Falando con Teresa Ferreiro sobre os concertos de hoxe en día

Foto de Denís Estévez

No seu momento tiña moito lío e non puiden subir esta colaboración no Diario Cultural Zeta na que falei un pouco con Teresa Ferreiro sobre as súas sensacións e ideas arredor dos directos tal como están sendo no presente. Desde que fixen a colaboración vin algún concerto máis e a situación non é exactamente a mesma, pero a idea non era tampouco falar de normativas, senón máis ben do espírito dos concertos. Pódese escoitar aquí e ler debaixo.

No tempo que levo facendo estas colaboracións no programa falei directa ou indirectamente de bastantes novidades musicais (Tulip, Los Rastreadores, Columna Vegana…) pero non falei de directos, seguramente porque durante boa parte do tempo nin sequera os houbo. Agora empeza a habelos, pero case todos dunha forma diferente, así que quixen falar cunha persoa que os vivise como artista para ver de que maneira cambiara a súa experiencia e a súa maneira de traballar. Escollín a Teresa Ferreiro, que fai unha chea de cousas (como podedes ver se clicades no seu nome, que leva un linktree cunha morea de enlaces diferentes), e entre todas elas é DJ e xestora cultural, en proxectos como Ruido de Fondo.

Teresa: A min si me afectou moito, porque eu fago sesións de DJ, que obviamente sempre as teño que adaptar ao contexto no que vou pinchar, e agora o único que fixen foi durante o día e coa xente sentada e mirándome a min, que realmente non fago nada máis que mover as mans. Entón si que cambiou moito como fago agora as cousas: a música que fago tento que non sexa tanto de baile senón máis de escoita, agora tento levar visuais, o cal está ben (porque non ten sentido que a xente estea mirándome a min; creo que os djs non somos músicos, nese sentido non damos espectáculo en vivo e en ocasións creo que a nosa presenza debería ser practicamente invisible).

Seguramente, o estilo inflúe no tipo de adaptación que fai falla para os concertos destes últimos tempos. Interesábame falar con Teresa porque pinchou no ciclo VanGal no Museo do Pobo Galego, e foi un dos últimos concertos que vin ata o de agora, pero co público sentado nos bancos da igrexa de Bonaval en lugar de estar bailando, como sería o habitual. Hai música máis adaptada (ou pensada directamente) para un público sentado ou mesmo á escoita na casa ou no coche, pero hai xéneros que dalgunha forma só están completos en contextos colectivos ou nos que hai certo movemento ou contacto físico, como por exemplo o punk ou iso, a música de baile.

Teresa: O que máis me irrita de todo isto é que creo que non se lle dá a importancia que ten este tipo de ritual social. Isto de feito lémbrame unha conversa que tiven con Meemo Comma que é unha produtora de música electrónica, que mencionou un documental da BBC que se chama God on the Brain e que fala (creo, non vin o documental, dígoche o que me dixo) de que o lóbulo temporal do cerebro está conectado, é a parte que se excita cando temos experiencias que consideramos de tipo relixioso ou espiritual, e que nas raves se produce un efecto similar no cerebro. Tamén di que a xente experimenta no lóbulo temporal, que se estimula coa música e co baile, algunha xente iso resúltalle máis excitante (ou excítase máis esa parte) que co sexo. Supoño que depende da música que escoites e do sexo que teñas, pero en xeral estou de acordo.

Xa que logo, como artista Teresa Ferreiro fixo cambios nas súas sesións para adaptalas ás circunstancias nas que pode traballar. Noutros casos aparecen outras solucións para a música en directo. En España falouse bastante dese concerto de Love of Lesbian en Barcelona, para 5.000 persoas e cun test de antíxenos que permitía que a xente non tivese que gardar a distancia social (e con voces en contra advertindo de conflitos de intereses e dúbidas sobre a xustificación científica da seguridade do evento). A última vez que fun cortar o pelo a miña perruqueira díxome que ao seu fillo lle pasaran publicidade da Pelícano na Coruña e que ía abrir tamén para unha “proba piloto” cunha entrada que incluía PCR. En Oklahoma, os Flaming Lips fixeron uns concertos nos que cada persoa do público estaba dentro dunha burbulla inflable que incluía un altavoz para corrixir a perda de son, unha botella de auga, un ventilador e un signo para erguelo se alguén estaba afogando ou tiña que ir ao baño.

Pensando neste último caso, vese que aínda hai que perfeccionar os métodos, e tamén que moitas das solucións (ou das facilidades) parecen chegar antes para os macroeventos e grupos grandes que para os proxectos e locais que teñen uns recursos máis limitados. Aínda así, é cuestión de cada quen botarlle imaxinación, e nesa liña Teresa faloume dunha idea virtual como a da organización queer Club Quarantine, que xurdiu máis desde a comunidade.

Teresa: O que fixeron foi crear espazos dixitais onde a xente puidese entrar nese mundo de festa alternativa. Había zonas, distintas habitacións con distintos djs, distintos espectáculos visuais… Creo que había un baño tamén, onde supoño que podes entrar nun chat e falar coa xente, coma se fala no baño do club, o mesmo… eu non entrei no baño dixital ese, pero non sei, imaxínome como a mítica persoa vomitando nunha esquina… paréceme divertido. Realmente é unha boa resposta a todo isto e si que creo que agora moitas das actividades sociais que facemos fanse de forma virtual e iso fixo tamén que mellorase moito, por exemplo os artistas agora 3D estendéronse moito, está dándoselle máis importancia (polo menos no mundo da arte) ao que fan, á xente que fai visuais…

Neste caso vemos que parece haber por agora dúas liñas fundamentais: estar cada quen na súa casa comportándose como queira, ou estar con outra xente pero con limitacións ao que podemos facer. É bonito desenvolver ideas para resistirnos a perder esa dimensión física e de comunidade que ten a música. Supoño que moita da xente que se dedica a ela (sexa facéndoa ou organizándoa) aprendeu novos recursos e inventou solucións para non perder todo isto, e é probable que o que escoitemos nos próximos anos vaia estar marcado por estas circunstancias (mesmo se tenta facer como se o covid nunca existise). Pero por outra parte segue sendo frustrante, porque crea moita presión sobre o feito de ir a un concerto: agora temos que planealo todo con tempo e parece que ten que gustarnos, pero boto de menos a rutina de ir a un local calquera un día entre semana, atoparme coa xente que está sempre alí e decidir que o concerto non me interesa e esperar na porta falando. E tamén é frustrante o feito de que as normas parezan ás veces algo arbitrarias.

Teresa: a min dáme moita rabia o de sentarnos, non o comprendo moi ben. Non sei moi ben de que maneira se ti estás parada nun sitio concreto ou non estás tocando xente non sei de que maneira afecta que ti esteas bailando, movéndote ao ritmo da música… como vai estender iso o coronavirus? Non sei se é para que podan controlarnos mellor, pero paréceme que é ter moi pouca confianza na xente. De feito recordo que eu vin que nun evento facían algo que me pareceu moi lóxico e intelixente, que foi debuxar círculos no chan, e entre cada círculo había distanciamento e a xente podía dentro do seu círculo bailar. Ti aínda estás distanciado do resto da xente, non os chegas a tocar pero si que sintes que aínda que estás un pouco lonxe estades bailando xuntos. Paréceme unha moi boa solución que en España non a vin. E a min tamén me pasou en Bruxelas, nun evento no que podías moverte con liberdade, podías estar preto da xente pero non podías bailar, que iso pareceume o absurdo máis absoluto. E había xente que igual bailaba un pouco pero non con moito ritmo e a seguridade non lles dicía nada. E [risas] vías que outra xente igual se notaba máis que sabía bailar e ían por elas e dicíanlles que por favor parasen, que aí tamén me fixo reflexionar sobre que é bailar, non? Porque eu podía moverme, podía mover o corpo como quixera pero no momento en que o movese ao ritmo da música íanme parar. Iso que sentido ten?

Moito sentido parece que non ten, aínda que como este texto está máis baseado nas miñas impresións e as de Teresa que en ler estudos científicos ou o BOE tampouco quero aventurarme demasiado. É bailar algo perigoso ou subversivo? En 2019 pareceríame unha idea un pouco anacrónica no noso contexto, pero o feito de que non sexa posible facelo e non teñamos claro por que igual quítame a razón. Dáme un pouco de rabia non poder rematar isto cunha conclusión minimamente sabia máis aló de pedir “libertad” porque quero poder ir a concertos todo o tempo, ver a toda a xente que aprecio moito e que só vía alí, nalgúns bailar e cantar e pasar calor e noutros estar sentado ao fondo ou marchar coa xente que fuma na porta. Ademais, como pedir “libertad” para facer o que nos peta pasando por riba das consecuencias para outras persoas está mal, o que pido é imaxinación, a ver se damos cunha maneira de recuperar estas cousas bonitas que non moven centos de miles de euros e unha chea de postos de traballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s