Bratzantifa, hooligans do blandito

Paseino moi ben facendo esta colaboración no Diario Cultural Zeta con Lucía Junquera. Pódese escoitar nesta ligazón, pero apeteceume falar de Bratzantifa con máis detalle e incorporar máis respostas das que dá tempo en dez minutos, así que vai o texto aquí debaixo. Camila Viéitez fíxose fan coma min e fixo o fan art que tedes enriba e que aínda non acabo de crer de todo que exista. A vida pode ser marabillosa.

Hai un mes e medio souben de Bratzantifa e levo mes e medio escoitándoas practicamente todos os días, tamén porque nese proceso fun enredando a amigas como Meri, Camila e Esturao e así logo podiamos comentar canto nos gustan as súas cancións. Isto non me soe pasar, porque normalmente non paso moitos días seguidos escoitando a mesma cousa nin me fago fan á primeira escoita. Por que desta volta si? Creo que é porque escoitar a Bratzantifa é, precisamente, parecido a estar coas túas amigas: divírteste (porque as túas amigas son moi graciosas), queixádesvos das miserias da vida diaria (as do traballo e as das relacións) e tamén falades das ilusións desa vida diaria (aquí máis ben as das relacións). Isto podería ser o máis natural do mundo, pero non se me ocorren apenas artistas que consigan trasladar ese equilibrio entre o divertido e o emotivo, e neste caso ademais hai unha actitude política por debaixo, que se resume bastante ben no concepto de “hooligans do blandito” co que se autodefinen Marina e Lucía:

Marina: Nós chegamos á idea de “hooligans do blandito” a raíz dunha cousa que pensamos moito, que é que nós xa temos traballos superprecarios, vivendas superprecarias, e non nos podemos permitir ter relacións persoais igual de precarias. Entón nós si que falamos moito de que para nós é moi importante amosarnos vulnerables, e gústanos moito este contraste que hai entre o hooligan (que tamén se asocia moito ao punk) e dicir, pero mira, é que son tremendamente vulnerable. É que mira, son unha hooligan do rosita, do blandito e dos sentimentos, en plan… encántannos os sentimentos. Entón chegamos un pouco aí por ese contraste, que para nós nos define moito, porque cremos que a vulnerabilidade é algo super punk, é algo super cru, e a nós gústanos sempre falar dende aí.

Tirada de Compostela é Música

Esa posición política pode observarse de forma explícita en temas como “Non cunde” (onde colaboran con Berto de Verto, que se ocupa da produción), que é un pouco como un manifesto e un pouco como unha canción dos Ramones cando presenta as cousas que non cunden: “final de mes non cunde / a ETT non cunde / unha ETS non cunde / chorar por ti, bebé, non cunde / os teus amigos non cunden / pasar frío non cunde / o teu piso non cunde / foder contigo, rei, non cunde”. En poucas palabras e menos de dous minutos está resumido ese universo de precariedade que afecta ao traballo, á vivenda e ás relacións, e que evidentemente non cunde. Non é a única canción na que aparece, senón que é un contexto que se deixa ver en varias das que levan publicado (a maioría no seu Soundcloud): en “TEKNOLADRIDO” cantan “pouco tempo, pouco cash”, en “sempre” din “é moi longo este inverno e hoxe rompéuseme a caldeira”… pero esas frases van no contexto de cancións sobre sexo e sobre desamor, e no caso de “sempre” faise moi patente a idea de traballar desde a vulnerabilidade: “por moito que me abrigue / é moi longo este inverno / e hoxe rompéuseme a caldeira / e teño os pés fríos / cando ti non estás cerca / fixen xa tres ou catro playlist / cos temas que poñías / dicindo que eran pa min”.

As mencións a cousas como a caldeira ou as playlists encaixan cun trazo común a moitos dos seus textos, que é falar desde o concreto e desde o cotián, moitas veces entrando ao narrativo: en “almorzo pa 3” relátase un lío cun tipo pero el pasa bastante do tema e en cambio o seu compañeiro de piso, Xabier, é amabilísimo pero aparece por todas partes e non deixa de facer as cousas incómodas (e dá pé a un dos meus estribillos favoritos).

Isto non é o habitual. Quen fixo unha canción sobre algo tan concreto? Quen fixo unha canción na que se fale de ir de copilota liando pitillos? Tamén elas, neste caso en “escribindo…”. En “doritos” falan de que “xa non quedan xeos no frigo / que alguén baixe ao 24” ou dun titorial para facer o eyeliner… na maioría dos casos fano en primeira persoa do singular en vez de usar o plural, de maneira que a sensación é a de que unha serie de experiencias comúns que se mesturan.

Lucía: Escribimos a letra conxuntamente, e logo miramos se a algunha lle apetece máis cantar unha estrofa, ou moitas veces tamén a ver a quen lle sae mellor esa estrofa, porque as nosas capacidades son limitadas, como todo neste proxecto, e repartímolo… sempre tentamos que sexa equitativo porque iso, é un proxecto das dúas e gústanos compartilo todo ao longo do proceso. E iso, gústanos integrar as nosas voces como se fosen unha soa personaxe porque pensamos que tamén é o que lle dá sentido a este proxecto, tentar vehicular vivencias que cremos que son colectivas, ou polo menos moi extendidas entre os grupos demográficos ou sociais aos que poidamos pertencer nós.

O feito de que moitas das cancións comecen cunha frase falada que serve de autorreferencia (“Bratzantifa, caixa 5” en “almorzo pa 3”, por exemplo) ou case de dedicatoria (“para todas as mulleres ás que lles gusta ir aos callos / fe en dios e ferro a fondo”, en “Imos Po Vermú”) axuda a pensar nesa personaxe Bratzantifa, que vive diferentes aventuras e ten diferentes actitudes. A miúdo é poderosa e controla a situación, como en “menú do día”, onde ademais van soltando unha metáfora con comida detrás doutra sen que se lles esgote a inventiva: “cociño sen présa, bótolle tempo / comendo coas mans sabe máis o alimento / quérelo rápido, eu fágocho lento / isto non é McDonalds, louza de Sargadelos / coidado que enfría, eu non cho quento / xa foi a romería, pasou o momento / fun por vermú, liguei co camareiro / se non ques esperar, chega ti primeiro”. Esta inventiva conéctaas coa chispa da tradición popular en frases como “muller de moitos nunca enviúva” (que aparece en “gato e rato”) ou “díxoo miña avoa: quen quere pan bimbo se tes pan de bola” na propia “menú do día”.

Noutros momentos, os que se cadra son os meus favoritos, aparece esa idea do blandito: a vulnerabilidade, os sentimentos, o amor non correspondido… O mellor exemplo creo que é “Lavado en seco”, que ten un estribillo precioso e chega tamén ao poético desde o cotián a través da metáfora dun tique que queda dentro da lavadora.

Compartir a vulnerabilidade ou o desexo poden ser maneiras de enfrontarse á precariedade das relacións á que Bratzantifa facían referencia, e nese sentido outro elemento clave é o toque conversacional e mesmo de lercheo que teñen varios dos seus temas, que son os que máis me provocan esa sensación de estar na casa dunhas colegas. En “chico_guapo_no_3”, por exemplo, unha voz responde á outra na descrición dese chico guapo dunha forma que me fixo pensar no que facían as Shangri-las (outras mulleres vulnerables e poderosas a un tempo) en “Give Him a Great Big Kiss”. Noutros temas aparecen tamén outras voces a través de audios que van introducindo:

Marina: Gústanos moito o de incorporar os audios, de feito consideramos que é unha marca bastante característica do noso estilo. Para nós o audio é unha unidade significativa: non é o mesmo que alguén che escriba que que che mande un audio. Para nós é algo totalmente normal. Estamos falando coas nosas amigas e é como “uf, tía, mandoume un audio, voucho poñer”, para que vexas a entonación, para que vexas como falamos… Entón incluímolos porque para nós é algo que forma parte da nosa maneira de comunicarnos e que consideramos que é algo que compartimos todas, cando lles pos un audio ás túas amigas da persoa que che gusta, ou dunha persoa coa que estás enfadada, para que tamén vexan como falades e tal. E queríamos incluílo nas cancións porque como nós temos ás veces un ton moi confesional nese sentido, gústanos moito a idea de incluír estes elementos de realismo ou de costumismo nos temas.

En relación a ese carácter costumista, na anterior colaboración que fixen no Diario Cultural Zeta falaba sobre Verto e a súa introdución deses elementos de realismo (que no seu caso chegaban ao propio relato do grupo), e preguntándolles a Bratzantifa polos seus referentes pódese rastrear (máis aló de nomes como Clairo, Olivia Rodrigo ou as Vulpes) como isto pode ser unha sorte de trazo común na escena actual, mesmo cunha serie de antecedentes que conectan co seu uso do humor e a ironía:

Lucía: Unha artista que a verdade tivo moita influencia no noso proxecto é a Sleepy Spice, sobre todo polas características do que é a Sleepy Spice: é unha muller que se autoproduce dende o DIY, tamén que fala desde a vulnerabilidade… gústanos moito a todos os niveis.  Logo tamén outros artistas da escena local como Terbutalina, gústanos moitísimo o humor co que falan sempre, a mala baba que teñen está xenial, tentamos conducir a nosa mensaxe tamén un pouco a través desta clave estilística… e logo bueno, un referente filosófico para nós, máis que xa artístico, é Nuno Pico e as letras de Grande Amore en concreto. E bueno, tamén incluso os Heredeiros da Crus. Un pracer culpábel, unha lenda da música galega, que nos gustan moito, jolín. 

A min todo isto alégrame moito porque me gusta que as cancións deixen un rastro do seu contexto espacial e temporal, e tanto Sleepy Spice como Grande Amore fan isto moi ben en temas como “Stories” ou “Esta pena que ás veces teño”. Falar da realidade cotiá pode ter de por si, como fomos vendo, un carácter político: faise un rexistro dunhas condicións de vida, do marco no que suceden as cousas. Aínda así, o carácter político de Bratzantifa vén tamén, como avanzaban elas mesmas, polas súas maneiras de facer

Lucía: O noso proceso creativo vén sendo estar falando, quedar, estás alí contándolle as movidas ás colegas e de repente dis: buah, disto molaba facer un tema, ou en plan xa levalo pensado do día anterior, depende xa como nos cadre. “Buah, apetéceme moitísimo falar disto”. “Buah tía, pois vamos”. E nada, xa temos educadísimo o algoritmo de YouTube, xa nos ofrece beats, porque os nosos beats nós dicimos que son roubados. Quero dicir, son beats de uso libre que hai en YouTube porque nós non sabemos producir música. É iso, DIY puro e duro. E para escoller os beats pensamos na música que escoitamos ultimamente, por exemplo agora cando saíu o album de Olivia Rodrigo gustounos moito o rollo que tiña… E non sei, gravamos do tirón, nos nosos pisos nos que sempre se colan ruidos de fondo (porque é así), gravamos as veces que faga falta… Non somos moi tiquismiquis, pero como xa se ve que somos un pouco cutres pois tampouco somos unhas genias da música e moitas veces hai que repetir. E logo editar… hai cancións como “Menú do día” ou “Gato e rato” que están gravado sobre gravado: collemos o beat e gravamos sobre el, e logo en vez de gravar as voces independentemente, sobre esa gravación na que xa está xunto o beat e unha das voces, gravamos a outra, e logo se hai coros os coros. Así, full cutre.

É dicir, por moito que a música de Bratzantifa poida ser ás veces próxima ao trap, ou ao bedroom pop, é moi fácil encadrala na tradición do punk, que fixo primar a imaxinación e a actitude sobre a técnica: mesmo se non saben producir, escollen un beat e sobre el imaxinan unhas melodías e unhas letras estupendas. Ese tirar para adiante cos medios dispoñibles (no seu caso, un Xiaomi e uns cascos rosas), ese ton crítico sen chegar a dar a chapa e mesmo o uso do humor teñen para min bastante que ver coa idea do punk que máis mola, e creo que coincide bastante coa que teñen elas mesmas, que tamén se teñen definido como punkis no seu Instagram mentres o enchen tamén de cousas de cor rosa.

Lucía: Para nós o do punk é máis que nada unha actitude. Non fai falla que leves cresta, uns pantalóns rotos ou esta imaxe estereotípica que temos dos punkis, non? Para nós ser punk é unha actitude. Ir iso, contra toda autoridade menos mi mamá [risas]. Esta sería a nosa actitude, tirar para diante, ser chicas duras e facernos escoitar, facer oír a nosa voz. Se a alguén lle interesa, quero dicir. Para nós é unha cuestión tamén moi ligada á nosa maneira de producir, ao que facemos, o DIY, que nos parece unha dinámica de traballo moi punk, porque vimos tamén moito de consumir produtos como fanzines, música tamén autoproducida doutras artistas…

Marina: A maioría das carátulas de Soundcloud que utilizamos son imaxes de uso libre de Google ou de Pinterest. E gústanos moito esta estética do trash, porque para nós está aí o DIY. É dicir, vale, pois non teño os medios para deseñar agora mesmo unha portada quizais; pois collo unha foto de Google e publico o tema igual. Si que é certo que a última portada nola fixo Arantxa Ramos, que se adica á fotografía, aos audiovisuais… e claro, aí notamos un cambio, aí subimos de nivel. Pero normalmente as fotos que utilizamos en redes e así, ou son fotos quitadas de Google ou son fotos que nos fixeron os nosos amigos en festas, en reunións, pola rúa… e gústanos moito esa estética porque nos parece que nos fai máis accesibles. 

Actitude punk, realismo, lercheo, humor, vulnerabilidade… A estas alturas xa fun comentando case todo o que me parecía importante dicir sobre Bratzantifa, pero faltáronme dúas dúbidas que creo que se vos facedes fans coma min compartiredes: como sería un concerto delas (xa que ata agora penso que non deron ningún) e que van facer no futuro. Pechamos isto resolvéndoas:

Marina: Pois un concerto de Bratzantifa sería claramente un desastre, e estarían todos os nosos amigos currando nel. O do desastre é broma, porque nós cremos que sería moi divertido, pero o dos amigos non. Si que é certo que moitos dos nosos amigos, como Arantxa, que nos fixo unha das portadas, se adica á fotografía e ao mundo audiovisual, ou Andrés, que fai as voces en “almorzo pa 3”, que é DJ… temos moitos amigos que se adican ao mundo do son e do audiovisual, e estamos fartas de velos en curros precarios a todos, entón para nós unha absoluta utopía sería poder traballar con eles e que estemos todos alí cotizando e traballando do noso. Pero ata que iso pase, que sabemos que queda moi lonxe, a nós gustaríanos que os concertos de Bratzantifa fosen, para empezar, un espazo seguro para todas, no que todas o pasemos superben, e nada, que a xente se sinta animada de facer ese espazo seu e de sentilo como propio, porque para nós sería iso, pareceríase moito a unha catarse colectiva. E desgraciadamente o futuro de Bratzantifa depende dos días libres que nos den no curro. Sabemos que isto non é algo só do noso proxecto, senón de todos os proxectos musicais de xente nova que se ven absolutamente condicionados pola precariedade laboral das integrantes. É o noso caso: nós traballamos en curros precarios, e agora mesmo en canto xuntemos catro ou cinco días libres, o noso plan é xuntarnos e seguir facendo música. Si que é certo que despois de sacar un tema tan ben producido, en Spotify, por alguén como Berto de Verto [“Non cunde”], agora volver facer música en solitario non sabemos como o vai levar o noso público e se lles vai seguir gustando (porque nós gañamos moito público agora a raíz deste tema), pero está nos nosos plans. Nós somos unhas fanáticas do DIY, e é co que pensamos seguir. Temos tamén en mente colaboracións con outros artistas, por suposto, pero bueno, que a nosa idea é xuntar catro días libres no traballo, xuntarnos e facer música.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s