Papeis da pandemia

Ao final non quedou ese nome máis que informalmente, pero no meu corazón os Papeis da Academia deste ano chámanse así, porque ao facer un anuario este 2020 van sobre o que van. Meri e máis eu estivemos traballando nos textos da publicación da Academia Galega do Audiovisual, que editou María Yáñez e que leva fotos de Tamara de la Fuente. Basicamente contamos como pasou este ano algunha xente que traballa no audiovisual galego e que cousas se agardan para o ano que vén. A min serviume para aprender un pouco sobre profesións das que apenas sabía nada, como o vestiario ou a distribución, e para observar a maneira na que o contexto da pandemia é cruel pero tamén activou a inventiva. Tamén para ver algunhas similitudes e diferenzas entre como afectan as crises ás distintas partes do sector: hai xente que é autónoma, xente que é empresaria, xente que é asalariada, xente que fai traballo voluntario…

No que máis traballei (e onde máis se ve iso) foi nesta reportaxe de conxunto na que falan Mamen Quintas (produtora), Alicia Dapena (técnica de vestiario), Paula Cons (directora e produtora), Milo Baños (distribuidor e exhibidor), Xúlio Abonjo (actor), Lidia Fraga (guionista), Manel Precedo (cineclubista) e Ángel Sánchez (director de festival).