Coches e pitillos: a iconografía de FØ Records

Portada da mixtape O club do pitillo

Nova colaboración no Diario Cultural Zeta, desta volta falando con Lucía Junquera sobre o colectivo de Negreira FØ Records, coas declaracións de Álvaro Alvite Peillet (Camel Blando). Pódese escoitar clicando aquí e pódese ler debaixo. Para máis información sobre FØ Records, recomendo un par de artigos cos que me documentei e nos que se din cousas distintas ás que se din neste: un de Marina González Estévez en Mazarelos e outro sobre Plăcinte de Puto Rumeinian en Vinte.

Ultimamente estiven dándolle algo de voltas a como a realidade cotiá aparece nas cancións galegas, a raíz de estar escoitando a Bratzantifa, a Verto, a Grande Amore… e atopar temáticas e situacións que me resultan ao mesmo tempo recoñecibles e novidosas, o cal é unha mestura ideal para a música pop, e como á música galega aínda lle quedan moitas realidades por tratar pode dar moitas alegrías. Levo tamén un tempo escoitando as cancións dos distintos artistas de FØ Records, e un texto no seu Instagram fíxome pensar en como podían relacionarse con isto.

“Chegou o día. Reset cultural. Os concellos de Catoira, Lousame, Rois, Dodro e Mazaricos por fin van ter un produto cultural que representa os intereses da súa mocidade.” Esta afirmación de que hai uns intereses, unha realidade que por fin vai ser tratada, vai en relación aos dous elementos clave na iconografía de FØ Records: os coches e o tabaco, o tramo e o pitillo. O que pasa é que, tratándoo respecto a esa idea de que a realidade cotiá dea pé a algo á vez recoñecible e novidoso, a miña sensación cun tema como este “Uh, iah!” de Camel Blando é diferente, se cadra porque nin os coches nin o tabaco teñen moito peso na miña vida diaria. Aínda así, logo dunha afirmación como esta quixen ver que significaban estas cousas para a xente do entorno de FØ Records e como crían que o entendía a xente allea a ese contexto. Para iso, pregunteille a Álvaro Alvite Peillet, que como rapeiro é o propio Camel Blando pero tamén asina co seu nome os vídeos e deseños do colectivo.

Álvaro Alvite: Pois eu non sei que pode significar o rollo de ir de tramo e fumar pitillos para a xente do meu entorno nin para a xente de fóra tampouco. Quero dicir, ti cando escribes unha letra, se falas dun sentimiento (aínda que sexa con metáforas ou o que sexa) estás dicindo como te sintes ti, non hai nada que interpretar aí. Un pitillo, un coche, calquera imaxe que ti digas nunha letra, sen dicir nada, simplemente “facendo trompos”. Pois eu non estou dicindo aí “estoy enamorao”, estou dicindo “facendo trompos”. Ti vaste imaginar na túa casa a unha persoa facendo trompos. Eu non sei que che evoca a ti unha persoa facendo trompos: se che encanta ir ao Rally do Botafumeiro (creo que hai un que se chama así) pois dirás “que risa”; se es unha madre dirás “que peligroso”. Eu que sei, cada persoa interpretará o que interprete, e cos pitillos igual. Alguén que fume dirá “os pitillos están ricos” e a xente que lle moleste o tabaco dirá “eso dá cáncer de pulmón”. Entón non sei que representa para a xente. O rollo de Catoira, Rois, Lousame… que facíamos referencia na publicación é porque bueno, darlle unha estética redneck ao rollo de concellos mazo rurales faime gracia a nivel audiovisual sobre todo… Non sei, un pavo de vinte anos de Lousame que fuma mazo pitillos e fai trompos co coche, eu faría unha película sobre eso, e entón tamén cunde facer cancións sobre eso. Ese é o meu razoamento.

Que me evoca a min unha persoa facendo trompos? Pois é complicado. Non fumo e non teño carné, e probablemente se vexo a alguén facendo trompos pense máis parecido a unha nai. Como tal, se cadra non debería falar moito sobre o tramo e o pitillo porque é un universo que me é alleo. Pero vería esa peli sobre o rapaz de Lousame que fuma pitillos e fai trompos (e de feito paréceme un problema que o audiovisual galego trate constantemente o rural e non teña retratado esa cultura aínda). O que quero dicir é que o importante non é só de que se fala, senón como se fala diso, e nese sentido gústame que as cancións e os vídeos de FØ o fan desde dentro, con moito nivel de detalle e con moita gracia*. Nas súas letras aparecen coches concretos como o Porsche Panamera, o Passat Coupé ou o Subaru Impreza, referencias a cousas como o VTEC, o KERS e o DRS… eu non teño os códigos para saber completamente o que significa, pero transmíteme un punto de verdade e de intelixencia: os coches e o tabaco poden ser maneiras de encher o tempo, o que pasa é que nestes temas (e nestes videoclips e portadas) convírtense en imaxes moi potentes.

No clip de “Chicane”, por exemplo, apareceun sincarné que tamén se pode ver na portada da mixtape O club do pitillo, onde aparecen os membros do colectivo arredor del (se escoitas a mixtape en YouTube hai unha animación na que bota lume polo tubo de escape). Nese vídeo tamén se ve o que creo que é un Volkswagen Golf branco, que aparece tamén na portada de “A porrallada” de og.coulomb, mentres no de “Uh, iah” saía unha Kangoo. Todo isto normalmente no medio de cores saturadas, distorsións, efectos, texturas noventeiras, animacións… Como Alvite Peillet se encarga de todo isto quixen preguntarlle como traballaba esta iconografía.

Portada de “A porrallada”, de og.coulomb

Álvaro Alvite: No rollo visual si que é verdá que case todo o que sacamos leva algún coche por aí. Eu creo que é porque… mira, por ejemplo o outro día estaba na casa… Bueno, igual hai seis meses ou así encontrei uns cartuchos da Nintendo DS, uns xogos así de coches e tal. E flipei porque as portadas, as caixas dos rollos, molaban muchísimo. Os propios xogos molan que flipas, a estética que teñen… a senda arcoiris do Mario Kart está guapísima, e xa as recreativas… Non sei, gústame moito, desde o mítico Visualizer das palmeras. É unha cousa que igual é por nostalgia pero si que é verdade.

Ao haber unha persoa ocupándose da parte visual de FØ Records ten sentido que a estética sexa coherente nese sentido. Pero a nivel musical tamén hai unha estética común, e iso é máis sorprendente porque estamos falando dun colectivo e non dun grupo: teñen proxectos compartidos como O club do pitillo, pero tamén os seus proxectos individuais: goodboy.Xd, og.coulomb e Puto Rumeinian participan como rapeiros, Álvaro Alvite xa vimos que o fai como Camel Blando pero tamén como autor dos vídeos, e Pedro gravando e producindo a maioría dos temas. Os coches e o tabaco van aparecendo nuns e outros, así que quixen preguntarlle a Alvite se isto era algo buscado ou aparecía de forma natural.

Álvaro Alvite: Pois a verdá é que non é unha cousa na que nos poñamos de acordo. En general nós nunca escribimos as letras xuntos, nin cando facemos un tema que rapeamos xuntos. A partir de ahora si que estaría ben facer esas cousas. Ata ahora o que temos sacao é a mixtape esta de O club do pitillo pero non compuxemos nada xuntos nin quedamos. O workflow era basicamente que Pedro facía un beat, mandábao, e esa semana tiña que facerme a letra e gravar, 16 barras, un tema enteiro ou o que fixésemos. Non é algo que escribamos todos xuntos. Uns máis que outros, pero si que soemos facer referencias a eso un pouco por inercia. Eu polo menos non dicía inicialmente: vou facer temas de facer trompos co coche. Si que era un pouco o leitmotiv pero foi unha cousa máis de… non de pensar “vou facer desto”, foi máis como “vou facer temas de rap. De que rapeo? Pois onte o que fixen foi dar unha volta con Pouti na furgoneta e estivemos fumando uns pitillos”. Pois é máis unha consecuencia deso que que nós digamos: “veña chavales, a ver quen fai o estribillo máis guapo sobre facer un trompo na fonte das vacas”.

Hai entón, parece, unha vontade de falar da realidade. Para min a impresión é que nas cancións de FØ Records hai un xogo con coller eses elementos do cotiá pero logo estilizalos, esaxeralos ou darlles certa ironía. Claro que xa avisei de que igual non son o máis indicado para localizar estas cousas porque as vexo desde fóra, así que tamén lle preguntei a Alvite.

Álvaro Alvite: É curioso que me preguntes eso porque esa percepción tena un montón de xente, como de que xogamos aí coa ironía, e como que algunhas cousas as deixamos á imaxinación da xente… “isto será verdá, isto será mentira…?”. E non, é verdá todo, creo que non se dixo ningunha mentira nun tema de FØ Records. Puto Rumeinian, a xente pensa que é un personaje ou así, pero eso non é certo, Bogdan é así. Pásalle a un montón de xente.

Sabendo isto, non teño nada máis que engadir e só animo a quen non escoitase a FØ Records a que o faga, e a quen si, se fai falla, que lles dea outra escoita sabendo que é todo verdade.

* Falando do nivel de detalle, o primeiro que me falou de FØ Records creo que foi Juan Esturao, que tamén ten falado sobre a xuventude rural (a de Touro, no seu caso) neste artigo de Vinte, falando sobre Emilio José neste Fan Fan e, sobre todo, no fanzine El Cosmonauta Tropical, que fan el, Choche e Camila Viéitez, e do que desexo moito un número novo. No número 3 había un artigo, titulado “Vehículos mitológicos”, que ten un ton diferente pero tamén reflexa o papel do motor na vida diaria e a iconografía local:

EL MONOPLAZA DE LOCHO: Locho era un paisano que regentaba un taller de motos ilegal en el bajo de una casa abandonada junto al río Ulla. Todos los adolescentes en veinte kilómetros a la redonda acudíamos a aquel templo a mirar tubos de escape, robar pegatinas o putear un poco al pobre Locho. A él podías encontrarlo más fácil en la taberna que en el taller. Murió cirrótico perdido y el taller tenía suelo de tierra y él iba siempre en chanclas, por lo que sus pies chapoteaban en aceite de motor y el tipo daba bastante miedo y asco. Era habitual que algún castrón tratase de robarle alguna pieza o moto, y él saliese a perseguirlo en su mítico Monoplaza. El Monoplaza de Locho era un Panda cuyo interior había sido vaciado por completo, era todo chapa, sin asientos ni nada, sólo quedaban volante, pedales y palanca de cambios del equipamiento de serie de este clásico utilitario español. Locho lo dirigía sentado en una banqueta que había amarrado al chasis con unas cuerdas naranjas, de ahí lo de Monoplaza. O no tenía parabrisas o era un plástico pegado con cinta marrón. Las persecuciones eran épicas, Locho pilotaba como un diablo por las pistas hasta que el ciclomotor robado quedaba sin gasolina, momento en el que podía recuperar su mercancía y transportarla cómodamente en su espacioso monoplaza. Este vehículo mitológico es recordado con máximo cariño por cualquier animaliño al que se le pregunte, así que permítanme derramar una lágrima por él en este fanzine. Hasta siempre, Monoplaza de Locho.”