Son e visión #4: “Brotar” de Alifáfaro

alifafaro.jpg

Outra máis de ‘Son e visión’: falamos de música e imaxe na Radio Galega e, como non podemos poñer imaxes na radio, seguimos este método, que se escoitaches ou liches as entregas anteriores xa coñecerás:

  1. Poñémoslle a alguén unha música que non coñece e conta que imaxes lle evoca.
  2. A persoa que puxo imaxes a esa música explica como o fixo e como traballa.

Hoxe en día a música vai moitas veces acompañada de imaxes que nos dan feitas en forma de videoclip, pero hai un momento no que está aberta a que cada quen lle asocie as que se lle veñan á cabeza. Aquí buscamos recrear un pouco ese momento, e desta volta facémolo con ‘Brotar’, do dúo vigués Alifáfaro, a primeira música sen letra nesta sección. Participan Montse Piñeiro Anxo F. Couceiro.

Se queredes escoitar a sección tédela aquí. Se preferides ler, seguide cara abaixo. Se queredes xogar a ver que imaxes vos evoca, dádelle ao play no vídeo pero pechade os ollos, claro.

Desta volta o xogo da sección serviume de escusa para falar cun amigo que vive fóra e que me pareceu que podía dar unha perspectiva diferente á das anteriores semanas. El é Anxo F. Couceiro, é xornalista e se cadra tedes lido algún texto seu no País, Luzes, Vice, Pronto ou Lecturas, ou escoitado hai uns anos algunha colaboración súa aquí na Radio Galega, en Sala 5. Co de que a perspectiva ía ser diferente acertei, porque explicou bastante pormenorizadamente por que a música o levou a estas imaxes.

O primeiro que me vén á cabeza ao escoitar a música é así como un camiño de falso retorno. Digo de falso retorno porque esas cordas aloumiñadas do principio transmítenme sensación de volta á casa, pero ao mesmo tempo hai como un punteo naif, non sei se xilofonado ou que, que fai que non me tome moi en serio esa mesma volta á casa. Como se o tema quixese introducir un rollo dreamy pero de forma irónica. Entón para traducir a imaxes as voltas á casa eu recurriría ao Mago de Oz, que deixou como esmagada na memoria esa cousa literal das baldosas amarelas, pero neste caso como hai de fondo un piar tropical, diría que sería como un camiño de area no medio dunha illa pero con selva ao redor. Pero sería un camiño que se volve contra nós por esa cousa irónica da que che falaba antes, e tamén polos coros masculinos. Os coros masculinos para min teñen un lado perverso cando son adultos. É dicir, os coros na música, sobre todo na música contemporánea, que rescatan os coros da música clásica, tentan introducir como ese rollo anxelical, así como celestial, pero cando son coros masculinos e adultos transfórmase esa celestialidade nalgo inquietante. Porque un home adulto que canta nun coro é inmediatamente algo desagradable, como un fraile barrigudo do que non te podes fiar. E como é unha volta á casa, un camiño de volta á casa, pois imaxínome así a polifemos enormes que dalgún xeito están tentando enganarme, levándome por sendeiros equivocados ou algo así. Penso que nada máis porque é un tema bastante breve, e esa brevidade alimenta tamén esa sensación de falso retorno, de que pensas que estás idilicamente volvendo á túa casa por un camiño tropical fantástico pero en realidade hai uns xigantes que están facéndoche unha putada.

wizardofozrubyslippers0409b.jpg

A verdade é que fixen un pouco de trampa, porque cando dixen que esta era unha música do dúo Alifáfaro din a entender que eran un dúo musical, pero realmente son un dúo de música e animación, así que xa non hai o que falamos outras veces dun discurso na canción que choca ou coincide co discurso do videoclip, porque isto non é un videoclip. É unha curtametraxe na que Rubén Abad (que toca en Trilitrate, Cró ou Peña) se encarga da música e Montse Piñeiro das imaxes, e de feito, a melodía breve en plan Hawaii coa que arrinca a peza é a dunha cabeceira, como se fose a das “Merry Melodies” da Warner ou algo parecido. Pedinlle a Montse que nos describise o que se ve neste “Brotar”, para así poder tamén ver se se parece algo ao que imaxinou Anxo.

“Brotar” é unha peza que fala do pracer de facer libremente, do gusto polas cousas sinxelas e do traballo feito a man. É unha animación completamente artesanal, e está traballada principalmente coa técnica de animación de marionetas, e conta a historia de Mirta, unha personaxe misteriosa á que lle gusta recolectar flores e que agocha un segredo, ou máis ben sabe algo que nós descoñecemos.

O lado perverso que imaxinaba Anxo non aparece para min nas imaxes de “Brotar”, pero el partía de oír a música, como no proceso dos videoclips, e Alifáfaro formulan unha relación diferente entre o sonoro e o visual. Normalmente hai unha certa xerarquía entre as dúas cousas: no cine, o habitual é que quen compón a música o faga cando xa se crearon as imaxes, e no ámbito do videoclip xa vimos que sucede ao revés. Pregunteille a Montse se no seu caso algunha das partes primaba sobre a outra.

Neste caso non sabería dicir que é o que prima sobre cada cousa. Traballamos moito á par, pero este vídeo en concreto comezou pola animación. Mentres eu gravaba, Rubén fixo unha música e a partir do material que xa estaba avanzado (as personaxes, o storyboard), e unha vez que a peza estaba acabada, vimos que non era exactamente o que a peza precisaba, e entón compuxo algo concretamente para a imaxe. E despois, sobre iso que el compuxo axustamos cousas de montaxe e cambiamos algunha cousa máis pequena. En cambio agora, por exemplo, estamos a traballar a partir dunha música que el xa fixo e a idea é ir buscando ao longo un equilibrio entre as dúas partes, e sobre todo que os dous teñamos a máxima liberdade á hora de facer e de propoñer. Que bueno, é bastante sinxelo porque vivimos xuntos, e entón estamos compartindo moitas veces o proceso de traballo.

Ao ver “Brotar” temos uns intertítulos que van fiando para nós a historia, que se conta entre imaxes nas que vemos á protagonista no seu universo e outras que teñen un carácter máis abstracto se as sacamos do contexto. Ao tempo que se mesturan eses estilos, tamén se mesturan as texturas, sobre todo as da cerámica e do téxtil, pero tamén ata de plantas que recolleron para a ocasión. Déixase ver en todo iso a chea de recursos que ten Montse, que ten formación de escenógrafa e, ademais de ter feito imaxes para a música de Peña ou Mateo Mena, traballa coa ilustración e a cerámica artística. Pregunteille que lle aportaban a animación e o proxecto de Alifáfaro.

Este é un proxecto autoeditado, e a animación permíteme facer o que quero sen necesidade de ter moito diñeiro. Gústame moito facer maquetas en xeral, e as cousas a pequena escala dánseme ben e apórtanme algo como moi especial. A nivel de produción, tamén, por vir das artes escénicas, o feito de poder traballar materiais domésticos simplifica moitísimo o proxecto e sírvenos tamén para que se poida levar a cabo. A iluminación, por exemplo, que é unha das partes máis importantes para min, está feita con flexos e lámpadas de neveira, e ademais este formato permíteme xuntar o mundo da cerámica e o da escenografía, e ao mesmo tempo aprender algo novo tamén.

Todos eses recursos dan pé a un gran nivel de detalle dos escenarios e a personaxe. No facebook de Alifáfaro explican incluso que os libros que aparecen son reproducións a pequena escala dos que teñen pola casa. Manteñen así un equilibrio entre a fantasía e a realidade, e iso enténdese cando aparece o texto final que di “dedicado ás avoas”, porque a sensación que transmite “Brotar” é parecida á percepción que podemos ter delas de pequenos, cando enchemos o que non entendemos de todo coa imaxinación e algúns detalles nos quedan gravados na memoria. Montse explícao mellor:

A protagonista, Mirta, está inspirada moito nas miñas dúas avoas. O mandil, a Pamela da discoteca Pirámide que levaba para ir á finca, as mans enormes de sachadora profesional… a unha delas, Isolina, gustáballe moito andar descalza pola casa, e tiña os pés duros coma cañotos… e tamén esa cousa misteriosa que ten a personaxe vén da sabedoría de quen traballou no campo ou no mar, e que a min sempre me sorprendía, como de meiga vella. Sabían cando había que botar as patacas, o perexil para que nacese todo ben, os nomes de todos os peixes, os nomes dos paxaros… desfacían un traxe e sacaban dous [risas] e bueno, parecíanos algo moi sorprendente.

O que levamos visto ata agora con Montse ten que ver con esta primeira peza de Alifáfaro, pero, para ir rematando, quixen preguntarlle que plans de futuro tiñan ela e Rubén para o proxecto e se pensaban complementar o facer pezas audiovisuais como esta con algún tipo de espectáculo en directo. Isto foi o que me comentou:

Alifáfaro é un proxecto a longo prazo. A idea final si que é levalo ao directo, pero hai outras cousas que nos gustaría facer antes. Esta primeira parte do proxecto fala da memoria, e agora estamos a preparar un disco e un novo vídeo, ademais dun podcast no que falamos dos nosos referentes, as cousas que nos gustan… E bueno, para adaptalo algo ao escénico temos moitas ideas, que moitas veñen das marionetas e dos primeiros xoguetes de animación de finais do século XIX, e a idea tamén é traballar a maqueta no propio escenario. A nivel musical tamén ten a súa complexidade, porque nos gustaría ter como premisa prescindir de empregar cousas pregravadas, entón habería que contar con máis xente e para iso fan falta cartos. Así que imos moi pouco a pouco, dende o máis pequeno ata o máis grande despois.

Hoxe asomamos entón ao inicio dun traballo que pode acabar sendo moito máis complexo e extenderse en moitas direccións, pero por agora xa serve para seguir pensando en maneiras diferentes de relacionar a música e as imaxes. Se queredes comprobar como é realmente “Brotar” de Alifáfaro (que a estas alturas espero que si), tedes o enlace máis arriba.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s