Importa o trebello?

Imaxe de Music Crowns

O domingo pasado volvín á Radio Galega ao Diario Cultural Zeta, desta volta falando con Antonio Méndez das ferramentas que usamos para facer música e como inflúen nela. Podedes escoitalo aquí ou ler a versión en texto debaixo. Intervén o Chicho do Funk (Ortiga, Boyanka Kostova, Esteban y Manuel, Bulto…) e soan Pega Monstro, Ortiga, Bulto, Laura LaMontagne e PicoAmperio, Chet Baker e Holly Herndon. No contido non falo de babosas pero pareceume unha boa oportunidade para recuperar esas imaxes, clásicos esquecidos da internet.

Mirando a música máis popular internacionalmente nos últimos anos, non é nada novo dicir que hai unha tendencia a que a electrónica teña máis peso e a que as guitarras eléctricas parezan algo relativamente anticuado. Lin un artigo do Washington Post que falaba de como Gibson, Fender e outras empresas fabricantes de guitarras estaban nunha crise moi grande porque xa non hai guitar heroes que fagan que a xente nova merque guitarras. Pero a min isto non me preocupa demasiado por dous motivos. Un, que a figura do guitar hero ten un aquel hipermasculino que está ben superar: polo que din no artigo, a figura que máis inspira agora mesmo a que alguén colla unha guitarra é Taylor Swift e o instrumento está deixando de ser tocado maioritariamente por nenos. Outro, que a xente nova fai seguramente máis música que antes, e moita dela co que ten a man, que a miúdo é o ordenador.

Aínda así, creo que o problema está en rexeitar unhas ferramentas ou outras, porque ao final a cuestión vai ter que ver co que fagamos con elas e tampouco son incompatibles. Para aprender máis sobre o tema, quixen falar con alguén que fixese música agora con ferramentas electrónicas pero que teña usado tamén instrumentos acústicos. E ocorréuseme pedirlle opinión ao Chicho do Funk, membro de Boyanka Kostova e que en solitario usa o nome de Ortiga.

Chicho: Os primeiros instrumentos que utilicei para facer música sempre foron guitarra e baixo, porque foron os meus instrumentos nai, foron cos que aprendín a tocar, e como sempre tiña bandas con formacións de instrumentos acústicos, se facía falta unha guitarra tocaba unha guitarra, se facía falta un baixo pois un baixo. Agora dende que fago músicas electrónicas, a miña relación con estes instrumentos é máis de buscar ideas, ir probando acompañamentos tocando por encima das bases que vou montando… Pero bueno, como en Ortiga hai veces que pega que toque unha guitarra e hai veces que non, pois non sei, intento ir vendo que é o que pide a canción, o que podería estar ben e traballo en función diso, entón se fai falta que toque a guitarra tócoa e se non mola pois non a toco e xa está.

Nun proxecto como Ortiga conviven entón as distintas ferramentas. En Galicia hai moita xente que traballa coa electrónica pero que previamente viña de participar en proxectos cunha instrumentación máis propia do rock, ou que vai alternando entre unhas cousas e outras. Algúns exemplos son Pantis (antes en Telephones Rouges), Glitchgirl (que estivera en Szentes), Las Cruzes (que participaban en Uppercut), Emilio José (que o mesmo fai Nativos digitais que toca cos Indígenas), Grande Amore (tamén en Oh Ayatollah) ou, como explicaba el, o propio Chicho, que en Esteban & Manuel xa usaba as caixas de ritmos pero hai tempo tamén tocaba o baixo en Vicky Polard ou en Bulto.

Supoño que na tendencia hai unha cuestión puramente musical, porque a xente creativa sempre vai ter curiosidade por investigar cos sons e os trebellos que vaian aparecendo. Pero tamén hai unha cuestión socioeconómica, que en Galicia sempre pesa moito porque a maioría de proxectos musicais non son profesionais. Nos exemplos de antes, os proxectos máis electrónicos son en solitario ou dúos, e nos proxectos previos había máis peso da idea do grupo de rock de catro ou cinco persoas. Cantos grupos son posibles mentres a xente estuda ou está no paro e deixan de selo cando alguén empeza a ter horarios máis esixentes ou ten que emigrar? Penso que unha chea. Pregunteille a Chicho como cría que afectaba a tecnoloxía á música de cada época e faloume das dúas cuestións.

Chicho: Sempre que haxa máis recursos dispoñibles eu considero que é positivo, e moitas veces na historia os avances tecnolóxicos que surxen fan que os sonidos dunha época non teñan nada que ver coa anterior. Por exemplo, cando surxiron as caixas de ritmos e todos esos rollos, claro, a xente empezou a facer house, techno y tal y cual e iso ata ese momento non existía. Quero dicir, antes a xente tiña baterías acústicas, guitarras… e xuntábanse para facer ruido. Entón paréceme guai que a partir dun avance tecnolóxico surxa outra forma de ver a música e outra forma de relacionarse con ela. E no meu caso, como chegou un punto no que non podía quedar coa xente habitualmente para facer música, as caixas de ritmos, samples e tal déronme a oportunidade de formar unha banda eu só e poder seguir tirando para diante, pois iso, aínda que non teña uns colegas cos que poder facer ruido todos xuntos. E joba, creo que é superpositivo porque, como dicía antes, é algo que ocurre e que é posible desde hai moi pouco tempo.

Entón, que hai desa idea de que a tecnoloxía dixital democratiza o acceso á cultura? É evidente que o dixital abaratou o acceso a moitas cousas que antes eran moi caras. Hai corenta anos moi pouca xente tiña unha cámara, por exemplo, e agora todo o mundo leva unha no móbil. Igual ca iso, agora a xente pode producir (e, se cadra máis importante, distribuír) música se cadra máis facilmente ca antes, pero tamén creo que moitas veces é unha cuestión de perspectiva, se pensamos que antes de que houbese radios e tocadiscos na casa, a música non era tanto algo que a xente escoitaba. É dicir, tamén o era, pero era algo que a xente facía, e facíao co que tiña a man, para pasalo ben ou para acompañarse traballando ou o que fose. É dicir, a maneira máis barata e máis democrática de facer música vai ser co propio corpo e coa propia voz, e nese sentido paréceme moi inspiradora a xente que ten de vez en cando a valentía de non necesitar nada máis. Nos últimos anos pasoume por exemplo con cousas como Ao cabo leirín, o disco de Faia, e tamén con esta canción de Laura LaMontagne, na que canta unha copla que, polo que lin, penso que recolleu a cantante e investigadora Susana Baca no norte de Perú e que fala tamén dalgunha maneira de como a xente pode expresarse e emocionar sen necesitar sequera saber escribir.

Precisamente Laura LaMontagne actúa agora con PicoAmperio nun proxecto que mestura a electrónica e elementos da tradición lírica galego-portuguesa ou recollidas da tradición oral, e esta semana van estar no Ciclo VanGal no Museo do Pobo Galego, con Faia, MounQup e Teresa Ferreiro. Supoño que escoitándoas en conxunto podemos ver esa tendencia a investigar nas tradicións e facer con ela cousas novas, como veñen facendo tamén Baiuca ou Mercedes Peón.

É isto tradición? Supoño que si, porque a tradición non é inmutable. Se cadra a tecnoloxía dispoñible nalgunha época era unha lata de sardiñas e unha botella de anís, e agora a tecnoloxía dispoñible é moito máis ampla. A min, que o que me gustaba cando tiña quince anos era o rock e o punk, levoume tempo desfacerme dos prexuízos fronte á electrónica, como se fose algo artificial, ou como se fose xente que non tocaba, pero ao final cada quen ten que usar as ferramentas que lle pareza e o que importa é o que fai con elas. Xusto pregunteille a Chicho se vía diferenza entre aplicar o dixital a xéneros que foron sempre electrónicos ou facelo á cumbia ou o mambo, que veñen dunha tradición acústica.

Chicho: Pois eu hoxe por hoxe os ordenadores, os efectos de produción… véxoos totalmente imprescindibles en todo tipo de estilos, sea trap, sea música de verbena, sea reguetón ou o que sea. Basicamente porque claro, vai chegar un momento no que a túa canción, sea do estilo que sea, vaise ver reducida nun estudio a un proxecto dixital nun programa de gravación. Ti cando estás gravando a todo se lle aplica efectos aínda que sexa por temas de cortar frecuencias, crear un equilibrio entre os instrumentos, que ningún tape a ningún, que todos se entendan… e iso tamén se consigue a base de meterlle 30.000 efectos a todo, e se fas rock a túa batería vai ter compresores, vai ter reverbs… que realmente é tan antinatural como ter un autotune nunha voz. Entón iso, véxoo practicamente igual. Se cadra en estilos electrónicos buscas ao mellor que o efecto se note máis, que o oyente note máis ese ambiente dixital pero bueno, como a nadie se lle ocorre escoitar trap sen autotune e esas cousas, a nadie se lle ocurre escoitar Slayer sen distorsión, a nadie se lle ocurre ver unha peli de acción sen os cromas… hoxe en día como todo é dixital, pois é dixital para todos. Eu creo, vaia.

Seguindo co que di Chicho, moitas veces hai unha idea de naturalidade que non relacionamos coa técnica, pero que si que ten relación con ela. O son gravado existe desde hai 150 anos, que tampouco é tanto tempo, e só a aparición do micrófono xa posibilitou que aparecesen novas formas de cantar. Por exemplo, nos anos 50 foi moi rompedora a maneira de cantar de Chet Baker, que é moi íntima, case susurrada, e que se cadra non tería sentido se non houbese amplificación.

Poderíamos pensar que isto sona “orgánico”. A min tamén mo parece, pero aí temos unha serie de prexuízos. Se vemos un ordenador ou un móbil, pensamos en tecnoloxía, e penso que non facemos o mesmo cando vemos unha guitarra (que é tecnoloxía igualmente). Se cadra hai un romanticismo asociado aos instrumentos que aínda non asociamos ao ordenador (lembreime agora de que xa escribín algo sobre isto que igual non teño tan claro agora). Probablemente pasa porque un violín está pensado para facer música e un ordenador está pensado para facer millóns de cousas. Pero, por exemplo, a compositora Holly Herndon, que estivo no Wos Festival de 2019, ten dito que o ordenador é o instrumento máis persoal que existe, e ten traballado para desmentir a idea de que a música de ordenador é unha música fría.

Captura do clip “Eternal“, dirixido por Mathew Dryhurst

No seu último disco, PROTO, Herndon desenvolveu unha intelixencia artificial e fíxoa colaborar cun grupo de vocalistas. A súa idea foi ir máis aló de pensar na máquina como unha ferramenta e pensar nela como unha colaboradora. Esta intelixencia, que se chama Spawn, vai aprendendo a partir de diferentes voces e sons e interprétaos á súa maneira coas súas propias variacións, glitches e distorsións, que non son predecibles. E en varias cancións o que fai é recuperar melodías ou modos de canto comunitarios, de pregunta e resposta, pero facendo que as persoas e a máquina interactúen. Vese neste “live training” no que Spawn aprende en resposta ao coro.

Acabará isto sendo o que soe “natural”? Non o sei, porque a propia Holly Herndon comenta como moitos dos experimentos musicais con intelixencia artificial tenden a unha automatización que parte da música que xa se fixo, caendo dalgún xeito na retromanía e a nostalxia. As convencións de cada época van cambiando. Cansamos dunha estética e pedimos outra, que igual é nova e igual é de hai anos, igual que por exemplo houbo un momento hai uns dez anos no que parece que houbo unha saturación do autotune e logo volveu estar de moda (e probablemente se miramos a países menos influídos polo mainstream estadounidense esta historia sexa distinta). Con todo, pasa o que dicía Chicho: o dixital está aí para todas as opcións, e o trebello importa porque inflúe na música que se fai (polo menos en canta xente a fai e como soa). Moitas veces úsase para imitar o que xa fixeron antes os instrumentos tradicionais, ás veces para alteralos e outras para facer algo que as persoas non poden facer por si soas. O futuro debería ir por aí, pero mentres alguén queira expresarse coa música mellor non pasar de ningunha ferramenta: a min vaime parecer igual de válido un ordenador que unha botella de anís.

Un tema e moitos temas: cancións galegas breves

metralletas.jpg

Este domingo acababa a tempada do programa de Xiana na Radio Galega e pediume facer unha colaboración máis breve do habitual para pechar a sección de Un tema e un tema. Non o pensei moito e fíxeno sobre cancións breves, así que atopei unha chea de temas galegos de menos dun minuto e puiden poñelos enteiros. Pero quedei coas ganas de compartir os demais, así que ademais dos 9 ou así que pinchei comparto aquí unha lista doutros moi chulos que fun atopando. Na radio puxen a Chicharrón, Srasrsra, Avecrem, Bazongo, Lamprea Explosiva, Os Resentidos, Aries, Os Gru e Metralletas Lecheras, dos que atopei esta foto entrañable do día que tocamos Monstruo con eles no Swass en Ourense. Quedei moi contento porque supoño que no capitalismo avanzado escoitar tantos discursos artísticos diferentes en tan pouco tempo dáche a sensación de aproveitar o tempo ao máximo. Vós podedes facer igual.

Podedes escoitar a sección (e o programa enteiro) aquíE abaixo de todo iso puxen máis cancións galegas breves que me gustan.

Normalmente empezo cunha canción que soa de fondo mentres explico de que vai a sección esta vez. Quería poñer un breve pero nese caso non ía darme tempo a falar, así que puxen “Heatwave” de Martha and the Vandellas porque facía calor. Pero agora podo poñer un tema breve estranxeiro e vai ser este de Bikini Kill, que é super rotundo.

Hoxe Xiana pediume que fose breve, así que vou falar da brevidade. A min a brevidade non se me dá ben, pero hai un montón de xente en Galicia á que si, así que escollín unhas poucas cancións breves desa xente, e propúxenme aprender do seu exemplo. Entón non vou dar a chapa sobre ningunha pero vou dicir o título, a duración e algo importante sobre cada unha delas. Duran todas menos dun minuto.

Vou empezar por unha canción sen título de Cancións clínicas, o último disco de Chicharrón. Dura 44 segundos. Gústame moito como é luminosa e etérea pero está cortada por eses golpes violentos.

Agora “Fusión nuclear”, de Srasrsra. Dura 58 segundos, é un pouco longa pero nese tempo ten unha estrofa, dous estribillos, unha ponte cunha guitarra chulísima e uns coros xeniais que din “guai” ao tema da fusión nuclear.

Esta que vén é “Una chicha loca”, de Avecrem. Dura nove segundos. Parece o momento final dunha canción, cando os membros dun grupo se poñen de acordo para pechar o tema, pero niso atopa unha melodía e resume o son do grupo, coa guitarra chirriante e unha batería entre o firme do rock e o aberto do jazz.

Podemos irnos a algo aínda máis breve: “Baspingo”, o tema inicial do debut de Bazongo, dura tres segundos e é perfecto para empezar un disco: ese saxo sona xoguetón e misterioso, e o acople promete algo que explotará. Se entendemos o punk como música libre, aquí vemos a liberdade para escoller canto dura unha canción sen ter que poñerlle estrutura con repeticións e todas esas cousas.

Bazongo están no colectivo Caracol Negro, como Lamprea Explosiva, que son mestres da sabedoría breve na liña do Castelao de Cousas da vida. Nos 42 segundos de “O medo é o motor que move o mundo” fan un collage con versos de Xela Arias, Lois Pereiro e Sabela Oxea.

Agora vou poñer “Teño soños”, dos Resentidos, que dura 22 segundos e parece un musical, con dous personaxes e un final inesperado.

Seguen tres un pouco máis longas. Esta é “Facts (canción a Coki)”, de Aries. Dura 52 segundos e pode falar da natureza ou de como hai cousas que non fai falta dicir entre xente que se quere.

Esta é “El Hueso”, fixérona Os Gru e tamén ten que ver coa natureza. En 56 segundos super evocadores resume o ciclo da vida dende a observación dun óso de aguacate.

Por última do programa [aquí poño máis debaixo], un clásico esquecido da canción melódica galega: “Faire l’amour” de Metralletas Lecheras. 57 segundos con baixo, percusión, o que creo que é un taladro unha aspiradora e Rafa Anido Zé Pequeno en modo crooner. Non podo evitar pensar en que as orquestras galegas acabarán incorporándoa ao seu repertorio.

Por seguir co bonus de temas breves galegos que me gustan moito, quedoume sen meter “Sacyr Vallehermoso”, un tema de Emilio José con 34 segundos preciosos. Sacyr Vallehermoso é unha das grandes contrustoras españolas, pero esta música parece representar máis ben unha especie de locus amoenus que debe corresponderse coa parte do Vallehermoso.

Contenedor de Mierda sempre van directos ao gran e non hai cousas innecesarias no que din e fan. É todo sustancia. Dentro das súas cancións máis breves son moi fan de “Redes fecales”, que retrata o mítico odio que nos medra ás veces ao usar Internet en 49 segundos.

Tamén me encanta “Vómito en tu cara”. Na entrevista que fixemos no blog do Galician Bizarre falabamos de como os seus temas teñen argumento, narración. O deste, que sucede en 42 segundos, contábao Anxos:

“Vómito en tu cara” é o primeiro tema que surgiu en Contenedor de Mierda, antes de que existise Contenedor de Mierda porque Sara escribiu unha letra. A canción fala deste momento na vida no que te despertas con resaca, quizais aínda borracha, e se che mezclan as ganas de foder coas ganas de vomitar. E xa está! A todos nos pasou eso algunha vez.

Ás veces as cancións breves levan todos os elementos típicos das cancións (estrofa, estribillo, solo, ponte e esas historias) pero outras parecen ter liberdade para xogar sen cinguirse a iso e dáme a sensación de que case hai máis riqueza e imaxinación nos temas de menos dun minuto que nos que van dos dous aos catro habituais na canción pop. Ou tamén fai falta imaxinación para resolver unha canción pop en menos dun minuto, claro. Por exemplo, hai temas que xogan a romper dentro da secuencia dos discos, como pasaba cos instrumentais ambientais de Chicharrón en Cancións clínicas ou algúns experimentos de Los Locos Hongos como estes 26 segundos de “Dentrísimo”.

En A grande evasión de Ataque Escampe había tres temas preciosos só con piano que levaban o nome dos tres aeroportos galegos e parecían dividir en seccións o disco dalgún xeito. O que máis me gusta é o de Lavacolla, e demostra outra vez que ás veces neste formato de duración mínima (aquí 39 segundos) poden pasar cousas que non pasan noutros. E aquí quedoume unha conclusión bonita para o que quería dicir, así que o resto de cancións breves galegas guais coas que din póñoas sen máis para non dar a lata.

“No conozco la O”, de Laura LaMontagne, 53 segundos.

“Picolo vas de verde”, de Terbutalina, 35 segundos.

“Non credo en el amore”, de Siniestro Total, 53 segundos.

“Ñañeiro”, de Djalminha, 47 segundos.

“Todos contra el fuego anal”, de Unicornibot, 43 segundos.

“Open Up Your Door”, de Samesugas, 55 segundos.