Quería falar desta canción (1): “Ridin’ in My Car” de NRBQ

 

 

Estes días estivemos Esposa facendo unha lista de cancións para a web do Festival Noroeste, negociando entre nós por correo e en persoa. Cando temos que escoller temas para algo como iso, ou a vez que Xiana nos convidou a facer un “Venham mais cinco” en Onda Vital, case nunca escollo o primeiro que se me vén á cabeza. Máis ben é algo que, á vez que sexa un temazo, sexa representativo de algo que queiramos dicir, de algo que nos defina como grupo ou que defina en concreto a nosa (ou a miña) opinión. Por exemplo, escoller un tema de Emilio José serviunos para falar dun universo no que conviven o político e o romántico, escoller un de Elis Regina serviunos para falar da relación entre centro e periferia á hora de facer pop, e así con todo.

A cousa é que a canción coa que ando máis obsesionado ultimamente é “Ridin’ in My Car” de NRBQ e non a propuxen para esa lista, seguramente porque non representa nada máis que a si mesma. É unha canción pop perfecta, nada máis. Así que quería falar desta canción e acabo de decidir iniciar con ela esta especie de sección que ao mellor non continuo nunca.

Non sei moito de NRBQ. Teño un disco deles do ano 78 e está como fóra de tempo. Tocan rock and roll pero máis do que ten swing que do que sona salvaxe, e ás veces métenlles sonidos estraños de guitarras e sintetizadores. Eses elementos raros non están en “Ridin’ in My Car”, que está chea de detalles memorables pero en ningún caso rompedores. O efecto é o contrario, unha desas cancións que escoitas por primeira vez e tes a sensación de ter escoitado catrocentas veces antes. Unha canción na que podes vivir dentro, que evoca un ambiente de melancolía do verán que realmente non teño memoria de ter sentido nunca e ao mesmo tempo me resulta completamente familiar. Tal vez tamén me evoca esa nostalxia que sinte a xente que é nova pero non tan nova, unha cousa coa que convivo un pouco máis. Todo isto sen pensalo demasiado.

Se cadra o tema funciona, salvando as distancias, parecido á lóxica dos hooks que usan os compositores de pop recente: evidentemente está baseada na repetición de partes, melodías, ritmos e elementos do xénero (iso é a parte da familiaridade), pero van entrando pequenas novas ideas todo o tempo (iso é a parte que fai que sexa unha canción pop perfecta e non outra canción pop aburrida).

Non sei moito de NRBQ. Descubrinos por un artigo de Pitchfork no que Yo La Tengo falaban de discos que lles encantaban e que me deu unha chea de artistas que escoitei case diariamente os últimos meses, como Fleetwood Mac ou David Kilgour. Antes pensaba que eran un grupo de country e por iso nunca os escoitara, creo. Polo visto fálase deles como se fosen un pouco malditos, porque tiñan moito talento e non conseguiron “triunfar”. O disco que merquei deles atopeino nunha viaxe hai pouco e penso que deixa ver que o levaban con humor.

nrbq yankee

Chamárono At Yankee Stadium pero nos créditos especifica que o disco non se gravou alí e na portada o estadio está baleiro salvo por eles catro. É unha imaxe do querer e non poder, pero se montas un grupo que existe durante cincuenta anos e fas cancións como esta creo que calquera outra idea do éxito está fóra de lugar. Aínda que se cadra dicindo isto xa estou usando a canción (ou nin sequera iso) para falar dunha opinión miña sobre a idea do éxito, que é xusto o contrario do que dixen que ía facer. É que non podo evitalo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s