O outro día fun ao Diario Cultural Zeta a falar con Lucía Junquera, Silvia López e Marta Coira sobre podcasting, ao fío dun curso que estamos facendo na facultade. Puiden ver o plató multimedia da Radio Galega (que é onde agora se grava o programa e o motivo polo que se pode ver tamén en YouTube), puiden ver en persoa como fan todo (porque pasei un ano e pico facendo colaboracións por teléfono, que non é o mesmo) e paseino estupendo.
O caso é que este ano non vou estar facendo as colaboracións sobre música no Zeta. Diso vaise encargar Alejandro Gándara, que o fai fantástico e está descubríndome cousas que non controlaba (como pasa no resto do programa, que está tempada ten seccións novas moi interesantes sobre videoxogos ou clásicos da literatura desde a perspectiva da xeración zeta). Ademais eu xa vou algo maior. Aínda así, como este blog é unha especie de arquivo vital e estou razoablemente orgulloso do que fixen, apeteceume recompilar aquí brevemente as seccións desta etapa, porque falei con moita xente e aprendín moitas cousas, e porque moitas veces aproveitei o material da radio para ter aquí versións máis extensas ou contidos extra como entrevistas (ou bueno, para sufrir menos polas miñas dificultades para ser conciso). Tamén hai algunha colaboración que non subín por aquí porque era máis puramente radiofónica, como esta sobre música portuguesa ou esta recompilación de novidades.
En calquera caso, este sería, por orde cronolóxica, o listado de xente que falou na sección, e podedes aproveitar por se hai algo que queirades revisar:
- Simón Cuba (Oh Ayatollah) e Tania Prieto (Cheap Lipstick) sobre hábitos de escoita.
- Ortiga sobre a súa relación cos instrumentos e a tecnoloxía.
- Sleepy Spice sobre o anonimato e a súa relación coa creatividade.
- Sara Pena e Teo Cid sobre como estaban as cousas no Liceo Mutante e en Acéfala durante a pandemia.
- Prinz Pol sobre Prinzedom Records, a diáspora e pasar da guitarra a outras cousas.
- Macarena Montesinas e O Rabelo (e Mar Catarina, aínda que non se lle escoite) sobre improvisación.
- Olaia Tubío (e Rubén Domínguez, aínda que tampouco se lle escoite) sobre o arquivo Galiza en Música.
- Grande Amore sobre os seus usos lingüísticos e o realismo.
- Estevo e Corbi de Columna Vegana sobre pop, amor e diferenzas xeracionais.
- Estefanía Tarrío sobre o Proxecto Rizoma e a divulgación do underground galego.
- Teresa Ferreiro sobre o que estaba pasando cos concertos durante a pandemia.
- Guillermo Rodicio e Celia Eiras sobre facer crítica musical e cultural.
- Berto sobre a autorreferencialidade (e as referencias a outros artistas) na música de Verto.
- Bratzantifa sobre o blandito e o conversacional nas súas cancións.
- Alvite Peillet sobre a iconografía de FØ Records.
- ELBA sobre cantar en diferentes linguas e o seu uso da imaxe.
- Olivia Pena sobre a situación do Casino 1889 de Carballo (que segue pendente de xuízo).
- FOTOCOPIA sobre palabras e música, ordenadores, Galicia, chalés sen rematar…
- Os Vacalouras sobre Xuventude prexubilada.
- Iria Silvosa (sobre o traballo con Pantis para A loba), Noemia Veiga e Guille LP (sobre o seu tema para Pringadas) nunha peza arredor de música e audiovisual en Galicia.
Aeronave Adolescente sobre influencias e orixinalidade.