Como están no Liceo Mutante? E en Acéfala?

Fun ao Diario Cultural Zeta da Radio Galega hoxe e falei con Antonio Méndez un anaco sobre locais autoxestionados e concretamente sobre o Liceo Mutante e Acéfala, porque son os dous dos que me sinto máis próximo e quería saber como lles vai. Para iso, falei con Sara Pena (da asemblea do Liceo) e Teo (da de Acéfala). Podes escoitalo neste enlace (aquí o programa enteiro, no que tamén saen Begoña García Alén e Andrés Magán e as memorias de Margarita Ledo de cando tiña vinte anos), ou ler a versión en texto (que vai cun pouco máis de detalle porque non se me dá ben sintetizar) aquí debaixo. Revisei a ver se atopaba fotos sendo feliz no Liceo e atopei algunha, como a que encabeza o artigo. Aínda así, para chegar a falar deste tema comecei con este tema de Franco Battiato e dando un pequeno rodeo.

Antes de nada quero falar dos karaokes. Desde aquí quero mandarlle un saúdo aos meus karaokes favoritos, que seguro que están pasándoo mal: o Makumba de Santiago, o Sitio Distinto de Santa Cristina e o Michelena de Pontevedra. Gústame moito cantar e gústame moito ver cantar á xente que quero, e ás veces tamén á xente que non coñezo, porque nos karaokes hai momentos nos que se expresan cousas cunha liberdade estraña que non hai noutros lugares, e créase ás veces unha empatía bonita entre a xente.

Aquí con Xacobe no karaoke de Pontevedra despois de ir ao Liceo

Viñen entón falar dos karaokes? Non, os karaokes eran unha metáfora. Isto que dixen creo que é certo, pero realmente ao falar dun sitio no que se expresan cousas cunha liberdade estraña que non hai noutros lugares, e no que se crea unha empatía bonita entre a xente, estaba pensando no Liceo Mutante de Pontevedra, que é un espazo autoxestionado no que tamén se canta, e que me fai mil veces máis falla que os karaokes. Desde marzo só puiden ir por alí unha vez, e penso moitas veces en como estarán. Non o penso tanto polas ganas de ir ver un concerto como pola idea de que estar alí é estar nun sitio no que sempre se aprende da actitude da xente, que é xenerosa e é curiosa e é crítica. Quero moito á xente que está alí, incluso á que non coñezo de nada, e quería usar esta sección de escusa para saber como está a xente do Liceo.

Sara: A volta á actividade logo do peche de marzo foi moi dificultosa, porque dentro da incertidume que tiñamos todas, nós ademais non encaixabamos en ningún dos modelos propostos polas institucións. Había cambios permanentes nas normas, e nós tivemos que facer un esforzo moi grande para atopar unha fórmula na que estivésemos cómodas e poder ofrecer un espazo seguro para todas. Houbo que reestruturar os espazos, cambiar os aforos, cambiar os protocolos para a entrada, houbo que facer equipos de limpeza e desinfección moi esixentes… e bueno, fómonos adaptando e cambiando en función do que funcionaba e do que non, e conseguimos ir facendo algo.

Seguramente os problemas polos que conta Sara que pasa o Liceo son parecidos aos de espazos e asociacións semellantes, sobre todo nesa cuestión de que as administracións case nunca pensan en poñer as cousas fáciles ao traballo asociativo e voluntario. O que representa para min o Liceo para outra xente pode representalo o Buril en Sarria, ou o Fuscalho na Guarda, ou un ateneo libertario ou un centro social okupado. Por iso tamén quixen saber como estaban en Acéfala, un espazo autoxestionado na Coruña que tivo a mala sorte de ter previsto abrir en abril. Acabou abrindo en xullo, e falei con Teo para que contase un pouco como foi o asunto.

Teo: O feito de que abrísemos entre o confinamento duro e o confinamento máis brando que hai agora, fixo que ao ser un espazo novo non chegase a tanta xente, ao mellor. Non puidemos darnos a coñecer tanto, non puidemos abrirnos tanto á cidade ou ao barrio para que a xente nova nos coñecera e se unira ao proxecto, e bueno iso tamén é unha boa faena. Outro punto importante que creo que se derivou de toda esta situación é que Acéfala está pensado como un espazo físico. É a esencia do proxecto, o feito de ter un lugar, un sitio de encontro, un obradoiro físico, e realmente unha das cousas que nos pasou cando tiñamos asembleas virtuais falando sobre este tema baralláronse cousas como facer certos eventos online, pero non tiña moito sentido.

Neste punto na radio fixemos unha pausa para poñer exemplos de como sonan estes espazos. Unha das veces que estiven en Acéfala estaban no medio dunha sesión de P.I.L.A., que é unha especie de clube de encontro para experimentar facendo ruido e electrónica caseira. Había unhas cantas stories no seu Instagram dese día e serven para facernos unha idea. Para min foi curioso (pero moi bonito) achegarme ao local de Acéfala, nun baixo xunto ao mercado de Monte Alto, e ver dentro xente dando golpes a obxectos metálicos e conectando cables. E tamén esa idea de aprender cousas en común. Creo que a autoxestión fai que o centro das cousas non sexa un intercambio económico, e que no mellor dos casos non participemos na cultura só como un público pasivo, senón que todo o mundo teña gana de contribuír á comunidade. De feito, o Liceo non só acolle eventos senón que é un espazo ao que a xente tamén ten ido a facer radio, serigrafía, obradoiros, a traballar na horta… e que serviu de entorno para o traballo de grupos como Cuchillo de Fuego, Urro, Unicornibot, Montclair, Columna Vegana ou Meus, así que pode soar así, cunha euforia particular:

Sara: Algo que foi vital neste tempo, non só foi facer ese esforzo de organización interna senón organizar cousas con outros colectivos, como a festa que organizaron no Colapso de Compostela a finais de agosto, que nos mantén vivas hoxe en día, a nivel tanto económico como de enerxías. Tamén Alouette Machine cos seus obradoiros e o seu apoio no calendario, etcétera, e todo o apoio que sentimos sempre, na xente que está mercando na tenda virtual

Estes espazos son, necesariamente, espazos. É algo que me comentaron tanto Sara como Teo, que explica que en Acéfala querían combinar a programación para o público co uso do local como un obradoiro, un estudio colectivo para os seus membros, e o confinamento “minou un pouco os ánimos para achegarse, comezar proxectos individuais alí…”. Pero estes espazos son tamén comunidades de colaboración que seguen existindo na distancia, e son moi necesarias porque moitas veces ao pensar na cultura pensámola, por inercia, como se fose simplemente unha serie de obxectos de consumo dos que queremos dispoñer. E iso existe, porque existe unha industria e existen uns oficios que necesitan de atención e medidas que os coiden co mesmo respecto que a calquera outro. Pero fóra da industria cultural existe moita cultura, que ofrece maneiras de pensar, de facer e de vivir que non están nos contextos profesionais. Na miña experiencia, alí pasan outras cousas. Pregunteilles a Sara e Teo polas semellanzas e diferenzas entre o asociacionismo e a industria cultural.

Sara: Non coñezo polo miúdo as necesidades da industria cultural aparte do evidente, do drama que é este parón de tantos meses, pero penso que quizais poida ser unha diferenza que nós temos unha necesidade enorme de estar xuntas, o colectivo que somos. O Liceo é un espazo no que se xeran certas sinerxias a través do contacto diario no noso local, nas asembleas, antes e despois dos eventos, nos días que se vai limpar… creo que sempre pensamos, sempre defendimos que o Liceo é un espazo especial porque é un espazo no que estamos xuntas e de aí xorden cousas marabillosas. 

Teo: A principal diferenza entre o que pode ser o asociacionismo cultural e a industria cultural neste momento, eu penso que o principal sería sinalar que nós non facemos isto para vender, para subsistir como pode facer un artista, un espazo como un museo, un café cultural ou un teatro. E ao fío disto veume á cabeza o tema da falta de espontaneidade, que é o que se deriva desta situación, á parte da falta de presencialidade física. Neste tipo de proxectos asemblearios, de asociacións culturais, de centros sociais, creo que o factor da espontaneidade está moi presente e é esencial.

Sara: Seguro que temos esas semellanzas de que necesitamos pagar as facturas, necesitamos pagar o aluguer, que é altísimo… Quizais esa desesperación polos cartos sexa algo que teñamos en común. Pero insisto en que creo que nós necesitamos algo máis aló, porque non facemos unha simple xestión de eventos para que sucedan, senón que é unha actividade voluntaria, un compromiso grande que temos para que iso exista no que non estamos recibindo salarios nin nada polo estilo e si moita satisfacción. Antes, polo menos.

Todos estes meses sen poder ter moito contacto coa xente fixéronme pensar na falta que me fan estes lugares e esta comunidade, que son sitios fondamente humanos e moi divertidos, nos que pasan cousas inesperadas e se forman vínculos intensos. Como os karaokes, pero máis. Se cadra non fun quen de explicalo ben dabondo, pero hai varias cousas na rede que poden axudar a comprender o traballo e as sensacións que hai nestes espazos. Vou dicir tres: o episodio sobre o Liceo do podcast Mundo Estrella (que conduce Edi Pou), o documental Mutantes de Álvaro Larriba e a canción “Xente bonita”, de Lamprea Explosiva. Non esquezades axudar a estes espazos nos momentos complicados, que logo devólveno con creces.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s