Son e visión #5: “La fatiga de los materiales” de Ocre

ocre

Aquí a derradeira entrega de ‘Son e visión’: cinco semanas dándolle voltas á relación entre música e imaxe na Radio Galega con este método (se xa escoitaches ou liches as entregas anteriores ignora a explicación):

1. Poñerlle a alguén un tema que non coñeza e pedirlle que conte que imaxes lle evoca.

2. Pedirlle á persoa que puxo imaxes a esa música que explique como o fixo e por que o fixo así.

Nesta participan Edita Oca Edu Poch falando arredor de ‘La fatiga de los materiales’ de Ocre, que sae aí arriba tocando en Saumede nunha foto de Sara Roca.

Este texto (igual que os anteriores da sección) parécese bastante ao que dicimos Xiana e eu na radio, pero non de todo. Pode ter algo máis de información pero tamén ten menos chispa, así que se queredes escoitar a sección podedes facelo NESTE ENLACE. Se queredes ler, seguide para abaixo.

A idea é que, se queredes, xoguedes a ver que imaxes vos evoca a música antes de ver efectivamente cales son, así que aquí vos queda o audio de ‘La fatiga de los materiales’.

Cada vez é máis difícil entender a música, ou a música pop, sen pensar que é un fenómeno audiovisual: é practicamente impensable unha canción de éxito sen o seu videoclip, e iso xa sen pensar no peso da imaxe pública de cada artista. Isto pode parecer que foi así sempre, pero lembro por exemplo unhas declaracións de Lemmy de Mötörhead, nas que dicía que se fixera fan de Chuck Berry escoitándoo pola radio sen saber sequera que era negro. Non podemos frear a nosa imaxinación visual: cando escoitamos soamente unha voz, poñémoslle unha cara, e nesta sección xogamos con iso.

Nas semanas pasadas tivemos unha economista, unha presentadora, unha modelista e un xornalista inventando imaxes para diferentes músicas. Desta volta falei con Edita Oca, que é artesá e deseñadora responsable do proxecto Jatafarta, ademais de participar en iniciativas culturais como o espazo As Almácigas ou o Cineclube de Compostela. Estas son as imaxes que inventou para a canción de Ocre:

Acabo de escoitar este tema e supoño que o título que ten dalgunha maneira me condicionou a pensar no mundo dos materiais. O ritmo a modo de marcha, os sons metálicos, os matices da batería ao longo do tema danlle unha corporeidade a ese material no que estou pensando. Pero penso nun material metalúrxico, pesado, sólido, un material que está en movemento, que choca entre si producindo sons contundentes… Imaxínome estruturas fortes, engranaxes xigantes, poleas e palancas, grandes volumes trasladados por grúas… Aínda que non entendo moi ben o que di a letra percibo palabras como edificios, e rapidamente me sitúo nun escenario urbano. E vexo unha cidade grande, unha grande urbe de edificios altos que se constrúen a si mesmos ao principio, e que logo a si mesmos se desfán. Para darvos unha idea das imaxes que estou debuxando na miña cabeza, venme a idea da película Bailar na escuridade, de Lars von Trier, esa fábrica onde o ruido xenerado polas máquinas harmoniza coa voz de Björk, converténdose en música. E sería algo así como esas máquinas soando, neste caso estes edificios, esas grúas…

Cara o final da canción párase o ritmo e é como se algo se desenchufase. É como se ese festival de edificios en construción e derribo que imaxinaba antes se volvese caótico. É como se a cidade como máquina deixara de funcionar, como se se curtocircuitara. E aí imaxino a alguén aterrorizado, perdido no medio de todo iso, que fuxe do fume dos incendios, das cloacas de auga que reventan, das sirenas e das alarmas que non paran de soar… Ao final finalísimo da canción hai un son parecido ao redobre dun tambor. Este alguén que estou imaxinando eu véxoo como un acróbata que ten a posibilidade de dar un chimpo mortal para fuxir dese remuíño de cousas, pero antes de que o intente todo desaparece.

bjork-dancer-in-the-dark-2000-04.jpg

A visión de Edita ten algo da súa labor de artesá (a min non se me ocorrería pensar tanto na corporeidade dos materiais) e tamén algo cinematográfico, xa feito máis explícito. Ao final o cinema tamén é unha influencia moi importante para a nosa imaxinación visual, pero o vídeo de “La fatiga de los materiales” non vai por aí. O elemento da destrución e o derribo si que está presente a través dalgunhas imaxes, pero o concepto é diferente. Para poder comparar e facernos unha idea do que aparece nel, pedinlle a Edu Poch, a persoa detrás do proxecto de Ocre e responsable (ata certo punto) do clip, que o describise:

O vídeo estrutúrase a partir de gifs animados sobre destrución que se alternan con imaxes máis ou menos estáticas das nosas caras. Para darlle uniformidade estética, cada frame debúxase con círculos de cores sobre un fondo negro.

Aínda que Ocre é o proxecto de Edu, nos seus dous discos hai unha chea de colaboracións (especialmente nas letras), e neste caso o tema fixérono entre el e Bita Barbadillo, que efectivamente aparecen entre eses gifs, ás veces cantando a letra e ás veces simplemente quietos, nesa especie de tempos mortos que aparecen cando nos gravan durante un anaco. Pero chama a atención que as imaxes non aparecen na súa forma orixinal, senón que están transformadas, como explica Edu, en pequenos puntos de cor, seguindo a técnica de impresión dos “semitonos”. Antes de volver sobre o contido das imaxes, quixen saber máis sobre esa escolla estética.

É a estética que elixín para o disco. Gústanme as formas xeométricas e ademais son fáciles de programar. O tema dos semitonos pareceume interesante porque se aproveita dunha ilusión óptica na que, unha vez te afastas o suficiente da imaxe, o cerebro configúraa, enchendo os ocos entre os puntos. Así que construín un programa de ordenador que, baseándose nisto, xenera as portadas dos discos creando unha grella de círculos con diámetros aleatorios. Cada portada é como unha mancha ou unha nube que cada vez pode interpretar como queira. Isto quizais é complicado de explicar pola radio, pero visualmente creo que ten sentido. 

Volvendo ao contido, Edu sinalaba que entre as súas imaxes había “gifs sobre destrución”. A idea da destrución que tamén recollía Edita está presente na letra, que fala de edificios que se desgastan e colapsan, en referencia ao desgaste de outras cousas: a frase coa que remata a canción di “Es el colapso de la arquitectura de la Transición, que no soporta la tensión”. A particularidade do videoclip é que acaba cunha mensaxe que explica que o vídeo foi creado polo ordenador, combinando as caras de Edu e Bita con gifs alteatorios recén descargados da web Giphy. Na propia web de Ocre temos acceso a ese “Xenerador de videoclips”, co cal cada visionado se convirte nalgo diferente.

Eu estiven probando a facer eses diferentes visionados, e non sempre recoñezo esas imaxes aleatorias que aparecen, pero no que está en YouTube creo que identifiquei, por exemplo, a Peter Griffin de Padre de familia, algo de Breaking Bad, a Danny DeVito, un edificio derrubándose ou unha modelo caendo ao chan. E logo na primeira proba saíume Bob Esponja, moito pressing catch, ou Steve Urkel. E volvín probar e saíume algo de anime, un señor oriental fumando, Hora de Aventuras ou Jennifer Aniston en Friends. Con todo isto quixen preguntarlle a Edu de que maneira se relacionaba o discurso da canción co discurso do vídeo e que papel xogaba a aleatoriedade en todo iso. El respondeume isto:

A canción fala da fraxilidade de determinadas estruturas sociais e fai unha aposta por acabar con elas, así que as imaxes dos gifs xiran en torno á destrución, as caídas, a facer mal as cousas, ás cousas que se acaban. A aleatoriedade non ten tanto que ver con esta canción en concreto como co macrodiscurso de Ocre, que utiliza o azar e a apropiación como metodoloxía creativa.

Ese macrodiscurso do que fala Edu é moi bonito de ver nos discos de Ocre, porque se estende en moitas direccións, entendendo a obra musical como unha especie de centro con moitos tentáculos. Tanto o anterior, titulado Torpe, como este Vago van acompañados dunha serie de experimentos web, conectando coa faceta de informático de Edu. Están o xenerador de videoclips e o xenerador de portadas dos que xa falamos, e mesmo un xenerador de carteis, de proxeccións ou ata de notas de prensa. Quixen que me comentase máis acerca destes programas e o que ofrece ao público con eles.

cartel ocre.png
Cartel do xenerador de carteis de Ocre

 

Moito do que fago como Ocre xira en torno ao azar dixital, á aleatoriedade programada por ordenador. É un fío condutor que eu diría que é máis ben un antidiscurso, xa que non hai moita reflexión previa. É máis como un xogo que deixo en mans dun axente externo. Gústame pensar que eu non teño un control completo da miña obra. Supoño que é un xeito de evitar toda a responsabilidade no resultado, xa que me custa moito tomar decisións. Tamén me parece interesante a posibilidade de que cada persoa reciba algo único e inesperado, que, no mundo hiperindustrializado no que vivimos é cada vez menos frecuente.

Na relación entre música e imaxe pareceume interesante tratar este experimento de Ocre por esa idea dun resultado variable, e tirando do fío probei co xenerador de videoclips para “Veranos”, un tema do seu anterior disco, pero resulta que aquel xogaba con contidos de Vine, unha páxina que xa pechou, polo que o que era variable agora reprodúcese sempre coas mesmas imaxes. Comenteillo a Edu a ver que opinaba disto e puxo a súa obra en relación ao contexto actual da rede.

 

 

Internet, desgraciadamente, cada vez está máis centralizado nunhas poucas empresas que cada vez son máis grandes. As que che proporcionan a conexión, as que che dan espazo de servidor, as que che permiten atopar e visualizar os contidos… Cada día somos máis dependentes tecnoloxicamente dun oligopolio. Se queres construír algo complexo na web vas ter que utilizar algunha das ferramentas que che proporcionan estas grandes empresas, que se rexen por criterios económicos. Así que o máis probable é que chegue un momento no que as leis de mercado fagan que estas ferramentas cambien o seu funcionamento ou, directamente, desaparezan. É o que fixo Twitter cando primeiro mercou e logo pechou Vine. Eu, antes de negar este contexto e tentar crear algo perdurable, defino o efémero, a obsolescencia que trae este capitalismo, como unha condición da miña obra. Outra máis das variables que non dependen de min.

Comezamos falando de música e imaxe e acabamos falando de Internet. Ten sentido, porque é o medio polo que accedemos maioritariamente aos videoclips e en xeral á música, e paréceme perfecto rematar a sección cunha reflexión como esta de Edu Poch: os modelos de consumo da rede prometen unha liberdade e unha democracia que non son reais, e contra eles temos a oportunidade de pensar criticamente e poñerlle imaxinación. Non perdades a oportunidade de entrar na web de Ocre e xogar e pensar un anaco. E se queredes ver xa definitivamente o vídeo, aquí está.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s