Os traballos de Cinegalicia 2019

cinegalicia roberta

A Cuarta Parede publicou xa o total dos traballos de Cinegalicia 2019, o proxecto no que xuntamos a persoas nacidas en 1989 ou despois para facer vídeos, textos, músicas ou carteis que dialogasen coas películas do Cinegalicia orixinal: Sempre Xonxa, Continental e Urxa. A min paréceme que quedou moi bonito, que hai exemplos moi bos de como revisar o que había aquí hai 30 anos e cousas moi inspiradoras, con equilibrio entre o máis radical na forma e o máis popular.

Fixemos un catálogo que maquetou Camila Viéitez e que podedes descargar aquí. Está moi bonito tamén, e ten pequenas explicacións de cada peza por parte de quen a fixo (pero é un PDF e non se escoitan as músicas nin se ven os vídeos).

Cinegalicia 2019

facebook.jpg

Hai uns meses chamoume Brais Romero, que dirixe A Cuarta Parede para comentarme unha idea que tivera: aproveitar o 30 aniversario de Cinegalicia (o evento no que se estrenaron Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; Continental, de Xavier Villaverde; e Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal) para poñer en valor o traballo creativo da xeración que naceu despois daquelo. Conseguiu o apoio económico da Deputación da Coruña e puxémonos en contacto con xente do ámbito do cinema, a música, as artes gráficas e a crítica para que elaboren pezas novas que dialoguen con aquelas dende diferentes ámbitos.

Esas pezas aínda non están feitas, pero vimos de facer pública a imaxe do proxecto (que fixo Roberta Vázquez), e tamén a xente que participa facendo esas novas obras: Adrián Canoura, Lara e Noa Castro, Iria Silvosa, Elba Souto, Charles Rapante (con Anxos Fazáns), Oh Ayatollah, Montse Piñeiro, Pepa Prieto Puy, Julia Huete, Sara Donoso, Clara Coira, Laura Ramos, Jesús Silva Anxo F. Couceiro. Tamén colaboran Camila Viéitez Andrés Sanjurjo.

Na web de A Cuarta Parede está dispoñible xa unha galería con vídeos nos que estas persoas explican que é que fan na súa obra creativa e un editorial no que se explica o sentido de volver outra vez sobre as mesmas películas.