Sr. Anido e Sra. Álvarez – 18

sranidosraalvarez

Dende que empecei a escribir sobre música levo feito uns cantos encargos de notas de prensa sobre cancións ou discos. Sempre foron sobre discos que me gustaban, pero algúns entusiasmábanme de verdade e outros só me gustaban moderadamente. Pero claro, non podes dicirlle á xente que merque un disco que está “ben”. Necesitan crer que está xenial. E ao tempo eu non quero escribir como un mercenario, que nestes casos só me pagaron regalándome o disco (ou nin iso). Creo que o mellor que fixen foi este, pero vou recopilar aquí tamén o resto porque me parecen interesantes e moitas veces son textos que quedan ocultos e perdidos. Este tamén está, con tradución ao castelán, na web de Desconcierto.

Sempre me pareceu triste escribir textos promocionais: tes que esaxerar as virtudes dun produto e esconder os seus fallos. Buscas argumentos de venda para seducir ao lector, e saen unhas palabras baleiras, ansiosas por parecer verdades, que o mesmo podían falar dun disco que dunha lavadora. Pero este non é o caso: quero demostrar que este disco é radicalmente diferente dunha lavadora porque esixe palabras que vaian máis aló do que unha máquina poida pensar ou sentir. Para non poñelo fácil, tomei por exemplo a lavadora BALAY 3TS976B, que a OCU considera Compra Maestra. No catálogo de Balay arrincan cunha atractiva descrición:

La nueva lavadora ExtraSilencio de 9kg de Balay se reinventa con una nueva estética perfectamente coordinada con la secadora. Un diseño de gama alta, con una gran puerta con tirador integrado, un mando innovador y gran display LED (…)”.

Aquí atopamos o primeiro gran argumento de venta: a reinvención, a aparición dunha nova estética, pero sempre partindo da fiabilidade da marca e os seus anteriores produtos. A fantástica estratexia de persuasión apela ao mesmo tempo ao lado práctico e ao lado emocional do cliente, que se sinte satisfeito da súa intelixencia e constrúe un vínculo coa lavadora, igual que sucede cos grupos que, segundo as súas notas de prensa, se reinventan:

“Motivados por una necesidad exploratoria y armados con un amplio surtido de referentes estéticos, la banda madrileña ha encontrado una nueva ruta en la que pervive la baja fidelidad, el afán por descontextualizar y el divertimento ácido que busca el estímulo acción-reacción en el público.”

Pero eses non son os únicos argumentos dos vendedores de lavadoras. Calquera comercial que se precie destacará delas o seu éxito entre o público e unha serie de características con nomes en inglés:

“La tecnología AquaControl, la función Varioperfect y el tambor Variosoft, además del sistema de Secado Non-Stop, han hecho a este modelo líder en su categoría en España y Portugal”.

Presiónase ao espectador coa ameaza de quedar fóra do grupo comprador. Dende o clásico “50 millóns de fans de Elvis non poden estar equivocados”, calquera artista que se precie presume de quen xa se rendeu aos seus encantos, especialmente se é no estranxeiro (“son tan sonadas sus actuaciones que pronto empiezan a ser reclamados por los mejores festivales y salas de España, Portugal e incluso Argentina, siendo en este país donde han tenido lugar sus dos últimas actuaciones”). Por suposto, e en relación ao anterior, a utilización de palabras anglosaxonas é tamén un recurso clásico da prosa promocional española. É lóxico: dá un aspecto de sofisticación internacional dificilmente igualable polas linguas romance, e a combinación das dúas sonoridades consegue unha rítmica chea de dinamismo que, sen dúbida, non te deixará indiferente:

“alimentando varios tracks con colaboraciones en algunas letras e instrumentales de compañeros de su escena natal gallega. El resultado es un exótico disco donde conviven el chill out, el soft electro o el deep house y con ello se logra llamar la atención en algunos medios de comunicación y se consigue colocar alguna sintonía y hacer algunas presentaciones incluso más allá de nuestras fronteras.”

Con todo, durante esta investigación dinme de conta de que hai algúns adxectivos que serven para vender música pero non para vender electrodomésticos: “un disco elegante, maduro, directo y muy personal”, “una obra magistral llena de fuerza y esa emotividad tan propia de X”, “canciones sinceras y honestas que transmiten por momentos cierta nostalgia”, “un cúmulo de emociones y sentimientos encontrados que fluyen en perfecta armonía a través de una voz muy especial”. Unha lavadora, incluso unha neveira, pode ser elegante e estar en perfecta harmonía (no seu caso, coa secadora ou co conxelador). Incluso pode transmitir nostalxia. Pero é un obxecto funcional, xusto o contrario da arte. Unha lavadora non será sincera, non nos transmitirá un cúmulo de emocións, non será persoal. O problema está en poñer palabras fermosas ao servizo de obxectivos deshonestos, ata acabar roubándolles o sentido. Esta obra trascende o contexto da industria cultural e non ten nada que ver cos cartos, nin co mercado, nin con ningún resquicio da mentalidade económica: esta non é unha nota promocional, igual que este disco non é un produto. Que palabras me quedan para explicar o traballo de Sr. Anido e Sra. Álvarez? Por suposto, é un disco sincero e persoal que transmite un cúmulo de emocións, pero xa vimos que dicir iso é como non dicir nada. Creo que o realmente importante destas cancións é que, nos tempos do cinismo e a superficialidade, teñen unha visión do cosmos na que non cabe nada diso. É unha visión tan lúcida como alucinada, na que os conflitos da identidade individual e das identidades colectivas son retratadas e, ás veces, resoltos. Cando sucede iso é a través dunha fé no amor que permanece, aguantando toda a dor que o mundo provoca na xente sensible. A min quítame do meu vivir acolchado e faime sentir unha conexión auténtica coa voz de Sr. Anido, como se a riqueza de rexistros que aquí utiliza conseguira trasladar a beleza que hai dentro da súa alma sen ningunha traba, dunha forma pura. A instrumentación e os arranxos conseguen que a música reflicta exactamente o mesmo: unha serenidade sabia no medio do caos, un caso improbable de peza de arte que fala todos os idiomas. Podes dicir que é cósmica, galáctica, universal ou, simplemente, humana. En media hora fai que rías e chores, que saias de ti e que volvas.

Advertisements