Fan fan: Soños

Entre unha cousa e outra tiven moito choio estes meses e non din feito o segundo episodio de Fan fan en VINTE ata agora (pódese escoitar aquí). Vai sobre os soños con ídolos e cousas parecidas, observados desde varias vertentes:

Amigas e amigos que me contan soños: Rubén Domínguez con Jennifer Lopez, Pepa Prieto Puy con Jonathan Richman, Olalla Esquimal con Patti Smith, Andrea Villa con Baiuca, Xacio Baño, Adrián Canoura e Mimi de Operación Triunfo, Héctor González con Pereza e Songo’o, Angelo Mastartoni con Nuno de Oh! Ayatollah e Leonor Murias con Mercedes Peón.

Cancións sobre soños con ídolos. Aquí están “Salvador Dali” de Jonathan Richman, “El del medio de los Chichos” de Estopa, “I Dreamed I Saw Phil Ochs Last Night” de Billy Bragg, “Joe Hill” de Paul Robeson, “Paul McCartney” de Scissor Sisters e “Come On! Feel the Illinoise! Part I: The World’s Columbian Exposition Part II: Carl Sandburg Visits Me In A Dream” de Sufjan Stevens. Acordeime agora de que “Streams of Whiskey” de The Pogues comeza con “Last night as I slept / I dreamt I met with Behan” e logo o propio Brendan Behan cóntalle a súa visión do mundo a Shane MacGowan (que se resume en ir onde corran ríos de whisky). Como non me lembrei en tempo para metela no podcast póñoa aquí:

– Ademais, fixen un texto de acompañamento con outra vertente: soños con ídolos que a xente contou en Twitter. Tamén con algunhas anotacións dun diario de soños que estiven facendo ultimamente.

E nada máis. Bueno, si. Fixen o collage de aló enriba xuntando nese horror vacui case todas as cousas e xente das que falamos e outros dous inspirados no meu soño e o de Pepa con Jonathan Richman (curiosamente, os dous ambientados na Coruña).

Deixo aquí o listado de temas que soan no podcast (algúns só de fondo) por se alguén tiña curiosidade.

Roy Orbison – In Dreams
Jennifer Lopez – Love Don’t Cost a Thing
Jonathan Richman – I Had a Dream That The Sea Was Calling Me Home
The Modern Lovers – Astral Plane
Jonathan Richman and the Modern Lovers – Affection
Jonathan Richman – Salvador Dali
Estopa – El del medio de los Chichos
Estopa y los Chichos – Historia de Juan Castillo
Sufjan Stevens – Come On! Feel the Illinoise! Part I: The World’s Columbian Exposition Part II: Carl Sandburg Visits Me In A Dream
Billy Bragg – I Dreamed I Saw Phil Ochs Last Night
O’Leo de Matamá – Son un piñeiral
Paul Robeson – Joe Hill
Scissor Sisters – Paul McCartney
Baiuca feat. Aliboria – Caroi
Pereza – Pienso en aquella tarde
Stephen Hawking e os Monty Python – Galaxy Song
Mundo Prestigio e Grande Amore – Mundo Nuno
Mercedes Peón – Ajárrate
Xosé Manuel Piñeiro – A noite

Un tema e un tema #8: Traballo e o “Monólogo do vello traballador” de Los Tamara

dolly-parton-9-5-boobs.jpg

Xiana volveume chamar para colaborar na Radio Galega e seguir así con Un tema e un tema a sección que empecei a facer hai un par de anos en Onda Vital. Agora será un domingo de cada dous nalgún momento entre as 14:15 e as 15:00. Non me gusto demasiado en modo locutor pero si que me gusta moito poder usar as cancións para falar de cousas e as cousas para falar de cancións, que é do que vai a sección. Nesta o tema a tratar foi o traballo e o tema a pinchar foi o “Monólogo do vello traballador”, pero en vez de a Los Tamara preferín poñer aquí arriba unha foto de Dolly Parton porque sae tecleando, que é o que fago para gañar a vida.

Podedes escoitar a sección aquí.

Podedes escoitar o programa enteiro, que inclúe unha reportaxe-entrevista moi guai sobre o concerto de Javiera Mena na Coruña o outro día, aquí.

E podedes ler o texto e escoitar as cancións todas aquí debaixo. Ademais das que menciono no texto tamén puxemos un cachiño de “Work All Week” dos Mekons e de “Terra arável” de Emilio José.

 

Quería falar de traballo porque ultimamente penso moito en traballo. Supoño que lle pasa a moita xente: cando non teño traballo, preocúpome por se nunca volvo atopalo. Cando o teño, preocúpome porque non teño tempo a facer as cousas que realmente querería estar facendo. Non teño tempo a facer música, por exemplo. E querería pensar menos niso, pero é inevitable. Así que quería ver como este conflito se reflicte nas cancións.

Unha das miñas cancións favoritas sobre traballo é “Piss Factory”, de Patti Smith. Usa ese estilo seu entre o falar, o recitar e o cantar para explicar o seu choio de merda nunha fábrica de xoguetes. 40 horas e 36 dólares á semana rodeada de xente que en lugar de estar loitando por algo mellor está agradecida por ter un traballo. A parte do final é a que máis me emociona, porque berra que aínda ten desexo e que vai saír de aí, vai coller un tren a Nova York e vai ser unha gran estrela, e nunca volverá queimarse nesa fábrica. Este tema estaba no seu primeiro single e foi premonitorio. Logo converteuse nunha estrela e penso que non volveu falar de traballo. Normal, porque solucionou o conflito.

É curioso porque investigando para isto atopeime con varios artigos tipo “A que non sabías en que traballaba Madonna antes de ser unha estrela?”. Así descubrín que Madonna traballou nun Dunkin’ Donuts, que Jack White era tapiceiro e que Kim Deal dos Pixies era técnica de laboratorio. Pero o único relato non pode ser o de solucionar o conflito, deixar o traballo e vivir da música. Interésame a outra realidade. O cantante de Bad Religion é paleontólogo. O baixista de Mudhoney é enfermeiro. Nun dos grupos cos que ensaiei, o guitarrista era veterinario. Pola mañá tiña a man metida no cu dunha vaca e pola tarde tíñaa na guitarra. Para o 95% das persoas que fan música, a música é o que facemos cando acaba o traballo. É unha realidade á que non lle cantou ninguén, penso.

Que realidade se retrata entón nas cancións sobre traballo? Normalmente unha universal: a da inxustiza. En Chain Gang, Sam Cooke canta sobre prisioneiros encadeados que fan traballos forzosos, e o ritmo da canción baséase no son das cadeas batendo e nos ruídos de esforzo dos presos. “Este é o son dos homes que traballan na cadea”, di o retrouso. Pero temos exemplos menos afastados. En Galega traballadora”, clásico da canción galega sobre o traballo, Ana Kiro fala da vida da súa nai e retrata esa realidade das mulleres que compaxinan os coidados con outros traballos sen velos sequera remunerados. Outra inxustiza. Pero, só por esta vez, se cadra podo identificarme máis cunha canción da Ana Kiro de Tennessee, Dolly Parton. En 9 to 5 (“de nove a cinco”) fíltrase o traballo de oficina, coas máquinas de escribir marcando o ritmo e Dolly cantando en primeira persoa, outra vez sobre esa inxustiza da explotación, da xerarquía, do roubo absurdo do tempo. Dá igual se o canta Víctor Jara ou Donna Summer, sempre aparece. “É todo quitarche sen darche nada”. “Usan a túa cabeza e non cho recoñecen”. “Pasas a vida poñendo cartos na carteira dun rico”.

Hai cancións de traballo que se cantaban ao ir á leira ou ao muíño, e hai unha mitoloxía obreira relacionada cos traballos físicos (e aí tes cancións fantásticas de Bruce Springsteen ou Billy Bragg) pero non existen eses mitos para as persoas que traballamos na cultura ou diante dun ordenador, e sentinme por iso máis preto da canción de Dolly. Non existe “A balada do Community Manager”, nin cancións sobre ser fotógrafa, ou técnico de son, ou ilustradora. Igual por iso nos falta un pouco de sentimento de clase a pesar de ser precarios ou parados. Pero ao final a clase obreira somos todos e todas os que saímos perdendo no reparto da riqueza, aínda que queiran que sintamos que non somos ningunha cousa.

Traballar é humano, pero tamén é inhumano. A música é soamente humana e deunos mil respostas contra esa inhumanidade. En Galicia hai dúas que me gustan especialmente. Unha é Caracol”, de Lamprea Explosiva, que atopan o referente na natureza: podemos imitar ao caracol e vivir amodiño, sen competir entre nós, sen vivir para producir. A outra é o “Monólogo do vello traballador” de Los Tamara, que sendo unha canción cantada dende a primeira persoa de singular é completamente colectiva e universal. Dá ganas de cambiar as cousas, non?