A lista de Vinte de cancións en galego

Se metes fotos cun fondo máis ou menos neutro no Paint 3D e pulsas “Selección mágica” pasan cousas así. Estes eran os Homens, que quedaron segundos.

Hai unhas semanas María Yáñez pediume unha lista de vinte cancións en galego de entre 2001 e 2020 para a lista que acaban de sacar en VINTE mesturando as escollas de vinte mulleres e vinte homes. Eu estou moi contento de que me chamase, paseino moi ben facendo a lista e quería explicar un pouco o proceso de facela, tamén porque non podemos quedar con normalidade para comentala, rajar do que non nos gusta, celebrar o que si e esas historias.

  1. Primeiro fixen unha lista en bruto con todo o que se me ocorría que me gustaba moito, ás veces con cancións concretas e outras con artistas ou bandas sen escoller tema. É dicir, é moi difícil escoller só unha canción de Emilio José ou de Malandrómeda. Tamén había grupos que cousas que escoito algo menos pero que me gustan igualmente, por non descartar cousas antes de tempo. Era máis ou menos isto:

2. Logo fíxenme unha lista para escoitar en bucle e ver que cousas me apetecía máis escoitar e cales menos. Fun tamén vendo que temas escoller dos que estaba entre varios. De Malandrómeda quedei con “Encontro con !@#$%!!” porque se cadra é a que máis veces oín decidíndoo eu. De Emilio José escollín “” porque me gusta tanto que xa só se me ocorreu o criterio de ir ao peso e coller o tema máis longo de Agricultura livre, que é o meu disco galego favorito (bueno, e tamén porque me gusta que a noción de canción de Emilio José é diferente á habitual e nese tema queda moi claro). De Ataque Escampe descarteinas todas porque me daba un pouco de pudor votar por un grupo no que toco, aínda que fose polas que fixeron antes de estar eu no grupo e que me fixeron ser fan. Estaba entre “A vitoria“, “Orde e progreso“, “Mondariz-Balneario” e tamén pensei en “O amor en technicolor” e “O amor en Fujifilm“. Dos Telephones Rouges costoume un anaco e deixei “Eine kugel” porque a escoitamos moito ultimamente na casa, dándonos conta de que é destas un pouco premonitorias cando canta “boto de menos a xente / e non a quero ver”.

3. Logo xa fun descartando esas cousas que igual tería posto se tentase buscar un criterio “obxectivo” de “importancia” ou “calidade”. Penso por exemplo en Mercedes Peón, que me parece que é moi sabia e moi talentosa pero logo na casa non me soe apetecer escoitar, e polo tanto non é a día de hoxe música importante para min.

4. Despois descartei cancións e proxectos que si que son importantes para min, e aí tiven varios criterios distintos. Descartei as cancións de Fluzo ou Non Residentz porque xa puxera unha de Malandrómeda e así non enchía todo de proxectos do Hevi. Tamén descartei “Ana de Palacio” de Metralletas Lecheras e “Catro anos máis” de Travesti Afgano porque xa puxera “Negro teenager” de Señor Anido e Señora Álvarez, e “Mundo Nuno” de Mundo Prestigio e Grande Amore porque xa puxera “todos.xuntos.unidos.sempre” de Oh Ayatollah. Descartei “Pánico (merda de dj)” de Fanny + Alexander porque ao final era unha versión dos Smiths e tíñame un pouco menos de mérito, igual que “Son un piñeiral” de O’Leo de Matamá (aínda que estiven escoitando moito este nadal o seu disco sé [mente de vencer] e igual agora tiña metido algún outro tema). E logo xa me quedaron polos pelos por meter “Lausanne (on my mind)” de Familia Caamagno, “Minueto de Monfero” de Ki e “Sabichón do carallo”, un mash up de Ultramarinho que mestura a Farruco con Fatboy Slim e que sempre me flipou.

5. Entón a lista que me quedou é esta, por orde cronolóxica inversa:

Lamprea Explosiva – Flores (2020)
Sleepy Spice – Abur (2019)
Oh! Ayatollah – todos.xuntos.unidos.sempre (2019)
Baiuca feat Aliboria – Olvídame (2019)
Faia – Doncos (2019)
Pantis – Mar (2018)
Chicharrón – Que máis dará? (2018)
Contenedor de Mierda – Ponte de pijo (2018)
Peña – Ensíname (2017)
Dois – Xardíns (2017)
Zurraspa – Caracoíño (2016)
Sr. Anido & Sra. Álvarez – Negro teenager (2016)
Malandrómeda – Encontro con !@#$%!! (2016)
Emilio José – ♥ (2015)
Das Kapital – Grecia (2013)
Telephones Rouges – Eine kugel (2012)
Samesugas – Tóxico injecta (2011)
Peret – Apaga o candil (2009)
The Homens – Calamar (2009)
Pescando em Copacabana – Deixa pra lá (2007)

Metín todos os temas nunha playlist de YouTube menos “Caracoíño” e “Negro teenager“, que podedes escoitar en Bandcamp.

Logo estiven pensando un pouco sobre o que eu mesmo escollín e sobre o que saíu en xeral. Nas cancións que puxen hai algo máis de homes que de mulleres, aínda que as que teñen só homes son case todas das máis antigas, así que se cadra a cousa vai a mellor. As cancións de Emilio José e Pescando em Copacabana tiven dúbida sobre se ían considerarse galego ou ourensiano ou portugués (pero non se abriu tampouco o debate lilngüístico). A única canción que puxen dun grupo galego que cante moi maioritariamente en castelán é a de Dois, e non foi tampouco unha cousa meditada. Simplemente deume a sensación de que normalmente os temas en galego de grupos que me gustan pero só o usan de vez en cando (como “Liska” de Vietnam, “Non sei” de Srasrsra, ou os de Triángulo de Amor Bizarro) son bastante menores dentro do seu repertorio. Si que puxen unha das cancións en galego de Peret, a súa versión de “Apaga o candil”, que me parece que entra dentro doutra liña, que é a de xente que non naceu en Galicia (que tampouco é que sexa tan importante a cuestión, pero ten a súa relevancia) e se achega á lingua ou á tradición e fai con ela un pouco o que lle peta (non sei, salvando as distancias tamén me viñan á cabeza Rodrigo Cuevas ou MounQup). E bueno, quero moito a Peret, a súa música é das que máis alegría me dan na vida e gústame tamén pensar que aprendeu este tema no Luar.

Tamén me pareceu importante pensar noutra cousa: a Peret quéroo moito pola súa música, pero non o coñezo de nada. Pero logo na lista puxen xente á que quero moito na vida real, que son amigas e amigos meus. Evidentemente, quero crer que non fixen a lista por amiguismo, e xa expliquei que pasei moito tempo pensando nas cancións que me eran máis importantes. Pero onte falabamos polos grupos de whatsapp de Ataque Escampe e de Esposa e saían algunhas cuestións importantes arredor disto. Escoitamos máis á xente que nos cae mellor? Unha canción pode volverse máis importante se a fai alguén que queremos? Creo que si, e nese sentido podo entender que alguén puxese na lista algunha canción dos seus propios grupos (a min, xa digo, dáme pudor). Non sei, a escena galega é pequena, así que tamén hai a opción de admirar a alguén desde unha relativa distancia e logo descubrir que é imbécil: neses casos recoñezo que a min normalmente me apetece menos escoitalos. É parecido a cando ves a algún famoso facer declaracións ridículas e “che cae o mito”, só que aquí non te enteras pola prensa senón por terceiras persoas.

Esa falta de distancia tamén me fai pensar en que, sen que a música sexa a miña profesión, participei na edición do disco de Señor Anido e Señora Álvarez (PORNO foi un dos selos que puxo cartos e fixen a nota de prensa) e o tema de Oh! Ayatollah foi parte do proxecto Cinegalicia que coordinaramos Brais Romero e máis eu (e puxen os dous na lista). Así que eu que sei, igual isto quita credibilidade ao que escolla. O feito de que a música en Galicia estea bastante vinculada á precariedade ou ao traballo voluntario vai facer que haxa casos nos que quen escribe sobre música tamén toque, tamén organice concertos, edite discos, se dedique á comunicación… e entón se cadra temos interese en promover determinadas cousas, aínda que sexa inconscientemente. Que por outra parte se escolles editar un disco será porque che gusta e é normal que despois o poñas nunha lista… e bueno, igual en contextos máis profesionais é peor por haber máis cartos polo medio. Non sei.

Estes eran Oh! Ayatollah.

A lista xeral é unha cousa bastante rara, porque ten no número 1 a Das Kapital, que me parece o que podía cadrar máis cunha votación moi “da crítica” (un grupo cun discurso estético e político moi traballado e coherente, pero sen un percorrido longo no tempo nin en directo) e logo cousas moito máis populares (no musical e nas cifras) ás que seguramente prestaron máis atención nos medios xeralistas e menos na prensa especializada. Tamén os mundos do pop e o indie cos máis achegados ao tradicional, cousas xeracionalmente bastante diferentes e probablemente tamén diferentes no ideolóxico (entre o máis nacionalista e o menos nacionalista). E creo que por iso é unha lista que pode ser relevante e que ten mérito como María Yáñez xuntou perfís moi diferentes. Probablemente case todo o mundo vexa na lista algo que lle encanta, algo que lle dá igual e mesmo algo que odia, así que iso pode facer que sexa representativa e axudar a que non entendamos a música en galego en termos de militancia: faise moita e de moitas maneiras así que temos dabondo para reaccionar como queiramos.

De todas formas logo entrando no excel coas votacións vese que a cousa tamén é que hai quen repartiu moito o voto entre unha chea de cancións: Emilio José ten 14 distintas, Chicharrón teñen 10, Malandrómeda 9, etc. E en xeral para min o máis importante é que serve para pensar e aprender outras cousas, e como hai 426 temas diferentes estou facéndome a lista con todas aquelas cousas que non coñezo ou que quero volver escoitar por se agora me gustan máis que doutra vez.

Trazas: música e comunidade na MICE

“Eu xa escoitara todas as sinfonías, e toda a música de cámara, e o mellor jazz… e díxenme: “esta é a mellor música”. Había cincuenta homes negros traballando baixo o látego e a pistola e tiñan a alma para facer a canción máis marabillosa que escoitara nunca”.

Non é que unha música teña que ser necesariamente mellor que outra, pero isto que dicía Alan Lomax sobre as cancións de traballo dos presos que se ven en Afro-american Work Songs in a Texas Prison (de Toshi Seeger) paréceme importante. Hoxe en día, a nosa experiencia da música é case sempre recibila en lugar de creala. Escoitámola en todo momento, pero non nos xuntamos a miúdo para cantala, e se cadra por iso se nos esquece que unha canción que aparece na casa ou no traballo, ou na ducha, ou no karaoke, pode ser máis importante que a que sona en Radio 3, no Pazo da Ópera ou nos 40.

image-w1280.jpg

Hoxe empeza a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e participei dende o Cineclube de Compostela programando unhas películas para a sección Trazas que retratan diferentes músicas e a súa relación coas comunidades e persoas que as producen. En todo o mundo hai, e houbo, persoas que tocan e cantan e bailan porque necesitan facelo, ou que constrúen as súas identidades arredor de cancións e persoas que conectan co seu interior. E, por sorte, tamén hai quen se preocupa de rexistrar iso, moitas veces con esa noción revirada do que é importante, e que ao cabo dun tempo é de agradecer porque abre a posibilidade de pensar o que somos sen ter un relato único.

Nesta playlist pódense escoitar as diferentes músicas da sección. Nela, claro, hai exemplos das tradicións máis antigas, como o dos cantos de traballo dos que falaba Lomax. Pero están tamén algunhas maneiras de facer a música importante que inventamos dende aquela: cando vexo aos Telephones Rouges dando o seu primeiro concerto nun piso a miña primeira sensación é que, aínda que a música veña de influencias anglosaxonas, hai unha urxencia por facela e compartila coa xente máis achegada que a convirte nalgo moito máis preto da tradición folk do que pensaríamos nun comezo. Cando vexo a Peret cantando “Borriquito como tú” aos seus netos faime moita gracia a frase “soy el preferido de la juventud” porque debía ser un avó fantástico, pero á parte diso é máxico atopar un tema de éxito gañando outro sentido nun contexto íntimo e familiar. E cando vexo os bailes e o coleccionismo do northern soul en The Wigan Casino paréceme fascinante como unha comunidade foi capaz de crear unha escena na que o centro xa non estaba en quen interpreta a música, senón no que outra xente é quen de facer con ela. 

Fíxome moita ilusión xuntar estas pelis porque dan unha idea bastante ecléctica do que pode ser a etnografía e, en conxunto, paréceme que reflicten como de variadas e bonitas son as formas nas que conseguimos que a música sexa unha das cousas máis humanas que hai, incluso cando é a industria cultural e o comercio o que a filtra. Sempre nos amañamos para identificarnos con algún ritmo ou algunha melodía e sentirnos preto doutra xente no proceso.

Á parte disto, tamén vou moderar nunha conversa-vermú o domingo que se chama De Lomax a YouTube e que vai tratar precisamente sobre estas prácticas sociais comunitarias das que falo e diferentes arquivos online abertos que as rexistran e comparten. Paréceme bonito tratar a cuestión do arquivo no momento en que todos rexistramos e arquivamos momentos constantemente, normalmente a través de plataformas que pertencen a grandes corporacións e sen unha noción moi clara do efémero dos soportes dixitais. Ábrense outras posibilidades de elaborar o noso propio relato da identidade, pero tampouco teño moi claro ata que punto as exploramos.

Para falar de todo isto estarán María Jesús López do Arquivo da CRTVG, Concha Losada do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do propio Museo do PoboMar Catarina do Prenom Arquivo Patricia Costa de A Música Portuguesa a Gostar Dela Própria. Dous arquivos institucionais e dous que parten da propia comunidade, ás veces recollendo música onde sucede e ás veces poñéndoa en escena para a cámara ou a gravadora.

Todas as actividades e proxeccións da MICE son gratuítas. Vai haber cousas moi guais, incluíndo unha sección de cinema doméstico hoxe que me apetece moito. O folleto coa programación e os horarios está aquí.