Un tema e un tema #9: Orixinalidade e “Llueve”, de Siniestro Total

blues_1

Este texto é unha versión adaptada do Un tema e un tema que fixen onte con Xiana na Radio Galega. Se escoitades o audio podedes pasar de seguir lendo e xogar un pouco ao misterio como fixo ela, tentando adiviñar a que cancións se parecen as catro cancións das que falo. O programa enteiro está aquí.

Se seguides lendo vouvos fastidiar a sorpresa pero poderedes ler os argumentos que quería usar para falar da orixinalidade. Quedoume por contar que o retrouso de Okei de Esposa colle a propósito unha idea do retrouso de Divino maravilhoso de Gal Costa pero non se entendía dabondo o plaxio ao escoitalo. No proceso de investigar dinme conta tamén de que en As dúas Fridas collimos sen querer o inicio de The Wrong Girl de Belle and Sebastian pero tampouco me funcionaba tan ben como os exemplos de debaixo porque no seu caso dura catro segundos e no noso a metade do tema. Non sei canto de bo di isto sobre o noso proceso de composición.

A imaxe é unha viñeta de José Luis Ágreda no comic La historia del blues, que saíu en paralelo ao disco de Siniestro do que falo coa colaboración de diferentes artistas para cada tema e que penso que viña ao caso. Saen Frank Zappa e Captain Beefheart falando co demo. Foi un dos primeiros discos de meus que me entusiasmou e lembro buscar críticas cando tiven internet e sorprenderme porque dicían que era un experimento irregular ou mediocre e tal.

 

Hoxe quería falar da orixinalidade falando de cancións que se parecen. Xuntei a conta que fai Jonathan Richman ao principio de Roadrunner con Loko, unha canción de Estrambote de hai un par de anos que usa o mesmo riff de dous acordes. É curioso, porque Jonathan dicía que o riff llo colleu a “Sister Ray”, da Velvet Underground. Así que teríamos dúas cancións que a min me parecen moi guais, polas que os seus autores poderían mesmo ser acusados de plaxio. Iso faime preguntarme ata que punto a orixinalidade, que é un argumento habitual para valorar a calidade artística, é unha cousa realmente importante. Neste caso as cancións parten da mesma base pero falan de cousas moi distintas, e iso é interesante: a de Estrambote fala dun señor raro que se lle aparece ao protagonista da canción na súa vida cotiá. A dos Modern Lovers canta as alabanzas da Ruta 128, o cal é bastante gracioso (e bastante orixinal) dentro do xénero das cancións sobre estradas porque a Ruta 128 é unha circunvalación arredor de Boston.

Atopeime con moitos máis casos parecidos.

O primeiro é de cando Novedades Carminha eran punk e lembraban a un clásico doutra banda punk. Te vas con cualquiera é un retrato máis ou menos provocador da frustración do protagonista, porque lle gusta unha rapaza promiscua. White Riot, de The Clash é unha chamada á revolta da xente branca, tomando como exemplo os disturbios da poboación negra no entroido de Notting Hill en 1976. No musical as dúas son cancións aceleradas, agresivas, con voces entrecortadas ás que logo sucede unha melodía máis fluída. Se quitas a voz podes cantar unha por riba da outra (polo menos na estrofa), pero o que estarías cantando non ten nada que ver. Entón vemos que o mesmo medio, se entendemos un riff de dous acordes como un medio (que penso que o punk dicía en esencia iso), serve para transmitir cousas diferentes.

Outro parecido diferente: a versión de Buraco negro de Sr. Anido e Sra. Álvarez que abría o Galician Bizarre 2 debe entrar xa na categoría da homenaxe. En directo, e na versión que incluíron no seu disco, a canción ten un arranxo ben diferente, pero aquí ten como elemento fundamental a base de Ghost Rider de Suicide. Por que sumaron iso a unha canción que non o tiña? Pregunteille a Rafa Anido e díxome que lles parecía que a canción sonaba a Suicide xa de por si, así que quixeron facelo o máis evidente posible para que se notase o plaxio. É unha forma de recoñecemento.

Ese recoñecemento é interesante porque serve para situarte nunha tradición, establecer de onde ves para que se entenda mellor onde vas como artista. E ademais, se escoitas algo que che gusta sempre podes darlle un novo contexto meténdoo nunha nova canción, e pasará a significar algo diferente. Hai xente que o fai tocando e xente que o fai cortando e pegando, a través do uso do sampler. Un exemplo é a parte máis molona dunha das cancións máis molonas que se me ocorren: Crazy in Love de Beyoncé colle esa parte de metales tan impresionante de Are You My Woman (Tell Me So), unha canción dos Chi-Lites que está moi ben pero para min está un punto por debaixo da outra. Estas cousas pasan, e para min é bonito, porque levan a darte conta de que as ideas alimentan outras ideas, e que a música está viva.

De feito iso lembroume outro exemplo para seguir co xogo: Tryin’ to Fuck Me é un tema do primeiro EP de Cudevaso, o proxecto que tiña Rubén Domínguez hai dez anos. Escoitando Abdul-Jabbar, do segundo EP de Cudevaso, ves que é a mesma canción pero é moi distinta. Entraron no grupo catro persoas novas, pasou a haber unha letra en galego en vez de en inglés inventado e o son deixa de ser unha electrónica desbocada para ser algo máis garaxeiro. É un autoplaxio? É unha revisión, porque cada canción pode necesitar unha forma diferente en función do momento ou do estado de ánimo, pódela tocar con diferentes instrumentos, a diferentes velocidades, incluír novas melodías ou o que che pete. Outra vez: a música está viva.

Ata agora parecía que só falabamos de músicos e músicas galegas que imitan cancións de fóra, pero acabo de dar cunha cousa á inversa: Nobody Really Cares If You Don’t Go to the Party, de Courtney Barnett, parécese moitísimo a Mira por ti, de The Homens. Unha rapaza australiana de moda no mundo indie copioulle a un grupo do Castiñeiriño? É isto posible? Sería raro, pero como mínimo demostra que a propiedade intelectual é unha cousa bastante relativa (ou un roubo): calquera pode ter a mesma idea máis ou menos en diferentes lugares do mundo. A música popular é iso, popular, música que está ao alcance de calquera. Calquera pode coller algo que xa existe e facer a variación suficiente como para sentir que o resultado é seu. É o que se fixo toda a vida no folk e é o que temos que seguir facendo. A xente que non sabe tocar moi ben ten normalmente a vantaxe de non poder imitar as cousas á perfección: tentamos soar parecido a Belle and Sebastian ou aos Mutantes ou a James Brown e probablemente saia outra cousa diferente, unha música nosa sobre a que poderemos falar do que realmente nos preocupe.

A orixinalidade existe, entón? Si, pero case sempre é a pinga que engades sobre a tradición, así que tampouco merece a pena andar por aí criticando canto hai de tradición ou de innovación nunha canción. A orixinalidade non é o mesmo en termos históricos que autobiográficos, xa que o que para alguén é algo completamente trillado pode ser absolutamente novidoso para outra persoa. Para min o único importante é que a música sirva para expresar algo teu e non para repetir o discurso doutra xente. Así que hoxe quería acabar cunha canción de La historia del blues, de Siniestro Total, que creo que representa iso bastante ben. Nos créditos dese disco preséntanse todos os temas como se fosen cancións compostas por Jack Griffin*, un bluesman escuro que vendera a alma ao demo e ía encarnándose con diferentes nomes e en diferentes estilos. Pero en realidade todas menos “Coleguita” (que é unha versión de “Junko Partner”) son composicións deles. Xa que logo, o concepto do álbum dálle unha volta ao asunto, e en lugar de finxir a orixinalidade, estes “temas orixinais” pasan por versións. E en realidade tanto ten: son temas que só existen porque antes existían determinadas tradicións da música norteamericana e, ao mesmo tempo, temas que penso que dalgunha maneira só podería facer un grupo de Vigo. Así que aí vai a miña favorita: “Llueve”, que en teoría é unha adaptación de “It’s raining”, gravada por Cryin’ Shame and the Stormy Tuesday Big Band no St. Louis de 1949, pero en realidade gravouse en Gondomar 50 anos despois.

*Curiosamente, chámase igual que o protagonista de The invisible man. 

Advertisements