Sleepy Spice e o anonimato creativo

Hoxe estiven no Diario Cultural Zeta da Radio Galega falando con Antonio Méndez sobre o anonimato como recurso artístico e bueno, máis concretamente sobre Sleepy Spice. Podedes escoitar o podcast aquí e ler unha versión en texto aquí debaixo.

Como hoxe quería falar sobre o anonimato, estiven lendo un pouco sobre os Residents, que son se cadra o grupo que levou máis lonxe a cuestión. Eles levan facendo música desde os anos 70, e a súa imaxe máis habitual é cunhas máscaras en forma de globos oculares e sombreiros de copa. Non está aínda moi claro quen forma ou formou parte do grupo* máis aló dun señor que se chama Hardy Fox. Houbo quen especulaba con que os Residents fosen un seudónimo dos Beatles ou con que neles tocase xente de Devo ou dos Talking Heads… En fin, cada certo tempo aparecen artistas que xogan con máscaras ou ocultan relativamente a súa identidade, como Daft Punk, Sia ou Marshmello, e tentamos saber cousas sobre a súa vida. Ao final as cancións son unha forma de comunicación e queremos saber máis sobre esa xente que está comunicándonos algo.

Desta volta quixen facer ao revés, darlle a volta ao asunto e saber que pensa do tema unha desas artistas anónimas, así que lle mandei unhas preguntas a Sleepy Spice, que penso que é o exemplo máis claro deste recurso artístico na música galega de agora.

De Sleepy Spice sabemos pouco no que se refire a datos biográficos. Na súa bio do Instagram, o que conta é que fai cancións co móbil. Entre o Spotify e o Soundcloud hai uns dez ou once temas para escoitar, algúns máis pop, como “Outro lado”, e outros máis achegados ao trap ou ao reguetón. E logo, entre as portadas e o que ten nas redes hai unha estética que se mantén: domina a cor rosa, aparecen algunhas figuras icónicas como as Supernenas, a Guerreira Lúa de Sailor Moon, as protagonistas de Cluelesse cousas da linguaxe de internet. Podemos imaxinar mil cousas, pero non hai unha imaxe nin un nome propio que nos diga quen fai estas cancións. E como isto é moi interesante, pregunteille polo proceso de crearse a si mesma.

Sleepy Spice: O proxecto de Sleepy Spice comezou como un proxecto de produción autodidacta. Eu comecei a escribir temas do xénero urbano, digamos e entón para separar iso doutros proxectos que tiña creei esta personaxe, este nome e esta estética de cor rosa, memes, emojis, etcétera. Non aparece unha persoa porque bueno, paréceme interesante separar a miña persoa persoal, por dicilo dalgunha maneira, do que é este proxecto, que realmente é unha parte de min, da miña personalidade, da miña persoa moi diferente, moi esaxerada da realidade. Eu de pequena odiaba a cor rosa como por ser un símbolo de feminidade superesaxerado e agora é como que fago o contrario, reivindico esa cor rosa, reivindico todas as cousas femininas que me gustan e é un pouco esa estética.

Sleepy Spice comentoume tamén que a imaxe lle parecía “a maneira máis rápida de transmitir as ideas e a marca do artista”. O que me parece bonito é que esa imaxe non estea asociada a un corpo, porque iso dá para inventala desde cero e controlala por completo, sen contar coas limitacións que nos dá a nosa propia identidade.

Sleepy Spice: Precisamente esta idea do anonimato faime sentir máis libre nos temas dos que falo e na produción da miña música. Penso que é unha maneira de liberarme tamén a min dos meus outros proxectos musicais e da miña vida persoal. Unha forma de separar iso e de non ser xulgada por xente que xa me coñece doutras partes da vida. Entón por esa banda para min é útil.

A vida persoal das artistas inflúe moito en como recibimos a súa obra, e hai quen xoga con iso no seu favor e quen perde o control. No primeiro grupo poderíamos falar do último tema de C. Tangana, que ata na prensa xeralista se comenta se fala de Rosalía. Ou de toda a narrativa de Lemonade, de Beyoncé, arredor da infidelidade e o perdón a Jay-Z. No seu caso teño bastante claro que a obra artística de Beyoncé é tanto a súa música como a súa imaxe pública, que usa para narrar, aínda que sempre haxa unha dúbida sobre que cousas desa imaxe pública son calculadas, cales son casuais e cales son un uso creativo desas cousas casuais.

No lado da xente que perde o control da súa imaxe poderíamos pensar en artistas que proxectan unha idea na súa obra que logo entra en conflito co seu comportamento, como pasou con Michael Jackson. Supoño que hoxe é difícil escoitar as súas cancións sobre causas sociais sen pensar tamén nas acusacións de abuso sexual contra el. Pero sucedía incluso co seu corpo, coa cor da súa pel… xulgamos a obra a través do que pensamos da persoa. En base a isto, enténdese esa opción dos Residents ou de Daft Punk de enmascararse e evitar que haxa unha persoa que xulgar. Pero nos seus casos os temas parecen precisamente máis conceptuais, máis alleos ao carácter persoal, e ao escoitar a Sleepy Spice dá a sensación de que hai algo máis vivido, máis humano no que canta.

Sleepy Spice: Nas miñas letras maioritariamente falo de temas persoais, mais tamén collo experiencias doutras persoas, ou de amigas ou de xente que coñezo, ou ao mellor temas máis xerais, e tento escribir a partir dese punto de vista, mais penso que tamén partindo un pouco da experiencia propia. Pero por exemplo un tema que vai saír en tres semanas parte dunha historia dunha amiga miña sobre desamor e ese exercicio tamén é interesante, e gústame tamén facer ese tipo de composicións.

Igual ese lado persoal vén do uso da primeira persoa. Aínda que se poida cantar desde a perspectiva de diferentes persoas ou personaxes (como esta canción de Sonic Youth cantada desde a perspectiva de Karen Carpenter), ao final hai unha voz que nos conta cousas, e gústanos construír unha relación con esa voz. Aínda que recoñezamos algo como unha ficción, podemos atopar nela algunhas verdades. Escoitar música é unha cousa moi creativa, porque imaxinamos cousas que non están necesariamente aí, interpretamos, creamos unha narración… e no caso de Sleepy Spice, como xoga coa nosa curiosidade, creo que nos empuxa aínda máis a facelo. Pregunteille que imaxe cría que se facía a xente dela polas súas cancións.

Sleepy Spice: A verdade, non sei que imaxe ou que idea ten a xente de Sleepy Spice en base aos temas. Supoño que alguén da súa mesma idade, alguén con quen se podan identificar, pois unha moza nova de Galicia… Non sei, espero que recoñezan o aspecto queer das miñas letras e un pouco tamén o humor que hai nelas, que non todo é super serio, teño bastantes memes dentro das miñas cancións. Si, non sei, alguén que se pareza a eles.

Non sei se sinto a Sleepy Spice como alguén que se parece a min, pero si como unha persoa próxima. O outro día Andrea preguntaba en Twitter se alguén sabía quen era leepy Spice, que quería que fose amiga súa, e penso que vai por aí a sensación que me crea.

Gústame especialmente como en moitas cancións súas aparecen os coidados entre amigas, como en “Abur” (“consello prás amigas: non deixes que ninguén te foda a vida e dille abur”) ou “TQM“, e creo que a idea da amizade está presente no ton das letras, porque hai esa mestura entre a intimidade e o humor que se dá cando hai confianza. Ademais paréceme moi guai como as redes, o móbil e internet aparecen nas súas letras dunha forma natural, como en “Stories” (“vin que estabas en liña, mandeiche vinte emojis / só pra ver se contestabas, síntome un pouco stalker / ata abrín un puto Snapchat para ver se cun filtro cambiabas a túa cara”). E bueno, ao final o máis importante é que os seus temas dan ganas de cantar, de bailar ou das dúas cousas. Como ela mesma conta que no momento en que dea un concerto o hype de quen é vai pasar penso que podemos esforzarnos en sacar partido a esta etapa anónima.

*En 2008 os Residents tocaron en Pontevedra. Un amigo que daquela vivía alí díxome que uns señores que falaban inglés o pararan pola rúa e lle preguntaran por un sitio para comer e, no medio dunha conversa de cortesía acabaran dicíndolle que tocaban esa noite no Pazo da Cultura. Probablemente estou contando mal a anécdota, e tamén é probable que a anécdota fose inventada polo meu amigo, pero paréceme bonito pensar que o segredo dos Residents está sendo revelado en cada concerto deles a persoas aleatorias pola rúa ás que o tema non lles preocupa demasiado.

Un comentario en “Sleepy Spice e o anonimato creativo”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s