Non lle dixen a ninguén que tiña un blog

Un artigo ilustrado con fotos que tiña no meu Fotolog adolescente, por se serve para subliñar o que digo sobre a miña relación con Internet, as redes sociais, a vergonza e a expresión escrita.

1209135805_f

Cando era adolescente tiña un Fotolog no que escribía cousas. Ás veces escribía sobre cousas que me importaban moito daquela, como Galicia ou Wilco ou se me gustaba alguén. Nestes casos escribía dunha maneira críptica estraña: dábame moita vergoña todo así que non quería que ninguén entendese de que estaba falando, pero ao mesmo tempo si que quería que alguén (principalmente a persoa en cuestión) entendese e facer que algo sucedese. Cousa que non sucedía.

Ás veces tamén escribía por escribir, porque había un lote de xente que tiña Fotolog e pasaba a comentar algo ou simplemente a saudar, nunha especie de mecanismo antecesor do like por like. A xente poñía “tk” moi gratuitamente pero eu tampouco entendía moi ben como de gratuíto era así que o Fotolog era unha fonte de autoestima e reafirmación bastante guai. Eu escribía unha cousa e había xente que me quería!

Supoño que sempre entendín a escritura como unha vía para explicar (e explicarme) quen son, como un detonador para que sucedesen cousas e como unha maneira de satisfacer o meu ego.

Logo montei máis blogs xa durante a carreira, tiña un no que poñía poesías infumables e outro no que escribía críticas ou algo así sobre todas as pelis que vía. Isto supoño que é porque quería ser crítico e porque me gustaba o blog de Paula no que facía iso mesmo. Claro que o blog de Paula era interesante porque conseguía falar das películas e da súa vida ao mesmo tempo, e ela paréceme máis interesante como personaxe ca min. É o meu problema coa autobiografía: é o meu xénero literario favorito pero non consigo convencerme de que falar de min resulte interesante. E ao mesmo tempo non sei facer outra cousa e paréceme fea a literatura que esconde dende que perspectiva se está escribindo, como o xornalismo.

1203361553_f

Todo isto non é para falar en plan nostálxico de cando Internet era inocente. É máis ben para explicarme a min mesmo a existencia deste blog do que non expliquei que existe a ninguén.

Hai xente que é moi interesante e graciosa e que consegue ser moi interesante e graciosa en Facebook ou Twitter, pero creo que son os menos porque o medio non axuda. É como os posts rutinarios no meu Fotolog, nos que eu non me preguntaba en ningún momento se o que ía contar era interesante. Era poñer unha cousa cada día (hoxe comín non sei que cousa, hoxe fun entrenar, onte vin Prison Break) para que viñese alguén a saudar e sentirme máis integrado. Chegou un momento no que xa me sentín suficientemente integrado na vida e deixou de facerme falta, así que agora teño un complexo derivado diso: se teño a tentación de poñer algún comentario sobre algún tema de actualidade véñenseme á cabeza os Punsetes cantando “que no pase ni un día sin que des tu opinión de mierda”. Supoño que o normal é pensar que a opinión de merda é a dos demais*, pero este proceso fai que me pregunte se a miña o é, e normalmente non chego a ningunha conclusión así que a descarto por se acaso e acabo compartindo unha cita dun artigo coa opinión doutra persoa que creo que adicou máis tempo ca min á reflexión e ten algo máis interesante que dicir.

Por exemplo, esta entrevista paréceme do máis lúcido que teño lido sobre o Procés.

1215789885690_fEscribindo en Facebook ou Twitter, se estás poñendo unha idea con algún valor estás poñéndoa nun lugar no que accedes rapidamente a un público composto da xente que coñeces. Ok, pode estar ben. Pero, ao mesmo tempo, estás poñéndoa nun fluxo que non invita demasiado a pensar, senón ao consumo rápido e simultáneo ao consumo de moitísimos estímulos máis. E nun lugar no que é complicado volver acceder aos textos. É case unha falta de respecto ás ideas mandalas a un medio no que se van perder no medio de chorradas alleas. Prefiro que se perdan entre chorradas propias.

Sigo querendo que a escritura sirva para entenderme mellor a min mesmo e como un detonador para que sucedan cousas (no mellor dos casos, cambiar o mundo, pero de aí para abaixo hai moitas cousas que valen a pena). A parte do ego impórtame menos agora que cando era adolescente, ou se cadra dunha maneira diferente. Non quero unha satisfacción inmediata, quero un público crítico e que os textos formen parte dun algo colectivo, un proceso de pensamento, de discusión e de aprendizaxe. Pensar que o que eu escriba merece iso pode ter un compoñente de ego, claro. Quero esforzarme para sentir que o que escriba non forma parte da cantidade de opinións de merda, autobombo e peloteo que hai por aí.

Son bastante escéptico con respecto ás posibilidades de Facebook para ser ese espazo de debate e pensamento crítico. Pero ao mesmo tempo, alí é onde está o acceso máis sinxelo ao público ao que podo chegar. Teño a sensación de que o valor das ideas e as opinións se volveu un pouco secundario e que importa máis a personalidade, quen di as cousas. Non sei se isto era así antes de Internet. O que non me gusta é sentir que teño que adicar tempo a chamar a atención sobre min mesmo para que a xente faga caso ao que diga.

Que fago?

Quizais debería botar tempo poñendo comentarios por aí, entrando en debate con xente ou poñéndolles “tkm”, pero non me sae.

1185450279_f

Así que fixen este blog, que tampouco é que sexa a solución a nada. Levo con el aberto dende hai meses pero dáme grima ou pudor o momento no que colgue un vínculo no meu Facebook e lle diga á xente: “mirade, fixen isto”. “Mirade, estou aquí, penso estas cousas”. Estou aínda pensando que artigo podería usar para facer público todo isto. Este non vai ser, que tamén me dá un pouco de grima ou pudor. Seguramente me sinta máis cómodo se é unha entrevista na que as miñas ideas estean compensadas coas de outra persoa. Ou en xeral un texto no que falar de min estea compensado con falar doutra cousa. Xa digo que non me considero un personaxe interesante, e realmente se fun pechando os blogs que tiven foi porque me caigo un pouco mal cando me leo ao cabo dun tempo.

Pero pouco a pouco quero ir perdendo o medo a dicir cousas que poidan ser inútiles ou non ter valor, porque calar é peor. E no fondo ten que ver con pensarme a min mesmo como se tivese unha dignidade que podo destruír escribindo ou falando ou poñendo fotos miñas, cousa que tampouco é certa. É máis honesto compartir un proceso de pensamento no que levo agora mesmo escribindo máis dunha hora aínda que o resultado sexa este texto mal estruturado e sen unha conclusión clara. Por se acaso non me expliquei ben, no Cosmonauta Tropical #3 hai unha entrevista a Isa de Aries na que di moitas cousas interesantes e algunhas son sobre Internet e a música e quería compartilas aquí:

“(…) Esperaba todo lo positivo de internet y no era nada consciente de que podría haber una parte mala. O sea, amo internet y me encanta que exista, pero la parte mala, joder, es jodidísima. La tiranía de las redes sociales, la desinformación, el fin de la concentración y sobre todo el simulacro que provoca internet en la sociedad (…)”

C: ¿Se contrata a los artistas en función del número de escuchas y likes?

I: Sí, claro. Para mí, lo peor es que el valor creativo de un disco para mucha gente y muchos medios es secundario. Puedes leer críticas que se basan en la repercusión online que tiene ese artista y el valor artístico relegado a algo secundario: “Beyoncé ha publicado Lemonade, ha tenido ¡4 millones de visitas! las primeras 24 horas”. Se habla de eso y no de las canciones, hay críticas que parecen un análisis estadístico… lo importante es si remueve tu alma, no? No podemos olvidar que hay cosas igual de buenas que tienen 100 visitas! Y luego lo de los likes, lo de las granjas de likes y de reproducciones que lo descubrí este año y flipé. No sabía que hay gente ahí comprando likes y reproducciones a saco. Discográficas comprando likes y todo eso. Entonces, es una mierda absoluta. Aunque el mundo en el que nosotros nos movemos permanece bastante ajeno a todo eso, creo.”

 

1165765513_f

*Non sei que opinan os Punsetes ao respecto, pero dáme a sensación de que é bastante habitual que haxa grupos que fan cancións nas que ridiculizan ou critican ao seu público e o seu público pense que están ridiculizando a outra xente. Igual Novedades Carminha cando falan de indies e xente á que lle gustan os Planetas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s