ELBA: “Escribir música significa expresar algo de min que non podo expresar doutro xeito”

Na última colaboración que fixen no Diario Cultural Zeta falei con Lucía Junquera sobre ELBA, que tamén me contestou unhas preguntas. Miña irmá tamén se chama Elba e fáiseme moi raro poñer tantas veces o nome sen estar falando dela, así que mando un saúdo a Elba Tenreiro nesta introdución. Pódese escoitar o podcast neste vínculo e pódese ler unha versión en texto con algo máis de información aquí debaixo.

Sempre o paso un pouco mal cando vou á radio porque as colaboracións son moi breves e normalmente teño que conformarme con poñer cachiños de vinte ou trinta segundos dalgunha canción e esperar a que quen estea escoitando se faga unha idea. Pero desta volta fixen o guión un pouco distinto para que puidese escoitarse polo menos unha volta enteira de “Todo guay”, a última canción que sacou ELBA, e fixar a atención na letra para entender ben o tema.

Se cadra de primeiras chaman máis a atención as melodías e os arranxos, porque me parece unha canción pop estupenda, que te arrastra segundo vai entrando cada cambio, como cando aparece a caixa da batería ou os punteos de guitarra. É o terceiro tema que saca ELBA, que publica a súa música con La Melona, é o primeiro que saca en castelán e paréceme emocionante como combina, entre a letra e a música, certa euforia e certa vulnerabilidade: constrúese arredor dese “todo guay” que se di un pouco por defecto e que evita entrar na realidade de como nos sentimos. Pero en lugar de quedar nesa falsa tranquilidade, ELBA expón na letra tamén o efecto que provoca un antidepresivo como a sertralina, mencionado directamente polo nome. Pareceume curioso que o cambio do inglés ao castelán fose ligado a unha canción na que ELBA se expón especialmente, así que quixen preguntarlle por que fixera ese cambio e que supuña para ela utilizar cada lingua.

ELBA: Pois empecei en inglés en parte polas influencias musicais que tiña, pero principalmente porque para min escribir música significa expresar algo de min que non podo expresar doutro xeito e eu son unha persoa bastante introvertida e reservada, e sentía que dalgunha forma cantando en inglés como que agochaba un pouco partes dos meus sentimentos de cara ao público, que non ían ser tan gráficos como o serían en castelán. Si que é verdade que ao principio escoitábame un pouco rara cantando en castelán. Ao mellor de colocación da voz hai algunha pequena diferenza, tamén en inglés as consoantes son como máis suaves… pero polo xeral como que a diferenza máis grande dun idioma a outro é que evidentemente exprésome mellor en castelán e ten máis xogo.

No musical, creo que os temas de ELBA teñen bastante variedade, pero ao final creo que tamén ten que ver con que a música pop, dentro de xogar coa repetición e a familiaridade, ten moitos recursos rítmicos, melódicos e de texturas sonoras diferentes. Na portada de “Todo guay” aparecen David Bowie e T. Rex, e pode haber algo de Bowie nas melodías ou mesmo no fraseo, pero a min véñenme á cabeza tamén os Cranberries (sobre todo “Dreams“) ou incluso Mecano (igual só “Los amantes“) nalgún punto do tema. Cando vin a Elba en concerto tamén pensei en Kate Bush, por exemplo… véñenme á cabeza, entón, artistas moi populares pero con moita inventiva, moita capacidade vocal e, en moitos casos, tamén un xogo con instrumentos electrónicos. En calquera caso, ao pararme a ler as letras si que me deu a sensación de que non eran tan dispares, e que nos temas en inglés podía haber temáticas similares pero máis escondidas en metáforas.

ELBA: Si que coinciden en temáticas, si que cun ton máis escuro tamén pola estética (que a min ese tipo de estética é algo que me agrada, independemente de que fale de algo superalegre ou non), e en parte tamén o uso constante de metáforas era unha vía para o que dixen antes de tentar agochar un pouco os meus sentimentos, de non sentirme ao mellor tan exposta… Con este cambio si que me expoño máis, tamén porque agora me atrevo máis a falar abertamente da saúde mental, e creo que expoñelo é tamén unha forma de que a xente se sinta identificada, e de que deixe de ser un tema tabú (aínda que cada vez menos).

7 nuevas bandas españolas que tienes que escuchar - fantasticmag

Si que é certo que cada vez hai menos tabú arredor das cuestións de saúde mental e iso queda reflexado nas cancións. Das que escoitei ultimamente viñéronme á cabeza, ademais desta de ELBA, o disco de Berto (algunhas cousas xa estaban no de Verto tamén) ou a mención ao Lexatin de Soleá Morente en “No puedo dormir“. Aínda que non é algo exclusivo, a saúde mental (e en particular a ansiedade) pode ter algo de xeracional, e pode haber unha certa vontade de transparencia común a moitos proxectos artísticos… o caso de ELBA paréceme particular porque semella moi persoal pero ao mesmo tempo sinto que hai un xogo estético que a afasta do máis “confesional”, do máis baseado no relato do cotián. Quixen preguntarlle, arredor diso, se buscaba unha identificación entre a ELBA artista e a Elba persoa.

ELBA: Para min a miña música sempre vai estar en primeira persoa, porque é algo que me nace e sempre vai ligado a experiencias propias. Por exemplo, á hora de buscar un nome artístico estiven bastante rallada porque non se me ocorría nada que me identificara totalmente e chegou un punto que dixen “jobá, e por que non uso o meu propio nome, que non me pode identificar máis?”. É que realmente non hai tantas Elbas. E non hai unha gran diferenza entre Elba persoa e Elba ““artista””. Todo o que mostro coa música e coa estética é real; a única diferenza que podería haber é que Elba persoa é moitas máis cousas, que tamén escolles un pouco o que queres que os demais (sobre todo a xente que non coñeces) vexan de ti, no sentido de que eu son moi privada coa miña vida persoal, e polo menos en redes sociais como que non me sae mostrar todo o que fago durante o día ou onde estou… Bueno, algo totalmente lícito de cada un pero que en parte tamén reflexa a miña personalidade reservada, como que non me sae expresalo así.

É interesante pensar no coidado que pon cada quen niso que se deixa ver aos demais, especialmente cando se trata de artistas: o discurso xa non se pode trasladar só musicalmente (se é que iso foi posible algunha vez), e na comunicación das ideas acaban estando presentes os vídeos, o vestiario, as redes, a maneira de dirixirse ao público… No caso de ELBA creo que se aprecia como uns elementos apoian a outros, así que tamén lle preguntei que papel xogaba a imaxe no seu proxecto.

ELBA: Pois para min a imaxe é unha parte tamén moi importante do proxecto, a nivel de que ata o de agora se non gravaba un videoclip non quería sacar os temas soltos como singles. Creo que é unha cousa que complementa moito a música, e tamén ao xogar tanto coas metáforas creo que se pode chegar a comprender mellor certas cousas. Ademais eu estou tamén en parte ligada co audiovisual, porque despois da música tal vez sexa o mundo ao que máis ligada estou e moitas veces van unidos ata o punto de que ao mellor fago unha canción e xa me estou imaxinando como quero que sexa a imaxe que a acompañe, tanto a nivel videoclip como estética para fotos ou roupa, maquillaxe… En xeral a dirección de arte é algo que tamén me gusta moito, pero bueno, o fundamental para min é a música. O que non me gusta tanto son as redes [risas], a día de hoxe bueno, gústanme un pouco menos ca antes e creo que se están volvendo perigosamente esixentes, ao mellor, pero tamén me parecen unha ferramenta fundamental para case todo.

Nun caso como o de Elba ou outras artistas ligadas ao audiovisual (penso agora que Pantis me dixo algo parecido hai tempo) apréciase aínda máis esa construción dun relato a través da imaxe, e no caso de Elba paréceme especialmente interesante ese papel da dirección de arte, que dalgunha forma me remite a como se traballa máis preto do mainstream (aínda que o contexto sexa diferente). Non sei, venme á cabeza Solange falando da relación entre as imaxes e os sons de A Seat at the Table. Aínda así, no caso de Elba si que semella que o traballo visual foi distinto para cada tema, así que agora queda por ver como será o resultado cando cumpra coa idea de sacar un disco, do que noutra entrevista dixo que quería que as cancións estivesen unidas por un fío condutor.

ELBA: Está máis avanzado, musicalmente está todo cerrado, simplemente me está levando máis do que pensaba sacalo, tamén por unha cuestión máis loxística… e o fío condutor é un pouco a temática, a estética, o que representan eses temas tamén para min. E tamén, a pesar de ser bastante variados en canto a estilos, intentei que estean todos unidos musicalmente uns aos outros tamén por exemplo coa orde das cancións… Sobre todo creo que teñen unha atmosfera en común.

Son e visión #1: “Xinxa” de Pantis

10250139_927402550706467_8752377215860045211_n.png

Onte empecei unha sección de verán na Radio Galega, desta volta falando de videoclips con Xiana. Podedes escoitala neste enlace, pero adaptei un pouco o texto para compartilo aquí e que poidades lelo. Chámase “Son e visión”, xogando un pouco cunha das miñas cancións favoritas de Bowie, que puxemos de sintonía. A foto de Pantis é de Mar Catarina.

Quería falar de videoclips pero parecíame complicado facelo na radio pola limitación que temos: a xente que nos estea escoitando non pode ver os vídeos, senón que tería que imaxinalos na súa cabeza. Así que se me ocorreu xogar precisamente con iso, porque antes de que algún realizador ou realizadora lle poña imaxes a unha canción, ten que inventar esas imaxes na cabeza cando a escoita. Logo a nós xa nos dan as imaxes feitas, pero pareceume que podíamos tentar recrear esa especie de momento de pureza inicial, poñéndolle a alguén unha canción da que non vise o vídeo e preguntándolle que imaxes lle evoca. Despois contrastaremos iso co proceso de traballo de quen finalmente fixo o clip.

Isto por escrito non funciona da mesma maneira, pero podedes facer o mesmo e xogar a escoitar o tema e ver que imaxes vos evoca. Desta primeira volta a canción é “Xinxa”, de Pantis.

Como esta sección é un pouco un experimento, quixen empezala con alguén de confianza por se acaso era un fiasco, e púxenlle a canción á miña irmá Elba, que me mandou uns audios explicando o que imaxinou ao escoitar “Xinxa”. Avisoume de que non entendía o que dicía a letra, así que se centrou na música. Cando se me ocorreu o de preguntar por estas imaxes, pensaba que a xente me falaría en abstracto de imaxes, paisaxes ou cores, pero ela elaborou unha narración completa con conflito e desenlace, tirando a outro xénero dentro do mundo dos videoclips. Este foi o conto:

Imaxineime un primeiro plano como do universo, así con estrelas, cometas, etc. Un fondo escuro e que fose facendo como un zoom cara unha nave espacial e ao final se colase como por unha fiestra desa nave, que dá á habitación dun dos extraterrestres que viven nela.

É como o día normal dese extraterrestre que vive aí coa súa familia, no seu minipoboado de extraterrestres. E de repente na nave aparece un sinal de que lles falta alimento. Entón aparece un radar que vai facendo así polo universo [fai ruido de radar]. Bueno, como un radar calquera [risas]. E cando pasa o radar por riba da Terra danse conta de que lles dá positivo en alimento. Non é que coman persoas ou que queiran matar á xente, a eles gústalles moito a mazá. Nesa pantalla sae así como un símbolo dunha mazá parpadeando enriba da Terra. Póñense todos moi contentos e din “por fin, atopamos alimento!”. Bueno, non din nada [risas], soa música detrás.

Entón a nave vaise achegando á Terra, aterrizan nela pero a xente pensa que os veñen matar, exterminar, comer ou o que sexa. Teñen medo e toda a xente empeza a correr, como escapando dos extraterrestres. E eles están como “que pasa?”. É boa xente. Bueno, boa xente non, bos extraterrestres. Van con toda a súa boa vontade, pero a xente pois iso, bota a correr porque ten medo, e finalmente aparece unha persoa que mata ao extraterrestre e á súa familia, que baixaran da nave. Dispáranlles. E a última imaxe do videoclip é un primeiro plano do extraterrestre protagonista que se levantara pola mañá na nave, cun papel na súa man no que ten debuxada unha mazá. E entón a cámara vai facendo un zoom ao revés [risas]. Antizoom. Como que se vai alonxando, vamos. E iso foi o que se me ocorreu. Seguro que non ten nada que ver coa canción, pero bueno.

Non sei se a estas alturas probastes a facer o exercicio de pensar que imaxes vos aparecen na cabeza. Para min é interesante ver como os videoclips son obras con dúas autorías en tensión: a de quen fai a canción, que di algo con ela, e a de quen lle pon imaxes, que pode ter o seu propio discurso (como vemos aquí no caso de Elba, que inventou este drama interplanetario no que o tema principal son os prexuízos). Pero este vídeo é un caso diferente, porque Rubén Domínguez, que é quen realizou o clip, é tamén Pantis, o autor da canción, así que os discursos do son e da imaxe teñen moito que ver. Así nos describiu el o vídeo de “Xinxa”.

Xinxa” é unha canción que fala de xuventude, de emigración e de abandono, e nela certas imaxes, que están presentes na letra, foron inspiradas en anacos de vídeos dun diario visual que fun facendo dende os 16 anos ata os 19 ou así, alí no Grove. Entón empreguín esas imaxes e esa relación coas palabras, esa devolta das palabras ás imaxes para crear o videoclip a través dese diario visual.

É posible que teñades visto, se non esta, outras pezas de Rubén, que comparte con Mar Catarina o proxecto Prenom e fixo os clips de cancións de Señor Anido, Os Amigos dos Músicos, Terbutalina ou Chicharrón, onde tamén toca. O vídeo de “Xinxa” ten moitos trazos do estilo de Rubén, que fragmenta, superpón e distorsiona moito as imaxes. Pero, no medio desa fragmentación, dá a sensación de que estamos accedendo a algo moi íntimo do que simplemente non temos todas as claves. Por unha parte, está presente a cualidade de moitos vídeos domésticos, nos que podemos recoñecer algo universal ou colectivo, elementos que se parecen a nós na paisaxe, os costumes ou os xestos da xente, que parece confiar na cámara. E pola outra, ten ese carácter de diario adolescente, entre o xogo, a poesía e a procura da identidade. Pregunteille a Rubén algo máis por ese diario visual e como o empezou.

Penso que naceu de forma espontánea, rexistrando cousas cotiás e tamén momentos que eu entendía como importantes na miña vida. Penso que este rexistro de momentos, que aos meus amigos por suposto non lles parecía de todo guai, era unha necesidade, unha especie de ansiedade da perda, de tentar que perdurara. Tamén despois gravín moitos vídeos de tránsito. Eu vivía en San Vicente, pero a miña vida tanto a nivel académico como persoal, social, blablabla, facíaa no Grove. Entón acostumaba a rexistrar moitos momentos do camiño. Tiña unha moto, unha Vespino, e moitas veces utilizaba a cámara para rexistrar ese camiño. Entón aí foise creando unha masa de vídeos bastante importante. E tamén hai bastante de autorrepresentación, autorretratos e todo iso.

Igual neste caso o proceso é un pouco diferente ao que pensaba ao propoñer a sección: no caso de Pantis, as cancións e os vídeos son habitualmente parte dun mesmo discurso, neste caso chegando ao extremo ao que facía referencia Rubén, no que as imaxes orixinais son a inspiración do tema. Interesábame saber entón que diferenza vía entre facer clips para os seus proxectos e facelos para a xente que llos encarga.

Dalgunha forma, con Pantis síntome extremadamente libre para facer o tipo de vídeo que me pida o corpo. Quizais permítome ser máis, por así dicilo, conceptual, e non adecuarme tanto á forma habitual dos clips. Entendo que cando recibo un encargo, a banda busca a nosa identidade, ou a miña identidade como realizador, pero tamén busca recoñecerse. Nos vídeos que fago para min mesmo, aí non hai ningunha dúbida, nin ningunha cortapisa ou autocensura, por así dicilo. E quizais nos encargos si que procuro limitar un pouco ese aspecto. Ás veces penso, con determinados vídeos, que se lles presentara as propostas que fago para min a outra xente daríanme con elas na cabeza ou algo así.

Rubén tamén explica que a maioría dos vídeos que dirixiu para Pantis fíxoos en moi pouco tempo, nun día ou dous, e son se cadra máis radicais, pero é bonito ver como nos máis de vinte clips que leva feitos hai unha personalidade e unhas inquedanzas que se manteñen. Por exemplo, esas imaxes de tránsito ou o carácter de diario aparecen tamén, doutra maneira, nos vídeos que dirixiu para “Ensíname” de Peña ou “Raiolo” de Musel. Isto deixa ver que, aínda que o videoclip nacese como un formato promocional (e siga tendo algo diso en moitos casos) existe a posibilidade de utilizalo para desenvolver un discurso artístico, que no caso de Rubén tamén se ve na maneira na que entende a relación entre a música, a letra e as imaxes.

Bueno, eu teño unha teima sobre iso, e o que imaxino sempre son, cando se trata dunha canción que ten texto e tal, son palabras en movemento. Xogar co movemento e a dinámica das sílabas trasladándoas a imaxes [isto, xa que aquí estamos por escrito, creo que é o que podedes ver en clips como os de “Tryin’ to fuck me” de Cudevaso, “Viaduto” de Pantis ou “Muinheira de costa” de Terbutalina]. E bueno, xa tamén como tradición audiovisual, buscar as colisións. Ás veces as apertas e ás veces as colisións. No caso dos videoclips mola que haxa un pouco de todo: que non sexan sempre colisións absolutas nin que todo o tempo vexamos referenciado en imaxes o que pensamos do texto.

Paréceme ben acabar este primeiro intento de xogar con esa relación entre son e imaxe con esta reflexión de Rubén sobre a necesidade de que os videoclips non sexan simples ilustracións do texto. Penso que é máis bonito deixar que a cabeza voe e que a música inspire visións libres. A estas alturas, se cadra a vós xa volas inspirou, así que poño aquí debaixo o clip de “Xinxa” para que poidades ver canto cadrou a vosa intuición coas imaxes que inventou el.