casa e debería estar repousando polo que decía o médico, entón gravín uns temas e saíu iso”.



Thee Macksons (2012)
“Thee Macksons eran todo temas de Zoofilia pero eu só co Fruity Loops e veña, o massimo”.



Los Thyssen (2011-2014)
“Los Thyssen equipaso do ghrobe coméndonos o rabo uns aos outros en plan que ben tocas pero no”.



Psychotic Acid Freek (2013-2015)
“Psychotic acid freek eramos Zoofilia-a-a despois de escoitar moito Spacemen 3 e sabendo tocar”.



Mack “Barracuda” Paramo, Mack “Barracuda” Paramo Fuzzy Blues, Mack Barracuda (2012-2017)
“Mack Barracuda Páramo e sucedáneos era eu só facendo blues, experimentando co que sabía tocar e mentendolle unha armónica de paso”.





Thee Boas (2012-actualidade, nos últimos anos sen Martín no grupo)
“Con Thee Boas aprendín todo, mola moito coñecer xente cos teus mismos gustos e coa que colaborar. Aprendín moito con eles e ademais e un pracer que Júlio sexa do Ghrobe, o final sempre o Massimo aí.”



Hömi (2014-2015)
“Hömi molou moito porque iamos a Conxo a ensayar e xa non era un rollo de ser mellores amigos se non máis ben que fluía a cousa entre nós e faciamos temas sen rayarnos, do, re, mi. A cousa foise a pique cando empezamos a compoñer enserio xd. O de Hömi que? Ti tamén estabas”.

Por alusións: eu estou bastante dacordo con Martín, Hömi demos varios concertos improvisados e admiro bastante esa valentía de tocar 40 minutos sen que haxa cancións. Ás veces molaba moito o resultado, outras non tanto e tampouco demos levado a cousa a outro lado.



Supercherruy (2015-2016)
“Supercherruy ten moi bos temas pero fanekas moi mal plantexado o proxecto”.




World Rally Boys (2018-2019)
“Con World Rally Boys pasino moi ben, e creo que foi o grupo co que máis crecin como músico. Xa polo rollo de mezclar electrónica con guitarras e ir coñecendo cousas máis ala do rock and roll valeu moito a pena”.



Por último pregunteille a Martín tamén por nomes como Nuru Massage ou Prawracuda, baixo o que sacou un dos meus temas favoritos entre os seus cun vídeo moi guai.


“Por suerte tengo guitarra…”

Mercedes_Sosa.jpg

A finais do ano pasado estiven traballando en Ourense un mes e medio. Quedei na casa de Toni (baixista de Monstruo, camarógrafo, mecánico, electrónico e xenio) e Lucía (profesora filósofa de referencia e irmá de Toni) pero non cadrei todo o tempo que querería con eles polos traballos e horarios de cada un. Nalgún rato libre na casa quixen facer uso do seu tocadiscos, pero estaban recén mudados e só había tres discos: Tommy dos Who, un directo dos Monty Python e Homenaje a Violeta Parra de Mercedes Sosa. Os Who foron seguramente o meu primeiro grupo favorito que non era favorito de meus pais e tiven un rencontro intenso con eles unha tarde, pero non tiven ganas de poñer Tommy moito máis porque xa o escoitei un millón de veces. Para desfrutar dos Monty Python aínda necesito subtítulos, así que acabei poñendo o de Mercedes Sosa moi a miúdo e namoreime desta canción, “La carta”:

É unha canción absolutamente simple, de dous acordes. O único cambio é pasar de alternar entre os dous a usar só un, pero esa simpleza é perfecta para soster a forza da melodía e (sobre todo) da narración: chega unha carta* na que lle din a Mercedes (na orixinal a Violeta, claro) que o seu irmán foi apresado e maltratado por apoiar un paro. Ela parte da rabia persoal (sen perder a dignidade) para facer un retrato da inxustiza, a desigualdade e o abuso de poder**: “Yo que me encuentro tan lejos / esperando una noticia / me viene a decir la carta que en mi patria no hay justicia / los hambrientos piden pan, plomo les da la milicia”. Cada estrofa acaba cun “Si”, unha estraña reafirmación do que acaba de dicirse, case ameazadora. Vaise unindo a Mercedes o acompañamento e as voces de Quilapayún, unha música que me parece ao mesmo tempo sutil e poderosa, sobre todo por ese bombo que é toda a percusión do tema. Ao final, despois de animar á revolución, os versos que máis me engancharon, que acaban con un “Sí!” moito máis rotundo que os anteriores:

Por suerte tengo guitarra
y también tengo mi voz
también tengo siete hermanos
fuera del que se engrilló
Todos revolucionarios
con el favor de mi Dios

Emocióname moito a aparición da guitarra na mestura de experiencia concreta e conceptos abstractos da letra. A guitarra e a voz son ferramentas para a expresión, extensións dun sentimento íntimo. A guitarra e a voz aparecen vinculados a Mercedes ao lado dos seus sete irmáns, algo que me parece unha mostra da forza que pode ter a conexión dunha persoa cos instrumentos que toca. “Por suerte tengo guitarra” pode ser igual que dicir “por sorte non estou soa”. É algo que queda máis concreto na versión orixinal de Violeta Parra, que é máis vulnerable, un pouco menos afectada e quizais menos pulida (pero cun primitivismo rítmico que case me parece krautrock). Violeta cantaba “por suerte tengo guitarra / para llorar mi dolor”. Efectivamente, para iso serve a guitarra: unha amiga, un ombro sobre o que chorar. Pero ao non concretalo e unilo a ese ter voz, na versión de Mercedes Sosa a guitarra parece unha arma. É algo co que defenderse e algo co que atacar.

Violeta_Parra.jpgGústame que se manteña esa ambigüidade, porque é a mesma coa que eu entendo a música: algo que (seino) serve para sentirse menos só e algo que (gustaríame crer) serve para converter as ideas nalgo máis afiado. Son dúas caras da mesma moeda, supoño, e as cancións que máis me emocionan son normalmente as que tiran cara os dous lados.

Pero, volvendo ao tema, é curioso que a guitarra sexa o instrumento con máis poder simbólico para representar o total da música. Resultaríame raro que alguén cantase “por suerte tengo piano”, a pesar de que é outro instrumento que pode darnos harmonía á vez que cantamos. Tamén que alguén cantase “por suerte tengo tambores”, a pesar de que sexan o máis asociado ás armas e de que a percusión sexa a forma de música máis primitiva. Ou tamén que alguén cantase “por suerte tengo ordenador portátil”, a pesar de que sexa hoxe en día o instrumento barato por excelencia***. Isto último paréceme o máis ridículo: aínda que pase moito máis tempo co portátil que coa guitarra, este é unha máquina sen carisma, intercambiable e fría. Quizais demasiado versátil. Pode valer para facer cousas íntimas como escribir ou falar con seres queridos, pero tamén vale para demasiadas cousas banais como para que poida collerlle cariño. A guitarra serve para menos cousas pero cousas que no meu caso me parecen máis cruciais.

02-Aries-Javier-Fernandez-Perez-de-Lis.jpg
Foto de Javier Fernández Pérez de Lis

E non son o único, claro: as mencións á guitarra sempre me chaman a atención cando aparecen en cancións e fanme sentir a miúdo esa dualidade. A guitarra como resistencia á soidade está en “Moverme de aquí” de Aries:

Realmente é habitual que as letras de Aries falen dunha reacción á soidade e á tristeza, e que esa reacción suceda a través da música. Ás veces é explícito, supoño, pero o máis interesante é que os seus temas teñen atmosferas que os fan absorbentes, case habitables, se esa é unha maneira válida de describir unha canción pop. O espazo que crean é íntimo e puro, e cando consigo entrar nel acabo sentindo que a beleza fai que a angustia quede anulada, apagada… (estou tentando non dicir “exorcizada”, pero é o primeiro que se me ocorreu). “Si te sientes solo no eres el único”, cantaba en “Lo que no eliges“, e a min sérveme de moito escoitalo, porque me sinto acompañado. En “Moverme de aquí” di “solo toco la guitarra” nunha situación que me parece angustiante pero na que hai unha saída no interlocutor ou interlocutora (“te siento / si eres feliz, repítemelo”). A guitarra paréceme algo ao que agarrarse nese sitio do que non pode moverse, aínda que podería estar equivocado, claro. Supoño que penso que a guitarra (a música) é a mellor compañía. A resposta ideal á pregunta de que levarías a unha illa deserta.

lidia_damunt.jpg

Ou ao sitio no que esa angustia pode facerse máis patente. Nese sentido e se cadra en calquera outro, a miña canción favorita sobre a guitarra é “Mi guitarra”, de Lidia Damunt:

A canción ten dúas estrofas tristes ás que responde o estribillo repetindo “Y mi guitarra es una máquina de matar el tiempo”. Nunha entrevista Carlos Pérez de Ziriza preguntáballe se a variación sobre o eslogan de Woody Guthrie (“This machine kills fascists”) era unha maneira “de quitar ferro a calquera posible comparación con el ou ao suposto poder transformador do rock na sociedade”, pero ela explicaba que era unha canción sobre o tempo que seu pai pasou inconsciente no hospital antes de morrer. Que estaba alí sempre coa súa guitarra, que efectivamente serve para calmar a desesperación e facer tempo. Hai unha cousa catártica en tocar a guitarra (isto si que o teñen moitos instrumentos musicais), unha liberación en poder rasgala mentras fas forza cos dedos para facer un acorde. É un instrumento que suxeitas contra o corpo e pode dar, pola vibración, a sensación de que o ruido sae de ti, e de que con ese ruido botas algún demo fóra. Ese poder explica que a frase se pareza á de Woody Guthrie pero con esa variación tan emotiva. É normal: a única diferenza é que apunta cara adentro (cara matar o tempo) e non cara a fóra (cara matar fascistas), pero supoño que non fai que deixe de ser unha arma. Para facer calquera cousa hai que ser quen de sobrevivir á tristeza.

guitarra_cibran

[Cando tiña dezasete anos xuntei uns aforros e un aguinaldo da miña tía e merquei a miña guitarra, e estiven moi contento e fíxenlle unha foto e subina ao meu Fotolog. Falaba de non ser quen de bautizala a pesar de sentir que era como unha persoa. Era un pouco prosa de adolescente facéndose o interesante pero creo que había algo de verdade naquelo.]

 

* Outra canción sobre unha carta que escoitaría un millón de veces:

** Para min, a rabia e dignidade na denuncia da inxustiza de “La carta” resona moito cos casos da xente que está sendo detida agora por suposta apoloxía do terrorismo nas súas cancións, quizais especialmente co de La Insurgencia por algún testemuño contado dende fóra, como o da nai de Saúl:

*** É importante o barato e manexable das guitarras para que teñan esa capacidade de facer compañía. Podes comprar unha guitarra Academy por 120 pavos ou así, e podes camiñar con elas. E as que non son eléctricas podes tocalas en calquera sitio. Bueno, as eléctricas tamén aínda que só as escoites ti. E é un instrumento que sona cando o tocas, co cal non se volve moi frustrante e ofrece a mitoloxía automática de converterte en creador ou creadora de rocanrol no momento no que agarras as “guitarras guardadas en el placard“, como cantan El Mató a un Policía Motorizado. É unha satisfacción tremenda porque te encadras de súpeto dentro dunha tradición que, por falsa que sexa, sintes como rebelde, antisocial, valente e molona. Claro que iso tampouco é o rol do rock and roll agora e en todo caso este artigo non ía sobre iso.

Máis cancións que falan de guitarras e das que non falei aquí porque non se refiren ao que quería dicir: “Ó Miguel” de Pega Monstro; “Won’t Get Fooled Again” de The Who; “Con mi guitarra mataré a tu mamá” de Superuva, que atopei neste artigo que lle vin compartir a María Velo; “So You Want To Be a Rock and Roll Star” dos Byrds e outras cancións sobre o rock como “Quiero bailar rock and roll” de Cucharada ou “It Will Stand” de The Showmen. “A Voz do Violão” de Caetano Veloso si que fala diso (“eu tenho um companheiro inseparável / na voz do meu plangente violão”) pero é unha canción coa que non teño eu unha relación de intimidade porque acabo de atopala agora. “Fender Stratocaster” de Jonathan Richman resúmeo todo moi guai pero xa falei suficiente del na entrada anterior.