Tres listas

Imaxe

As listas de cousas gústanme bastante, aínda que xa me gustaron máis do que me gustan, porque me gustaban moito. Cando tiña máis ou menos entre 15 e 20 anos era moi fan de Alta fidelidad e lembro facer listas en Fotolog, e ter moita ansia porque alguén me preguntara a miña lista de algo. É bastante divertido xerarquizar a arte, aínda que é claramente problemático: é bastante arbitrario por moito que tentemos camuflalo argumentando, e ao final mestúranse as paixóns co facerse o interesante e, nalgúns casos, cos intereses económicos ou sociais. O resultado é que me segue facendo ilusión se alguén me pide que faga unha lista de algo e que o paso á vez moi ben e moi mal: é divertidísimo facelas pero logo tamén me ralla non telas feito ben, ter esquecido cousas, ter tratado inxustamente algo que só escoitei por riba… sobre iso máis ou menos acabei falando o ano pasado ao falar da lista de Vinte de cancións en galego dos últimos vinte anos ou de escoller unha peli equivocada como número 1 na miña lista. Este ano fixen (ou participei en) tres listas, así que conto por aquí un pouco como foron e déixovos os enlaces para que as vexades.

Discos galegos de 2021 – A que, cheira, papá?

Falaba do problemático que é xerarquizar a música e en A que cheira, papá? convidáronme a un directo de Twitch para facer unha tier list de discos galegos de 2021 con Darío MJ e Guillermo Rodicio que levou iso de xerarquizar bastante ao extremo. O resultado podedes velo na imaxe do principio do artigo ou no vídeo; en “O mellor do mellor” quedaron estas cousas (sen orde):

Malandrómeda – No inferno das ideas
Caamaño&Ameixeiras – Aire!
Los Rastreadores – Los Rastreadores
Grande Amore – Grande Amore
Grande Amore e Mundo Prestigio – Nunomanía EP
Verto – Embora
Trilitrate – Está de grelo
savvna – UN FILME DE JUAN GARRIDO

Houbo defensas encarnizadas de outros discos que acabaron máis abaixo na categoría “Fantástico rollo” (no caso de Darío o de BFlecha, no meu Peña ou Bratzantifa) e tamén cousas valoradas ás présas porque tiñamos que rematar o directo. As categorías están sacadas máis ou menos dunha clasificación de personaxes dun anime que atopei por aí e tedes a opción de facer a vosa propia tier list. Non sei como será o proceso na redacción dunha revista para facer unha lista en común, pero esta divertiume moito por como oscilaba entre algo de rigor e a conversa de bar en función de canto escoitaramos os discos dos que falabamos. Polo medio creo que tamén se trataron cousas interesantes (como valorar a artistas que non sacan discos pero si un listado equivalente de temas, como inflúe se os coñeces, se os viches en directo…) sen dar moita chapa, e no proceso acabei escoitando unha chea de cousas que me pasaran desapercibidas ao longo do ano (porque Darío está ao tanto de todo). En fin, que quedei encantado.

O mellor de 2021 – A Cuarta Parede

Rocío, contar la verdad para seguir viva': programa 7 en plató (28/04/21):  Incluye episodio 8

Desde o ano pasado, n’A Cuarta Parede non piden unha lista coas mellores pelis de 2021, senón “un repaso libre, onde cinema e vida forman parte do mesmo: porque non entendemos a vida sen cinema, e porque hai máis vida alén do cinema. Onde unha viaxe, un libro, un filme ou unha canción ocupan o mesmo lugar”. Pódense ler aquí os de 18 persoas que colaboran na revista. Por non acabar escribindo un testamento, centreime no audiovisual e este ano creo que valorei especialmente as cousas das que falar, das que compartir visionados, conversas e demais. Nese sentido, a palma (a miña, digo) levouna Rocío, contar la verdad para seguir viva e se cadra tamén The Beatles: Get Back, que curiosamente si que son cousas deste ano, pero en xeral paréceme moi ben ser flexibles co criterio temporal: entre o que máis me gustou este ano tamén están As leis de Celavella, ou os ciclos de Kaurismäki e Wellman en NUMAX, así que creo que ten moito máis sentido primar o autobiográfico que a novidade: unha cousa do século XIV ou dos anos 60 pode ser o máis novo para alguén. Se cadra por iso, cando unha persoa soa saca un listado con cifras enormes de discos favoritos dun ano (50 ou 100) a verdade é que me parece sospeitoso. Cantos discos se pode escoitar con atención nun ano? E cantos van ser do propio ano? Se hai cincuenta que che gustan, cantos hai que non che gustasen? Das de películas si que me fiaría algo, porque aínda que normalmente duren máis, paréceme que se pode saber moito máis de canto che gusta unha película cun só visionado (e de por que) que dun disco ou dunha canción cunha soa escoita.

Cousas de 2021 das que non falara – Diario Cultural Zeta

Fluzo - Antenas - YouTube

No Zeta pásoo algo mal ás veces seguindo dúas regras non escritas: unha é a de entrevistar sempre a alguén en vez de falar só eu con Lucía Junquera (o primeiro é máis interesante pero leva máis traballo) e a outra a de falar sempre con xente máis nova. Isto tamén é interesante e entendo que está ben forzarse, porque xa me sinto un pouco vello para falar da xeración zeta e así esfórzome máis por estar ao tanto do que están facendo as persoas máis mozas, que normalmente tamén teñen máis problemas para que lles fagan caso nun medio convencional como é a Radio Galega. O caso é que tamén me daba rabia manter sempre ese criterio porque tamén pode alimentar unha separación xeracional que non debería darse e hai xente que é moi nova de espírito ou moi moderna no que fai e que probablemente nunca será pureta, así que o saltei e falei de cinco proxectos que sacaron cousas novas este ano e me parecían relevantes: Magia Bruta, Fluzo, Menina Arroutada, Ocre e Mounqup (dos tres últimos en realidade tamén falamos algo no directo de A que cheira, papá?). Pódese escoitar aquí.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: