Un tema e un tema #14: Cancións que non entendo e “Siebenundachtzig”, dos Telephones Rouges

 

telephonesrouges.jpg

No último ‘Un tema e un tema’ que fixen, estiven xogando con Xiana a poñerlle cancións en linguas que a maioría de nós (pensando “nós” como o conxunto de xente que poida ler isto) non entendemos. A min pareceume moi divertido, e interesoume moito saber máis ou menos de que falan estas cancións de Renaldo i Clara, Anari, Adwaith, Shonen Knife, Fela Kuti, Angélique Kidjo, Björk, Afrirampo e os Telephones Rouges. Tamén me serve de escusa para usar esta foto dos Telephones, que non sei quen fixo pero que me fai moita gracia porque só dúas das tres persoas que saen nela deben ser do grupo, e recórdame a cando os Mekons mandaban fotos de colegas á prensa.

Aquí podedes escoitar a sección, e aquí programa completo. O que vai debaixo é algo parecido ao intento previo de escribir a miña parte, pero como con cada canción vai un diálogo, para pillalo por completo e saber como reaccionou Xiana, ou para xogar vós tamén, ides ter que escoitalo.

A primeira foi unha canción que aínda non entendo agora, falada en anidiano, esa lingua.

Hoxe tiven a idea de falar de cancións que non entendo, pero hai demasiadas, así que decidín centrarme en cancións das que non entendo a letra, e deixar aquelas das que non entendo a música para outra vez. Pero aínda así eran demasiadas, así que quedei soamente con cancións das que non entendo o idioma. E investiguei e conseguir saber (máis ou menos) de que van algunhas cancións que me gustan moito, pero como agora teño esta valiosa información no meu poder, quería facer un xogo. Primeiro poñemos o tema e logo tentamos imaxinar que di. Así igual achegámonos a saber canto importan as letras á hora de expresarnos con música pop.

E quería comezar sen ir moi lonxe, porque dentro do Estado xa hai varios idiomas que non entendemos de primeiras e estaría ben facer un esforzo. Pero tampouco quero arrincar co máis complicado, así que a primeira é “Monument”, unha canción en catalán de Renaldo i Clara, un grupo que me gusta moito.

Esta canción graveilla a miña irmá nun cd para o coche, e de primeiras pensou que era un tema en galego, pero de alguén que cantaba nun galego moi raro, que non se entendía. Para entender un pouco, ademais de buscar a letra estiven lendo unha entrevista con Clara Viñals, a líder do grupo, e nela dicía que “Monument” foi o intento de facer unha canción de amor sincera, sen distanciarse nin esconderse. E así, creo que a letra di “meréceste un monumento e tamén o nome dunha rúa / non sería dabondo pero si un detalliño / irei ao Concello / para unha vez que o fagan ben / despois do de Gardeny / que non tiren máis cartos”. É bonito, e gústame que mencionen un topónimo de Lleida (que é de onde eles son), pero tamén me pasou algo curioso. Ao principio pensei que dicía “e eríxesme un monumento” e logo a realidade decepcionoume un pouco, porque esa frase me parece máis estraña, máis fascinante. Pero penso que así deixa ver que o intento de comprender outros idiomas activa unha parte estraña da imaxinación, da que saen frases que non se nos ocorrerían a nós nin a Renaldo i Clara.

Agora pasamos a un idioma imposible de confundir co noso.

Esta canción de Anari, que se chama “Aingura Hegodunak” (“A áncora con ás”), coñecina por un fanzine moi bonito que fixo Xiana para o Discoclube con traducións de Isaac Xubín das letras do disco Zebra. Gústame moito a frase inicial, que di “Malia que é certo que caín, caín cara arriba / como aboian sobre a tona do mar ao morrer os peixes”. Anari dicía que é un disco “contra a melancolía”, “que fala dende a dor e non sobre a dor”. Penso que o son ten esa mestura de crudeza e delicadeza que impide que sone melancólico, e é interesante como pode transmitirse unha sensación paralela coa palabra e a música. Con todo, tampouco teño nada en contra da melancolía, que é o que escoito na seguinte canción que vou poñer.

Adwaith son un grupo de Gales, e desta canción en galés, que se chama “Haul” (“Sol”), din que describe o momento de romper unha relación pero sen a parte do enfrontamento. A min transmíteme esa especie de intensidade e pureza coa que se viven as cousas na adolescencia, pero tamén cun aquel de sabiduría, como dun certo distanciamento. A letra traducina con Google, así que hai unha serie de concordancias estrañas que tamén me gustan: “Un bo día de verán, aínda que o inverno rematou, o pelo vermello é unha boa clase de ceo dourado, querémoste, eles son só un neno / Atópase nun teito estúpido, aínda que o meu corpo está canso, din que é o lugar para sentar á sombra das árbores”. É outra vez a inspiración do que se perde na tradución, e tamén outro exemplo de conexión entre o que a música e a letra evocan (Xiana case acerta aquí). Agora quería pasar a outra canción que sinto como moi pura, pero doutra maneira completamente diferente.

Esta por escrito é un pouco trampa porque o título (bueno, e parte da letra despois) está en inglés. Pero a canción está en xaponés e di que “o ciclismo é divertido”. É interesante porque podemos identificar dalgunha maneira o son dunha canción de amor, ou dunha canción política, pero (salvo por ese timbre ao comezo) dificilmente identificaremos o son dunha canción sobre ciclismo. É unha das cualidades de Shonen Knife, que son un grupo de pop e punk marabilloso e cantan moitas veces as marabillas de cousas cotiás como a comida. Nun estraño xiro dos acontecementos, dise que son o último grupo que escoitou Kurt Cobain antes de suicidarse, pero a min cáusanme a sensación contraria. O ciclismo está aquí relacionado co amor: “Ir en bici xuntos / poderíamos pedalear para sempre / ninguén coñece a nosa ruta”.

Agora vou saltar de continente.

Este tema de Fela Kuti está en ioruba, que é unha lingua que falan en Nixeria, Togo e Benín. O título, “Eko Ile”, tradúcese como “Lagos é o fogar”, e nela vén dicir que é incapaz de vivir en Londres, ou en Nova York. Que a cidade de Lagos está xunto ao seu corazón e vai volver sempre a ela. Outra temática difícil de captar só coa música. Aínda así, a maioría de cancións de Fela Kuti non están en ioruba.

Esta (se tedes presa por escoitar a letra á que me refiro, podedes ir ao minuto 8:40) enténdese un pouco máis: “I no be gentleman at all o / I be Africa man original”. Fela Kuti escolleu cantar en inglés pidgin: o pidgin é unha lingua simplificada, creada e usada por comunidades que non teñen unha lingua común nin coñecen dabondo outra para usala entre eles. Na Wikipedia poñen de exemplo o que sucedía coa escravitude nas colonias, que xuntaba persoas de lugares e linguas moi diferentes, ou o tipo de lingua coa que se comunican comerciantes e clientes que non teñen vocabulario común. Esta forma de inglés converteuse na lingua franca da maioría de África central e occidental, e parecíame interesante pola vontade dun artista político como Fela de escoller cantar nunha lingua desprestixiada pero aberta e acolledora. E quería tamén seguir por aquela parte de África.

Esta canción é “Batonga”, de Angélique Kidjo. Aquí fíxenlle un pouco de trampa a Xiana, porque lle preguntei se podía imaxinar o que significaba a palabra, pero esa palabra non significa nada en concreto. Angélique Kidjo conta que, cando era pequena, había rapaces que a molestaban a ela e outras rapazas cando ían á escola en Benín, o seu país natal. E inventou esa palabra para dicirlla a eles, como un código privado no que o importante era precisamente que eles non podían saber o que significaba. Ela di que para ela significa “déixame en paz, podo ser quen eu queira”. E a letra, que polo demais está en ioruba, significa “nena fermosa, es tan pobre pero bailas como unha princesa e fas o que che peta, e a xente rica da aldea ferve de rabia”. Tamén explica que de pequena inventaba palabras cando non podía entender as letras da música que escoitaba, e esa foi a maneira na que deu con “Batonga”, que é unha palabra desas que disfrutas pronunciando.

Agora imos volver a Europa, cunha canción que a min sóname un pouco a Emilio Cao.

Esta é Björk nos 80, e a canción (en islandés) chámase “O gato de Nadal”. É unha lenda islandesa na que hai un gato xigante e terrible que come os nenos e nenas que non teñen regalos, e entón as súas nais tecen e tecen para darlles roupa nova e que non os mate, especialmente aos máis novos. Non sei se a canción ten un aire de Nadal, pero a min paréceme que polo menos si que transmite esa especie de brutalidade que ten o folk. E hai outra canción brutal que quería poñer para ir acabando.

Aquí volvín facer trampa porque eu tampouco sei o que significa esta canción de Afrirampo máis aló do título (“Rapazas milagrosamente afortunadas”, ou algo así) e de que nalgún punto din “arigato”, que significa “grazas”. Pero mólame moitísimo e, como sempre escribo a sección pensando nas letras dos temas, non vía outra oportunidade clara de pinchar a Afrirampo. O feito de non saber o que din pareceume que viña ben para tratar o tema aquel de “cantar en raro”, que dicía Antón Reixa. Cando estas persoas escollen cantar en xaponés e non en inglés (que é o que farían ao longo da súa carreira Bjork ou Shonen Knife), ou en euskera e non en castelán, están construíndo unha relación de familiaridade máis intensa coa xente que teñen máis preto, e aínda así estamos aquí, na Radio Galega, construíndo unha conexión propia con esas palabras e esas voces que non se entenden, pero parecen transmitir algo moi fortemente. Todo é posible. Adwaith falaban de que o público inglés tenta facer cos seus temas o mesmo que fixemos nós ata agora: entender a mensaxe ou as emocións do tema dende a música e as melodías.

Ademais, esa idea de cantar en raro é relativa: espero que aquí o inglés siga sendo máis raro que o galego por moito tempo, e quería acabar pinchando a un dos meus grupos galegos favoritos, que ten catro ou cinco cancións en alemán. Un idioma moi famoso pero que, aquí, é raro. Son os Telephones Rouges, e a canción chámase “Siebenundachtzig” (“Oitenta e sete”). A letra (se a tradución está ben feita) fala de como se nos reduce a números, de como a realidade é confusa cando accedemos a ela mediada por ordenadores e cámaras, e de como estamos condenados a parecer libres na prisión do consumo. A música é a do derradeiro disco que sacaron, Disenso, que para min nunca deixa de ser misterioso.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s