Un tema e un tema #15: Cartografía e “A miña aldea”, de Ana Kiro

ana belter.jpg

Hoxe fixo un día espléndido e subín camiñando dende a Raxería de San Marcos ata a Radio Galega para falar con Xiana. Polo camiño cruceime cuns cantos peregrinos que facían o camiño ao revés ca min (é dicir, ao dereito) e vin unhas cabras moi bonito pacendo no que penso que normalmente é un camping. Paseino moi ben logo facendo o ‘Un tema e un tema’, desta volta falando de cancións galegas que usan topónimos (recuperando algunha idea que escribira doutra maneira na Revista Porno). Por un problema de espazo non pinchei nada de Siniestro Total (quería poñer ‘Rock en Samil’, por exemplo) e sobre todo quedoume rabia de non poñer nada de Cuchillo de Fuego (que dan para unha cartografía ben bonita só deles), pero penso que o solucionarei a seguinte vez que suba alí.

Podedes escoitar o programa aquí: inclúe uns cantos descubrimentos de rock progresivo galego, asturiano e cántabro, e tamén un recital moi bonito de Serxio Abalo. O texto vai máis abaixo, coma sempre.

Gustoume moito poder pinchar a Ana Kiro (dúas veces desta volta), porque hoxe en día xa non me queda ningún tipo de prexuízo ou distancia irónica que me impida disfrutala (igual hai cinco anos tíñaos) e transmíteme unha alegría de vivir na voz e unha verdade que me marabillan. Puxen de foto a portada deste single porque parece que ten a mesma alegría de vivir que eu escoito.

Empecei cunha das miñas favoritas do Xabarín Club, que me parecía que tiña que aparecer porque foi, aparte da realidade e dos mapas, un dos principais sitios dos que empecei a aprender topónimos galegos.

Hoxe a miña idea era facer unha especie de cartografía, e ir paseando por sitios de Galicia escoitando cancións que falen deles, igual que facía o Xabarín no vídeo deste “Socio busca un socio” de O Vello Almorth, que andará preto de bater o record de topónimos mencionados. Sempre me gusta cando alguén é quen de ubicar os temas nun espazo concreto, e ao falar de cidades, ou de barrios, ou de vilas ou de parroquias as músicas collen moitas veces unha realidade que a min me axuda a identificarme máis, ou a entender o universo dende o que fala alguén.

O universo de Ana Kiro está claro que é Galicia, que aparece mencionada nunha chea das súas cancións (algunhas favoritas: “Galicia Terra Meiga“, “Recordando a Galicia“, “Non é certo“), pero ás veces iso vira máis ao concreto, como cando cantou este himno de amor á Coruña. O que pasa é que o mesmo lugar sempre dá para visións ben diferentes.

Isto que sona é “Buitres”, de Perpetuo Socorro. E gústame porque non é unha canción sobre A Coruña, que cante as súas alabanzas, senón máis ben unha canción que, simplemente, sucede alí. Na primeira estrofa falan dunha festa privada moi selecta que non lles gusta, e na segunda din que non queren saír por alí porque fai moito frío, e logo vense rodeadas deses “buitres de noche”. Faime pensar na angustia dunha Coruña popular que pouco a pouco vai desaparecendo afogada pola modernidade e Inditex. E paréceme curioso que eses paxaros aparecesen tamén noutro tema coruñés.

Aquí fíxenme trampas a min mesmo, porque Lenny Leonard non mencionan Coruña polo nome, pero si que se respira o seu ambiente nesta canción na que falan da choiva, na que falan de pombas que son voitres e repiten esa frase que tamén cantaban Big Black: “nesta cidade non hai nada que facer”. A angustia de vivir en cidades pequenas, nas que non hai nada que facer e a xente diferente é estigmatizada, é un tema que se repite no pop. E para min quen mellor o tratou foron Lou Reed e John Cale, que dicían que “as cidades pequenas só teñen unha cousa boa / que sabes que queres marchar”.

Con todo, esta canción fala de Andy Warhol e lévanos a Pittsburgh e a Nova York e eu non quería ir tan lonxe. O interesante é como amosa a maneira na que o lugar de onde somos pode definirnos, sexa por amor ou por odio. E precisamente hai outro grupo coruñés que leva a súa procedencia con orgullo xa no nome, e que ten esta canción con nome de barrio periférico: “Palavea”.

Nesta canción dos Diplomáticos de Monte Alto xa aparece unha Coruña máis próxima a Culleredo que ás grandes cidades. Xurxo Souto canta sobre unha moza que tiña en Palavea e coa que ía quedando na Flor de Montouto, recollendo unha especie de memoria do espertar sexual que para tanta xente ten que ver coas salas de festas e as verbenas. É bonito que haxa un relato desas experiencias que son importantes para moitas persoas e que normalmente quedan fóra da historia, e tamén que se conte cos nomes deses lugares. Os Diplomáticos tamén lle cantaron a Guitiriz, e hai outra canción que fala daquela parte de Lugo, e que fala tamén outra vez do frío que fai, que debe ser unha obsesión galega.

O que me gusta moito desta canción é que a forza do tema é a forza do propio topónimo da Terra Chá. Son dúas palabras que son puramente descritivas, e a palabra “chá” é moi musical, como se fose unha percusión vocal. Ao repetila e repetila, a canción pasa para min de falar de algo concreto a converterse nalgo estraño e misterioso. Emilio José tamén ten unha canción repetindo o topónimo de Lugo, pero aquí quería falar de como nos ubica no seu entorno.

E ese entorno é Ourense, que aparece unha chea de veces, pero sobre todo Quins, no concello de Melón. As cancións de Emilio José chegan a un nivel de detalle tremendo, e en parte esa é unha das explicacións para que a sensación de escoitalo sexa tan íntima. Teño tres colegas que chegaron a viaxar a Quins para buscar o Casal e outros lugares dos que falaba nas cancións, e con sorte poder entender experiencias das que fala, como os chapuzóns nas pozas de Melón imaxinando onde van os coches que pasan pola autovía. E seguramente vaian de Ourense a Vigo, así que quería ir aló tamén.

Nesta canción Os Vacalouras, que son de Teis, falan de Coia. Non sei moi ben cal é a relación entre os dous barrios (aínda que bueno, a canción empeza dicindo que está dedicada “á toda a peña chunga de Coia”), pero como entrada a ese universo este tema, no que adaptan “Holiday in Cambodia” dos Dead Kennedys, paréceme moi boa polo que ten de costumismo. Diche que autobús coller para ir aló e as cousas máis destacadas do barrio, retratando unha realidade que servirá para saber de aquí en cen anos que aló había un Alcampo ou un barco nunha rotonda. E está ben porque logo hai lugares nos que non queda nada.

É o caso do Ferrol Vello do que falan Quant nesta canción tan bonita. Unha cidade en ruínas por culpa “dun tipo con gravata e maletín”, e a rabia de ver destrozado o que, como di a letra, foi un día o barrio da súa nai. É outro exemplo de como algúns lugares xogan un papel importante no que nós somos, e precisamente quería acabar hoxe pinchando un tema que para min representa esa conexión entre a identidade e o espazo. É unha canción de Ana Kiro que se chama “A miña aldea” e fala da Castañeda, unha parroquia de Arzúa. A min gústame a maneira na que estas cancións poden ancorarse no local para falar de sensacións e experiencias universais, e gústame como os topónimos me activan a memoria (se falan de sitios que visitei) ou a imaxinación (se non os coñezo). Neste caso, nunca estiven na Castañeda, pero Ana descríbea con detalle, dende o seu aspecto ata a súa ubicación, e faino da maneira na que recreamos na cabeza o noso fogar cando estamos lonxe. E a sensación universal da que fala é a propia existencia dun fogar e o amor por el. Por iso se permite ir máis aló do topónimo: non só di “ser da Castañeda”, senón “ser de AQUÍ da Castañeda”. Ese matiz paréceme brillante, igual que unha das miñas frases favoritas do pop: “chorei por primeira vez”, que me pon a pel de galiña. A ver se vos gusta tanto como a min.

Advertisements

Un tema e un tema #10: Deporte e “La Colombière” de The Homens

 

5a0861305cd5f.jpeg

Espero ter pronto máis cousas que poñer no blog que as de Un tema e un tema, pero mentras tanto vai aquí a última colaboración que preparei para subir á Radio Galega a contarlla a Xiana. Vai sobre deporte porque no Cineclube de Compostela levamos un mes poñendo películas sobre o tema, falando, lendo e dándolle voltas ao asunto e non puiden evitalo. Pinchei a The Homens, e tamén a Count Basie, Vinicius de Moraes con Toquinho e Maria Creuza, os Diplomáticos de Monte Alto, Ricky Martin, Antònia Font, Contenedor de Mierda e Sr. Anido & Sra. Álvarez. E tamén un cántico dos Riazor Blues.

Podedes escoitar a sección neste enlace.

E aquí tedes o programa enteiro.

Se preferides ler, o texto vai debaixo. Como xa puxen máis artigos sobre os Homens preferín poñer unha foto que resume o tema música-deporte.

 

Hoxe quería falar de deportes. Non é que eu sexa tampouco un gran apaixonado do deporte, pero o deporte é a paixón principal de moita xente, e as paixóns inspiran. A arte retrata a vida e os intereses das persoas, e por iso mesmo hai unha chea de cancións bonitas que falan sobre deporte e que falan ao mesmo tempo de beleza, de esforzo, de amor, de identidade ou de política. Claro que tamén hai quen odia o deporte porque pensa que saca o peor da xente.

Ás veces pasa. Un problema de pasar as cousas polo filtro do deporte é caer no que cantaba Ricky Martin e ver todo na vida como unha competición. Un tema como “La copa de la vida” é un tema sobre estar só, tenso e centrado simplemente no obxectivo de gañar unha copa ou unha parella, sen desfrutar do proceso nin aprender nada polo camiño. Iso non é o que me parece interesante no amor, nin no deporte. Nin nas cancións deportivas. Pero quero centrarme no positivo, empezando por unha canción máis relaxada: Did You See Jackie Robinson Hit That Ball?”, de Count Basie e a súa orquestra.

Un dos praceres do deporte é observar a beleza do movemento dende a comodidade da butaca. Nesta canción tan elegante, o compositor Buddy Johnson e Count Basie conseguen unha das cousas máis difíciles nas cancións, como é captar os detalles do cotián. Retratan perfectamente o ambiente dunha charla de grada, con personaxes flipando con como batea o mítico Jackie Robinson (o primeiro negro en xogar na MLB) e intúo que disfrutando de falar de algo interesante.

Precisamente as bancadas son o espazo doutro dos elementos positivos do deporte: Vinicius de Moraes, Toquinho e Maria Creuza cantaban que a Copa do Mundo era súa. Evidentemente, non gañaran a Copa do Mundo da canción, porque a música non é competitiva. Pero podían sentirse partícipes dunha identidade colectiva. Nese caso é unha moi grande, como o Brasil, pero a través dos equipos deportivos hai unha identidade case en cada barrio e en cada aldea. O importante non é gañar, senón poder deixar de cantar dende o eu e pasar a cantar dende o nós, normalmente unha canción que poida tararearse en formato “lolololo” e cunha letra adaptada á ocasión, como na versión deEl baúl de los recuerdos da inchada do Depor.

Por suposto, esta identificación colectiva pode ser problemática, así que logo hai que preocuparse de que os valores desa comunidade sexan positivos. Parquet Courts trataron este tema en “Total Football”Para esta canción inspiráronse na teoría do fútbol total que practicaba Holanda nos anos 70: un esquema no que calquera persoa do equipo podía ocupar a posición de calquera outra no campo, facendo que a importancia estea na suma das partes. Eles úsano para animar a rexeitar os arquetipos do macho alfa ou do quarterback (representados no “Fuck Tom Brady” co que remata o tema) e defender a enerxía que vén da igualdade e o sentimento de pertenza.

Deixando xa o fútbol, hai aquí máis preto de nós unha canción que me encanta e que me parece que rexeita tamén esa hipermasculinidade no lírico e no musical. “Marciano Balboa”, a canción sobre boxeo de Sr. Anido e Sra. Álvarez*, non trata sobre a épica do combate entre dúas persoas, senón sobre o sufrimento, sobre o combate que ocorre dentro da cabeza de quen pelexa. Paréceme ben bonito atopar unha canción sobre deporte que non é enérxica nin violenta, senón delicada e empática. 

E se aínda quedaba aquí un rastro de épica, hai outro grupo galego que acabou con ela, retratando perfectamente o que significa practicar deporte para a maioría de nós. En “Choripan”, Contenedor de Mierda contan a súa experiencia facendo o Descenso do Sella: é deporte, pero non implica competición. Si que implica cervexa, comida graxenta, algún tipo de compañeirismo e recordos felices asociados ao patetismo compartido. Màxim Huerta, que foi brevemente Ministro de Cultura e Deporte, dixera que odiaba o deporte porque era unha maneira de sobrevalorar o físico, pero equivocábase. “Choripan” demostra que o físico pode ser secundario no deporte, “Marciano Balboa” proba que tamén é mental, e hai unha canción que vai aínda máis lonxe.

Antònia Font cantaban en “Calgary 88″ que “non todo era físico, nin mental, tamén era sentimental”. O tema é unha ficción na que unha parella de patinaxe artístico decide casar en directo se gañan a medalla de ouro naquelas olimpiadas de inverno en Canadá. Para ver que pasa ao final ides ter que poñela, pero quería quedar con esa idea de que o deporte é sentimental para xustificar que hoxe vou rematar poñendo unha canción de The Homens.

A experiencia do deporte, igual que a da música, pode practicarse dende dentro ou como público, pero neste último caso a maneira de disfrutar máis intensamente é identificándose. Estaba estes días buscando cancións sobre deporte e non puiden pasar sen poñer a Sr. Anido e aos Homens a pesar de que xa os puxen a última vez que viñen. E penso que pasa porque hai un punto no que te identificas cos teus grupos favoritos como te identificas co teu equipo. Acompáñante na túa vida cotiá, falas apaixonadamente deles, sénteste partícipe do que fan, deféndelos diante de quen os critica incluso se non tes argumentos… Neste caso creo que si que os teño: sempre me encantou como nas letras dos Homens se filtraba o local e o cotián para dar forma a alegorías sobre outras cousas, e unha das miñas favoritas súas era “La Colombière”, que se chama como unha das subidas míticas do Tour de Francia e menciona o TX Mediodía ou o “home do mazo” para falar, tamén, do sentimental. Nada raro, por outra parte, porque quen canta é Martin Wu, que é xornalista deportivo e do que podedes ler textos sobre deporte e todo o demais no seu Bestiario do vestiarioTédela aquí debaixo.