
Unha canción que me flipa é “History Lesson Part II” dos Minutemen. A lección de historia que cantan é sobre medrar e montar un grupo: “A nosa banda podería ser a túa vida, os nomes reais serán a proba. Mike Watt e máis eu tocamos durante anos, o punk rock cambiou as nosas vidas, aprendemos o punk rock en Hollywood, conduciamos desde Pedro, eramos uns mataos, iamos beber e bailar pogo”. Moitas veces as persoas que fan música son figuras distantes ou misteriosas, ou xogan a crear unha imaxe que non ten por que corresponderse realmente co que son. Iso está xenial, porque aí hai moita creatividade (pensando en, non sei, David Bowie, Madonna ou a Camille de Prince) pero tamén aprecio especialmente cando alguén se esforza por falar das realidades de facer música, no contexto que sexa, e nos dá unha especie de documento da súa propia vida. Agora mesmo non caio en moitos exemplos a maiores deste ou de “Complete Control” dos Clash, onde se queixan de que o seu selo sacase un single sen o seu permiso, excepto pensando en Verto, que fan isto en moitos dos seus temas. “Puro ocio” é unha especie de lección de historia como a dos Minutemen, só que en vez de estar escoitando a Joe Strummer e Richard Hell, Fer e Berto estaban escoitando Drake e pensando en facer algún temazo como eses. “Dálle” recolle o relato algo máis adiante na mesma mixtape e fala de como cambiou a súa recepción logo de sacar “Oie gayego”, e no último disco, Embora, a intro marca o contexto (“tecnopop, vai, segundo disco”) e “Telón de grelos” parece situar aos propios Verto na tradición de artistas de música popular en galego como Andrés do Barro… Hai un par de semanas entrevistei a Berto de Verto para preguntarlle sobre esta cuestión do grupo cantando o seu propio relato para esta sección do Diario Cultural Zeta con Lucía Junquera, pero acabamos tratando máis cousas sobre o grupo (a súa relación cos fans e coa xente que eles mesmos admiran, o seu posicionamento político), que creo que agora que acaban de tomar un descanso poden servir tamén para pensar por que Verto conectaron con tanta forza co público.
O primeiro que fixen foi preguntarlle por que facían isto que eu acabo de asociar no parágrafo anterior a dous grupos de punk, e Berto mencionou a influencia do reggaeton.
Berto: Eu creo que no reggaeton hai moito ese rollo de “cando saquei este tema, peteino e só fago hits”. Sabes? Como que si que influenciou un pouco a maneira de ver a música en plan meta, o rollo latino e así, tamén o propio feito de dicir o seu nome nas cancións: “Daddy Yan, Da-ddy-Yan-kee!”. Ao final sacas de aí un pouco a referencia de facer autorreferencias ao grupo, de facer autobiografía… Pero bueno, o noso caso tamén é un pouco porque moitas veces co rollo do pop así en galego moita xente nos dicía esas cousas, por exemplo en plan “buah, desde que sacástedes “Oie gayego” pues lo petásteis”. Pois dise nunha canción, porque o propio “Oie gayego” son cousas que nos dicían. Como que tamén nós falamos un pouco de vivencias. Entón o rollo de “parece que o xogo xa non é do madrileño” [da letra de “Dálle”], tamén vén de aí, como de querer falar de intencións pero sen ser tampouco moi literal…e tamén mola deixar un pouco a liberdade esta poética de que a xente interprete o que queres dicir. Hai xente que pensa que “Telón de Grelos” é unha broma, e hai xente que pensa que é algo serio, no que nós dicimos a declaración do que queremos facer no disco. E como que iso mola bastante; hai xente que tenta ser moi clara nas cancións, que tenta dicir as cousas sen ningunha marxe de interpretación, e eu creo que deixar á libre interpretación do ouvinte pois está guai. Tamén na nosa xeración existe unha páxina que se chama Genius, Genius Lyrics, que está guai a páxina, pero moita xente xa nin sequera tenta ter unha interpretación subxectiva das cancións e di “buah, que quere dicir? Vouno buscar en Genius”. E como que tamén está guai ese rollo… porque ti non podes buscar os poemas… eu que sei, de Rosalía de Castro en Genius [risas]. Quero dicir que na era dixital si que parece que todo se ten que obxectivizar e que todo ten que cientificarse un pouco, e no tema das cancións creo que é importante a subxectividade.
Claro, de todas formas estábame acordando agora dese fenómeno da xente que entendeu completamente ao revés “Oie gayego”. Non sei se a vós isto vos fai graza ou vos preocupa que esas interpretacións poidan ir cara cousas que sexan opostas ao que vós estades formulando.
Berto: Con “Oie gayego” tiven moitos sentimentos encontrados. Como canción é a hostia porque consegue o que propón, que é ser polémica e difundirse, que era un pouco a idea, dar a coñecer ao grupo con esa canción. Pero entre que é unha broma, que non representa para nada o noso estilo e que a xente a entende ao revés… Houbo aí un fío de boomers en TikTok facendo o baile en plan pensando que era en serio, e logo peña queixándose rollo “buah, é que estes rapaces din que claro, que traduza as letras, que están en España, iso non está moi guai”. Que está guai tamén, porque é algo moi típico de internet, que haxa opinións moi dispares, pero non sei, eu moitas veces tívenlle tirria ao tema. A día de hoxe estou máis en paz, pero durante un tempo era como “é un puto demonio o que creamos con este tema, e non nos representa para nada”.
Noutras letras mencionades a xente do voso entorno. Como inflúe o público (o xeral e o entorno máis próximo) na música que facedes e as decisións que tomades?
Berto: Buah, pois inflúe a hostia. Eu creo que con Embora, por exemplo, saíu a idea de facer o disco así máis cohesionado e un proxecto máis serio porque viamos que a xente non nos tomaba en serio [risas]. A ver, que é normal: fixemos unha mixtape de sete temas que era un puto desastre, que ía por todas as partes sen chegar a ningunha… e entón a xente era como “buah, estes colgaos…” E claro, ver esas opinións, ou ver (como me dixo miña moza) que había xente que viña nos nosos concertos e cando vían a guitarra e o teclado dicían “¿¿pero son músicos??”… viamos ese fenómeno, que é algo asociado ao pop e á música urbana (“música urbana”, entre comiñas, que tampouco somos música urbana, pero se nos vincula con iso) de que a xente non nos tomaba en serio, e nese sentido tamén Embora saíu desa ansiedade ou anhelo de artista de querer convencer. Con Embora queriamos gañarnos un pouco ao pureteo, aos puretas galegos que dicían que somos uns desgraciaos [risas]. E con respecto ao noso entorno, nós sempre lle ensinamos as cancións aos nosos colegas antes de que saian. Facemos como unha listening party ou algo así.
Pero cando xa están rematadas ou tamén no proceso?
Berto: No proceso tamén soemos ensinarllo, sobre todo á nosa familia. Nós gravamos na casa de Fer, e está o exemplo mítico de cando estabamos facendo “Todo o que che din”. Como sabiamos que ía ser o primeiro sinxelo queríamos que a intro fose como a presentación, aí [tarareando] “wiuwiuwiuwiu”, e que a peña se quedase como “que está pasando?” e, de repente, entrase a música disco. Era un pouco a idea, pero estabamos un pouco agobiados porque o fixemos en plan moraos e non sabiamos se entraba moi guai. E sempre, cando estamos un pouco dubidosos con algo, ensinámosllo á peña que está na casa. E eu á miña moza ensínolle absolutamente todo, ata as movidas que xa digo “isto está fatal”, pero para que se ría de min ou algo así [risas]. E creo que a nosa percepción do que queremos facer e do que buscamos facer sempre está variando respecto ao que din os demais, porque é así, o rollo de ser artista é implicarse moito co teu público, e sobre todo se es un artista que quere ser popular. Que outra cousa é que fagas arte moderno, que aí vas literalmente á túa movida unicamente, pero se queres facer un grupo pop… O que mola dun proxecto é que se cohesione e teña un público determinado, e se queres facer outro tipo de música está guai que o podas facer, pero se tes unha fanbase asentada, pois un pouco de fan service de cando en vez non está mal, sabes?
Faime gracia que o digas porque realmente vós tocades moitos paos distintos, e non sei se iso é o que a xente esperaba en cada momento. É dicir, en “Puro ocio” dicides o de “quen diría que algún día o voso fillo faría trap”, pero tamén “Oie gayego” ten o toque latino, Embora é moito máis funk, tecnopop… a xente conecta igual pero tampouco me dá a sensación de que esteades facendo fan service.
Berto: A ver, eu creo que si, porque aínda que sexan estilos diferentes as cancións son repetitivas a morte e son pura estrutura pop. Incluso “Oie gayego” é unha cousa que se che mete entre orella e orella, engancha porque repite a mesma frase toda a canción. Eu que sei, “Rebolando x ti”, bum, repetitiva. “Algo que non sexa”, aínda que sexa algo triste, bum, repetitiva. Todas teñen moi clara a estrutura base de estribillo, verso, estribillo, ponte, estribillo… Non verás ningunha canción nosa que non teña iso, excepto “Dálle” ou algo así, pero iso foron máis idas de olla de Fer, porque é produtor e quería facer algo que soase jarto. Incluso “Dálle” en certo sentido ten unha estrutura, porque ten un verso e o estribillo é esa repetición de “Dálle”, co bombo, e volve un verso e o estribillo de “Dálle” co bombo. Todas as cancións teñen unha cohesión, aínda que sexan estilos diferentes, no que é a propia estrutura, e creo que nese sentido si que fas un pouco de fan service, porque llo das todo masticado á xente. É difícil non entender unha canción nosa. Non é rollo… escoitas o último EP de Ataque Escampe e dis “uau, vale, é complicado isto”. E escoitas unha canción nosa e dis “jaja, todo o que che din”, xa está. Logo claro, sempre tentamos meter un pouco do noso artisteo pero como un pouco rollo “ala, se o queredes”. “Un feliz descanso” é un tema case progresivo se te pos, pero claro, é unha cousa así illada, ao final do disco, en plan “se vos apetece escoitalo, guai”… e haberá peña que lle encante, e iso é o que mola, pero o demais é todo fan service a full.

Si, pero para min pódese distinguir o de facer pop e o de facer fan service, que sería xa máis iso de que, dentro de usar esas estruturas, non saes nada da fórmula.
Berto: Nós saímos bastante da fórmula, iso é verdade. A min paréceme que facemos unha música pop algo especialita, como que ten un rollo algo diferente. Nese sentido estou de acordo.
Esa diferenza igual vai por ese rollo de combinar cousas máis actuais, da vosa xeración, a nivel de estilos, con cousas máis fóra de época como iso que che lin de recuperar os solos de guitarra.
Berto: De feito o noso manager di que lle recargo demasiado á guitarra e que debería parar [risas]. Pero eu non estou de acordo. Por que? Porque teño ego de guitarrista [risas] entón quero meterlle solos de guitarra a todo. Eu penso que é algo tamén especial. Que a segunda canción máis escoitada, que é “Como Son Goku”, teña 1:40 de instrumental dos tres minutos que dura, é moi loco. E que a peña se coma iso en plan “buah, me mola” está guapo. Pero por que? Porque ten un estribillo que é mazo asqueroso, en plan para facer dano [risas]. Funciona esa fórmula de meter instrumental porque tamén che vén antes o rollo de “quero que volva repetirse o estribillo”. Entón si que combinamos guai, pero mola moito iso… incluso o propio “Oie gayego” ten a súa parte instrumental, sabes? A parte que entra o solo de guitarra [tararea] “turitutitu tii tirurú” que eso é mazo Santana, e en “Pa’ impresionar” tamén hai un solo de guitarra que me parece a hostia, e esa época foi a que estaba escoitando Santana para facer solos latinos para ver se me saía algo parecido porque estabamos facendo música latina. Bueno, “música latina”, unha interpretación da música latina máis ben. Xa me olvidei do que preguntaches [risas].
Creo que nin sequera cheguei a facer unha pregunta [risas] pero ía por esa mestura das cousas. Nalgunha outra entrevista tamén che escoitei falar de Prince, agora comentas iso de Santana… Pero máis aló diso hai temas que teñen xa referencia explícitas, ás veces a outros temas vosos (“Telón de grelos” fala de “Puro ocio”, “Algo que non sexa” ten un sample de “Sempre igual”) e outras a outros artistas, sobre todo máis ao comezo, Kanye West e Boyanka en “Rebolando x ti”, Drake en “Puro ocio”… Por que facedes isto?
Berto: Porque é a quen imitas, polo menos no concepto. Non é para nada apropiación cultural o que facemos, pero está o rollo da apropiación do estilo ou da idea dunha persoa, e nós consideramos que partimos moito da idea que ten Drake da música, e tamén da idea que ten Boyanka. É un pouco xuntar as dúas: de Boyanka, facer as cousas para pasalo guai, e o concepto da música galega apolitizada. E logo o de Drake é simplemente facerche cancións de dous ou tres minutos para que as teñas que comer e que tenten ser todas un hit. As mencións explícitas son un recoñecemento a outros artistas, que penso que é superimportante tamén coñecer de onde ves, para que estás facendo a música, a quen te queres parecer… e a xente interpreta iso. Ao escoitar “Boyanka Kostova soando na disco”, a xente dirá “buah, é un shoutout, está guai” e outra dirá “seguro que ao mellor comezaron a facer música porque viron a Boyanka, e era o segundo tema, “Rebolando x ti”, entón seguro que eran super groupies de Boyanka”. E era o caso. Eramos como “buah, estes tíos, que teñen a nosa idade, están facendo música en galego cun rollo totalmente diferente co que nós conectamos”. Porque nós nunca conectamos con ningunha música en galego ata que escoitamos a Boyanka Kostova, sabes? E creo que iso é algo superxeracional, moita peña de Santiago poderá dicir iso, que non conectou coa música en galego ata que escoitou “Sito”. E que eles nos levasen a facer iso creo que é algo que hai que recoñecer, e creo que moi pouca xente no mundo do artisteo tende a recoñecer o traballo dos outros explicitamente.
Ao fío do de mencionar a Drake ou a Boyanka, tamén en “Dálle” hai esa mención ao Madrileño pero vai pola liña contraria. E eu entendo, creo, o que dicides de facer algo “apolitizado”, pero tamén hai un contido político de fondo nas vosas letras…
Berto: En todas.
Entón é un pouco tramposo se cadra o termo. Eu entendo por onde vai se o comparas con grupos tipo Ezetaerre ou cousas polo estilo, con letras explicitamente políticas ou “combativas”. Pero neste caso de “Dálle” facedes unha mención a C. Tangana que vai para identificar unha serie de actitudes que rexeitades.
Berto: Si, a ver, eu creo que o de dicir nos medios que somos apolíticos é un rollo máis de cabalo de Troia, de tentar meterte no mainstream cun discurso para que a xente te escoite, pero que no fondo sexa un discurso que é moi matizable. Moita xente di “buah, é que son apolíticos, por fin hai algo apolítico en galego” e no fondo, eu perfectamente sei (e Fer sábeo perfectamente) que somos ao mellor máis políticos que Ezetaerre. A idea é superpolítica, se o pensas, é “vou tentar facer un cambio cultural vía música popular, para tentar que se deixe de pensar que a cultura galega ten que estar sempre denunciando movidas”. E iso é un pensamento hiperpolítico. O do cabalo de Troia é ese “métome na túa cabeza co rollo apolítico e logo ti pensa o que queiras”. Pero é o que che dicía antes de deixar que a xente interprete o teu discurso. Que eu diga que son apolítico non implica para nada que eu sexa apolítico. Moita xente interpreta todo como se ti estiveses facendo un statement e como se non houbese discusión, e penso que no mundo no que vivimos hai discusión sobre absolutamente todo. O outro día un fulano díxonos supercabreado “deixade de dicir que sodes apolíticos porque non sodes apolíticos”. E nós “mmmm, síntoo moito” [risas]. É un pouco esa idea.
Pero estasllo dicindo á gravadora [risas], estás desmontando o truco.
Berto: Pero porque o grupo agora xa fixo o seu traballo. Agora xa é o de menos, pero desde un inicio tiñamos que ir por aí. E de feito eu creo que a moitos grupos créalles un pouco de xenreira, e lles cabrea que digamos iso, pero en xeral a xente enténdeo. Ou sexa, a xente do mundo da música entende por que dicimos iso, e para que, e con que obxectivo. Pero loxicamente calquera acto na vida, por desgraza, é un acto político. Cada cousa que fagas, vas pola rúa, un fulano bérralle a unha pava “guarra” e non fas nada: é un acto político. E dicir algo tamén é un acto político. Todo. Non te podes librar da política. Hai moita xente que pensa que si, pero…
“Ir a Pontevedra e ver xente pija de cojones e facha nos nosos concertos cantando un tema en galego era o noso obxectivo. E telo conseguido parécenos superguai e superinteresante.”
Evidentemente, e a vosa postura para min ten moito que ver cun rollo do que se fala normalmente desde a política, que é a normalización. Entendo que está guai que unha cousa como a lingua non se vincule a unhas posicións políticas determinadas ou a uns estilos musicais senón que poida ser para calquera.
Berto: É tal cual. Nós falabamos desde un inicio (que daquela era algo moi aventurado) de tentar chegar ás cidades. A Pontevedra, Coruña, Vigo… a cidades que son predominantemente castelanfalantes para… bueno, para tentar iso. Eu como pontevedrés nunca escoitei música en galego no meu entorno ata chegar a Santiago, e penso que é así en case todas as cidades galegas, na zona urbanita. E ir a Pontevedra e ver xente pija de cojones e facha nos nosos concertos cantando un tema en galego era o noso obxectivo. E telo conseguido parécenos superguai e superinteresante. E esa peña, que de primeira man sei que tiña unha actitude de “jeje, el gallego es de paletos”, agora para darme respecto diríxense a min en galego cando me ven pola rúa, e iso é algo que me fai sentir superorgulloso. Era a idea que tiñamos desde o principio, de chegar ás cidades galegas. E que iso levase a que se escoitasen outros grupos, Ortiga ou o mesmo Boyanka ou Baiuca, que esa peña levase a nós e nós a esa peña… Ás veces vexo rivalidade entre os grupos que facemos este rollo pero eu penso que vai ao revés, canto máis se faga famoso un máis se vai facer famoso outro, porque ti entras en relacionados con Verto ou relacionados con Ortiga e saímos sempre os mesmos, e eu creo que iso é superimportante porque a xente explora no Spotify.

Pero é curioso porque volvendo ao que che preguntaba ao principio, esa cuestión de facer o propio relato do grupo, non é que esteades tirando o beef pero tamén está un pouco aí no trap a idea do egotrip… que tampouco digo que vaia por aí o voso.
Berto: Bueno, vai, ás veces si.
Depende, si que hai un pouco de poñerse en valor pero non chega a extremos…
Berto: Si, moitas veces o egotrip do trap era dicir “todos los raperos sois mis hijos”, que o dicía Kaydy Cain… Sempre mencionamos outros grupos desde unha perspectiva positiva nas cancións, e logo cando falamos de nós mesmos tamén é unha perspectiva positiva. Entón nese sentido non o vexo tanto como un egotrip senón como un rollo de que está guai autorecoñecerse e autovalidarse, porque se non o fas ti… Ao principio chegábanos moita merda. E non sei, si que ao mellor houbo peña que nos viu como uns flipaos, co rollo de “todos se queixaban que faltaba isto en galego” [da letra de “Dálle”] pero bueno, “Dálle” é unha canción moi rara, foi unha ida de olla de dous colgaos porque Fer quería facer un drop tecno e eu non son quen de dicirlle que non porque o fai moi ben, entón aí estaba un pouco a idea.
E está na propia letra: “vou parar para escoitar o puto drop que fixo o Fer”.
Berto: Si [risas], é que é iso. É falar da túa movida.
Claro, pero combínase ese punto máis de poñerse en valor con outro máis humilde de “quen ía dicir que iamos chegar ata aquí”, como o que explicades en “Puro ocio” de estar na habitación escoitando temas e soñar con facer algo parecido.
Berto: “Cando estaba escoitando Drake no meu piso co Fernando e / pensabamos que iamos facer un temazo de esos”. Si si, é que escoitabamos os discos de Drake e dicíamos “algún día…”, e de feito “Puro ocio” é un trap así moi parecido a “Headlines” ou ao rollo de “God’s Plan“, unha base moi sinxela pero que tenta ter unha voz moi repetitiva. Que Drake en xeral ten bases moi austeras, perocomo ten uns flows moi catchy móvete máis a voz que o propio beat. E “Puro ocio” é referencia total a Drake porque parece unha copia das súas bases, e é un pouco tamén esa intención, que a xente que escoita a Drake dixese “hostia! tamén se parece ás bases de Drake”.
“Tanto o autorrelato do grupo como as vivencias persoais de tristeza, de dor, de ruptura, de desamor… e as noites de saír por Compostela, como “Sempre igual”, son vivencias. A min o que me parece guai do grupo é que non mentimos.”
Esta idea de falar do propio relato do grupo, como cres que se relaciona coas outras que tratades habitualmente, como poden ser as relacións persoais, saír pola noite…
Berto: Pois son vivencias todas. Tanto o autorrelato do grupo como as vivencias persoais de tristeza, de dor, de ruptura, de desamor… E as noites de saír por Compostela, como “Sempre igual”, son vivencias. A min o que me parece guai do grupo é que non mentimos. Non sei, escoitas ás veces trap en galego de peña que son unhas miñocas coma nós e que din que “buah, solto billetes en cus de pavas” e é como “bro, es de Noia, non es de California, asúmelo”. Non es un gangster. A min paréceme xa un rollo que vai fóra de lugar. E penso que moita xente se identifica moitísimo máis co rollo de estar chiquito, de contar as cousas desde unha perspectiva non humilde, pero si realista. En plan “estou aquí na discoteca, estou mirando pa ti e non me fas nin puto caso”, non tanto “uh, si, estaba en la discoteca y se me acercó una pibita…”. Non é así, igual pasouche unha vez na vida, son vivencias reais e non tentamos impersonar a C. Tangana.
Nese sentido está guai que nas letras usades moitas marcas de realidade concretas. Que aparezan os nomes dos locais, que se vexan cousas como falar de Netflix e HBO en “Como son Goku”… son rollos do cotián.
Berto: Tal cual. Cantas veces estabas na cama e dixeches “joba, que calor” [risas]. Son estupideces pero pasan, non pasa tanto o rollo de ir nun iate, como o tema que sacou C. Tangana de “Yate”, que é como tío, quen se identifica con esta canción de “estás en un yate”? Non teño un iate, C. Tangana, déixame en paz. Eu creo que aínda que tivese un iate non faría cancións sobre iates, porque non me parece algo co que a xente se poida identificar. Paréceme algo estúpido, é como o rollo da cultura do consumismo e o capital. Non sei, fala de que espertaches e tiñas ansiedade, que seguro que a xente se identifica máis que con que solucionas os teus problemas nos iates. Moi pouca xente fai iso.
Claro, esa intención de falar da vosa realidade entendo que, dentro do que comentabas de ter unha vontade popular, é o que fai que se identifique a xente. Non sei se buscades alimentar tamén unha perspectiva xeracional…
Berto: Si, e non só o facemos nós. Por exemplo Nuno [Grande Amore, Oh! Ayatollah] ten unhas letras moi autobiográficas. Na de “Esta pena que ás veces teño” fala de cando se atopou cun grupo de chavales e todos comezaron a saudalo en plan “jaja, pringao” e el estaba como “jobá”… e é unha situación que nos pasou a todos, de atoparte incómodo con xente que había tempo que non vías e que cren que segues sendo a mesma persoa que hai cinco anos, e que te tratan igual… Esa canción mólame moito porque eu sentín moitas veces iso, porque eu de adolescente era moi distinto a como son agora. É algo que pasa moito na nosa xeración, o rollo de falar de que estás chiquito e que tes problemas mentais… Tamén é trending topic a saúde mental na nosa xeración, e nós tocámola en “Game Over”… Eu cando estaba facendo Embora estaba medicado da ansiedade, sabes? E en “Game Over” quería falar diso, e un día espertei ás seis da mañá, case cun ataque de pánico, e púxenme a escribir a letra: “Ollos como pratos / son as seis da noite e non sei que facer / latexo nos ouvidos, é que / a ansiedade é miña amiga fiel”. Moita xente pode identificarse con iso de espertar pola noite, sentirse fatal e dicir “Dios, que me pasa”. E en “Embora” falamos de facelo mal en relacións persoais, non de amor pero en amizades e así, e perder persoas, que é algo que creo que non se reflexa moito. Sempre se falou do amor e do desamor, pero pouco da dor de perder unha amizade na música. Por exemplo o irmán de Billie Eilish, Finneas, ten unha canción que se chama “I Lost a Friend”, que estaba moi guapa e di algo como “síntome fatal porque perdín un amigo”, e eu nunca escoitara unha canción sobre perder un amigo. É curioso, pero como que non me parece un tema nada mainstream e si que é super mainstream, non sei, o “Every Breath You Take”, que é super turbio.
Para rematar, unha cousa que me dá curiosidade falando do propio relato do grupo é como vivistes a evolución de Verto, porque fixestes Puro ocio para dar concertos pero veu a pandemia, e no momento en que comezastes a dar bolos foi moi distinto á maioría de bandas. Porque claro, cando fostes a Luar aínda non derades ningún concerto. Vai un pouco á inversa do proceso habitual [risas].
Berto: É que non sei, tío. Nós nin sequera tiñamos a perspectiva de dar concertos, pero de súpeto comezaron a chamarnos para dalos e foi como “buah, vale, temos que dar concertos” [risas]. Nós faciamos cancións desde unha habitación e xa, non pensabamos en que iamos dar un bolo algún día. Todo o concepto do grupo nace dunha idea de normalización da cultura pop en galego, pero non nacía do rollo de “imos ser hiperfamosos e petar a Capitol”, porque nin sequera pensabamos en dar concertos desde un inicio. E de feito a perspectiva de dar un concerto case nos dá a pálida, porque o primeiro foi Atardecer no Gaiás, que para nós era o ceo, porque era un sitio ao que nos molaba ir. E entón chámannos, é para o puto Atardecer no Gaiás, véndense as entradas nunha hora… os días antes tiñamos pesadelos os dous, con movidas de medo escénico que flipas… E si que o de á inversa foi moi chungo, e á vez moi positivo, porque tamén te anima ver a xente que compra as túas entradas en masa coñecéndote de Spotify, e non ter que dar os míticos bolos de empezar en pubs ou en salas de concertos para darte a coñecer. Tamén foi unha historia á inversa, sobre todo, por dar concertos coa xente sentada desde un inicio, sendo a nosa música feita totalmente para o contrario. Eu creo que toda a nosa experiencia como grupo de música é moi random [risas]. En ningún momento puidemos sentir que estaba indo xenial, porque sacamos o noso primeiro EP e pamba, pandemia (que bueno, iso non lle veu ben a ninguén, loxicamente). Primeiro concerto? A peña sentada, un mal rollo que flipas porque as institucións estaban agobiadísimas e o protocolo era super restritivo, non podiamos nin darnos unha aperta no escenario… en ningún momento sentimos que as cousas ían rodadas. O noso primeiro concerto de pé (e igual o último) foi o outro día. Entón a min fíxoseme raro, agobieime vendo tantos estímulos, a xente botando… [risas] e estiven agobiado gran parte do concerto, e é moi raro dicir iso. A xente ríase o outro día cando llo contaba, pero é que o pasei fatal todo o bolo vendo á xente feliz [risas]. Foi todo á reviravolta e foi difícil autoxestionar un pouco as movidas, como o rollo de que che parase xente pola rúa… Nós non vivimos iso ata que comezamos a saír na corentena, e nós non sabiamos que a xente nos recoñecía ou que tiñamos esa clase de “famita”, de ir pola rúa e que a xente te parase. E entón de súpeto a xente te para e estás como con máscara, agobiadísimo, en plan “non me toques” [risas]. E como que en ningún momento puido ser normal.