Fan fan: peregrinando (parte 2)

Acabei o curso moi canso e usei o verán para descansar, así que esquecín no seu momento deixar por aquí rexistro deste episodio do Fan fan, a segunda parte deste do que si falei. A primeira parte ía bastante sobre cemiterios e lugares de peregrinación trazando un pouco a relación do fandom coa relixión. Neste caso hai outro tipo de viaxes (aínda que as viaxes de fan nunca deixan de ter un certo punto místico), entre elas a de Juan Esturao a Quins seguindo o rastro de Emilio José (ilustrada por esa foto que me cedeu para a ocasión).

Ademais de Esturao, interveñen no programa Adrián Estévez e Martiño Suárez falando, respectivamente, de viaxes inspiradas por Ramón Otero Pedrayo, ou os Ramones e o punk de Washington DC. Outras cóntoas falando de cancións de Mac deMarco, Television Personalities, St. Etienne ou George Harrison, e houbo tempo tamén a que soasen os Ramones, Dag Nasty, Cuchillo de Fuego, Columna Vegana, Cecilia ou A Charanga do Cuco de Velle.

Quedoume mágoa ao facer estes dous programas de non incluír a viaxe ao lugar de nacemento de Jonas Mekas que Mar Catarina lle contara a Xiana Arias hai un tempo para o Diario Cultural, pero xa estaba recollida dunha maneira preciosa co título “A estrada de terra a Seminiskiai” así que o que fago, por se tedes gana de visitar outro sitio máis, é enlazárvola aquí.