Fan fan: Soños

Entre unha cousa e outra tiven moito choio estes meses e non din feito o segundo episodio de Fan fan en VINTE ata agora (pódese escoitar aquí). Vai sobre os soños con ídolos e cousas parecidas, observados desde varias vertentes:

Amigas e amigos que me contan soños: Rubén Domínguez con Jennifer Lopez, Pepa Prieto Puy con Jonathan Richman, Olalla Esquimal con Patti Smith, Andrea Villa con Baiuca, Xacio Baño, Adrián Canoura e Mimi de Operación Triunfo, Héctor González con Pereza e Songo’o, Angelo Mastartoni con Nuno de Oh! Ayatollah e Leonor Murias con Mercedes Peón.

Cancións sobre soños con ídolos. Aquí están “Salvador Dali” de Jonathan Richman, “El del medio de los Chichos” de Estopa, “I Dreamed I Saw Phil Ochs Last Night” de Billy Bragg, “Joe Hill” de Paul Robeson, “Paul McCartney” de Scissor Sisters e “Come On! Feel the Illinoise! Part I: The World’s Columbian Exposition Part II: Carl Sandburg Visits Me In A Dream” de Sufjan Stevens. Acordeime agora de que “Streams of Whiskey” de The Pogues comeza con “Last night as I slept / I dreamt I met with Behan” e logo o propio Brendan Behan cóntalle a súa visión do mundo a Shane MacGowan (que se resume en ir onde corran ríos de whisky). Como non me lembrei en tempo para metela no podcast póñoa aquí:

– Ademais, fixen un texto de acompañamento con outra vertente: soños con ídolos que a xente contou en Twitter. Tamén con algunhas anotacións dun diario de soños que estiven facendo ultimamente.

E nada máis. Bueno, si. Fixen o collage de aló enriba xuntando nese horror vacui case todas as cousas e xente das que falamos e outros dous inspirados no meu soño e o de Pepa con Jonathan Richman (curiosamente, os dous ambientados na Coruña).

Deixo aquí o listado de temas que soan no podcast (algúns só de fondo) por se alguén tiña curiosidade.

Roy Orbison – In Dreams
Jennifer Lopez – Love Don’t Cost a Thing
Jonathan Richman – I Had a Dream That The Sea Was Calling Me Home
The Modern Lovers – Astral Plane
Jonathan Richman and the Modern Lovers – Affection
Jonathan Richman – Salvador Dali
Estopa – El del medio de los Chichos
Estopa y los Chichos – Historia de Juan Castillo
Sufjan Stevens – Come On! Feel the Illinoise! Part I: The World’s Columbian Exposition Part II: Carl Sandburg Visits Me In A Dream
Billy Bragg – I Dreamed I Saw Phil Ochs Last Night
O’Leo de Matamá – Son un piñeiral
Paul Robeson – Joe Hill
Scissor Sisters – Paul McCartney
Baiuca feat. Aliboria – Caroi
Pereza – Pienso en aquella tarde
Stephen Hawking e os Monty Python – Galaxy Song
Mundo Prestigio e Grande Amore – Mundo Nuno
Mercedes Peón – Ajárrate
Xosé Manuel Piñeiro – A noite

Os videoclips do Xabarín: iconas pop preto da casa

Non podo parar 1

En outubro botei un tempo claramente excesivo preparando para Luzes un artigo sobre os videoclips do Xabarín Club. Volvín vivir en 1996 ou así durante dúas ou tres semanas, arrastrando comigo a uns cantos amigos e amigas aos que entrevistei ou lles saquei o tema e que aparecen no texto: Camila Viéitez, Sara Iglesias, Rubén Domínguez, Artur M. Puga, Pepa Prieto Puy e María Villamarín. Todos eles son xente creativa e parecíame interesante ver se o Xabarín tivera algo que ver con todo iso, ademais de tentar contar a impresión que aqueles vídeos nos daban cando tiñamos 8 ou 10 anos.

Pero bueno, tampouco quería facer algo endogámico e safar entrevistando só aos colegas, así que tamén falei con xente que estaba ou está implicada no programa e naqueles vídeos. Suso Iglesias (o director inicial), Alberto Casal (o director dende 2002) e a xente detrás de moitos dos clips do Xabarín: Ricardo Llovo, Gonzalo Pintos, Víctor Coyote, Lito Lago… serviume tamén para conseguir un dos recopilatorios, que non tiña, de A cantar con Xabarín (gracias, Alberto), e para completar a lista de autores e autores daqueles vídeos, que volquei á Galipedia.

No artigo repaso un pouco as orixes da sección A cantar con Xabarín e defendo que estes clips son unha das cousas máis importantes do audiovisual galego, por universais e pola capacidade de creación icónica que teñen (que vai moi ligada ás propias cancións). O modelo de produción tamén era moi inspirador e fai que me dea aínda máis rabia en que se converteu co tempo a TVG. E tamén é moi interesante ver que entendíamos deses vídeos cando eramos nenos e que entendemos agora. Eu mesmo soñei un vídeo de “A vida dentro dun pin” que creo que non existe, no que a cámara se metía dentro do pin do Xabarín e dentro había outro Xabarín con outro pin e así ata o infinito. Creo que ten que ver con cando ía cortar o pelo á peluquería da miña tía naquela época e podía verme nese abismo que aparece cando tes un espello diante e noutro detrás. Se alguén máis viu ese videoclip, que me avise.

Para lelo tedes que mercar a revista ou entrar na súa web (o artigo está para suscriptores), pero quería aproveitar para compartir aquí unhas cantas cousas das entrevistas que non puiden incluír por falta de espazo pero me parecían igualmente importantes:

Suso Iglesias:

O Xabarín ten unha actitude rebelde, pero bo compañeiro e con valores positivos. Non é un abusón, senón que ten esa vocación de xefe da manada, de ser porco bravo. Está implícito, non hai nin que explicalo. A propia mascota, a velocidade que levaba, o dinamismo… É un personaxe que non é conformista. Opta pola actitude un pouco gamberra, na liña de personaxes de debuxos animados un pouco máis adultos en canto á mirada que establecen sobre as cousas. Non unha vocación de ser didácticos, senón do rock and roll, esa xeración que na idade xuvenil ten unha actitude. Tamén de adulto podes tela pero é de momentos xeracionais. A xente que compuña, que eran os que en definitiva facían as cancións (se ben nós inducíamos e buscabamos un perfil) era de xente de vinte anos ou vinte e tantos, que non están para poñerse de profes explicando as cousas. Están para estimular a parte máis divertida para os chavales. A parte do recreo, cando as normas non son estrictas… a liberdade que buscan sempre os nenos diante da vida.

Alberto Casal:

“Existe un certo divorcio entre os creadores do programa e a institución na que estamos. Iso é importante tamén dicilo, e tamén dicilo moi claro. Hoxe para min foi un venres negro máis. Levamos moitas semanas amosando a nosa disconformidade coas cousas que están pasando aquí, e tamén nos afecta a nós como programa. Con iso dígoche, pois por exemplo antes iamos a Viñetas dende o Atlántico todos os anos. Montábamos un stand, afiliábanse os rapaces, e aí aproveitábamos para presentar a tempada nova de debuxos que ian saír, facíanse uns flyers, logo chegaban por correo “pois mira, gustaríame que repetirades esta, esta non a poñades máis que non me gusta nada, a ver se conseguides que se dobren os próximos episodios de tal outra”. Todo iso perdeuse. Ao estar encerrados no cortello a información sae pero moitas veces non vén de volta porque non saes ti fisicamente. Iso era unha das claves do éxito, a cercanía co público. Cada vez que saímos por aí a facer algo, aínda que sexa moi puntual, ten unha repercusión. Non estamos de porco presente aínda. Estamos, que non é pouco. (…) Hai certa xente á que o produto nunca lles gustou de todo. Non sei, polo sesgo ideolóxico, ao mellor de onde veñen os creadores do programa… Eu non son así moi afeito a falar de política. O único ao que apelo é a que exista unha certa dignidade.”

 

Víctor Coyote é músico, realizador, escritor, ilustrador e mil cousas. Para o Xabarín dirixiu os clips dos seus temas “Pode ser” e “100% animal” e o de “Carmiña Vacaloura”, do Maestro Reverendo e a súa Orquesta Antabús:

“En “Carmiña Vacaloura” tampouco tentei facer unha cousa moi nova. En realidade, tentaba recuperar tamén un pouco a cousa de debuxos animados antigos, entre cousas da Warner Brothers antigas e incluso a animación polaca ou algo así. Ou mesmo cousas de Saul Bass, esas cousas xeométricas das cabeceiras de películas de Hitchcock, que eran os referentes que tiña aí. Era unha cousa dirixida ao público infantil pero tamén con ese sentido. Hai unha cousa moi graciosa de “Carmiña Vacaloura”, que é que os rapaces había unha parte na que me atopei con algún que dicía “esa parte daba moito medo!”. Iso está guai, porque creo que ese poder de que nunha narración, nunha aventura, haxa partes nas que en realidade haxa que pasar medo paréceme ben, porque forma parte dunha historia. Ti podes rirte e os rapaces necesitan coas historias rir, chorar, ter medo e ter de todo. “Esa parte daba mucho miedo, tío!” (risas). Iso gustábame moito porque era unha cousa así delirada, aí no medio. Tamén a canción inflúe moito, que nesa parte a canción quedaba colgada e pasaba a estirarse o tempo.”

Artur M. Puga é músico e artista:

“Recordo que me marcou moitísimo o de “Carmiña Vacaloura”. Penso de feito que despois, cando fun adolescente ou post-adolescente, o interese polo jazz espertóuseme un pouco aí. E o videoclip recórdoo como buah, non sei, non recordo ben que estaba pasando pero era consciente de que estaba pasando algo moi importante. Aparte os debuxos eran como un puto pesadelo pero á vez era a hostia de agradable de mirar. E ese recórdoo moi vivamente. Á parte estaba que Carmiña era unha señora que traballaba na miña casa de pequeno, que é como se fose miña avoa, e o seu fillo chámase Pepe. E eu dicía “pero a ver, Pepiño Grilo… isto non pode ser casual”. Dicíalle “Carmiña, pero Carmiña Vacaloura, Pepiño Grilo, que carallo é isto?” E ela partía o cu e non entendía nada.”

 

Sara Iglesias toca en Contenedor de Mierda e dirixe videoclips:

Cando vin onte outra vez o de “Que calor”, pensei en refacer o de “Síndrome de Dawson” [a canción de Contenedor para o Galician Bizarre 3] e poñerlle letras de cores como están aí postas. Coa pantalla partida e que xa fose un referente de que me gustaba moito ese vídeo. Son as miñas primeiras referencias de videoclips, e a partir de aí empecei a fixarme máis. Creo que empecei a relacionar moito a música coa imaxe. Iso e Disney, supoño, que é outro dos puntos fortes de música e imaxe unidas. E eu mesma romper as películas para velas en cachos (…). Ao volver ver o de “Non podo parar”, que as rapazas bailan entre estático e movendo os brazos mentres aparecen fondos, parecéuseme ao de “Ponte de pijo”, cos fondos en verde. Quero pensar que todo está aí. Gústame relacionalo con temas da infancia, pero buscando ese xogo. Non na infancia como algo que te marca, senón na loucura e cores da infancia. E as cores do Xabarín tamén, porque os videoclips tiñan moitas cousas de cores tolas, psicodélicas, todas se mesturaban moito…”

 

Pepa Prieto Puy é ilustradora:

“Para min o Xabarín era unha fantasía, como para calquera neno da nosa xeración supoño. Os vídeos tiñan un compoñente algo turbio que me chamaba a atención. Quizais de pequena che dixese outros temas, porque entón tampouco tiña claro se o turbio me gustaba, pero dende logo agora “Non todo é o que parece” e “Carmiña Vacaloura” son os primeiros que me veñen á cabeza. A canción de “Carmiña Vacalour”a era rara en sí, e os debuxos tamén eran diferentes, daba como un pouco de fatiga vela, e sigo sen ter moi claro se o grilo me dá pena ou non. E a de “Non todo é o que parece” facíame gracia e grima ó mesmo tempo ese momento ao final da canción no que a tipa se daba a volta con cara de porco. E a estética do videoclip e a canción en xeral molábame tamén. E despois estaba Seguriño, que a canción é moi pegadiza a verdade, penso que conseguiu calar fondo na nosa xeración (risas). E o personaxe é un pouco grimosillo tamén pero mólame”.

Ricardo Llovo é o realizador que máis clips fixo para o Xabarín e tamén dirixiu películas como A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (con Toñito Blanco):

“O de “O sacristán de Basán” non quedou tan ben como esperábamos pero quedou bonito, gustounos. E unha curiosidade: está gravado no interior do embalse, na presa. Normalmente non che deixan entrar, é un sitio prohibido e non conseguiramos o permiso de produción. Pero chegáramos alí e o cámara fixera unha reportaxe nese sitio e dicía que era espectacular. Entón fomos falar cos do embalse a ver se nos deixaban velo ou gravar alí. E ao final sabes como o conseguimos? Foi cachondo, porque non nos deixaban, e de repente dixemos que era para o Xabarín e dixeron que se lles mandábamos unhas camisetas para os nenos deixábannos gravar dentro da maquinaria da presa, que é espectacular, porque está alí furada na pedra… E mandábamoslles de todo: camisetas, pegatinas… Cando estabas alí metido non te dabas conta da repercusión que tiña fóra”.

Lito Lago é operador de posprodución da TVG, e realizou con Fernando López o clip de “Non podo parar”:

O contexto foi fantástico, porque se xuntaron varias cousas. A primeira é que eramos novos, non chegabamos aos trinta anos e tiñas esa ilusión dos que empezan. O contexto da tele daquela, tanto técnico como a nivel humano, era moi bo. A nivel técnico, naquel momento a TVG (a nivel de posprodución) era das televisións autonómicas a máis avanzada que había. Máis que TVE. Dábanse esas dúas condicións, e dábase outra a maiores que era o contexto organizativo da propia TVG. Non había a rixidez de produción ou a rixidez de traballo que hai hoxe en día, que sería moi difícil facer ese videoclip. Porque daquela eu recordo que As Incribles Páncreas viñeran para gravar e nós xuntámonos con elas, falámoslles de como ía ser a gravación, e no pasillo pillamos ao realizador dun programa que ía ser pola tarde, falamos con el, metémolas nun plató, entraron alí, gravamos, explicámoslle ao realizador o que queríamos, fixeron tres ou catro tomas as rapazas… Hoxe sería imposible. Habería que facer unha convocatoria, convencer ao xefe de turno… Un rollo.”

Rubén Domínguez toca en Pantis ou Chicharrón e dirixiu unha chea de videoclips en Prenom:

Tiña que estar moi vinculado a que o tema me molara. Sei que había videoclips que eran mellores, como o de “Carmiña Vacaloura”, pero a canción non a soportaba. “Estou na lavadora”, ou aquel dos Diplomáticos, o do futbolín. O tema non me enchía de todo pero a actitude dos músicos flipábame. E logo había un dunhas pavas que era rollo grupo así dos 90, que era en plan anglosaxón. Que aparecían no centro comercial de Fontiñas. E parecíame un flipe a cantidade de efectos que tiñan, cromas e todo así. Era moi sofisticado todo! Aparecían como en pantallas de cine, era como que eran moi modernas. Non recordo de que ía, pero era moi popi aí 90s. E os efectos a min flipábanme, porque estaban como sobre fondos animados, e as pantallas, había como ceos que se movían… (…) A min mólame recordalos así con esa alegría e con ese entusiasmo da infancia. Sei que por exemplo Matías e Xose, que saben cancións enteiras e detalles do videoclip, son amigos de repasar o material. Quedo con ese recordo primeiro de como sentía esas imaxes. Levabas Galicia a un contexto moi diferente.