Sr. Anido 19

Rafa Anido pediume un texto para a promo do seu último EP, que saíu en vinilo nunha coedición de Ferror Records, Discos Peroquébien, Ulomanía Coop., Pafff Bum!!! Discos, Mama Vynila Records, Ansua Records, PELUQart e INTERRUPTOR. O que fixen non sei se foi moi útil como texto promocional (é demasiado longo), pero gustoume escribilo porque me serviu para pensar por que me gusta Señor Anido e agora subino para ampliar a categoría de “Notas de prensa” deste blog, onde hai algúns textos feitos por encargo sobre discos de amigos nos que puiden saírme do que son as notas de prensa convencionais de vender a moto e vender a moto dunha forma máis libre (a miña favorita é precisamente a de 18, de Señor Anido & Señora Álvarez).

Un dos recursos máis habituais para falar de música é a comparación. No nivel máis básico só se di outro proxecto parecido: “É rollo Joy Division”. Nisto se basean, supoño, os algoritmos para dar recomendacións do estilo “si te gusta Tanxugueiras, te gustará Baiuca” ou “sus fans también escuchan Azúcar Moreno y John Maus”. En Galicia, caemos a miúdo nun complexo de inferioridade que dá pé a que esta comparación sirva para falar de “El Manolo Escobar gallego”, “el Sinatra gallego”, “el Elvis gallego” e esas cousas. Rafa Anido pediume catro ou cinco liñas e levo sete sen empezar aínda a falar de Señor Anido 19, pero facían falla para chegar á conclusión que veño armando: as comparacións non son útiles para falar da música de Señor Anido, porque (aínda que teña influencias como todo o mundo) o que el fai é único. Parece un tópico, pero é certo. Como describir o que fai? Pódese tentar describindo este disco, que ten un punto de garaxe minimalista (coa repetición de riffs sinxelos e carismáticos) e un punto de ciencia ficción dos anos 50 (porque os seus sons electrónicos parecen remitir ao futuro, pero a unha idea do futuro que agora non se leva). Ten dous temas con voz que resumen o que poderían ser as dúas grandes temáticas do seu autor: unha gran canción sobre traballo e alienación (“Atento”) que vincula o disco á realidade, e outra (“Mundo interior”) que celebra a imaxinación (“estou vivindo nun mundo interior / un viaxe astral non sería mellor / aló fóra podo afogar / aquelo é un muermo total”). Esa imaxinación aplícase ao uso que lle dá aos (poucos) instrumentos empregados: a guitarra mantén o estilo e o son característicos de Rafa (que remiten ao rock and roll antes de que o rock and roll empezase a ter demasiadas notas), o órgano Farfisa subliña a pureza das melodías (outra vez, non sei con que comparar algo como “Cómete tus luces”) e as bases da caixa de ritmos soan, igual que todo o resto, imaxinativas e únicas na súa sinxeleza, sen estar retorcidas na procura dunha orixinalidade artificial. Se a anterior obra de Señor Anido, Sr. Anido & Sra. Álvarez 18, se expandía en moitísimas direccións, Señor Anido 19 parece recollelas e destilalas nun resumo do seu universo, tan claro que en catro das cancións nin sequera necesita palabras para facelo.