Salvar o Casino

Elvis Negro no Casino 1889. Foto: La madrina de Candela

O Casino 1889 de Carballo é un lugar moi bonito e no que, como sucede con moitos locais nos que a xente fai traballo voluntario, se respira un ambiente fermoso, de xenerosidade (ou, polo menos, iso sentín eu alí cando o visitei para a Romaría Galician Bizarre en xaneiro de 2020). Tristemente, como sucede con moitos locais autoxestionados, é un espazo ameazado. De maneira semellante ao que pasa co Liceo Mutante en Pontevedra, esta riqueza parece ameazada por intereses económicos, e no caso do Casino está pendente dun xuízo que terá lugar o 8 de marzo entre a asociación que o xestiona e unha sociedade inmobiliaria. Nel vaise decidir sobre a propiedade do lugar, un dos poucos edificios históricos que quedan na vila, e no que a Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños, fundada en 1889, leva como arrendataria desde 1925. Falei con Olivia Pena, unha das persoas que participan da directiva actual, para o Diario Cultural Zeta, coa intención que nos explicase un pouco o que fan e en que situación se atopan. O podcast pode escoitarse nesta ligazón e o texto dá un pouco máis de información.

“O conflito legal en que está inmerso actualmente o Casino de Carballo é moi sinxelo: resúmese basicamente en que á nosa sociedade, como arrendataria do local, non se lle comunicou no seu momento a operación de compra e venda que se ía levar a cabo sobre el. Por este motivo, non puido exercer o dereito de retracto que a asistía”. Olivia explica que en 2018 unha nova directiva entrou no Casino coa intención de darlle un novo pulo, pero aos poucos meses descubriu que o edificio fora adquirido en 2005 por unha sociedade inmobiliaria denominada Horta do Casino SL. “soubemos de casualidade porque en agosto dese ano 2018 os propietarios puxéronse en contacto con nós a través dun burofax para comunicarnos o cambio de número de conta bancaria para realizarmos o ingreso do aluguer a partir do mes de outubro seguinte. Entón, nese burofax, descubrimos que o local tiña sido escriturado por valor de 70.000 euros. Ben, 70.000 euros por un local enorme en pleno centro de Carballo e en pleno auxe da burbulla inmobiliaria (porque estamos falando do ano 2005). Como a cousa nos pareceu moi rara, decidimos consultar cun avogado, e cando vimos que, efectivamente, a sociedade nunca tiña sido comunicada oficialmente da operación de venda, foi cando demos un paso á fronte e presentamos a demanda para que se nos permitise exercer a posteriori o dereito de retracto, para poder adquirir o local para a sociedade polo valor escriturado inicialmente.

Diante desas dificultades, a asociación mobilizouse e mobilizou á vila, de maneira que en dez días recadaron algo máis deses 70.000 euros a través dunha campaña de doazóns e micropréstamos para exercer ese dereito de retracto. Penso que esta cantidade pode indicar bastante ben que hai unha comunidade que apoia o proxecto e que a capacidade de organización do Casino é digna de celebrar. Pero claro, Olivia apunta tamén que a repercusión desa campaña fixo que os propietarios reaccionasen e presentasen unha demanda para tentar desaloxalos e quedar libres de arrendatarios: “para que a xente se faga unha idea do nivel das persoas que están por detrás da sociedade propietaria do local, basta contar simplemente (e por iso maticei antes o do valor inicialmente estruturado) que na súa demanda contra nós presentaban unha segunda escritura de subsanación de erros na que dicían que tiña habido un erro na primeira escritura e que en realidade non tiñan pagado 70.000 euros senón 360.000. O que pasa é que, na liña do moi estraño, o propio notario nesa escritura dicía que tanto vendedores como compradores declaraban iso máis ninguén presentaba xustificante dese pagamento dos 360.000 euros. Isto para que todos nos fagamos unha idea do que hai por detrás e do tipo de xente á que nos estamos enfrontando. Isto é, en esencia, o que hai.

Foliada do Alprende no Casino 1889. Tirada do Facebook

Isto é o que hai no que se refire ao conflito. Pero que é o que hai respecto ao que representa o Casino 1889? Un xuízo como este é importante na medida en que representa unha ameaza máis a un modelo cultural e de relación comunitaria moi rico. O asociacionismo e os centros sociais permiten, normalmente, que a xente dun lugar teña acceso a unha cultura que non soe chegar pola vía máis comercial nin pola institucional. Son proxectos máis libres e, por iso mesmo, a miúdo máis flexibles de cara a adaptarse á vontade e ás necesidades das persoas que teñen arredor. Moitas veces duran pouco, pero un proxecto como este ten a particularidade (e o mérito) de ter sobrevivido máis dun século, o que fai especialmente sangrante esta situación. Pregunteille a Olivia que significaban o edificio e a iniciativa do Casino para Carballo: “O espazo, o edificio do Casino, é moi significativo para a vila, porque é un dos últimos vestixios que quedan desa época. Todos os edificios antigos de Carballo foron derrubados nas décadas dos 70 e dos 80 para construír verdadeiras aberracións arquitectónicas, e evidentemente ninguén na vila quere que aconteza o mesmo con este edificio. Mesmo quen non ten ningún vínculo emocional co Casino tampouco quere que o edificio desapareza. A verdade é que coa localización que ten está practicamente condenado a desaparecer se non se fai nada para evitalo.”

Tirada de Wikimedia Commons

“Iso como espazo físico, como edificio. Como proxecto, nos últimos anos (desde 2018 concretamente, cando entrou a actual directiva) o local encheuse de vida como nunca antes, diría eu. De feito, o primeiro que fixemos (e iso era prioritario para todos os membros) no momento en que decidimos asumir a dirección do Casino foi abrir as súas portas a toda a sociedade, para que todo o pobo puidese entrar libremente e sentirse en casa. É verdade que esta concepción tan aberta era bastante diferente da anterior; non da dos últimos anos pero si en xeral da anterior na historia no Casino, imaxino que como todos os casinos, que só admitían socios e pertencían sempre a unha determinada clase social. Porén, unha das cousas máis bonitas é que iso non impediu que os socios máis antigos seguisen vindo a facer as cousas que facían antes: a ler o xornal, a pasar a tarde ou a encontrarse con outras persoas. E iso fixo que se crease un intercambio interxeracional que nos gustou moito, e que nos emocionou moito, porque no fondo iso tiña moito que ver coa nosa concepción da sociedade que queríamos.”

A tradición que poda vincular o asociacionismo cunha idea de elitismo ou exclusividade desaparece habitualmente na práctica de iniciativas actuais como o Casino. Falaba antes dese ambiente de xenerosidade, que se percibe ao pensar nos locais e na programación como algo que fai servizo, evidentemente, á escena máis metida na cultura, pero tamén á xente en xeral, mesmo con xestos sinxelos. Hai anos lembro ver na Gentalha do Pichel, en Compostela, un cartel que ofrecía o préstamo dunha caixa de ferramentas á veciñanza por se a necesitaban. En Acéfala, na Coruña, vin hai pouco que fixeron un obradoiro de electricidade básica para aprender cousas como o funcionamento da instalación eléctrica na casa ou descifrar a factura da luz… É algo que se pode apreciar no Casino, que é á vez ese lugar onde ler o xornal, un espazo para concertos, artes escénicas, proxeccións, clases, festas tradicionais… e o que a xente queira.

“Nos últimos catro anos fixemos moitísimas actividades e de todo tipo. Desde obradoiros de pandeireta, de guitarra, de baile, a concertos de todos os estilos, actividades escénicas, festivais culturais como o Contraletras, ciclos de documentais como Galidoc… Mantivemos tamén as festas tradicionais (o Entroido, o fin de ano) e fixemos tamén a festa dos anos 20, porque foi nos anos 20 cando se construíu o local que temos. Pensamos continuar facendo todo o que nos veña á cabeza e o que veña á cabeza das persoas, porque o que queremos non é só nós estar pensando que actividades montar e preparar para o pobo, senón que queremos que o pobo propoña as actividades que quere facer e nós deixamos o local, preparamos todo… canalizamos iso pero queremos que o pobo participe de forma activa, non só como receptor senón tamén como produtor de actividades.

A existencia de espazos que a comunidade pode encher é moitas veces a que activa a comunidade ou a fai emerxer dalgunha forma. Hai anos entrevistamos a Calvin Johnson (fundador de K Records, membro de Beat Happening ou The Go Team) no Liceo Mutante para a Revista Porno e comentaba que, ao ir de xira polo mundo, sempre escoitaba a alguén queixarse de que vivía nun sitio no que nunca pasa nada, “e logo podes volver nove meses máis tarde e hai unha cafetería con concertos cada semana e un puñado de bandas e moreas de cousas pasando (…). Só fan falla un par de persoas para arrincar, e o resto da xente aliméntase desa enerxía, da creatividade dos demais”. Casos como o Liceo ou o Casino afectan á maneira de vivir dunha vila, ao xeito no que a xente (ou polo menos algunha) ocupa o tempo, pensa a súa relación cos demais, se expresa… Por iso mesmo fai falla insistir no importante que é impedir que desaparezan e presionar das maneiras que teñamos a man, mesmo coa frustración de non ver unha maneira clara. Pregunteille a Olivia que podemos facer para defender estes espazos: “A verdade é que non sei moi ben como podemos protexer a cultura destes ataques relacionados cos intereses inmobiliarios. Os concellos seguramente poderían facer algo, porque edificios antigos como o noso, que dentro de dous anos será centenario, deberían estar protexidos. E se non o son, haberá que saber por que non se queren protexer, non? O que non é normal é que teñamos que ser as asociacións culturais que estamos alugadas neses locais as que teñamos que presentar batalla no xulgado para mudar as cousas. Deberíamos ter moito máis apoio institucional e non o temos, e se polo menos os concellos actuasen máis explicitamente e con máis contundencia ante casos como o noso ou como o do Liceo Mutante as cousas serían xa radicalmente diferentes. E non se fai. Ninguén está interesado, e cústame moito entender por que ninguén está interesado en protexer estes edificios e en protexer as asociacións que se dedican á cultura desinteresadamente.

Por agora, o que se pode facer para arroupar ás asociacións e que as institucións entendan a importancia de proxectos como o Casino 1889 é difundir a campaña Salva o Casino polas redes sociais, achegarse o 8 de marzo ás 09:30 ao Xulgado de Primeira Instancia de Carballo e desfrutar do espazo coa esperanza de que sexa posible por moito tempo. O Liceo Mutante apuntou tamén, pola súa parte, á necesidade de que siga visibilizándose a súa resistencia e ofrece carteis para facer público o apoio, ademais de ter á venda uns calendarios ou camisetas ben bonitos.

2 opiniones sobre “Salvar o Casino”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: