Son e visión #2: “A túa gravidade” de Chicharrón

chicharron-foto.jpg

O venres seguín con esta sección de verán na Radio Galega, que non vai sobre o verán pero só vai durar o mes de agosto. Se escoitastes a anterior, saberedes que vai sobre videoclips, que ao final son as imaxes que alguén inventa para acompañar unha canción. Como pola radio non podemos ensinalas, xogamos con esa imaxinación e pedímoslle a alguén que escoite un tema que non coñecía, que xogue e que nos conte que imaxes lle evoca, e despois comparámolo co proceso creativo da persoa que fixo o videoclip que si que existe. Desta volta fixémolo arredor de “A túa gravidade”, de Chicharrón, falando do seu clip con Sara Iglesias, que o dirixiu, e facendo o xogo de inventar imaxes con Patri Santana. Podedes escoitalo aquí e ler unha versión escrita aquí debaixo, para a que estaría guai, se queredes xogar, que lle deades ao play no reprodutor e pechedes os ollos a ver a onde vos leva o tema.

A foto de Chicharrón é de Prenom.

A persoa encargada de pensar as súas propias imaxes para esta canción de Chicharrón foi Patri Santana, á que se cadra coñecedes por presentar o Luar con Xosé Ramón Gayoso esta tempada. Mandoume un audio coas cousas que inventou: ás veces parece un soño, ás veces máis o guion dun videoclip… e logo ten un final inesperado.

Pois a primeira vez que escoitei a canción pechei os ollos, e xa de repente empezaron a soar as primeiras notas e véuseme á cabeza unha nube de polvo de cor dourado. A cámara segue esa nube de polvo, que se move nun ambiente de branco e negro, de luz apagada. Entón é como que a nube vai percorrendo diferentes aldeas, diferentes zonas nas que se ve á xente facendo traballos que son duros: levando o gando ao monte, lavando a roupa no lavadeiro de pedra, rachando leña… 

É como que a nube de polvo vainos levando por diferentes sentimentos, situacións… esa xente está traballando, sumerxida no seu día a día, traballos duros, traballos forzados… e no momento no que sube a intensidade da música, é cando a nube de polvo, bum! Eclosiona, rompe e racha con ese branco e negro das imaxes e dálle cor a esa xente, a ese momento.

E así ao longo de toda a canción, ata que ao final de todo se ve que a nube de polvo vai viaxando por un túnel negro e moi escuro, só se ve o dourado da nube de polvo, e ao final de todo empeza a emerxer a cor e estamos Patricia Santana e Gayoso, que somos os que gardamos esa nube de polvo nunha caixa. E o que queremos demostrar con esto, ou o que a min me evocou esta canción, é que a xente chega o venres, chega ao final da xornada e a xente pon a Televisión de Galicia, ve Luar e levámoslle o sorriso, levámoslle a festa, levámoslle a diversión á casa e é un momento de desconexión no que a xente se sinte feliz, racha coa súa rutina de toda a semana e carga as pilas. Non sei se queda un pouco… ben, mal? esta explicación. Xa me dirás [risas], pero realmente cando pechei os ollos levoume a ese percorrido.

GayosoePatriciaFernandezSantanaRec.jpg

Agora se cadra a xente pensa que isto é unha promoción oculta da CRTVG, pero paréceme moi bonito ver como na mente de Patri apareceu unha especie de equilibrio que é moi propio dos videoclips: a súa función é promocionar unha canción e facela accesible, pero ao mesmo tempo poden ser imaxes oníricas que non narren necesariamente unha historia, cousas que se pensen arredor de cores e formas como esa nube de pó dourado. E, se imos relacionar os vídeos musicais cos soños, ten sentido que soñemos en primeira persoa e nos vexamos aparecendo neles. O clip real da canción é diferente, pero ten en común co de Patri o uso do branco e negro e ten tamén para min, ao velo, un aquel de soño, porque se trata de imaxes evocadoras que fai falla interpretar. Pedínlle á súa autora, Sara Iglesias, que nos describise o clip de “A túa gravidade”.

É como un paseo á desnudez, pero á desnudez de soltar lastres. Soltar as cousas que che parecen moi grandes para quedarte coas pequenas que reconfortan. Por iso ao final o clip faise un pouco angosto e só se ven cachos ou pedazos de pel, mans… Como rozan esas partes do corpo, que poden ser un mesmo ou outras persoas, ou poden ser roces de todo iso que fuches soltando a medida que pasaba o tempo.

Para min ver o vídeo de Sara para este tema foi curioso, porque ten moito que ver co resto da súa obra na maneira en que aparecen os corpos (a miúdo coa cámara moi preto, a miúdo rozándose). Pero as cores intensas, a acción e a viveza que hai nos clips que fixo para Avecrem, Travesti Afgano ou Contenedor de Mierda aquí son personaxes e movementos misteriosos, imaxes ambiguas, se cadra pola propia influencia da canción de Chicharrón. Sara comentoume que o resto dos seus vídeos eran “moi da xente” e este máis dos espazos. Pregunteille pola relación que vía entre o tema e as súas imaxes e díxome isto:

Eu tentei que as imaxes fosen nun tono sombrío, porque a canción paréceme que non sei, é como se se metese na túa cabeza e pona un pouco escura, pero unha escuridade pensativa. Non sei como describir esta sensación… Para min teñen unha relación co sonido, esas imaxes de xente camiñando, é como un paseo fúnebre. É como de estar enterrando algo pero que non ten que ser unha cousa negativa, senón que é un paso a outra cousa.

“A túa gravidade” está dentro de Cancións clínicas, un disco do que podedes ver tamén videoclips de Mar Catarina ou Rubén Domínguez, e con el eu tamén sinto algo parecido ao que describe Sara. Como unha especie de tensión, ou máis ben de equilibrio, entre a dor e o amor (que ao mellor teñen que ver con ese dourado oposto ao branco e negro do que falaba Patri). Paréceme que a escolla que ela fixo á hora de poñerlle imaxes ten o valor dos videoclips que máis me gustan, nos que hai un discurso que dialoga coa canción sen reproducir necesariamente o que esta di e sen caer en automatismos ou lugares comúns. Se cadra isto tamén ten que ver coa maneira de traballar de Sara, que é moi inmediata.

É como chegar e encher. Aínda que ás veces teña medo, pouco tempo ou estea un pouco nerviosa, fágoo rápido e non está saíndo mal. Defínome por ese agobio: teño dous meses, pois espero á última semana, agóbiome e fago todo en dous días, pero en realidade é o que quería, porque esa tensión axúdame a pensar. O trazo común é a impaciencia, e esa impaciencia levada a que pode que faga todo en poucos días, pero sempre deixándome levar polo que vai pasando.

Sara-Iglesias-1-770x623.jpg

O videoclip funciona así para Sara Iglesias como un espazo de liberdade no que colle a improvisación, no que pode traballar partindo das súas limitacións. Por exemplo, a textura da cámara dixital de man que usa dálle ás imaxes de “A túa gravidade” parte do seu misterio, como pasa ás veces nos filmes máis recentes de David Lynch, que non é defensor da alta definición. É un proceso de traballo aberto na colaboración, e é bonito pensar que o resultado son vídeos igualmente abertos á interpretación. Pero, xa que estamos xogando a ver canto condiciona unha canción as imaxes que lle poñemos, quixen facerlle a Sara a pregunta oposta: condicionan os videoclips a nosa experiencia dunha canción?

Tamén depende do vídeo. Porque hai vídeos que son de bailar e son de bailar. Por exemplo, un dos videoclips que máis me mola é “Sorry”, de Justin Bieber, pero porque é un fondo chulo, branco, con moita xente bailando con cores divertidas. E aínda que non vaia do tema, a min o videoclip si que me pega coa canción. Non sei, paréceme que o baile e ese xogar cos corpos si que funciona aínda que non se conte a historia. E si, creo que pode alterar a maneira de ver a canción, e sobre todo do que che quere dicir. Tamén se a linguaxe que se utiliza no videoclip vai moi referida á letra ou a letra é moi narrativa, pode condicionar.

Isto que di Sara leva a dúas conclusións xeitosas para rematar a sección de hoxe. Unha é que chama a atención como, dentro da riqueza dos videoclips que hai en Galicia, é bastante raro ver clips baseados no baile. Así a bote pronto véuseme á cabeza o de “¿Cómo haremos para desaparecer?” de Franc3s (de Rubén Domínguez) ou, dalgunha forma, os de “Ostiá” de IGMIG (de Mig Seoane) e “Narcociudad” de Diola (de Judith Adataberna), pero parece que hai oco para as coreografías elaboradas por se alguén quere ocupalo. A outra, que é máis bonito pensar as imaxes da música sen ter que ser moi literal, e o resultado se cadra tamén lle dá máis liberdade ao público. Non sei como de literal puido ser, en relación á letra, o que se vos ocorreu a vós con “A túa gravidade”. O de Sara foi isto:

 

Un tema e moitos temas: cancións galegas breves

metralletas.jpg

Este domingo acababa a tempada do programa de Xiana na Radio Galega e pediume facer unha colaboración máis breve do habitual para pechar a sección de Un tema e un tema. Non o pensei moito e fíxeno sobre cancións breves, así que atopei unha chea de temas galegos de menos dun minuto e puiden poñelos enteiros. Pero quedei coas ganas de compartir os demais, así que ademais dos 9 ou así que pinchei comparto aquí unha lista doutros moi chulos que fun atopando. Na radio puxen a Chicharrón, Srasrsra, Avecrem, Bazongo, Lamprea Explosiva, Os Resentidos, Aries, Os Gru e Metralletas Lecheras, dos que atopei esta foto entrañable do día que tocamos Monstruo con eles no Swass en Ourense. Quedei moi contento porque supoño que no capitalismo avanzado escoitar tantos discursos artísticos diferentes en tan pouco tempo dáche a sensación de aproveitar o tempo ao máximo. Vós podedes facer igual.

Podedes escoitar a sección (e o programa enteiro) aquíE abaixo de todo iso puxen máis cancións galegas breves que me gustan.

Normalmente empezo cunha canción que soa de fondo mentres explico de que vai a sección esta vez. Quería poñer un breve pero nese caso non ía darme tempo a falar, así que puxen “Heatwave” de Martha and the Vandellas porque facía calor. Pero agora podo poñer un tema breve estranxeiro e vai ser este de Bikini Kill, que é super rotundo.

Hoxe Xiana pediume que fose breve, así que vou falar da brevidade. A min a brevidade non se me dá ben, pero hai un montón de xente en Galicia á que si, así que escollín unhas poucas cancións breves desa xente, e propúxenme aprender do seu exemplo. Entón non vou dar a chapa sobre ningunha pero vou dicir o título, a duración e algo importante sobre cada unha delas. Duran todas menos dun minuto.

Vou empezar por unha canción sen título de Cancións clínicas, o último disco de Chicharrón. Dura 44 segundos. Gústame moito como é luminosa e etérea pero está cortada por eses golpes violentos.

Agora “Fusión nuclear”, de Srasrsra. Dura 58 segundos, é un pouco longa pero nese tempo ten unha estrofa, dous estribillos, unha ponte cunha guitarra chulísima e uns coros xeniais que din “guai” ao tema da fusión nuclear.

Esta que vén é “Una chicha loca”, de Avecrem. Dura nove segundos. Parece o momento final dunha canción, cando os membros dun grupo se poñen de acordo para pechar o tema, pero niso atopa unha melodía e resume o son do grupo, coa guitarra chirriante e unha batería entre o firme do rock e o aberto do jazz.

Podemos irnos a algo aínda máis breve: “Baspingo”, o tema inicial do debut de Bazongo, dura tres segundos e é perfecto para empezar un disco: ese saxo sona xoguetón e misterioso, e o acople promete algo que explotará. Se entendemos o punk como música libre, aquí vemos a liberdade para escoller canto dura unha canción sen ter que poñerlle estrutura con repeticións e todas esas cousas.

Bazongo están no colectivo Caracol Negro, como Lamprea Explosiva, que son mestres da sabedoría breve na liña do Castelao de Cousas da vida. Nos 42 segundos de “O medo é o motor que move o mundo” fan un collage con versos de Xela Arias, Lois Pereiro e Sabela Oxea.

Agora vou poñer “Teño soños”, dos Resentidos, que dura 22 segundos e parece un musical, con dous personaxes e un final inesperado.

Seguen tres un pouco máis longas. Esta é “Facts (canción a Coki)”, de Aries. Dura 52 segundos e pode falar da natureza ou de como hai cousas que non fai falta dicir entre xente que se quere.

Esta é “El Hueso”, fixérona Os Gru e tamén ten que ver coa natureza. En 56 segundos super evocadores resume o ciclo da vida dende a observación dun óso de aguacate.

Por última do programa [aquí poño máis debaixo], un clásico esquecido da canción melódica galega: “Faire l’amour” de Metralletas Lecheras. 57 segundos con baixo, percusión, o que creo que é un taladro unha aspiradora e Rafa Anido Zé Pequeno en modo crooner. Non podo evitar pensar en que as orquestras galegas acabarán incorporándoa ao seu repertorio.

Por seguir co bonus de temas breves galegos que me gustan moito, quedoume sen meter “Sacyr Vallehermoso”, un tema de Emilio José con 34 segundos preciosos. Sacyr Vallehermoso é unha das grandes contrustoras españolas, pero esta música parece representar máis ben unha especie de locus amoenus que debe corresponderse coa parte do Vallehermoso.

Contenedor de Mierda sempre van directos ao gran e non hai cousas innecesarias no que din e fan. É todo sustancia. Dentro das súas cancións máis breves son moi fan de “Redes fecales”, que retrata o mítico odio que nos medra ás veces ao usar Internet en 49 segundos.

Tamén me encanta “Vómito en tu cara”. Na entrevista que fixemos no blog do Galician Bizarre falabamos de como os seus temas teñen argumento, narración. O deste, que sucede en 42 segundos, contábao Anxos:

“Vómito en tu cara” é o primeiro tema que surgiu en Contenedor de Mierda, antes de que existise Contenedor de Mierda porque Sara escribiu unha letra. A canción fala deste momento na vida no que te despertas con resaca, quizais aínda borracha, e se che mezclan as ganas de foder coas ganas de vomitar. E xa está! A todos nos pasou eso algunha vez.

Ás veces as cancións breves levan todos os elementos típicos das cancións (estrofa, estribillo, solo, ponte e esas historias) pero outras parecen ter liberdade para xogar sen cinguirse a iso e dáme a sensación de que case hai máis riqueza e imaxinación nos temas de menos dun minuto que nos que van dos dous aos catro habituais na canción pop. Ou tamén fai falta imaxinación para resolver unha canción pop en menos dun minuto, claro. Por exemplo, hai temas que xogan a romper dentro da secuencia dos discos, como pasaba cos instrumentais ambientais de Chicharrón en Cancións clínicas ou algúns experimentos de Los Locos Hongos como estes 26 segundos de “Dentrísimo”.

En A grande evasión de Ataque Escampe había tres temas preciosos só con piano que levaban o nome dos tres aeroportos galegos e parecían dividir en seccións o disco dalgún xeito. O que máis me gusta é o de Lavacolla, e demostra outra vez que ás veces neste formato de duración mínima (aquí 39 segundos) poden pasar cousas que non pasan noutros. E aquí quedoume unha conclusión bonita para o que quería dicir, así que o resto de cancións breves galegas guais coas que din póñoas sen máis para non dar a lata.

“No conozco la O”, de Laura LaMontagne, 53 segundos.

“Picolo vas de verde”, de Terbutalina, 35 segundos.

“Non credo en el amore”, de Siniestro Total, 53 segundos.

“Ñañeiro”, de Djalminha, 47 segundos.

“Todos contra el fuego anal”, de Unicornibot, 43 segundos.

“Open Up Your Door”, de Samesugas, 55 segundos.