Fan fan: peregrinando (parte 2)

Acabei o curso moi canso e usei o verán para descansar, así que esquecín no seu momento deixar por aquí rexistro deste episodio do Fan fan, a segunda parte deste do que si falei. A primeira parte ía bastante sobre cemiterios e lugares de peregrinación trazando un pouco a relación do fandom coa relixión. Neste caso hai outro tipo de viaxes (aínda que as viaxes de fan nunca deixan de ter un certo punto místico), entre elas a de Juan Esturao a Quins seguindo o rastro de Emilio José (ilustrada por esa foto que me cedeu para a ocasión).

Ademais de Esturao, interveñen no programa Adrián Estévez e Martiño Suárez falando, respectivamente, de viaxes inspiradas por Ramón Otero Pedrayo, ou os Ramones e o punk de Washington DC. Outras cóntoas falando de cancións de Mac deMarco, Television Personalities, St. Etienne ou George Harrison, e houbo tempo tamén a que soasen os Ramones, Dag Nasty, Cuchillo de Fuego, Columna Vegana, Cecilia ou A Charanga do Cuco de Velle.

Quedoume mágoa ao facer estes dous programas de non incluír a viaxe ao lugar de nacemento de Jonas Mekas que Mar Catarina lle contara a Xiana Arias hai un tempo para o Diario Cultural, pero xa estaba recollida dunha maneira preciosa co título “A estrada de terra a Seminiskiai” así que o que fago, por se tedes gana de visitar outro sitio máis, é enlazárvola aquí.

Fan fan: peregrinando (parte 1)

Hoxe VINTE acaba de subir un episodio novo de FAN FAN, o podcast no que falo de cousas arredor do fandom. Desta volta vai sobre peregrinacións de fan, e xa que o meu ritmo de publicación destes programas é completamente errático, vai ser un episodio dobre porque investiguei bastante sobre o tema no mundo dos fan studies, que é ata agora a miña disciplina académica favorita. Pódese escoitar neste enlace.

Nesta primeira parte, xa que falamos de peregrinar, centrámonos algo máis na relación do fandom coa relixión: son dúas cousas capaces de facer que a xente se mova a lugares máis ou menos distantes buscando (e ás veces, atopando) coñecemento, revelacións, entretemento e cousas así. Aparecen V. do Rexo, Samuel Solleiro e María Yáñez contando viaxes motivadas por referentes máis ou menos admirados: Federico García Lorca, Theo Angelopoulos e Rodrigo Cuevas. Tamén sae Xiana Arias poñendo voz a un texto de Patti Smith, e cancións da propia Patti, de Paul Simon ou The Clash marcadas dalgunha forma por esa idea da pelerinaxe. A maiores, sonan Desireless, Ana Kiro, Enrique Morente, as Raincoats, Metralletas Lecheras, Das Kapital, Vangelis, os Beatles e Malandrómeda. Tamén incluín unha historia sobre Joe Strummer contada por Jesús Arias no documental Quiero tener una ferretería en Andalucía, que me apuntou @orballooo (mil grazas) cando preguntei sobre o tema en Twitter, onde tamén me contaron outras historias interesantes que non incluín finalmente.

A foto de portada son eu nunha pequena peregrinación de fan: visitando Meri e mais eu á miña amiga Laura en Berlín o ano que morreu Bowie, levounos ao portal do edificio onde vivira. Aparentemente había alí unha homenaxe espontánea que incluía flores, velas, recordos e unha placa da David Bowie Strasse, pero cando chegamos só quedaban os restos. Sacamos esta foto, na que levo un vinilo alemán do Borriquito de Peret, e logo abriu unha veciña a porta e entramos brevemente dentro. Pola cabeza pasábame o vídeo de “Where are we now” pero non cheguei ao nivel de coñecemento ou revelación: só quedei con esta anécdota e esta foto útil para este momento.