Un tema e un tema #11: Nomes de xente e “Aquel grupo” de Malandrómeda

Malandromeda-1.jpg

Desta volta quixen falar de cancións que usan nomes propios de persoa. Bob Dylan fixera un programa moi chulo sobre os nomes de muller, pero era outra historia. Pinchei a Dolly Parton, Simon e Garfunkel, Telephones Rouges, Heredeiros da Crus, Emilio José, os Minutemen, Travesti Afgano, Ataque Escampe e Malandrómeda

Aquí podedes escoitar o programa completo, que inclúe unha crónica do Encontro de Punkis de Aldea de Sarria, ao que me gustaría moito ter ido. Aparece tamén unha versión moi guai de “Dirty Old Town” dos Pogues que fai o Leo.

O corte da sección aínda non o subiron pero cando estea xa o engado.

Debaixo tedes o texto para ler. Antes de falar de nada, pinchei un dos grandes clásicos disto dos nomes propios en cancións.

 

A historia do pop está chea de cancións con nomes de persoas. Isto é bonito porque introducir un detalle concreto nunha canción (sexa un lugar, un tempo ou un nome), se se fai ben, dálle algo de realidade e emoción. E tamén activa a imaxinación, ata tal punto que logo a xente ponlle nome aos seus fillos e fillas por esas cancións, ou incluso ponse nome a si mesma. É algo que fixo Alaska, que se chama así por un tema de Lou Reed, e que tamén fixo Cecilia, que realmente se chamaba Evangelina Sobredo pero rebautizouse en honra a un tema de Simon e Garfunkel.

Hai case unha canción para cada nome, e vou citar unhas cantas moi famosas, moi boas ou as dúas cousas. Lady Gaga ten Alejandro, ABBA teñen Fernando, Blondie teñen Maria, os Beatles teñen Michelle, os Ramones teñen Ramona, os Rolling Stones teñen Angie, Broadcast teñen Michael A Grammar, Caetano Veloso ten Irene, Nick Cave e os Bad Seeds teñen Deanna, Van Morrison e Umberto Tozzi teñen cada un a súa “Gloria”, Víctor Jara ten Te recuerdo Amanda, e de por aquí a miña favorita é a dos Telephones Rouges, que teñen “Desiderio”.

Isto ten lado bo e lado malo, as dúas cousas por como a canción pode mesturarse coa túa identidade, como se o teu nome puidese levar xa de por si unha melodía. Eu aínda non atopei unha que fale dun Cibrán, pero unha Sara contoume que lle facía ilusión saber que Fleetwood Mac tiñan unha canción que se chamaba como ela. Polo outro lado, unha María díxome que acabou farta de que lle cantasen isto dos Heredeiros.

Aínda así, se falamos de como se mestura unha canción coa túa identidade, o que me parece aínda máis interesante son as cancións que ademais do nome teñen e apelidos, e que falan dunha persoa real que podemos identificar. Dentro disto hai uns cantos mestres sen irnos moi lonxe, como Emilio José e a cantidade de veces que fala de figuras públicas ou políticas*: Jean Claude Juncker, Íñigo Errejón, Barreiro Rivas, Baltar, Rocío Mosquera, Pablo Iglesias, Beiras… nesta saen Bill Gates, Steve Jobs e Feijoo.

Sempre me deu a sensación de que escoitar un disco de Emilio José é como facer un amigo, porque é como se che contase a súa visión do mundo case enteira. É como ter unha conversa moi longa, e nas conversas moi longas é normal que alguén acabe falando dalgún político, e citarao polo nome, que tamén é diferente a falar da clase política en abstracto. Pero no asunto dos nomes nas cancións hai xente que vai a un lugar máis íntimo. Por exemplo, á autobiografía: as cancións de grupos que falan de si mesmos teñen exemplos como o clásico dos Minutemen, “History Lesson Part II”, que empeza dicindo “A nosa banda podería ser a túa vida, os nomes reais serán a proba”.

Nela os nomes das súas influencias (Bob Dylan, Richard Hell) mestúranse cos seus propios, coa experiencia de D. Boon e Mike Watt montando un grupo. De máis preto, nesta liña sei que hai un inédito de Ataque Escampe que se chama “Roi Vidal”, como o seu propio cantante e batería, e está o “Golden Apples” de Travesti Afgano, no que o guitarrista Luismi describe a cada membro da banda dunha maneira que me transmite moita tenrura.

Todo isto ten sentido por esa impresión de realidade que os nomes e apelidos outorgan, que fai sentir unha proximidade e unha transparencia moi fortes. Robert Forster dos Go-Betweens dixo nunha entrevista que “os nomes reais e as situacións reais son máis interesantes que a ficción”, e creo que normalmente é certo**. Pero claro, tampouco sabemos que opina a xente que acaba aparecendo na canción doutra persoa. Sabemos que a Taylor Swift lle molestou cando Kanye West a cita (e a insulta) enFamous, pero non sabemos que opinaron todas as persoas que aparecen na obra de Nueva Vulcano, nin que lle parece a Pablo Callejo que un tema de Oh Ayatollah leve o seu nome. Ou que opinou Carlos Figueiras de saír en “A granxa de Alexandre” de Ataque Escampe.

O que pasa é que hai un paradoxo en todo isto, que é que a min foi Xiana quen me puxo sobre a pista deste Carlos Figueiras, de quen podía sospeitar que era unha persoa real, pero non sabelo porque non o coñezo de nada. E iso fíxome pensar en que o que importa, case sempre, é a impresión de realidade e non a realidade en si. E esa impresión dámoslla nós ás cancións, ao escoitalas ou, máis tristemente, ao buscalas en google. Lembreime de dúas cancións, para ir rematando, que nunca tiven claro de todo se falaban de xente real ou eran invencións de quen fixo a letra. Sendo moi diferentes, teñen moito que ver, porque falan de grupos fantásticos que nunca chegaron a ser coñecidos (e aí está o truco para xerar unha impresión de realidade que non podes confirmar con seguridade). Unha é The Late Greats, de Wilco, e a outra, que chega moito máis lonxe no nivel de detalle na construción dos personaxes (ou no retrato, non sei), é “Aquel grupo”, de Malandrómeda. Hoxe quería acabar pinchándoa, escoitando a historia de Lucas MC e Palanquetti e quedando coa dúbida.

* É curioso que, ao tempo que cita polo nome a toda esta xente, cando as cancións viran ao íntimo, como en “♥” cante “O teu nome / não se escreve em inglês / o teu nome / não se escreve em persa / o teu nome / não se escreve em chinês / teu nome não se escreve”.

** Era demasiado longo de explicar para a radio, pero gustaríame ter pinchado tamén “Darlinghurst Nights”, que é a canción á que se refire Robert Forster na entrevista de Kiko Amat, e é un exemplo perfecto de como o detalle dos nomes evoca moito máis intensamente un espazo ou unha emoción.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s