Un intento de aprender cousas sobre como escoitamos música

Imaxe de Livincozy

O outro día comecei a colaborar no Diario Cultural Zeta da Radio Galega falando sobre modelos de escoita da música. Podedes escoitar o podcast da sección aquí, falado con Aser Álvarez, e ler debaixo unha versión en texto. Ao escribir isto lembreime de que xa pensara no tema hai uns anos cando fixeramos un Discoclube no Melonafest.

Hai uns meses vin a serie High Fidelity, que se basea na que foi durante bastante tempo a miña novela favorita e tamén unha das miñas pelis favoritas (non é que agora non me guste, pero xa non me identifico tanto co relato e con esa esencia parecida ao “eres lo que escuchas” de Radio3). Costoume volver implicarme coa historia en lugar de buscar parecidos e diferenzas, pero acabei pasándoo moi ben con ela e gustáronme moito algúns deses cambios que fai a serie respecto á novela de Nick Hornby e a película de Stephen Frears:

– A protagonista, Rob, pasa a ser unha muller, e hai máis personaxes que cambian de xénero ou de orientación sexual e non parece forzado.

– En vez de aparecérselle Bruce Springsteen, aparéceselle Debbie Harry. As referencias musicais tamén cambian moito e está ben para descubrir cousas e tentar entender un personaxe que, nese caso, si que sinte que a súa identidade é o que escoita.

– Xa non se fala da arte de gravar unha cinta (aquelo que se describía como “expresar os teus sentimentos coa poesía doutra xente”) senón da de facer unha playlist, que vén sendo parecido.

É tan parecido? Haberá quen entenda que si e a quen lle pareza un sacrilexio comparar o traballo de facer unha cinta, decorala a man, buscar os temas na colección propia, levar o esforzo de esperar a que se graven as cancións e todo iso, co que leva facer unha playlist co que haxa a man no Spotify. En calquera caso, on fai falla ser moi listo para darse de conta de que os nosos hábitos de escoita cambiaron moito co tempo: o mesmo personaxe aquí ten uns distintos. E, xa que normalmente asociamos a nosa identidade coa música que escoitamos, quería pensar en como afecta a isto a maneira na que a escoitamos. A miña sensación é que a maneira na que escoito música foi cambiando bastante co paso do tempo. Cando tiña 15 anos se cadra tiña 15 cds e escoitábaos sempre que podía, especialmente no radiocassette que tiña na habitación. Igual era por escoitalo na intimidade ou por ter 15 anos, pero creo que tiña con moita daquela música unha relación moi estreita, que hoxe me costa máis ter. Aínda que siga mercando e escoitando vinilos, escoito música sobre todo en YouTube e Bandcamp e coñezo máis cousas, pero ao mellor coñézoas con menos profundidade. E tamén penso que ao mesmo tempo que cambiaron os aparellos e as plataformas para escoitar cancións, foron cambiando as cancións tamén. En fin, que é un asunto complicado, e como non quería pensar sobre o tema eu só, fíxenlles a dúas persoas máis novas ca min unhas preguntas sobre os seus hábitos de escoita, que me contestaron amablemente con audios de whatsapp. Eles son Simón Cuba, que é o batería de Oh Ayatollah e Berta Franklin, e que tamén traballa como deseñador ou dj, e Tania Prieto, que canta e toca a guitarra no grupo vigués Cheap Lipstick e fai ademais debuxos que podedes ver no Instagram @pangeaflirts. Non é que falando con dúas persoas poidamos sacar conclusións sobre o mundo enteiro, pero si que serve para intuír algunhas tendencias e descubrir de paso algunha canción.

Simón: Eu só escoito música case de dous xeitos, o 90% do tempo a través do móbil con Spotify, xa levo moitos anos así e a verdade é que para min é moi cómodo, e senón, cando estou traballando no ordenador estou coa radio de YouTube da rapaza que está estudando, esta de lo-fi hip hop, e é a única forma na que escoito música. 

Tania: En xeral adoito escoitar máis música a través de Spotify ou Bandcamp, porque xeralmente escoito música co móbil, porque estou movéndome, estou no bus, estou camiñando… Tamén me encanta escoitar música cos auriculares a tope e non escoitar nada máis, entón co móbil é super fácil.

Un tema da lofi hip hop radio – beats to relax/study to

Logo da recomendación de Simón, estiven escoitando un anaco esa radio do lo-fi hip hop. Deume a sensación de que é música que vai ben para facer compañía como dixo el, que tamén me comentou que ás veces pon esa radio de fondo mentres escoita o telecole da USC. A min fíxome pensar precisamente en que fomos pasando a estar cada vez máis rodeados de música en todo momento, e teño unha relación de amor-odio con iso, porque moitas veces esa oferta tan grande lévame ao impulso de ir saltando de artista en artista e logo penso que non lles dou tempo a que acaben de contarme o que estivesen tentando dicir*. Falando con Tania e Simón penso que fomos vendo que as máquinas mandan moito, e a mesma persoa se comporta de maneira diferente segundo utiliza diferentes formatos e aparellos.

Tania: Antes escoitaba máis música en YouTube, no ordenador, e tamén mercaba e escoitaba moitos máis cds… basicamente porque recordo que na ESO tiña cancións descargadas e cabíanme no móbil 9 cancións que escoitaba en bucle. Creo que se gañou máis en accesibilidade, pero de todas formas eu tampouco é que vivise moitísimas dificultades para acceder a música máis diferente porque, non sei, cando comecei a escoitar música sempre estaba Soundcloud. Pero de todas formas a miña forma favorita de escoitar son os casetes, porque cambiar de canción é un pouco un percal, e co móbil adoito máis escoitar cancións soltas e saltar un montón de cancións. Igual pásome máis rato decidindo que canción escoitar.

Simón: Eu aínda me acordo do que era ter que descargar os discos por Torrent ou por eMule, entón o xeito de poder acceder a unha cantidade de música inxente si que cambiou moito, e eu penso que para ben. Pero bueno, penso que o de antes tiña un certo encanto porque facía que estiveras moito máis apegado á música que escoitabas. Imaxino que o feito de que sexa na adolescencia, a música chega máis, pero si que é certo que antes descubría unha canción que me gustara e vamos, estaba meses e meses escoitándoa moitísimo. Agora gárdoa nunha playlist, escóitoa de vez en cando e case xa nin me acorda de como se chama ou quen era o grupo.

The Radical Empathy of Do the Right Thing - The American Interest

A min en xeral unha cousa que me preocupa na vida é a relación coa tecnoloxía, esa dúbida de se nós usamos os instrumentos ou eles nos guían a nós. E en relación a iso o que quixen ver é se hai unha relación entre os medios que usamos para escoitar música e a música que escoitamos ou como a descubrimos. 

Tania: Normalmente se son bandas como máis famosas, máis coñecidas… adoito escoitalas máis no Spotify, e se son bandas locais se teño o cd ou o casete prefiro escoitala por ese medio. O que penso moitas veces é que se quero apoiar a un artista quizais as reproducións de Spotify non é algo que contribua demasiado e o formato físico si.

Simón: A xente que compre vinilos en Discogs e ese sexa o único xeito no que escoite música, seguramente vai escoitar música máis underground, ou se sempre está en Bandcamp ou plataformas así… vas ir cara outro tipo de música que se escoitas Spotify. Aí se non te dirixes un pouco a como o queres ti, ao final acabas escoitando ese “Top 50 España” ou eu que sei, que si que é así un pouco como os 40 principales. Entón si que penso que afecta moito. Como dixen antes, eu principalmente a música escóitoa en Spotify e tamén descubro todo por aí, coas playlist que prepara co teu algoritmo de escoitas, que si que hai veces que falla pero hai moitas o utras veces que si que teño atopado cousas moi chulas que penso que non as atoparía se fora doutra forma.

Parece entón que pode haber algunha fenda entre Spotify e outros medios e plataformas, por un lado no económico porque o seu modelo favorece máis á industria discográfica máis potente, e polo outro por se buscamos unha escoita máis ou menos activa. Pregunteille a Tania, por exemplo, que artistas escoitaba en cassette e díxome que as súas cintas favoritas eran a de Lamprea Explosiva (da que collín “Vellos podridos” para a sintonía da sección na radio, xa que o programa é para a xeración z) e a de Super Awkward Fucking Awesome de Kings of the Beach.

Outra cousa na que me deu por pensar é que, se as plataformas de streaming fan que escoitemos música dunha maneira distinta, é probable que tamén estean facendo que cambien as cancións. Sobre isto, Simón non se atreveu a dicirme nada e Tania comentou que fan que os grupos e artistas se centren máis nos singles e menos en facer discos longos. Estiven lendo un pouco sobre o tema e hai quen si que atopou algunhas cousas que xa non son como eran antes. Por exemplo, no fanzine Reflexiones musicales por Coki e Isa, das dúas ex-membros de Charades, falaban sobre unha canción de Jay-Z e Justin Timberlake:

jayz
Tirado do blog de Isabel Fernández Reviriego, La magia bruta

Penso que a canción podería ser esta que poño debaixo, aínda que “Holy Grail” tamén ten bastantes cambios.

Se escoitades ata o segundo 50 xa vos facedes a idea desa cuestión de como a canción pode cambiar moito dun momento a outro, encaixando coa descrición que fan Coki e Isa: fragmentos independentes, como se foses cambiando de emisora ou cambiando de pestana no ordenador. Música para estes novos hábitos nos que buscamos cousas novas compulsivamente. Estiven buscando máis cambios na música (ou, máis ben, buscando a alguén que os tivese identificado) e vin un estudo da revista The Pudding no que tamén comentaban como a media de compositores nas cancións do mainstream estadounidense foi medrando moito (de 1,9 en 1969 a 5,1 en 2017). “Suit & Tie” ten 8 compositores, “Uptown Funk” ten 11, etc. En La fábrica de canciones, John Seebrook explicaba como se foi instaurando un proceso de “base e gancho”: búscase unha base para un tema e o equipo de compositores busca melodías e elementos que chamen a atención do público a cada pouco. Parece ser que a xente cambia rápido de canción e para que unha escoita no Spotify dea cartos ten que durar máis de 30 segundos. O streaming tamén ten feito, segundo se comenta nun artigo da revista The Verge, que as cancións do mainstream sexan cada vez máis curtas (porque no negocio do streaming, máis cancións dan máis cartos). E, por outra banda, parece que acabou co que se chamaba “a guerra do volume”, unha tendencia a que cada vez as cancións estivesen máis comprimidas e competindo por sonar máis forte cando entrasen. Tamén en The Verge falaban da idea da “obertura pop”, como un cambio na maneira de introducir os temas: en lugar de utilizar longas intros que van meténdote na canción, meteríase un pequeno fragmento do retrouso nos primemiros 5 ou 10 segundos para que teñas o gancho na orella e che guste máis o retrouso cando efectivamente entre 30 segundos despois. Paréceme que é máis ou menos o que fai Dua Lipa en “Don’t Start Now”, por exemplo:

E aquí que pasa con isto? Botei un anaco pensando se algo disto se daba en Galicia. Composicións colectivas hainas, pero se cadra tamén as habería en 1969 se as cancións dos Rolling Stones as asinase todo o grupo e non só Mick Jagger e Keith Richards. Cancións curtas hai unha chea pero non creo que ninguén as faga pensando en forrarse. Cancións que parecen unha chea de cancións diferentes tamén as hai, especialmente as de Emilio José, pero non creo que respondan á mesma lóxica que as de Justin Timberlake e Jay-Z. E da guerra do volume pois tampouco sei, porque aquí tampouco é que se produza pensando en sonar na radio. Penso que a influencia que haxa será indirecta, porque aquí escoitamos o mainstream americano como en calquera parte do mundo, pero como somos periferia e non hai unha industria forte non temos a obriga de preocuparnos por destilar fórmulas que traduzan a música en moitos cartos (e, se me preguntas a min, é mellor así). E a influencia dos aparellos igual nótase máis no abaratamento da produción, que igual facilita que se traballe máis facilmente á marxe da idea dun grupo que se xunta nun local de ensaio. Por exemplo, Tania comentaba tamén que escoita bastante bedroom pop, o pop de dormitorio, que é unha tendencia que se dá por todo o mundo a facer cancións co que haxa pola casa, moitas veces con bases electrónicas e voces con moita reverb. Que é unha etiqueta que simplifica as cousas, como todas, pero por aquí podería ter que ver con algunhas cousas do que fai Mariagrep, como esta versión de Elia y Elizabeth que me parece moi bonita:

Facendo balance, penso que moitas veces caemos nunha actitude de “resistencia”, e de pensar que as cousas eran necesariamente mellores antes, e tampouco ten que ser así. Nunca van deixar de aparecer cancións que nos importen. Pero si que pode ser que nesa oferta cada vez máis grande de música haxa un pouco un exceso, que é outra cousa que me comentaba Simón:

Simón: En xeral si que, como músico, en concertos, si que noto que a xente cada vez… ou non sei se cada vez, porque ao mellor antes era así tamén, pero penso que lle presta pouca atención á música. Eu creo que é causa de que ao final en todos os sitios aos que vas hai un fío musical que para min é horrible, non xa pola música que poñan no fío, senón que o concepto de ter que estar sempre con algo de fondo, para min acaba sendo máis ruido que outra cousa e non penso que iso estea moi guai.

Para ir á contra dese fío musical, pregunteilles a Tania e a el polos contextos nos que escoitaban música con máis atención, e curiosamente as respostas eran opostas entre si. Simón faloume dos seus paseos: “o que máis me gusta de pasear case, que mira que me gusta moito pasear, é o tema de ir inmerso na música e de feito case é o único momento en que me poño discos enteiros. Sempre tento escollelos con moito coidado e para min ese é o momento de escoitar música. Para Tania parece un pouco ao revés: “se estou camiñando ou así adoito pasar moitísimo as cancións, en plan que non me decido a cal e escoito temas soltos. Se estou debuxando ou no bus ou así si que me cunde máis escoitar os álbumes seguidos prestándolles atención“. Contra as dinámicas ás que nos vemos un pouco arrastrados sempre cabe facer un esforzo, e nese sentido Simón pasou un tempo organizando o Ateneo Electrónico Instant Classic, que para min era unha cousa moi bonita que funcionaba en certa maneira como unha reacción ao contexto, porque tampouco hai que aceptar sempre as cousas como veñen.

Simón: Instant Classic xustamente consistía en escoitar música. Para min era o único aspecto importante. Para min era o único aspecto importante. Ir alí á Medusa, sentarse alí e darlle un pouco de gasto a Blanca e escoitar. Si que era certo que na parte de abaixo tiña o asunto de “zona de escoita silenciosa”, pero iso era xustamente para permitir escoitar a música, para permitir que os que estiveramos alí puidésemos vivir esa experiencia colectiva de estar escoitando algo, de estar participando todos nalgo, que nalgún momento si que penso que conseguimos e si que foron días moi guais. E penso que eso non o pode conseguir un só na casa poñendo un disco. Iniciei o proxecto porque xustamente quería darlle esa importancia á música, que para min ten. Tentar convertir como deberían ser, porque xa non son tanto, as salas de cine, pero coa música. Eu penso que hai que prestarlle atención, hai que tentar atender porque así é como mellor vai funcionar, como está pensada para facerse.

Meri na zona de escoita silenciosa

A experiencia de estar no Instant Classic fíxoseme estraña as dúas veces que fun, precisamente pola de tempo que había que non estaba parado e calado durante un disco enteiro. Pero no momento en que fun quen de esquecerme de min mesmo pareceume moi enriquecedor facer o que di Simón: escoitar música. Non é que chegase a outra conclusión máis clara. Non somos exactamente o que escoitamos, e tampouco a nosa identidade se resume en como escoitamos música, pero algo ten que ver. E para iso, mellor prestarlle atención.