Son e visión #3: “Morriña” de Baiuca

baiuca aigi

Este venres pasado seguín na Radio Galega con ‘Son e visión’, esta sección sobre música e imaxe na que pasan dúas cousas:

  1. Alguén escoita unha música que non coñece e conta que imaxes lle evoca.
  2. A persoa que realmente lle puxo imaxes explica o seu proceso de traballo.

Por escrito igual queda un pouco máis raro, pero pola radio é a maneira na que máis sentido me tivo falar de videoclips e cousas semellantes, porque alí non se poden ver as imaxes pero si evocalas. Se preferides escoitalo podedes facelo neste enlace. Esta vez falamos de “Morriña”, de Baiuca, e participan Sonia Iglesias e Adrián Canoura.

A foto de Baiuca sacouna AIGI BOGA na festa de aniversario de Curtocircuíto o ano pasado. A foto de Sonia de debaixo é de Sonia.

Se vos apetece, a idea é que empecedes xogando vós a escoitar o tema e ver que vos vén á cabeza.

Esta semana quixen probar a preguntarlle que lle evocaba a música a unha persoa que tamén traballa na creación de imaxes, así que falei con Sonia Iglesias, que é modelista especializada en armaduras de animación stop-motion e ten traballado en pelis como Frankenweenie de Tim Burton ou Illa de cans de Wes Anderson [aquí máis sobre Sonia]. Escoitou a canción e mandoume un audio bastante diferente dos das semanas anteriores:

Pois imaxínome un videoclip con… rodado nun pobo costeiro de Galicia en plan mariñeiros, xente nova xogando, unha señora moi vella nunha porta dunha rúa… Algo así como o típico anuncio destes de Turismo de Galicia. Non podo dicir moito máis divertido, porque a canción na letra non me parece moi divertida e tampouco me suxire moito máis. Bueno, tampouco me gusta moito a canción. E creo que o vídeo sería seguramente algo así. Podería ser algo moi divertido, como uns alieníxenas nunha nave extraterrestre, pero creo que non, seguramente será iso, uns mariñeiros pescando, unha praia, unha nena tomando unhas cañas cun rapaz… algo así, non sei.

soniaiglesias04-5df4493.jpeg

Dicía que o que comentaba Sonia era diferente ao que nos comentaban Patri Santana ou miña irmá Elba nas semanas anteriores, porque neste caso di explicitamente que a canción non lle gustou. E cando non conectamos cunha canción, é normal que nos inspire menos imaxes e menos ideas, e que o resultado sexa máis parecido a un estereotipo ou unha caricatura, como poden ser os anuncios de Turismo de Galicia. O videoclip real de “Morriña” é outra cousa, pero si que ten en común un discurso no que certa idea da identidade galega está no centro. Pedinlle a Adrián Canoura, que é quen o realizou, que o describise para nós:

O clip de Morriña son imaxes de arquivo principalmente, bueno, principalmente non, na súa totalidade [risas]. Imaxes que estaban no arquivo do CGAI, son imaxes da emigración galega cara Arxentina, sobre todo imaxes de Castelao, imaxes moi potentes. Castelao despedíndose en Galicia e logo xa alí en Arxentina no centro galego… e logo ten unha mestura de color e fantasía que é o que predomina nos vídeos de Baiuca.

Cando vin a Baiuca actuar na Praza da Quintana con Xosé Lois Romero e Aliboria, e coas proxeccións de Canoura, recordo ver varias cousas moi chamativas. Por exemplo, recordo xente facendo baile popular ao tempo que outra xente bailaba en modo rave, así como nun trance electrónico. Pero, sobre todo, recordo tamén unha ovación do público cando apareceu Castelao na pantalla, e iso desconcertoume bastante porque non esperaba un aplauso rotundo para Castelao fóra dun contexto nacionalista. Non sei ben que significa Castelao para a xente. Unha amiga comentoume que usalo nese contexto lle parecía unha manipulación emocional polo que ten de icono político ou patriótico. No meu caso non me sinto manipulado (igual estou autoenganándome), pero si que me pon a pel de pita ver esas imaxes e pensar na tristeza de estar lonxe da casa sen saber se poderás volver. Pregunteille a Canoura por que usara a Castelao no clip e dixo que non era a idea orixinal, pero que cando tivo acceso ás imaxes (a través de Brais Romero, para o aniversario de Curtocircuíto o ano pasado) quedou impresionado por elas e pareceulle que conectaban coa canción, ademais de que lle pareceu acaído usalas no momento da polémica polo branqueamento que fixera Feijóo de ‘A derradeira leición do mestre’.

Desde o momento no que se presentou a oportunidade, eu, e creo que Alex tamén, vímolo como un nexo perfecto. As imaxes a min transmítenme todo o que fala Alex na letra, iso que di de “ninguén sabe de morriña ata que escapa do mar”… El fala da súa situación persoal cando foi a Madrid, que é un pouco distinta á situación que tivo Castelao, que foi máis unha emigración política. Pero nun contexto máis ambiguo e xeral si que transmite unha idea parecida, ou polo menos a min deume esa impresión.

adrian canoura.jpg

Adrián Canoura é hoxe en día unha figura destacada dentro do cinema galego, con filmes como Caerán lóstregos do ceo que mesturan a etnografía de Galicia coa experimentación e teñen pasado por unha chea de festivais polo mundo adiante. Para Baiuca realizou, ademais do de “Morriña”, os vídeos de “Olvídame”, “Solpor”, “Xiabre”, “Ribeiro”, “Mozas”, “Arume”, “Camiños” e “Muíño”. O que me gusta moito é como hai nesta colaboración unha conexión moi poderosa entre o discurso musical e o discurso visual: tanto Canoura como Alex Guillán (o nome detrás de Baiuca) parten de elementos da tradición galega para distorsionalos e situalos noutro contexto. Na música poden ser ritmos, instrumentación, melodías ou voces, e na imaxe identificamos paisaxes, costumes, traballos…

A asociación á identidade galega realmente facémola porque existe. Unha, porque o proxecto musical bebe desa raíz identitaria tradicional, e logo mézclase tamén con cousas máis contemporáneas, ou vangardistas, ou que lle chamen equis. A utilización de imaxes máis tipicamente tradicionais do entroido, baile… é porque existe, e non podemos apartarnos desa realidade por moito que haxa xente que ate cabos e pense que esas imaxes reflicten unha idea de Galicia moi tópica ou moi típica.

A mestura desprexuizada da cultura que nos é propia por tradición con outras formas ás que chegamos a través da industria cultural é unha tendencia que parece que tomou forza nos últimos anos. A min está servíndome para entrar en músicas desas que chaman de raíz a través de xente que as revisa á súa maneira (ultimamente, por exemplo, pásame con Los Hermanos Cubero ou Soleá Morente). Nos seus clips para Baiuca, Canoura consegue para min amosar dunha maneira nova imaxes que ás veces teñen un peso simbólico moi forte e que dan que pensar sobre como experimentamos a nosa propia tradición. Canoura bucea na rede, recolle imaxes e satura ou intensifica as súas cores, potenciando o seu misterio ou o seu lado abstracto, e eu sinto a contradición de identificar algo propio nas imaxes ao tempo que me parecen máxicas e mesmo exóticas. Pregunteille por que optaba por traballar con metraxe atopada e faloume de que o inspirou moito unha reflexión do cineasta Andrés Duque.

El falaba da reciclaxe no mundo audiovisual, da sobresaturación que existe actualmente na produción de imaxes. Non sei, cada minuto non sei canto se poderá producir no mundo, pero miles e centos de miles de metraxe, en Youtube, en Vimeo, nos cines, nos festivais, nos móbiles, Instagram… El preguntaba se era necesario, como artistas, seguir producindo e seguir aumentando ese mundo da imaxe en Internet. E el falaba iso, da reciclaxe, de como traballar con imaxes de arquivo, darlles outro significado realmente artístico a imaxes que non estaban destinadas a un videoclip, a unha instalación artística, senón que igual son gravacións de xente na casa ou na calle, cousas superbanais. Gústame ese proceso moito e sempre lle recomendo a todo o mundo traballar así porque con poucos medios podes conseguir cousas incribles, e axúdache a ti mesmo a interpretar imaxes, a ser crítico, a valorar outras formas de filmar… é un proceso interesante. E sempre que podo gústame bucear en arquivos: YouTube, que é o banco de imaxes por excelencia, o Prelinger, a UbuWeb, Goldsmith… hai cantidade de sitios onde buscar e para min é un proceso moi entretido. Neste punto tento facer un collage de cousas gravadas por min, cousas atopadas ou cousas creadas por ordenador mismamente.

 

Ese collage do que fala Canoura déixase ver con máis forza nos directos, onde as súas proxeccións mesturan material dos clips e outras imaxes de arquivo con cousas gravadas por el previamente ou na propia actuación. Pregunteille pola diferenza entre o traballo para os videoclips e para os concertos.

O traballo dos directos ten diferenza co dos clips. O dos clips sempre estás determinado a unha estrutura que é a canción, e un pouco a concepción que ten o xefe do proxecto, que neste caso é Alex. E para o directo é unha cousa diferente, é un evento dunha hora ou hora e media na que tes que construír unha narración. Igual que el constrúe coa música un fío condutor co que quere ir progresando no directo, co vídeo é un pouco igual, e tamén me gusta que nunca sexa igual a realización.

O traballo coas imaxes nos directos devólvenos un pouco á cuestión coa que empezamos de ter que poñer imaxes á música, neste caso reaccionando a ela mentres sucede, e tamén nos deixa ver ata que punto o traballo de Adrián Canoura é importante para experimentar o universo de Baiuca. Aquí na radio tentamos explicalo o mellor posible, pero podedes experimentalo máis a fondo en YouTube ou nos seus concertos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s