Un tema e un tema #12: Nadal e “Horas extra” de Ataque Escampe

ataque escampe.jpg

Hai unha semana ou así fun á Radio Galega a facer un especial sobre as cancións de Nadal desta sección, pero houbo algún problema co podcast e non puido subirse, así que desta vez só se pode ler o que dixen e ir escoitando os temas un a un. A foto de Ataque Escampe é de Alba Viñas. Antes da primeira canción tiven que poñer esta introdución:

Hoxe quería falar do Nadal e das cancións de Nadal. Cando escoitei este discurso famoso de Abel Caballero ao inaugurar as luces de Vigo chamoume a atención (entre moitas outras cousas) que a canción de inicio fose o “Happy Xmas (War Is Over)” de John Lennon e Yoko Ono. Dígoo porque esa é unha canción da súa etapa máis explicitamente política, que colle o sentimento de esperanza e de bos desexos destas datas e, en lugar de transformalo en frases banais, úsao para pedir o final da guerra, e para unha reivindicación de igualdade entre razas, e entre xente rica e xente pobre. O que pasa é que nese contexto, no que dous meses de decoración de Nadal do concello supoñen 1 millón de euros de investimento e dous meses de axudas de emerxencia social supoñen 77.000, o contido da canción queda desactivado ou convertido en ironía. Só representa unha canción de Nadal calquera. Eu tería collido unha canción viguesa que xa me parece irónica de por si e conecta moito mellor co espírito da iluminación de Abel*.

Isto é “Nieve en el ático”, de Seda. Ten un videoclip rodado precisamente nas luces de Vigo, e é unha panxoliña bailable e pegadiza que a min me transmite o lado oposto á de John e Yoko: en lugar de preocupación, despreocupación. No Nadal a xente pasea, canta e, sobre todo, consume. É un momento case de felicidade autoimposta que tamén se transmite ás cancións. E pensando en como o Nadal aparece nas cancións case parece que se repiten eses dous extremos. A min pásame cos dous primeiros temazos que me veñen á cabeza cando se achegan as festas, que son eses dos que o Día de Reis xa estás farto pero once meses despois pídechas o corpo.

Hai un artigo de Adam Ragusea na revista Slate que fala de como este tema de Mariah Carey é a panxoliña recente que a xente máis escoita, e de como conecta coa tradición dese xénero. Está composta cunha harmonía propia dos standards da música estadounidense de antes do rock and roll, aqueles que podía cantar xente como Dean Martin ou Bing Crosby. Usa acordes máis propios do jazz, que van fóra do maior e menor e que inclúen incluso o que chaman o “acorde de Nadal”: un acorde de cuarta cunha sexta engadida, que crea unha sensación acolledora. Pero claro, a instrumentación é rítmica e alegre, máis propia do rhythm and blues e de clásicos navideños de Motown ou Phil Spector, e por iso é perfecta para entrar no estado de euforia romántica de pelis como Love Actually. Pero seguindo a reprodución automática de YouTube, o estado de ánimo cambia inmediatamente coa canción de Nadal que máis me gusta das que sonan nos centros comerciais.

[Aquí Xiana contou que “Last Christmas” é un tema importante para ela porque foi a primeira canción en inglés da que aprendeu a letra]

En “Last Christmas”, de Wham!, todo o aspecto eufórico e festivo do Nadal está ausente. É simplemente o ambiente no que sucede unha historia de desamor con todo o triste: soidade, rexeitamento e traizón. O videoclip traslada esas sensacións dunha maneira bastante cutre, pero a canción consegue que se transmita esa atmosfera do Nadal coa presenza dunhas campás e claro, empezando a letra coas dúas palabras do título. É tan conciso que é brillante, porque parece que nestas datas, cando o contexto te bombardea coa obriga de ser feliz, os dramas doen máis.

Ese contraste é común a “Cause”, a canción na que Rodriguez empeza contando que perdeu o seu traballo dúas semanas antes do Nadal. O tema só ten guitarra, voz e logo un arranxo de cordas que fai esa intimidade algo épico e sobrecolledor. Estaba no derradeiro disco de Rodriguez, que fracasou e foi despedido pola compañía dúas semanas antes do Nadal, coma se fose unha premonición. Só volveu á vida pública corenta anos despois co documental Searching for Sugar Man. A canción tamén fala da guerra de Vietnam (igual que John e Yoko), de amores perdidos (igual que George Michael) e de drogas e alcohol, igual que a que é seguramente a miña canción favorita de Nadal, que empeza cun dos personaxes pasando a Noiteboa na cela para borrachos dunha comisaría.

“Fairytale of New York”, dos Pogues e Kirsty MacColl, introdúcese como un recordo dende esa comisaría, e a canción cambia a ambientación e a música para facernos contrastar o presente e o pasado. O pasado é un diálogo entre unha parella, no que nun principio hai esperanza, alegría e baile (mesmo está tocando Frank Sinatra) e logo unha estrofa de insultos entre eles que remata con algo así como “a tomar polo cú o Nadal / oxalá sexa o noso último”.

Hai algún outro temazo na tradición de cagarse no Nadal (como “Black Christmas” de Poly Styrene), pero este paréceme un tema fantástico porque ten algo da épica e emoción das celebracións e tamén todo o contrario, en vez de ser unha canción que provoca un só sentimento. É unha canción que me fai virme arriba e virme abaixo. Pero, ademais de ser unha canción de Nadal, esta é tamén unha canción sobre Nova York, e fai falta que vaiamos saíndo do mundo anglosaxón, que sempre o concentra todo.

Por exemplo, as cancións de Nadal tenden a ter un ambiente invernal, pero con esta de Chico Buarque pasa outra cousa porque no Brasil o verán comeza en decembro, así que pode falar de como a rapazada durme coa xanela aberta, e acompañar a alegría das datas cunha atmosfera moito máis lixeira. Na música de Brasil tamén atopei unha canción de Nadal que non se me parece a ningunha das demais.

O “Poema de Natal” de Vinicius de Moraes é profundo sen ser dramático, como se se puidese pasar por riba desa división que fixen antes entre cancións feitas dende a preocupación e cancións feitas dende a despreocupación. Falando do Nadal, fala de amor e de morte como o que son: dúas cousas indisociables. Pero é un tema sen tradición, nin para adiante nin para atrás, e quería ir rematando falando de tres temas de Nadal feitos en Galicia (fóra das panxoliñas máis puras) que si que teñen antecedentes.

Esta canción do Xabarín e a Xababanda, con letra de Manolo Romón e música de Pablo Novoa, ten un toque ao soul das Ronettes ou de Motown (de feito, ten unha progresión que parece a de “Dancing In The Street”) que podiamos ver en Mariah Carey, e tamén usa ese símbolo do fogar como lugar acolledor no inverno. O que pasa é que, sendo unha canción galega e despreocupada, para min é unha canción sobre eses días que a xente emigrada pasa na casa e que non chegan a nada. Pero iso é unha interpretación completamente arbitraria.

Outro dos que poderían ser os clásicos da canción de Nadal galega máis recente é a “Panxoligna de amor R5” da Familia Caamagno. Neste caso o curioso é que, aínda que no musical ten moito máis que ver coa tradición de cancións do Nadal no rock and roll e o garaxe (onde podes atopar a Chuck Berry, que tamén versionaron eles, aos Sonics, aos Ramones ou aos Kinks), o retrouso devólvenos a Mariah Carey, porque di “só te pido a ti, só te quero a ti de reghalo de Nadal”. Ao mesmo tempo, e sendo unha canción de amor, tamén é unha canción crítica coa dinámica do consumo (“polo Nadal, desligada enteira estás / e se non ris e non consumes onde vas?”), e arredor do consumo está dalgunha maneira o tema co que quero pechar hoxe, que está na tradición dos dramas de Nadal (como “Last Christmas”, por exemplo) e ten tamén un personaxe masculino e outro feminino (como “Fairytale of New York”). “Horas extra”, de Ataque Escampe con Ran Xing Zang e Wallis Chan, transcorre nun restaurante asiático chamado “A boca do Dragón”, onde o protagonista busca refuxio logo de estragarlles o Nadal aos seus pais. A personaxe feminina conta a súa visión da situación en chinés e non entendemos nada**. É triste, pero tamén é gracioso e esa mestura chega ao corazón, como pode suceder coas festas e como pasa case sempre cos mellores momentos de Ataque Escampe. A ver se o 2019 vai un pouco mellor.

 

* Despois de ter xa pechado o programa estaba escoitando aos Resentidos e dinme conta de que eles xa falaran basicamente do asunto das luces de Vigo en “O belén da Caixa”: “Non hai ideoloxías / non hai clases sociais / nin distinción de sexos / nin de relixións / todos van visitar o Belén / o Belén da Caixa / Vigo é Nazaret”. Igual é unha cousa que está na identidade da cidade ou algo.

** Bueno, probei a traducilo co tradutor de Google pero non me daba moita confianza e non tiña tempo a contar toda a letra. Esta versión de debaixo ten uns subtítulos que son algo distintos do que dicía Google pero veñen confirmar o patetismo da historia: “Cada sábado vén aquí / despois vai ao karaoke / é un pouco triste velo / leva unha vida tranquila / vive cos pais / algún día pedirame matrimonio / naturalmente direille que non”. Puxen a do disco porque me gusta moito o arranxo do saxo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s