Proxecto Rizoma: investigando o underground galego

Descrición da foto non dispoñible
As imaxes do texto están collidas das redes do Proxecto Rizoma, e o logo é de Laura Calvo

No Diario Cultural Zeta do pasado domingo estiven falando con Antonio Méndez sobre o Proxecto Rizoma, unha iniciativa de divulgación arredor da música underground galega (en forma de páxinas en Instagram, Facebook e YouTube e centrada no punk, o metal e o rock) que promove a investigadora Estefanía Tarrío, a quen lle fixen unha serie de preguntas. Contoume máis do que nos deu tempo a tratar na radio, así que vai debaixo un texto algo máis extenso que o podcast, que pode escoitarse neste enlace.

Na última colaboración que fixen no Diario Cultural Zeta dáballe un pouco de voltas ao difícil que é falar de música ás veces. En realidade, normalmente é moito máis agradecido aproveitar a música para falar doutras cousas que suceden arredor, e este é un destes casos: ao falar dun proxecto de divulgación como o Proxecto Rizoma partimos da música para falar de investigación, de memoria, dos medios e a hexemonía, de modelos de participación na cultura… e, máis implicitamente ou menos dependendo do caso, das implicacións políticas de todas estas cousas.

Que ten de especial unha iniciativa como esta? Non é que difundir a cultura galega máis aló do maioritario sexa algo novidoso: desde o audiovisual apareceron unha chea de proxectos que me parecen moi interesantes (como Excultura ou, no seu momento, Vúmetro), na prensa propiamente underground aparecen e desaparecen fanzines, blogs, podcasts ou programas de radio que lle prestan máis ou menos atención, e mesmo os medios máis convencionais teñen algunhas persoas que de vez en cando se interesan por contar estas cousas (por exemplo, encantárame a reportaxe de Xiana Arias sobre o Bar Tolo). A particularidade do Proxecto Rizoma é, probablemente, o equilibrio entre a vontade de dar cousas a coñecer e a profundidade do aspecto máis científico (xa que o proxecto está vinculado á tese de Estefanía Tarrío, socióloga e membro do Grupo de Estudos Territoriais da UDC): nos seus contidos, o mesmo podemos atopar recomendacións de bandas a escoitar que información sobre centros sociais ou bandas desaparecidas e conceptos máis propios da academia como “subcultura” ou “pánico moral”. É accesible e é rigoroso a un tempo.

Unha vez presentado o proxecto, para entrar en materia pareceume necesario comezar por preguntarlle a Estefanía que características pensa que ten a cultura underground galega. Comentoume que, ao estar no inicio da tese e o proxecto, conta con que a interacción coa comunidade dese underground poda modificar a súa idea inicial, pero apuntou varias claves neste punto: “Como toda a cultura underground, a cultura galega tamén ten dúas características principais: unha é a idea do mantemento dos lazos de solidariedade mundial (e isto é moi importante, porque se dilúen as fronteiras e se intenta buscar lazos de afinidade máis alá), e por outra banda tamén é importante ter en conta que se intentan tirar e cortocircuitar determinadas mecánicas e ferramentas hexemónicas en canto a como se produce a cultura. Os modos de comunicar, os modos de producir… Incluso os modos de vivir e experienciar a música son diferentes na cultura underground que na cultura mainstream.” Tamén lle preguntei se vía algunha particularidade na cultura underground galega respecto a outros lugares. “Un deles é xa o propio uso do idioma (que se lle pode dar ou non), as problemáticas que se narran, as historias que nos contan determinadas bandas e comunidades, as propias redes que se crean… sempre van ser tremendamente diferentes”.

En xeral, Estefanía sinaloume como a finalidade é moitas veces similar nas diferentes culturas musicais underground (crear un fanzine, un disco…), pero a filosofía do faino ti mesmo provoca que o proceso de chegar a conseguir ese obxectivo sexa moitas veces o elemento clave: as comunidades que se crean, a maneira en que se relacionan, que normalmente non será xerárquica… Pensando nisto, creo que tamén me resulta bonito o proxecto porque leva esa filosofía xenerosa e participativa a un ambiente que normalmente é xerárquico e competitivo (como a academia). Nese sentido, supón tamén un exemplo de algo notable dentro dela: aínda que cada vez se valore máis a transferencia de coñecemento, lembro o tempo no que estudaba a carreira e non tiña moita idea de que cousas se investigaban na miña facultade. Agora que dou clase, atópome ás veces sendo parte da mesma incapacidade (ou desinterese) para achegar o que estudamos ao propio alumnado (e, máis aló, á sociedade). Nas redes do Proxecto Rizoma dise que “tódalas persoas, independentemente da súa formación ou nivel académico, teñen dereito a ser informadas sobre o que ocorre na esfera académica” e que o proxecto xorde “co fin de trazar unha ponte entre o mundo académico e a comunidade underground”.

Poderíamos pensar, se cadra, que esa ponte non é necesaria. Eu creo que pode ser interesante para facer consciente á xente da comunidade underground do valor das cousas que fan e das cousas que saben. A miúdo as experiencias de montar unha banda, ou un colectivo, ou un centro social, ou organizar un concerto, son as cousas máis intensas e valiosas que facemos na vida. O que pasa é que é complicado equilibrar a paixón que sentimos coa indiferenza coa que pode ser recibida ou as dificultades para manter esas actividades no tempo. Se cadra, a atención de alguén desde a universidade que busque aprender desas experiencias e relatalas pode ser unha forma de xustiza poética, tamén se temos en conta, por exemplo, onde deciden pousar as institucións a súa atención. “Quizais unha das dificultades que máis atopo á hora de investigar o underground é a a idea de que as propias administracións e institucións tampouco consideran a cultura underground como unha cultura lexítima para poder preservar. E isto vese moi claro cando pensamos en patrimonio cultural inmaterial: a nosa cabeza habitualmente se dirixe cara a tradición popular galega. A música tradicional, as cantigas ou os bailes tradicionais, determinados ditos ou refráns… entón como que está todo super canonizado. E iso está claro que é lexítimo e que é coñecemento que se debe preservar. Que pasa coa cultura underground? Que neste caso, dado que en cinco décadas, desde que chegou ese rock a Galicia, non se fixo unha preservación, unha catalogación e un interese por parte nin sequera das institucións de preservar ningún tipo de contido ou de información, pois obviamente se perde. E as narrativas tamén se van perdendo: esas persoas van desaparecendo, os discursos tamén se perden”.

Nalgún texto previo falei da problemática do arquivo e como a memoria vai desaparecendo (como por exemplo tratando o caso de Galiza en Música), e a raíz diso pareceume moi útil o breve relato publicado no Proxecto Rizoma do caso de MySpace, onde había unha chea de contidos underground de valor que agora probablemente estarán perdidos para sempre. Contábano a raíz doutra publicación sobre como contribuír á visibilidade do underground na rede, mesmo con proxectos xa inactivos.

Se cadra, para alguén que participe no underground, todo isto pode parecer unha parvada, ou darlle importancia ao pasado e a nostalxia en lugar de seguir avanzando e facendo cousas novas, pero unha cousa non quita a outra. Ten sentido na medida en que moitas das cousas que suceden no underground son, salvo excepcións, ignoradas ou mal relatadas polos medios convencionais. Creo que unha das cousas que máis me gustou na vida sobre cultura underground galega foi esta infografía de Roi Fernández sobre as bandas que ensaiaron na Casa Xurásica de Compostela:

Este tipo de cousas vai ser complicado que as faga alguén desde fóra, e máis tendo en conta o que sinala Estefanía sobre o tratamento que os medios foron dando ás músicas do underground (tendo en conta que a súa investigación abarca varias décadas): “No proxecto elaborei como tres publicacións que tiñan como tres etapas. A primeira sería como ese pánico moral, ese medo alarmista sobre a chegada de novos xéneros musicais, como se asimila e como se debate… e tamén como se vai normalizando e como se vai dando a culturar por parte da cultura maioritaria. Pero isto ocorre co rock, é dicir, con este xénero inicial que chegou aquí e co que comezo a miña investigación. Que pasa con outro tipo de xéneros musicais, como poden ser calquera xénero derivado do punk ou do metal? Do punk aínda bueno, pero hai determinados xéneros que, obviamente, nin sequera os tratan os medios. É dicir, son invisibles para os medios. E creo que isto é algo propio da cultura underground, que ten como unha especie de dinámica de comunicación propia, a través pois iso, da contrainformación moitas veces, e penso que axuda, ou que contribúe, a que nin sequera sexan nomeados“. Nese sentido, como non falo a miúdo de boa parte do que se fai no rock, o metal e o punk quixen pedirlle a Estefanía algunha recomendación: “Non é que as descubrira ao longo da miña investigación (algunhas bandas xa as descubrín antes) pero bueno, prefiro facer un pouco de visibilización política e poñer ás mulleres na fronte e tamén neste caso tentar reivindicar que hai identidades que difiren bastante da normatividade e que están facendo unha música incrible. Entón as catro cancións que vou dicir agora son de catro bandas incribles. Hai moitísimas máis, pero bueno, estas son as que se me ocorreron: unha é “Night Shift”, da banda ferrolana Ocean Gates, “Al Quibla”, de Cruzeiro, “Talk in Circles”, de Rheia Gorecki, e por suposto tamén da banda Barbarian Prophecies, “Remains of Existence”, que ademais é un bombazo.”

Á marxe desa evolución no que se refire ao tratamento mediático, tamén me interesaba ver a perspectiva de Estefanía Tarrío sobre a posible evolución dentro do propio underground ao longo destas décadas. “Realmente atopo como dúas dinámicas que semellan contraditorias pero que obviamente non o son. Unha delas é o choque interxeracional, como que hai idades que non se comunican entre si, pero que á súa vez reproducen as mesmas ideas e os mesmos valores. Que indica isto? Pois eu creo que é positivo porque indica destas novas xeracións que se está seguindo unha visión un pouco tradicionalista da idea da cultura, e como en toda cultura ou en todo patrimonio cultural séguense determinadas tradicións históricas. E o underground non é unha excepción. A min isto si que me chama, polo menos, a atención: séguense estas pautas e á vez non hai conexión. Oxalá que no futuro que si, pero en principio non a hai”.

Sobre esa cuestión do choque xeracional, cando hai uns anos estaba participando en PORNO teño o recordo, inicialmente, de estar vivindo un momento único e facendo cousas que nunca se fixeran (non tanto nós como o conxunto de xente iniciando grupos ou colectivos ou asociacións daquela). Dalgunha maneira, penso que este entusiasmo (ou flipadez) é interesante para que as cousas boten a andar, pero é mellor que non dure moito porque pode indicar unha falta de perspectiva que non sería nada boa. Nas escenas hai case sempre xente máis maior ca ti que sabe cousas do que pasaba dez ou quince ou vinte anos antes, e é unha mágoa non preguntarlles, porque hai moito que aprender diso. Tamén é unha mágoa se a xente que ten corenta non se interesa polo que fai a xente que ten quince ou vinte. Aínda así, é curioso que finalmente, como di Estefanía, se acaben reproducindo as mesmas ideas e valores: acaba dando a sensación de que as maneiras de traballar do underground teñen sentido nun lugar como Galicia, fóra das dinámicas que moven máis cartos e máis xente no ámbito da cultura.

Pensando nisto, lembrei unha entrevista con Prenom nunha Mondosonoro de hai tempo na que (falo de memoria) dicían que, a diferenza da influencia do hardcore estadounidense que podía verse noutros proxectos (creo que para PORNO era bastante importante, ou lembro ler Nuestra banda podría ser tu vida daquela e pensalo), no seu caso fixábanse máis no tropicalismo e as comunidades de montes. E ten todo o sentido que a referencia sexa, por un lado, xente que equilibrou fantasticamente a súa identidade e a súa fascinación polas cousas da industria cultural estadounidense, e pola outra, un modelo próximo no que se cadra tamén pode haber (non sei se hoxe en día) un funcionamento non xerárquico e non mercantil. Nese punto o que penso é onde están os límites do underground en Galicia. Na reportaxe de Mariña Estévez en Mazarelos que mencionaba xa no artigo de Tulip, Grande Amore comentaba que en Galicia non hai moita marxe para unha cultura que non sexa do it yourself. Dándolle unha volta, as comisións de festas conseguen ás veces levar orquestras do mainstream, e ao final son un exemplo ben bonito de facelo ti mesmo. Pero o underground ten máis trazos que iso:

Estefanía Tarrío estuda, concretamente, o punk, o rock e o metal, e quixen preguntarlle se eses trazos do underground en Galicia ían máis aló deses xéneros. “Como científica debería dicir que non o sei, síntoo [risas]. Código deontolóxico, aquí. Pero como persoa que ten claramente pensamento dedutivo un pouco desenvolvido diría que seguramente si, claro. É dicir, isto acotouse ao rock, o punk e o metal por cuestións obvias de tempo, que xa de por si é unha matada bastante interesante, pero eu penso que por suposto: dende o propio jazz (dende antes ata agora, que ten unha cultura de club, moi específica e moi usual, e ten unhas comunidades tamén moi delimitadas e cuns sentimentos de pertenza bastante claros) ata o propio trap hoxe en día. Por suposto que cada xénero musical vai ter unha vertente mainstream e outra máis underground, e penso que si que se poden compartir determinados trazos”. Unha das dificultades que pode ter pensar o underground en Galicia é que non hai un mainstream local moi potente ao que contrapoñerse, e entón as fronteiras poden ser pouco claras. Se cadra podemos ir máis aló do faino ti mesmo (que ás veces existe por vontade e ás veces porque non hai outra) e pensar na liña que apunta Estefanía: na solidariedade, o pensamento crítico, as redes de comunicación e colaboración máis autónomas… Se vos interesa colaborar coa súa investigación, ela cóntavos como: “A xente vai poder colaborar de diferentes modos. A través dunha enquisa, que espero sacar pronto, de mapeo de bandas (as persoas cubrirán unha enquisa para tentar cartografiar a cultura underground galega), entrevistas (que irei facendo a persoas clave, axentes clave que tiveron relación coa cultura underground dun ou doutro modo) e, por suposto, poñéndose en contacto comigo, tanto ás redes sociais como ao correo do proxecto, que é proxectorizoma@gmail.com, e aí que me documente ou que me narre a información que ten, sexa unha persoa que vivenciou, que viviu no espazo, que formou parte dunha banda ou dunha comunidade, que tivo un fanzine… calquera destas cuestións van ser tidas en conta e son fundamentais no meu traballo”.