Xente bonita 2: Hugo en Nova York

Lamprea Explosiva teñen unha canción que se chama “Xente bonita” que di “non queremos ser un produto máis, queremos sentir, queremos expresar e coñecer xente bonita, e coñecer xente guay”. Paréceme moi importante falar de como moitas veces o mercado e as paixóns non van da man, senón que baten. Penso moito niso cando vexo como moitas amigas e amigos que fixen cando tiñamos máis tempo libre teñen que renunciar a moitas das cousas que adoran polo traballo.

Pensando niso tiña a idea de facer pezas sobre amigas e amigos meus para falar desa tensión e celebrar a amizade, que é unha maneira de resistir ás forzas que gobernan o mundo, e xogar un pouco. Hai dous anos fun ver a Hugo a Nova York, onde el estaba facendo a tese en química orgánica contratado na universidade, e entrevisteino e graveino cando me deixou, e monteino estas semanas co que penso neste momento, que tampouco é que cambiase demasiado en dous anos. Ao principio leva unha voz en off e aí xa se explica un pouco todo.

O vídeo está colgado no Prenom Arquivo, onde xa hai xuntos unha chea de rexistros de cousas da vida, e tamén despois deste parágrafo. Antes deste fixera outra peza que se chamaba “Xente bonita” na Chanfaina Lab e penso que está ben ver en que se parecen e diferencian as dúas: quedou apuntada nesta entrada do blog.

Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina

O verán pasado convidáronme ao Chanfaina Lab de San Sadurniño e fun con Toni facer unha peza alí, que acabou sendo sobre el, sobre Pepe das Flores e sobre Mar, que estaba alí para facer outra peza que acabamos protagonizando Toni e máis eu, Nimbo, e que é como un reverso desta cunha relación estraña: comparten algún plano, o momento e a xente, teñen actitudes diferentes, como se unha fose cara o misterio das cousas e outra cara a explicación dalgunhas. A miña é a explicación, claro. Outra vez, non puiden evitar poñerlle o nome “Xente bonita” pola canción de Lamprea Explosiva, que sona ao final. Esta está arriba, e Nimbo podedes vela debaixo tamén (non sei en que orde van mellor).

Toda a información sobre a peza, que significa e por que é como é, está aquí, na web de Fálame de San Sadurniño. Só quería engadir que adorei o Chanfaina porque, dentro do contexto xeral do que son os eventos cinematográficos, paréceme mellor que calquera outro por ser antixerárquico (mesturando as pezas de cineastas de prestixio coas de alumnado de instituto ou xente do concello) e por estar centrado en crear comunidade e facer que a xente teña capacidade para expresarse a través do cine.