Esta foto de David Tombilla no último concerto de Unicornibot, na que sae Gael Carballo gravando, está ilustrando o evento de Cancións, caras e lugares,unha sesión de vídeos de concertos dunha escena galega que programei para o Cinema no Xardín do Liceo Mutante, este venres 26, e cóntovos un pouco por se queredes vir.
De que escena galega falamos? Falar de escena underground galega, por exemplo, como se só houbese unha, sería faltar un pouco á verdade, porque case todas as escenas que haxa por aquí van ser underground e hai realidades nos mesmos lugares que apenas se tocan (iso pode ser triste, pero xa é outra cuestión). Para ter un punto de conexión, escollín vídeos nos que saen bandas que tocaron algunha vez no propio Liceo, co cal penso que se recolle unha especie de vínculo que está preto da autoxestión e dunha relación pouco xerárquica entre quen está no escenario e quen non: as persoas que tocan poden aparecer outro día bailando en primeira fila, ou facendo o son, ou a cea, ou gravando vídeos.
Tampouco quero rallar moito dándolle voltas a isto dos vídeos de concertos, porque xa falei deles nun texto que escribín hai un par de anos que se chama Equilibrios precarios. Pero si que quero repetir que me parece que estes rexistros son importantes e abren unha maneira de representar a realidade da música diferente á habitual no documental musical, nos medios especializados, nos videoclips e noutras formas que recollen concertos, en parte porque é un rexistro ao alcance de calquera:
Igual que a escena, é menos xerárquica: as bandas deixan de ser o elemento central e aparecen outras experiencias e persoas, ademais de que estes vídeos están gravados por artistas, profesionais e amateurs a partes iguais.
É bastante libre esteticamente: hai dende experimentos moi guais coa montaxe a vídeos de móbil completamente improvisados.
Parécese ao cinema doméstico: son imaxes moi importantes ou incomprensibles en función da relación que teñas con elas. Se non tes un coñecemento previo sobre o que (e a quen) estás vendo e escoitando é probable que te sintas como se vises o vídeo do cumpreanos dun neno austríaco. Se o tes, pode ser como ver a túa familia.
Ten un valor documental e etnográfico: recolle persoas, actividades e cancións que doutra maneira nunca serían recollidas e que ás veces nunca son gravadas.
Na sesión hai vídeos de Flaco Fláquez, David Tombilla, Teo e Sonia, Mar Catarina, Rubén Domínguez, Anxos Fazáns, Borja Vilas, Yasmin El Hachimi, Gael Carballo, Carlos M. Peñalver, Darío Real, Quete McFly e María Yáñez.
Saen Unicornibot, Mullet, Emilio José, Lamprea Explosiva, Meus, Zara, Telephones Rouges, Travesti Afgano, Glitchgirl, Fantasmage, Malandrómeda, Contenedor de Mierda, Terremoto Sí,Cuchillo de Fuego e Srasrsra.
A finde pasada tocamos Zara con Lamprea Explosiva e Meus no Liceo Mutante e na Kominsky de Vigo e foi moi bonito, por cousas como as que describe “Xente bonita”, que é un himno para min dende a primeira vez que lla escoitei. Non podía quitala da cabeza e púxena neste Un tema e un tema para falar de cartos, creo que porque representa para min máis ou menos o contrario.
Podedes escoitar o programa enteiro (no que tamén se falou de subtítulos de cancións como os de Paxaradas_subt) aquí.
E podedes escoitar a sección (que empezaba con “Non teño diñeiro” de Aerolíneas Federales) aquí. Pinchei tamén a Oh Ayatollah, ABBA, Estopa, Gwen Stefani, Rihanna, Barrett Strong, Malandrómeda, Emilio José e Pony Bravo.
Hoxe quero falar de cartos. Pero é un pouco raro entrar nun sitio dicindo que queres falar de cartos. É como que é incómodo, non? A ninguén lle gusta esa xente que só sabe falar de cartos, e dá a sensación de que o diñeiro pode estropear calquera cousa, normalmente cando hai moito ou cando apenas hai ningún. Os cartos teñen ese aire sucio porque non se reparten con xustiza: se alguén ten moitos é habitual que sexa a costa de explotar a outras persoas. Se non se gastan en poñer máis camas nos hospitais é porque alguén decidiu que están mellor noutro sitio. Os cartos son tamén unha cousa triste porque poñen un valor á realidade. Pero queixarse é como moi de pobres.
E aínda así queixarse tamén ten a súa gracia, e é un dos privilexios de quen non ten un can, como cantan Oh Ayatollah en “Case todo é o que parece”. Este tema ten un aquel de odio de clase (a todos eses cabronazos das corbatas e dos barcos), pero sobre todo é unha canción sobre desexos frustrados. Cando se canta dende a posición de quen non ten cartos (que é o máis habitual no pop, aínda que quen cante sexa millonario), o desexo de telos está moi presente.
Porque tamén é de pobres soñar con nadar na abundancia, piscinas cheas de billetes, coches de gran cilindrada e esas historias. Por exemplo, na súa canción sobre cartos, Agnetha e Anni Frid de ABBA cantaban sobre o triste que é traballar noite e día para pagar facturas e que non lles quede un penique para elas. A solución que propoñen é atopar un marido rico para deixar o choio e vivir por fin. O asunto é ver que tipo de vida é esa se se fai realidade.
Isto é Estopa, concretamente “Suma y sigue”, a súa canción-fantasía sobre facerse ricos nun casino. Pero é unha fantasía triste. En parte porque a propia imaxinación de quen canta faino sentir fóra de lugar no seu propio soño, decepcionado cos viños caros e o resto de símbolos do triunfador, como o de levar unha “rubia despampanante” do brazo, ou o de comer caviar. E en parte pola presenza siniestra das máquinas comecartos: as falsas promesas do diñeiro, como as que fai Carlos Sobera na tele, son as que motivan a ludopatía. É o guai de Estopa, aínda que pareza un tópico: son auténticos, falan das cousas dunha maneira que é á vez poética e directa, e o que fan sempre transmite algunha verdade. E a verdade que saco eu de aquí é que os cartos son un fetiche.
ABBA gañaban a riqueza casando cun rico, Estopa xogando e Gwen Stefani nin sequera se preocupa en “Rich Girl” de dicir de onde ía sacalos. Só segue con ese fetiche: os cartos representan a ausencia de problemas e a satisfacción dos desexos. Neste caso eses desexos son máis sofisticados que os de Estopa, e inclúen encher o armario de roupa de John Galliano e Vivienne Westwood. Pero polo medio hai dous detalles interesantes: o primeiro é que os cartos representan para ela un empoderamento na súa relación cos homes.
O empoderamento é tamén o que podemos extraer, pero dunha maneira moito máis violenta, desta canción de Rihanna, na que vén dicir que mellor que teñas os meus cartos, porque ninguén fode a Rihanna. Os cartos representan o poder, pero están rodeados de xente disposta a facer cousas malas para conseguilos. Están rodeados de competencia, de supervivencia. Aí estaba o outro detalle interesante do tema de Gwen Stefani, porque advertía de que o amor da persoa á que lle canta vale máis que o ouro.
Aí chegamos a unha contraposición que me interesa, e que se repite. Diñeiro contra amor.Barrett Strong cantaba que as mellores cousas da vida son gratis, si, pero a el que lle dean a pasta. Que o amor está moi ben pero non paga as facturas. Os Beatles cantaron este tema, pero tamén escribiron “Can’t Buy Me Love”, que é máis ou menos o contrario: nel dicían que non se preocupaban moito polos cartos, porque non poden mercar o amor. É fácil non preocuparse polo diñeiro cando nadas en libras esterlinas, pero tamén é certo que deixar de lado o fetiche de facerse rico e as ganas de satisfacer desexos que non son reais pode axudarnos a ser máis felices, ou a andar menos distraídos co asunto de consumir.
Ese fetiche desmóntase coa realidade. Dicía ao principio que á xente non lle gusta falar de cartos, como se alguén fose xulgarte polo que gañas, pero deberíamos falar máis de cifras para que iso non suceda.As persoas non valen cartos, así que saber canto cobra cada quen só pode servir para saber se o reparto está ben feito: pensade na igualdade salarial entre mulleres e homes, que só se pode dar se sabemos os soldos de todo o mundo. Por exemplo, por cada colaboración aquí na Radio Galega cobro 50 euros. Onde están os números nas cancións? Os que atopei non son cifras moi impresionantes: o Hevi ten en “Levaetrae”, de Malandrómeda, tres euros estratéxicos. En “ALOHAnet”, Emilio José ten cinco euros e fai moita cousa con eles, nunha canción que axuda a pensar no diñeiro como unha construción cultural, un sistema arbitrario que podería non existir. Como tantas cousas que dámos por fixas.
A gran pregunta é, para min, que relación ten o que somos cos cartos. Os cartos son como un espello deformante: distorsionan a nosa imaxe e as relacións que temos coa xente e coas cousas que facemos. Eu pénsoo moito ao pensar na relación entre os cartos e a arte, que é unha cousa que sempre está ben tratar nun espazo cultural. No momento en que convertemos unha película, un libro ou unha canción nun produto, estamos permitindo que sexa o mercado o que decida o seu valor. Nós podemos crear a obra que queiramos, pero se pretendemos que sexa un traballo teremos que gustarlle a un público que nos dea de comer, ou quizais buscar un patrocinador que vexa na nosa arte un interese publicitario. Ou trampear todo iso e convencer a unha institución pública de que o noso novo disco é de interese xeral. Pero todo iso case sempre ten máis que ver coa aparencia que coa realidade.
“Mi DNI”, esta canción de Pony Bravo, resume bastante ben todo iso falando da industria da música alternativa: é difícil construír unha relación xusta ou verdadeira nun contexto inundado de falsidade, intereses e competencia. Pero seguramente pase igual en todas partes, aínda que as decisións non se tomen no cuarto de baño dun pub ou nun camerino. Se imos ao dentista se cadra preguntámonos se non estará recomendándonos máis tratamentos dos necesarios para cobrar máis. En cambio, se imos ao médico, como é público, preocuparémonos por se ten tempo para mirarnos ben e atopar todo o que temos. Para min o ideal sería xerar cada vez máis espazos nos que os cartos non importen demasiado, e, aínda que sone moi jipi, penso que iso se fai co amor, coa honestidade e coa solidariedade (ou repartindo a riqueza do mundo a partes iguais). Así que quería rematar todo este pensamento caótico poñendo un tema que para min crea un deses espazos cada vez que a escoito, e que fala de como a arte pode ser ese espazo. Non necesita falar de cartos, senón de todo o que fai que ser humano valga a pena: coñecer a alguén de verdade, expresarse, querer, sentirse queridos. É “Xente bonita”, de Lamprea Explosiva.
Desta volta quixen falar de cancións que usan nomes propios de persoa. Bob Dylan fixera un programa moi chulo sobre os nomes de muller, pero era outra historia. Pinchei a Dolly Parton, Simon e Garfunkel, Telephones Rouges, Heredeiros da Crus, Emilio José, os Minutemen, Travesti Afgano, Ataque Escampe e Malandrómeda.
Aquí podedes escoitar o programa completo, que inclúe unha crónica do Encontro de Punkis de Aldea de Sarria, ao que me gustaría moito ter ido. Aparece tamén unha versión moi guai de “Dirty Old Town” dos Pogues que fai o Leo.
O corte da sección aínda non o subiron pero cando estea xa o engado.
Debaixo tedes o texto para ler. Antes de falar de nada, pinchei un dos grandes clásicos disto dos nomes propios en cancións.
A historia do pop está chea de cancións con nomes de persoas. Isto é bonito porque introducir un detalle concreto nunha canción (sexa un lugar, un tempo ou un nome), se se fai ben, dálle algo de realidade e emoción. E tamén activa a imaxinación, ata tal punto que logo a xente ponlle nome aos seus fillos e fillas por esas cancións, ou incluso ponse nome a si mesma. É algo que fixo Alaska, que se chama así por un tema de Lou Reed, e que tamén fixo Cecilia, que realmente se chamaba Evangelina Sobredo pero rebautizouse en honra a un tema de Simon e Garfunkel.
Hai case unha canción para cada nome, e vou citar unhas cantas moi famosas, moi boas ou as dúas cousas. Lady Gaga ten “Alejandro”, ABBA teñen “Fernando”, Blondie teñen “Maria”, os Beatles teñen “Michelle”, os Ramones teñen “Ramona”, os Rolling Stones teñen “Angie”, Broadcast teñen “Michael A Grammar”, Caetano Veloso ten “Irene”, Nick Cave e os Bad Seeds teñen “Deanna”, Van Morrison e Umberto Tozzi teñen cada un a súa “Gloria”, Víctor Jara ten “Te recuerdo Amanda”, e de por aquí a miña favorita é a dos Telephones Rouges, que teñen “Desiderio”.
Isto ten lado bo e lado malo, as dúas cousas por como a canción pode mesturarse coa túa identidade, como se o teu nome puidese levar xa de por si unha melodía. Eu aínda non atopei unha que fale dun Cibrán, pero unha Sara contoume que lle facía ilusión saber que Fleetwood Mac tiñan unha canción que se chamaba como ela. Polo outro lado, unha María díxome que acabou farta de que lle cantasen isto dos Heredeiros.
Aínda así, se falamos de como se mestura unha canción coa túa identidade, o que me parece aínda máis interesante son as cancións que ademais do nome teñen e apelidos, e que falan dunha persoa real que podemos identificar. Dentro disto hai uns cantos mestres sen irnos moi lonxe, como Emilio José e a cantidade de veces que fala de figuras públicas ou políticas*: Jean Claude Juncker, Íñigo Errejón, Barreiro Rivas, Baltar, Rocío Mosquera, Pablo Iglesias, Beiras… nesta saen Bill Gates, Steve Jobs e Feijoo.
Sempre me deu a sensación de que escoitar un disco de Emilio José é como facer un amigo, porque é como se che contase a súa visión do mundo case enteira. É como ter unha conversa moi longa, e nas conversas moi longas é normal que alguén acabe falando dalgún político, e citarao polo nome, que tamén é diferente a falar da clase política en abstracto. Pero no asunto dos nomes nas cancións hai xente que vai a un lugar máis íntimo. Por exemplo, á autobiografía: as cancións de grupos que falan de si mesmos teñen exemplos como o clásico dos Minutemen, “History Lesson Part II”, que empeza dicindo “A nosa banda podería ser a túa vida, os nomes reais serán a proba”.
Nela os nomes das súas influencias (Bob Dylan, Richard Hell) mestúranse cos seus propios, coa experiencia de D. Boon e Mike Watt montando un grupo. De máis preto, nesta liña sei que hai un inédito de Ataque Escampe que se chama “Roi Vidal”, como o seu propio cantante e batería, e está o “Golden Apples” de Travesti Afgano, no que o guitarrista Luismi describe a cada membro da banda dunha maneira que me transmite moita tenrura.
Todo isto ten sentido por esa impresión de realidade que os nomes e apelidos outorgan, que fai sentir unha proximidade e unha transparencia moi fortes. Robert Forster dos Go-Betweens dixo nunha entrevista que “os nomes reais e as situacións reais son máis interesantes que a ficción”, e creo que normalmente é certo**. Pero claro, tampouco sabemos que opina a xente que acaba aparecendo na canción doutra persoa. Sabemos que a Taylor Swift lle molestou cando Kanye West a cita (e a insulta) en “Famous”, pero non sabemos que opinaron todas as persoas que aparecen na obra de Nueva Vulcano, nin que lle parece a Pablo Callejo que un tema de Oh Ayatollah leve o seu nome. Ou que opinou Carlos Figueiras de saír en “A granxa de Alexandre” de Ataque Escampe.
O que pasa é que hai un paradoxo en todo isto, que é que a min foi Xiana quen me puxo sobre a pista deste Carlos Figueiras, de quen podía sospeitar que era unha persoa real, pero non sabelo porque non o coñezo de nada. E iso fíxome pensar en que o que importa, case sempre, é a impresión de realidade e non a realidade en si. E esa impresión dámoslla nós ás cancións, ao escoitalas ou, máis tristemente, ao buscalas en google. Lembreime de dúas cancións, para ir rematando, que nunca tiven claro de todo se falaban de xente real ou eran invencións de quen fixo a letra. Sendo moi diferentes, teñen moito que ver, porque falan de grupos fantásticos que nunca chegaron a ser coñecidos (e aí está o truco para xerar unha impresión de realidade que non podes confirmar con seguridade). Unha é “The Late Greats”, de Wilco, e a outra, que chega moito máis lonxe no nivel de detalle na construción dos personaxes (ou no retrato, non sei), é “Aquel grupo”, de Malandrómeda. Hoxe quería acabar pinchándoa, escoitando a historia de Lucas MC e Palanquetti e quedando coa dúbida.
* É curioso que, ao tempo que cita polo nome a toda esta xente, cando as cancións viran ao íntimo, como en “♥” cante “O teu nome / não se escreve em inglês / o teu nome / não se escreve em persa / o teu nome / não se escreve em chinês / teu nome não se escreve”.
** Era demasiado longo de explicar para a radio, pero gustaríame ter pinchado tamén “Darlinghurst Nights”, que é a canción á que se refire Robert Forster na entrevista de Kiko Amat, e é un exemplo perfecto de como o detalle dos nomes evoca moito máis intensamente un espazo ou unha emoción.